Nestes últimos tempos o lume está a asolar os montes da Galiza. Grandes incendios esténdese por toda a xeografía galega animados pola falta de mantemento que os nosos montes están a sufrir da man do Partido Popular que goberna hoxe na Galiza.
A Asociación a Volta Grande do Courel fixo público un escrito, que a min chegoume vía Whatsapp, e que vou transcribir literalmente aquí porque penso que hai que darlle publicidade as cousas ben feitas e que defenden á nosa Galiza daqueles que desde as súas poltronas non fan máis de denigrala e poñela ao servizo do gran capital. Xa rematado de transcribir decátome de que foi publicado, tamén, no xornal Galicia Confidencial co que vos ligo.
CRONICA DO INCENDIO DA ASOCIACIÓN VOLTA GRANDE DO COUREL
20 de xullo de 2022. Mércores.
1. A Seara
Desde
o miradoiro da Seara vari@s activistas levan desde as 9 h observando
cos prismáticos como diferentes puntos de lume se desprazan e medran en
intensidade aba abaixo da lagoa da Lucenza, descendendo e avanzando polo
val da Seara.
Non se observan medios traballando, non se senten helicópteros, son as 10.30 o lume avívase, hai que subir!
2.Campa da Lucenza.
Arredor
das 11.00h. Chegam dous 4X4 con 10 activistas e veciñxs da Asociación A
Volta Grande do Courel. Somos voluntariado contra o lume que subimos a
observar a situación. Tamén levamos batelumes e algún material máis:
pas, sachos...
Vemos
arder a zona da Campa da Lucenza desde o alto até a beira mesma da Lagoa
da Lucenza. Esta campa é a entrada a un dos roteiros á Devesa da
Rogueira e o lume baixa polo Val da Seara. Ao fondo sitúase a aldea da
Seara. Máis ou menos próximas están as aldeas de Vieiros e de Soldón.
Aquí
só hai dous bulldozers que anchearon algunhas zonas da pista de cumios
mais iso é insuficiente porque o lume avanza para o Val da Seara e está
destruíndo a lagoa, franqueada por piñeirais que nunca deberon estar
aí. Da invasión do Courel polos cultivos de pirófitas coníferas
falaremos noutro momento.
Non hai nada, NADA, que evite que o lume avance. Tamén periga a Devesa da Rogueira, que comeza a poucos metros.
Atención,
inciso: o día anterior, unhas 15 horas antes, 4 activistas estaban
perto de aquí, soas, e viron como o lume cruzaba a pista diante delas.
Non había medios para evitalo. Deron aviso da situación mais a chamada
de alerta non foi atendida. Cunha carroceta nese momento nese lugar o
lume non tería entrado na zona da Lucenza-Val da Seara. Para as 4
voluntarias era tarefa imposíbel parar ese fronte sen auga. Unha
carroceta con auga nese momento tería salvado a Lucenza e non estaría en
perigo esta zona do Courel, eepecialmente a Seara e Vieiros.
Así
que agora que o lume se adentrou pola noite na zona da Lucenza, horas
despois, desde a Campa da Lucenza vemos o lume arder libremente.
Preguntámoslle
ao persoal da maquinaria e indican que eles non teñen información de
que estean achegándose outros medios… Eles tiñan orde de ensanchar a
pista de cumios e niso están…
Tiramos
fotos do incendio e enviámolas ás redes sociais. Atención! Está a arder
a Lucenza! O xornal dixital Galicia Confidencial publica umha foto
importante: o sinal do roteiro da Devesa da Rogueira que comeza aquí co
lume perto. O titular: Arde a Lagoa da Lucenza e corre perigo a Devesa
da Rogueira.
A lagoa e a
devesa som dous símbolos do Courel, que leva ardendo 5 dias sen control.
Son dous símbolos do país, a Lucenza e a Rogueira. Deixouse arder
Vilar, as aldeas resisten grazas á veciñanza…Vaise deixar arder tamén
estes dous tesouros naturais?
A
indignación pola incompetencia e o abandono ante o lume crece nas RRSS.
Alguén con traxe e responsabilidade política decide nalgún lugar enviar
a ese ponto, á Campa da Lucenza, a artillaría. En menos de 2 horas
chegan entre seis e oito veículos 4X4 da Xunta con técnicos e mandos,
aterran 3 helicópteros, descarregan brigadas helitransportadas que se
meten no incendio, chegan motobombas e moita xente... Os helicópteros
comezan a botar auga no lume.
Neste momento as voluntarias e axentes e técnicos que dirixen o operativo compartimos espazo.
-
Moito escribides nos teléfonos, dilles ás ativistas unha daquelas
persoas que acaban de chegar cun 4X4, canoso, duns sesenta e tantos.
Máis tarde, vai tirar unha cabicha ao chan, apágaa coa sola do zapato…e
déixaa ficar aí, na terra.
Queremos destacar a seguinte situación:
Á
Campa da Lucenza chegaron moitos medios pero ninguén con plano
topográfico da zona. Só tiñan un pequeno A3 cunha ortofoto (nunha escala
inservíbel a nível práctico dada a gran extensión do lume) na que
aparecía o perímetro queimado acadado o día anterior e apenas saía
representada a zona actual de intervención.
Ninguén
conseguiu visualizar o relevo do territorio polo que avanzaba o lume
nunha tablet "visible" (reflectía luz do sol, a tablet tiña protectores
opacos e raiados, non sabían onde descargar un plano, etc).
O
persoal chegado non era da zona polo que sen un plano topográfico faise
imposíbel comprender a natureza do lugar (a ortofoto pouca info achega
de desniveis...) e poder planificar unha intervención con xeito.
Era
urxente facer umha devasa para fechar o camiño ao lume na zona da
Lucenza. O palista da bulldozer indicara ter chegado o día anterior a un
punto na parte baixa da Lucenza mais parecíalle imposíbel continuar coa
devasa... Alguén o comprobara? Nós vimos posteriormente que podía ter
seguido bastantes metros máis. Intentamos explicar por onde se atopan os
pechados camiños vellos, que tivesen sido a mellor opción para o
bulldozer se o que pretendían eran deter o avance do lume cara ao Leste
da Serra na zona da Lucenza.
Achegamos un plano topográfico que traiamos nós no 4x4 a escala 1:25000 para axudar a comprender o espazo de intervención.
Pouco
despois dous ativistas deseñamos un plano cos dedos no chan de terra
explicando por onde van as pistas a unha das persoas do operativo, unha
das persoas máis comunicativas e que saben escoitar con atención as
suxestións de quen coñece o terreo, as pistas, os caborcos, o tipo de
vexetación, etc. Sacamos un par de fotos do momento (Fotos 1 e 2). A
veciñanza é fundamental: Coñece o terreo!
Entre as conversas que escoitamos destacamos a de quen di, falando por teléfono:
- Se cae a Devesa da Rogueira cae a cabeza do conselleiro.
Noutro momento, un axente comenta que a súa brigada leva todo o día sen comer.
O
que máis nos sorprende é a falta de decisión entre as persoas que,
parece, están ao mando. O seu comportamento é errático e desorientado.
Temos a impresión de que ninguén quere responsabilizarse de tomar
decisións. De feito, por moito que observamos e escoitamos, non
conseguimos saber quen está realmente ao mando. O tempo pasa e o lume
avanza.
Nun momento, o
home de cabelo cano ofrece un anaco de empanada. Como ninguén quere
guíndaa ao monte e di: "Para o raposo. O raposo é o único animal que
nunca morre nos incendios. Sempre consegue escapar."
Horas
despois cansos de agardar, e sabedores da axuda que precisaban moitos
outros lugares do Courel, un dos grupos de activistas baixa a Ferreirós e
outro grupo baixa á Seara.
3. A Seara. Tardiña.
Na
Seara encontramos dous dos técnicos cos que falaramos antes, pertencen a
unha unidade técnica encargada de planificar anticipadamente as
intervencións máis complexas. Están na entrada do roteiro que leva á
Lagoa da Lucenza, na curva do río da Seara. Estiveron percorrendo a
estrada entre Soldón e A Seara observando se sería axeitada para
preparar un contralume. Este contralume ten como obxectivo queimar o
monte para frear o frente que vén de Vilarbacú. A súa intención é facer o
contralume desde a estrada da Seara.
Un
deles mirando para a Seara di algo así como "Esta aldea é difícil que
arda". É dicir, queren facer un contralume que arrincaría da estrada da
Seara -suponhemos que na zona dos prados- para frear o lume que vén de
Vilarbacú.
Quen coñece o
lugar do que estamos a falar sabe que a extensión do monte sacrificado
sería inmensa, ademais do perigo en que se poñería a propia aldea, a
espensas dunha mudanza na dirección do vento. Semella moi arriscado e un
sacrificio difícilmente xustificábel… habendo outras opcións.
Os
voluntarios pídenlle aos dous técnicos que os acompañen ao miradoiro
xeolóxico da Seara, na Golada. Vamos ao mirador. Alí explicámoslles que
hai unha pista que vai da Golada até a zona alta da Serra pola zona de
Porto Murelos e que igual sería mellor anchear esa pista con bulldozers
para ancorar o contralume nela e tentar deter o lume alí, no alto, antes
de sentenciar a morte o val da Seara.
-
Hai unha pista por aí? Exclama un deles, asombrado. Inmediatamente
chama e muda o plano do contralume. Horas despois sentimos o son e por
fín vemos as luzes dun bulldozer traballando no alto da serra.
Esa
noite cara á 1.00 da madrugada, seguimos no miradoiro xeolóxico da
Seara. Vemos baixar varios vehículos e detense o 4X4 cos dous técnicos
cos que falaramos previamente. Explícannos a decisión que tomaran,
anchear a pista cun bulldozer para deter aí arriba o lume. A
continuación agradécennos a información porque eles estaban alí sen
información, descoñecedores do lugar.
É
dicir, se aquel grupo de veciños non chega a pasar por alí naquel
momento, o val da Seara podería ter mudado a cinsa simplemente por
descoñecemento…
Imos durmir, ficando toda a noite en tensión ollando de cando en vez polas xanelas e ventando o aire…
3. Xoves. 21 de xullo.
Espertamos
cunha entrevista nun xornal a Manuel Rodríguez Vázquez, Director Xeral
de Defensa do Monte. Asombrados ao ver a foto descubrimos que é o señor
que tirou o cigarro no chan e o pisou coa bota, ao que lle parecía
molestar que tirásemos fotos co teléfono, o que dixo que o único animal
que consegue escapar dos incendios é o raposo. O raposo.
Ese
día, nun momento moi delicado e de incertidume no que o lume ameaza
entrar na Devesa da Rogueira, Manuel Rodríguez Vázquez, Director Xeral
de Defensa do Monte, chega a dicir: "Eu voume para o posto de mando
avanzado de Brollón... que sea lo que Dios quiera."
Non depende de Deus que moitas brigadas non estean operativas a finais do mes de Xullo.
Non depende de Deus que brigadas que acudiron aos lumes estivesen compostas por un número ridículo e inoperativo de compoñentes.
Non depende de Deus que a motobomba de Folgoso do Courel non teña peón condutor.
Non depende de Deus que pistas forestais e estradas non se atopen limpas de maleza e en condicións seguras en pleno verán.
Non depende de Deus ter un operativo falto de recursos e con eivas moi evidentes e persistentes.
Non depende de Deus permitir e potenciar plantacións de especies pirófitas.
Non depende de Deus basear todo na extinción e nada na prevención ao longo do ano…
Non
depende de Deus, depende de ter vontade política de afrontar os
problemas e buscar solucións reais e non titulares de xornal.
É por isto que exiximos cesamentos ou demisións:
Pedimos
o cesamento ou demision de Manuel Rodriguez Vázquez, Director Xeral
Defensa do Monte pola súa absoluta incompetencia, a súa falta de
preparación para xestionar incendios e a súa nula capacidade para
coordenar a defensa do monte.
Pedimos
o cesamento ou demisión -a cabeza, metaforicamente falando- do
Conselleiro de Medio Rural, José Gonzalez Vázquez, por ser o responsável
político do caos organizativo, do abandono da poboación e dos bens
patrimoniais do noso rural.
Como
presidente do goberno e máximo irresponsábel da política de prevención
-practicamente inexistente- e dos servizos de extinción, así como da
política de abandono e despoboamento do rural no noso país, berramos
como berramos cando unha TVG manipuladora veu retransmitir o directo á
aldea da Seara: Rueda demisión.
A
nivel local tamém exiximos responsabilidades e pedimos a demisión da
alcaldesa de Folgoso do Courel pola suma de incompetencias antes,
durante e despois do incendio:
En
primeiro lugar, a alcaldesa rexeitou unha solicitude en pleno para a
dotación dunha brigada permanente no concello meses antes do verán.
Parécenos gravísimo que se negase tan sequera a pedila.
En
segundo lugar, por non ter contratadas as brigadas a finais de xullo.
Lembremos que vari@s brigadistas sairon ao monte contra o incendio como
voluntariado, sen ter ainda contrato municipal.
En
terceiro lugar, pola súa total falta de respecto á veciñanza ao servir
como comparsa dos políticos que viñeron facer campaña de imaxe ao
Courel, durante e despois dos incendios. O que ela mesma criticaba nunha
entrevista de cara á galería -que non veñan políticos- aconteceu -e
seguramente seguirá sucedendo- continuamente.
Tamén
pedimos a demisión do alcalde de Quiroga por desprezo á xente da
montaña. A práctica desaparicion do alcalde durante os incendios
-apareceu unicamente nas redes sociais para dar unha resposta
surrealista e delirante a unha demanda da oposición e nunha mención no
facebook do día 21 - manifesta unha omisión de responsabilidade
insultante.
É moi grave o
abandono por parte do seu alcalde da veciñanza de Vilarbacú, Outeiro,
Fisteus, a Seara, Penarrubias, Leixazós, etc. ante o perigo, o medo e a
ameaza do lume máis grande da historia de Galiza.
Non
pode ser desculpa excusarse en que delegou as súas competencias en
concelleiros do goberno que si estiveron a pé de lume. Non. O abandono
da poboación da xente da montaña por parte do alcalde do Concello de
Quiroga vén de vello. E nesta ocasión sumamos á falta de políticas de
prevención e mantemento de infraestruturas, un comportamento profesional
e persoal indigno dun alcalde cos seus veciños e veciñas.
Por
outro lado, a lagoa da Lucenza ardeu. Manifestou algo ao respecto o
alcalde ou o Concello de Quiroga? Non. Un dos máis importantes simbolos
naturais do noso país arde e nin o concello nin o seu máximo
representante teñen nada que dicir?
É
máis, o único comunicado do Concello de Quiroga que coñecemos sobre a
Lucenza é do dia 21 de xullo, no facebook, e dá a entender que a
Lucenza non estaba afectada polo lume cando o incendio xa entrara o día
20 e a zona estaba calcinada e destrozada. Unha de dúas, ou o concello
non estaba informado da situación ou estaba a mentir e manipular. Os
dous comportamentos son gravísimos.
Desde
a Asociación Volta Grande do Courel consideramos que, como sociedade
civil, non podemos calar e baixar a cabeza. Por iso describimos o que
vivimos e denunciamos. Por xustiza social e defensa dos dereitos da
xente do rural e protección do noso patrimonio natural, económico e
cultural.
Coido que esta crónica dános unha idea ben clara da colección de incompetentes e inútiles (como mínimo, sen entrar nos intereses económicos e na corrupción coa que tan ben se leva o Partido Popular) que na actualidade ten ao seu cargo o goberno da Galiza. Incompetentes e inútiles aos que hai que desaloxar da Xunta de Galiza con urxencia antes de que vendan o país ao completo e nos condenen de novo a emigrar, como fixeron os seus antepasados.

Valdeorras, O Courel, O Invernadoiro, os montes de Boiro e Ribeira coa Curota,... todos eles en cotas altas onde queren instalar parques eólicos salvaxes que teñen forte oposición da veciñanza e que de facerse contribuirían a esnaquizar o territorio e a despoboalo aínda máis. Son tamén, algúns deles, paraxes con unha parte importante de foresta autóctona, onde o piñeiro e, sobre todo, o eucalipto son especies raras; amais de formar parte, moitos destes paraxes, da escasa (por falla de vontade política dos túzaros que gobernan o noso país) Rede Natura existente na Galiza.
Por último, dicir que a Xunta de Galiza do Partido Popular arrogouse por lei a capacidade para trocar a orientación forestal destes montes, de poñelos ao servizo de empresas sen escrúpulos coma ENCE, Iberdrola ou calquera outra empresa madeireira, eólica ou de minería contaminante susceptible querer acadar grandes beneficios a costa de esnaquizar, desertizar e despoboar o noso medio rural.
Os feitos permiten afirmar, tamén, que a vontade dos actuais reitores da Xunta de Galicia de servir con prioridade a esa xente falta de escrúpulos está máis que demostrada: oposición ao cumprimento das sentencias xudiciais relacionadas con ENCE, manobras tendentes a integrar o territorio ENCE no porto de Marín para esquivar as sentencias, modificacións nas leis que regulamentan os montes comunais coa clara finalidade de poder forzar a aquelas comunidades que se negan a poñer os seus montes ao servizo das pasteiras ou do oligopolio enerxético, impulso de industria baseada no eucalipto coa escusa da creación de postos de traballo cando en conxunto destrúen máis dos que en realidade crean, modificación pola porta de atrás dos períodos de alegacións aos proxectos eólicos e mineiros salvaxes coa clara finalidade de que ás comunidades e veciños afectados non lles dea tempo de recorrer a súa instalación,... e como isto moitas outras cousas que prexudican gravemente tanto ao medio rural como, de forma indirecta, ao medio urbano. Pero disto xa falaremos noutro momento.