Un grupo de 193 persoas xubiladas da Galiza teñen elaborado un escrito para denunciar a guerra de Ucraína, os intereses imperialistas ocultos no citado conflito e os prexuízos que esta guerra interesada está a xerar tanto na poboación ucraína -a máis prexudicada- como nas do resto da Europa, sobre todo ás clases máis desfavorecidas economicamente. Solicitan urxentes negociacións en busca de establecer a paz na rexión.
Este manifesto-protesta van facelo chegar ás seguintes institucións:
- Alfonso Rueda – Presidente da Xunta de Galicia;
- Pedro Sánchez – Presidente do Goberno do Reino de España;
- Ursula von der Leyen – Presidenta da Comisión Europea;
- Josep
Borrell – Representante da UE para Asuntos Exteriores e Política
de Seguridade; e
- António Guterres – Secretario Xeral da ONU.
A guerra e a intervención política externa na Ucraína non comezaron en febreiro de 2022. A maioría dos ucraínos sempre mantiveron con Rusia unhas relacións de estreita colaboración política, económica, cultural e mesmo familiar. Porén, en 2004, seguindo a doutrina do antigo Conselleiro de Seguridade Nacional de EUA Brzezinski, que designaba a Ucraína como baluarte estratéxico contra Rusia, a OTAN tentou tomar o poder en Kíiv mediante a chamada “revolución laranxa”.
En 2006 os electores rexeitaron o golpe, mais a intervención occidental continuou por outros medios. Aínda que o presidente electo Yanukovich tentou manter un equilibrio entre Occidente e Rusia, esa política tampouco foi do agrado dos EUA nin da UE. Así foi como a OTAN decidiu un novo golpe de estado en 2013-2014 (o Euromaidán) derrocando o goberno constitucional, facéndose co control total do estado ucraíno e promocionando os grandes oligarcas ligados a Occidente. Deseguido, rearmou o exército golpista e introduciu nos aparellos de seguridade diversos grupos fascistas e anti-rusos, como Azov ou Pravy Sektor, seguidores do nazi e criminal de guerra Stepan Bandera, colaborador das SS durante a Segunda Guerra Mundial.
Os sucesivos gobernos golpistas dedicáronse a perseguir a cultura e o idioma rusos, maioritarios no leste do país, de Kharkov e o Donbass a Odesa, prohibindo os partidos políticos da oposición, ademais de incautar os seus bens, pechando os seus xornais e masacrando cidadáns disidentes. O terror fascista foi a causa da rebelión armada do Donbass, que obrigou Kíiv a asinar en 2015 o Acordo de Minsk II, apoiado pola ONU. Ese acordo (principalmente, retirada de armamento pesado e recoñecemento de autonomía política para o Donbass) nunca chegou a materializarse por parte ucraína. Ao contrario, durante o mandato do presidente Zelenski recruou a guerra no leste durante 2021-2022, con máis de dez mil mortos civís. Esta grave situación humanitaria foi a causa última da invasión rusa que non se pode condenar sen recoñecer simultaneamente as graves responsabilidades do goberno ucraíno e da OTAN no inicio das hostilidades. Signatarios do Acordo Minsk, como Hollande, Merkel e Poroshenko, recoñeceron en 2022 que asinaran para “gañar tempo” e poderen armar Ucraína contra Rusia. Alén de cínicas, esas declaracións teñen a virtualidade de desmontar a cantilena da “agresión rusa non provocada”.
As consecuencias deste conflito están afectando gravemente ao resto dos pobos de Europa e do mundo. A consideración desta guerra como unha cruzada contra Rusia está minando as liberdades públicas, penando a disidencia política e impondo o pensamento único. As sancións indiscriminadas e masivas a Rusia, lonxe de arruinaren Moscova e de acabaren coa guerra, conseguiron disparar na UE o custo dos servizos públicos, a factura enerxética e dos alimentos, favorecendo os grandes consorcios económicos e empobrecendo as familias. As subvencións comunitarias non poderán manterse durante moito tempo e a implicación económico-militar da UE-OTAN na guerra xa está afectando gravemente o tecido empresarial galego e o comercio mundial, ameazando con levar moitas pequenas e medianas empresas á quebra, ademais de aumentar o perigo de confrontación directa cunha potencia nuclear como Rusia.
O conflito ucraíno non pode ser desligado da continua expansión da OTAN cara as fronteiras rusas dende 1999. A propaganda desta organización militar afirmaba que fora creada para defenderse da ameaza soviética. Porén, ao pouco de desaparecer a URSS foi cando a OTAN iniciou o ciclo de intervencións militares en Iraq, Iugoslavia, Libia, Siria ou Ucraína (todos aliados rusos), demostrando que o seu obxectivo real é outro moi diferente. A intención de ampliación ao Pacífico coa intención de conter a China debuxa a OTAN como o brazo armado do imperialismo anglo-norteamericano, inimigo da paz e da cooperación internacional que é o que demandan a inmensa maioría dos países do planeta, a Acta Final de Helsinki e a Carta da ONU. As relacións internacionais non poden basearse no unilateralismo nin na imposición política, económica ou militar duns estados sobre outros. Esa política, como vemos, leva á guerra.
Apelamos ás autoridades galegas, estatais e europeas a non contribuíren a prolongar máis esta guerra na Ucraína. Chamamos ao inicio de xestións diplomáticas no senso que reclaman dirixentes tan diferentes como a Unión Africana, Lula da Silva, Xi Jinping ou o Papa Francisco co obxecto de conseguir canto antes un cese ao fogo que leve a un acordo de paz definitivo.
POR UNHA PAZ XUSTA NA UCRAÍNA, POLA PAZ MUNDIAL, POR UNHAS RELACIÓNS INTERNACIONAIS MULTILATERAIS E COOPERATIVAS, NON AO HEXEMONISMO, NON Á OTAN





