"Puigdemont va a sodomizar a todos los españoles en la Gran Vía con permiso de los socialistas". Así foi o meu espertar o día de hoxe: esta frase escoitada nunha emisora radiofónica e pronunciada por un, sen dúbida algunha, imbécil fascista. E o caso é que a culpa de ter escoitado tal cousa foi miña; e a causa foi unha mala operación co dial do aparato que fixo que, a iso das nove menos vinte da mañá, en lugar de saír a emisora que adoito escoitar acotío saírame ES-Radio, unha emisora da extrema dereita liderada por Jiménez Losantos e unha das preferidas dos fascistas hispanos.
Pero así está o patio. En lugar da citada emisora podería ser calquera outro dos instrumentos mediáticos ou do integrismo relixioso que o capitalismo peninsular ten posto ao servizo da dereita fascio-franquista do Partido Popular ou do nazi-fascismo que representa Vox e os colectivos, seitas e organizacións ultracatólicas que o amparan.
O pánico do capital aos avances sociais e á perda de privilexios.
E pasa que esa dereita indesexable ten un pánico atroz a que o goberno do Estado non caia nas súas mans, que sexa un goberno liderado polo PSOE coa presencia tibia de SUMAR e apoiado na súa investidura por forzas socialdemócratas nacionalistas e forzas nacionalistas de dereitas o que teña o encargo de formar o Goberno do Estado.
O partido de Sánchez non sería un problema en se mesmo; despois de todo é un partido do sistema, un partido que aposta pola economía como condicionante de todo o demais e cunha orientación claramente liberal, lonxe de calquera vía socialdemócrata ou mesmo keynesiana e redistributiva da riqueza; un partido partidario das privatizacións dos servizos públicos, como xa ten máis que demostrado (desde a chamada "transición") ao longo dos períodos de goberno nos que lexislou apoiándose nas maiorías parlamentarias do seu partido con Felipe González e Rodríguez Zapatero. Períodos nos que se privatizaron numerosas empresas e servizos públicos, onde se entregaron os servizos de atención á dependencia a empresas privadas, onde se abriu a vía á privatización subvencionada do ensino público ao través da LODE, onde se modificou a Constitución para que fora prioritario devolver a débeda pública á atención das necesidades sociais do país, onde se entregaron de forma incondicional inxentes cantidades de fondos públicos aos bancos para o seu rescate sen a obriga e a esixencia expresa da súa devolución, etc., etc. Podería ser o partido de Margaret Thacher ingleses ou o Partido Popular, pero non; foi a maioría parlamentaria e os gobernos do PSOE. O seus sucesores do Partido Popular (Aznar de Felipe González e Rajoy de Zapatero) non fixeron máis que afondar no camiño xa marcado desde o PSOE.
Logo, o problema -se non é o PSOE- serán as forzas que poden condicionar a ese potencial goberno presidido por Pedro Sánchez. Non cabe dúbida de que as medidas que supuxeron maiores avances na redistribución das rendas e outras máis progresistas adoitadas polo anterior goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos (UP) foron forzadas por Podemos e por Esquerda Unida dentro do goberno; e aprobadas co apoio dos votos parlamentarios de BNG, ERC, Compromís, CUP, Junts per Cat, PNV, ... sen cuxos apoios non poderían saír adiante.
Certo que tamén nese período se produciron retrocesos no eido das liberdades potenciados desde o PSOE como a reforma do código penal, con artigos destinados a criminalizar a protesta social, e a contrarreforma negativa da chamada "Lei do só o si é si", así como a incumprida promesa electoral de derrogación da Lei Mordaza. E no eido da economía, debemos reprochar ao Goberno PSOE-UP a privatización da xestión dos fondos de pensións públicas, o empobrecemento da inmensa maioría futuros pensionistas e algúns aspectos da reforma laboral (por algo dixo o líder da CEOE ao PP: "a reforma laboral non se toca").
Non cabe dúbida de que Pedro Sánchez e o seu partido van tentar de salvar calquera "tentación" de reformas progresistas no social e no económico; e que para iso van apoiarse en forzas de dereitas coma o PNV ou Junts per Cat, que teñen unha aversión natural e ideolóxica polos trocos sociais redistributivos e forman parte das familias económicas do ultraliberalismo, e procurar manter a raia ao partido de Yolanda Díaz (que xa non é a esquerda estatal de Julio Anguita) que posiblemente, ao non estar condicionada por unha socialdemocracia de esquerda coma Podemos, vai resultar máis maleable que no goberno precedente.
De todas formas, é preferible un goberno deste tipo a un goberno do PSOE en solitario ou un goberno do Partido Popular apoiado por Vox. Isto último significaría un aumento da ofensiva contra as liberdades, contra a educación, contra a sanidade pública, contra os servizos públicos de carácter social e un aumento da represión contra as clases máis desfavorecidas, como xa se está a ver naqueles concellos ou comunidades autónomas onde está a gobernar o Partido Popular co apoio de ou con Vox; e, tamén, naqueloutras nas que o Partido Popular goberna en solitario, sen necesidade de acudir a Vox, onde se está a escorar dunha forma indisimulada cara a políticas segregadoras, favorecedoras dunha maior desigualdade social ao través dos tributos sobre os que teñen competencias e con continuadas agresións á liberdade de creación artística e de expresión cultural. Pero claro, dun partido fascio-franquista como é o Partido Popular e dun partido coma Vox nada bo se pode esperar para as maiorías sociais e para as liberdades democráticas.
O "teatriño" da investidura.
A cousa non está clara. A dereita segue coa súa estratexia de declarar coma un fraude á maioría do corpo electoral atribuíndose para se mesma o dereito dunha minoría parlamentaria a gobernar (PP, Vox, UPN, e Coalición Canaria). Seguen a pensar que o Estado Español é a súa finca privativa ("la calle es mía" dicía Manuel Fraga, franquista contumaz e fundador do Partido Popular).
O lixo mediático controlado polo capital é un eco, ás veces aumentado, das falsas e demagóxicas argumentacións do Partido Popular e dos seus dirixentes. Tertulianos, columnistas, editorialistas, redactores, etc. destes medios están envorcados nunha campaña financiada polos seus accionistas maioritarios contra calquera goberno que poida supoñer progreso, liberdade e mingua das desigualdades no Estado Español. Ás veces, incluso, a súa cegueira e falta de profesionalidade e de respecto pola obxectividade informativa fai que algún deles meta a pata de forma flagrante, publique o que non debe e ás poucas horas elimine dos seus chats ou do seu xornal a publicación. Iso si, sen pedir desculpas ou rectificar a desinformación por el publicada. Por desgraza, neste Estado Español a maioría dos medios que se supoñen de información están nas mans dun capital manipulador que non dubida en mentir e manipular a información coa finalidade de acadar os seus propósitos aínda a costa de enganar deliberadamente aos seus lectores e aos seus subscritores.
Pero no só é o lixo mediático, son tamén os que posibilitaron desde a cúpula do PSOE a privatización e o crecemento da desigualdade social en España os que se deixan a pel nos medios contra a posibilidade de que unha maioría parlamentaria condicione un potencial goberno sen maioría pesoera presidido por Pedro Sánchez. Os impresentables Felipe González e Alfonso Guerra seguen a ser cómplices (e xa levan anos) da dereita máis rancia do Estado; e agora, tamén, uníuse Virgilio Zapatero . E non podemos esquecernos dos aínda politicamente activos Lambán ou García Page, constantes versos soltos dentro do PSOE.
Cal será a solución legal para a formación dun novo goberno?
Está máis que claro que, agás un xiro inesperado e suicida na dereita ultraliberal catalá de Junts per Cat, a proposta feita polo Rei de España para a investidura coma Presidente do Goberno non vai saír cara adiante. Que Núñez Feijóo vaise quedar coas ganas de ser Presidente do Goberno do Estado parece máis que claro, cousa que xa era nítida cando Felipe VI encargoulle a formación do goberno.
A outra alternativa é que, unha vez rexeitado Feijóo pola maioría parlamentaria, o Rei de España encargue a Pedro Sánchez a formación de goberno. Este aspecto, de momento, tampouco está claro que poida saír para adiante. Neste intre, o PSOE só conta cos votos seguros dos deputados de Sumar e os seus propios; non é difícil que poida contar co voto do deputado do BNG, agás sorpresas por un ou por outro lado, pero serían importantes acordos con ERC e Junts per Cat para que estes se pronuncien favorablemente. E a cousa non é doada; por un lado as presións ás que o PSOE está sometido tanto interior coma exteriormente; e por outro lado, a alta volatilidade que de seguido está a demostrar a dereita nacionalista catalá.
A última alternativa que contempla a lexislación, no caso de que non saia adiante a investidura de Pedro Sánchez, é a repetición das eleccións. Esta é a opción preferida pola dereita fascio-franquista e pola nazi-fascista; e tamén a preferida polo gran capital español. Igualmente, é a menos desexable desde o punto de vista da salvagarda das liberdades democráticas e do avance social. A razón? Pois a posibilidade de que se poida instaurar unha maioría de goberno da extrema dereita que representan Partido Popular, Vox e os seus satélites de Coalición Canaria e Unión del Pueblo Navarro; ou a posibilidade de volta a un bipartidismo abafante como o que temos sufrido desde a transición e ata a irrupción de forzas que realmente cren e practican a democracia no Parlamento Español.
E por moito que haxa persoas non lles guste escoitalo, na actualidade, coa actual lexislación, o acadar maiorías realmente progresistas no Poder Lexislativo Estatal é a única posibilidade, entre outras moitas que definirían un Estado democrático e social, de:
- Acadar unha diminución das desigualdades sociais, de acadar un ensino democrático que non segregue ao alumnado por sexo ou renda;
- De acadar unha sanidade pública universal e de xestión pública que se basee na prevención e non na curación e que non estea ao servizo das contas de resultados de grupos empresariais de saúde ou de aseguradoras;
- De ter servizos de atención ás persoas maiores onde estas sexan tratadas coma persoas e non coma obxectos ao servizo de grupos económicos ou fondos de investimento e se lles neguen os mínimos coidados básicos; onde non ocorra o que aconteceu en numerosas residencias de maiores durante a pandemia do COVID, que se lles negou asistencia sanitaria a numerosos maiores que provocou miles de falecementos;
- De acadar maiores cotas de soberanía para os territorios das nacións e das rexións que conforman o Estado Español, con respecto ás súas culturas, dereitos e idiomas propios. E onde algunhas delas deixen de ser unhas simples fornecedoras de primeiras materias que xeran riqueza fora dos seus territorios ou lugares a onde se levan exclusivamente industrias que esnaquizan o medio ambiente e as vidas dos seus habitantes;
- De acadar un sistema tributario progresivo, onde contribúan máis os que máis teñen (e, polo tanto, que máis se aproveitan do país) e que non recaia o groso da recadación tributaria sobre a clase traballadora e a pequena burguesía.
- De acadar a creación de bancos públicos que realicen políticas non usurarias como as que estamos a sufrir na actualidade por parte do oligopolio bancario.




