Amosando publicacións coa etiqueta Liberdades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liberdades. Amosar todas as publicacións

06 xullo 2023

PP e VOX: as dúas caras do actual nazi-fascismo español

        Pasadas as eleccións municipais e autonómicas do 28 de maio e vistos os resultados das distintas composicións dos gobernos rexionais e municipais alí onde Partido Popular e Vox se xuntan para acadar a maioría cuns pactos que está moi claro que teñen ámbito estatal e son preparatorios dos posibles que saian dos resultados das vindeiras eleccións do 23 de xullo (aínda que os fascistas do partido que nominalmente lidera Núñez Feijóo o neguen). Isto dános unha pista (para quen non o soubera ou quixera estar inmerso no engado) de quen son realmente os membros do Partido Popular e, por suposto, confírmanos o que xa sabíamos dos nazi-fascistas de Vox, o partido liderado por Abascal.

        Para aqueles que voluntariamente estaban sumidos no engado respecto ao Partido Popular agora as cousas deberían estar claras, unha vez coñecidas as primeiras iniciativas deses gobernos conxuntos saídos dos citados pactos . Partido Popular e Vox son as dúas caras visibles do fascismo español na actualidade; e as súas representacións persoais están enfocadas no “moderado” Núñez Feijóo e no recoñecido nazi-fascista Santiago Abascal, respectivamente.

O bo trato dos medios ao fascismo.

        Non pretendemos descubrir aquí, nin desmontar, quen son os dous nefastos personaxes que poñen a cara para servir aos intereses da capitalismo máis rancio do Estado Español. Tampouco imos pretender rifar a aqueles que sen ter en conta a historia pretérita do personaxe, ou á súa historia pública e notoria polas súas andanzas coma Presidente da Xunta de Galiza e as súas amizades narco-perigosas, facendo gala da súa pouca profesionalidade coma xornalistas ou que por motivos inconfesables presentaron a Núñez Feijóo coma un personaxe “moderado” cando “foi ascendido” polos que mandan á presidencia do Partido Popular español. Algúns deles parece que ou ben xa caeron da burra ou ben se lle disolveron as motivacións.

        Si que critico aquí a aqueles medios que desde sempre se negaron, a sabendas de que a realidade era esa, a cualificar a Abascal e ao seu partido coma fascistas ou nazis, acudindo sempre á expresión nada concreta de “partido da extrema dereita”, “extremistas de dereita”, “ultradereita” ou outros termos que escondían a conexión ideolóxica de Vox e os seus dirixentes coas páxinas máis negras da historia europea e mundial. Porque extrema dereita, ultradereita e extremistas de dereita son termos perfectamente aplicables ao Partido Popular e á maioría dos seus integrantes e dirixentes desde a súa fundación como Alianza Popular ata o presente, momento no que de forma clara e concisa están a recuperar a  ideoloxía fascista propia do réxime que os veu nacer: o réxime criminal franquista.

Os medios que non combaten ou apoian ao fascismo.

      É evidente que entre os medios aos que me refiro no parágrafo anterior non están ABC, nin El Mundo, tampouco as cabeceiras locais ou rexionais do grupo Prensa Ibérica, ou La Razón. Tampouco os ligados á Conferencia Episcopal nin a xornais editados en Galiza como La Región, La Voz de Galicia, El Progreso, Atlantico Diario ou Diario de Pontevedra, que sempre ampararon as políticas extremistas do Partido Popular e preocupáronse de que a información que chegara ao seus lectores e lectoras non foran conflitiva para os intereses do partido que preside Núñez Feijóo. Nin tampouco ás cadeas televisivas ou emisoras de radio ligadas ao grupo Atresmedia, Mediaset, Vocento, Planeta Medía ou Grupo Godó cuxos programas informativos ao meu modo de ver carecen de calquera credibilidade agás no campo dos accidentes de tráfico ou das festas e gilipolleces varias da “xente way”.

        Tampouco, por suposto, teño coma medios de fiar a aqueles que defenden sen pudor e distribúen os bulos ou fake-news procedentes do partido fascista Vox e o seu entorno, entre os que podemos citar a OK Diario, os medios ligados ao grupo que ten un touro coma símbolo ou a Es-Radio e Libertad Digital , por citar a algúns. Sen esquecernos a toda unha serie de pringados autodenominados “influencer” que, non se sabe a cambio de que, están instituídos como intensos propagandistas de Vox e que chegan coas súas mensaxes á unha xente nova que nunca sentiu nas súas carnes e nas súas mentes a presión du fascismo que, se triunfa, vai obrigalos a calar. 

Acadaron gobernar concellos e comunidades autónomas. Que están a facer?

        Hai uns días quedaron constituídos a maioría dos concellos, dos gobernos e parlamentos autonómicos e deputacións provinciais. Aqueles concellos con maioría de goberno fascista por acordos entre Partido Popular e Vox xa están a dar mostras do que puidera ocorrer se unha, outra ou ambas formacións de carácter fascista chegan ao goberno do Estado Español.

        En numerosos concellos a primeira medida adoitada pola coalición fascista foi suspender a representación de obras teatrais, proxeccións cinematográficas ou monólogos de humoristas baixo diferentes escusas: que se eran moi custosas, que se non había contratos asinados, que se non eran axeitados. A realidade é que no teatro eran obras que defendían a convivencia en liberdade ou que denunciaban pasadas actitudes presentes no Estado Español que non coincidían co discurso belicoso, antidemocrático e falso que sobre o pasado franquista manteñen ambos partidos fascistas. No cine, sábese que foi suspendida unha película de debuxos animados, producida por Pixar e Disney, porque nunha escena aparecían dúas mulleres que se daban un inocente bico.

        Suponse que este será o principio dunha sucesión de cancelacións culturais en cadea que van afectar a aqueles grupos teatrais, musicais, cantautores, cineastas e todo tipo de actos de carácter cultural ou festivo que non cadren coa forma de pensar das formacións fascistas. Unha forma de pensar na que non cabe a discrepancia ou unha visión da historia ou da realidade diferente da que eles teñen; discrepancias que queren eliminar dun plumazo mediante a súa ocultación ou recorrendo á represión e á persecución das persoas discrepantes.

        Outra das súas realizacións nos primeiros días das súas andanzas polas institucións é o nomeamento de recoñecidos fascistas para presidir parlamentos rexionais ou o nomeamento de concelleiros e conselleiros de caracter nidiamente fascista en postos relacionados coa cultura e a educación; suxeitos que van cortar polo san todo tipo de crítica ás andanzas do Partido Popular e de Vox nas institucións que presiden, como xa teñen feito no parlamento rexional de Castilla y León, ou que van facer da barbarie, da tortura, da homofobia e da xenofobia a súa achega á cultura e á educación.

As políticas sociais e de igualdade van ser vítimas do fascismo.

        Os da coalición ou maioría PP-Vox van ser concellos e comunidades autónomas onde a ideoloxía fascista e a confesionalidade ultracatólica vai presidir todas as medidas que as súas competencias en educación lles permitan, empezando por falsificar a historia deste país e deformando as mentes dos estudantes desde idades moi temperás. Un ensino acrítico, intolerante, de inclinacións machistas, segregador e nada respectuoso coa diferenza e coa interculturalidade. Un ensino onde a muller vai ser privada dos seus dereitos e onde os sentementos de xénero do alumnado vai ser secuestrado e reprimido.

        Partido Popular e Vox xa teñen anunciado a súa guerra contra a liberación das mulleres, ás que lles van negar o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, onde lles van limitar o dereito a unha atención digna en caso de ter un embarazo non desexado. Onde van facer como na nosa Galiza, onde puxeron en mans de organismos ligados a organizacións ultracatólicas da Red Madre todo o referente aos procesos de embarazos non desexados, así como a derivación das mulleres que manteñen o seu firme desexo de non levar a fin o seu embarazo cara a clínicas privadas porque na sanidade pública casi todos os profesionais da xinecoloxía son obxectores para a realización de abortos (curioso que onde tanto obxector hai na pública haxa tanta clínica abortiva; de onde sairan os médicos?).

        Pero as mulleres non só van ser vítimas pola negativa fascista a que sexan donas do seu propio corpo. É máis que declarada a intención dos bárbaros que negan a violencia machista a súa intención de rematar coas políticas que contribúan a rematar con esa lacra social da que a muller é vítima só por iso: por ser muller. Estes senvergoñas do Partido Popular e de Vox falan de violencia intrafamiliar, que non se sabe moi ben o que é. Non se sabe se son as violacións dun home sobre a muller coa que está casado, se son as violacións que as mulleres sofren cando son atacadas por homes ou mandas coas que nada teñen que ver, se é cando un fillo ou filla pégalle a un pai ou nai, ou viceversa...; non, non é nada disto. É simple odio dos fascistas cara á muller, á que seguen a querer que sexa a súa criada do fogar, a súa escrava sexual e a súa coella particular paridora e coidadora de criaturas para a súa propiedade; e, se considera que non cumpre, poder castigala como ben lle pareza, de forma física ou psiquicamente.

        Serán, tamén, castigados polas políticas sociais destes bárbaros fascistas do Partido Popular e Vox que gobernan numerosos concellos as persoas que mostran sensibilidades e preferencias sexuais diferentes á heterosexualidade. E igualmente os matrimonios e parellas de feito realizados entre persoas do mesmo sexo, castigo do que van ser vítimas non só os membros da parella senón que tamén o serán os seus fillos.

        As políticas de integración e acollemento das persoas migrantes van sofrir, tamén, recortes e limitacións importantes. Xa o sofriron cando o fascista M. Rajoy presidiu o goberno do Estado que lles quitou o dereito a ser atendidos na sanidade pública e que executou políticas de represión e expulsión xeneralizadas contra as persoas migrantes (e tamén contra todo o discrepante, pero algo menos).

        Mentres recortan liberdades e políticas sociais destinadas a favorecer ás persoas máis necesitadas amparándose nas súas competencias municipais e autonómicas; mentres poñen todo o seu empeño en rematar coa cultura e coa educación pública; mentres recortan toda política de igualdade; mentres recortan prazas de ensino público e escolas infantís en favor dos centros privados; mentres manipulan a historia que se ensina nos centros públicos e a educación en valores democráticos, antibelicistas e antiracistas. Mentres recortan todo iso e máis, dotan bolsas de estudos de importes elevados dos que van ser beneficiarios os nenos e nenas ricas que estudan en colexios privados.

E outras moitas cousas que, por extensión non vou seguir enunciando.

Final.
        Imaxínanse vostedes que o Estado Español puidera volver a vivir nun réxime de terror como o que sofreu durante a etapa do franquismo acaecida entre os anos 1936 e 1977? Un Estado onde os obreiros foron explotados a pracer polos patronos coa supervisión e apoio do aparato de Estado, onde non existía sanidade universal nin seguridade social, onde as pensións eran de miseria, onde as mulleres non tiñan dereitos coma tales, onde a liberdade de expresión era perseguida, onde as persoas que sentían a súa pertenza a un xénero diferente do seu biolóxico de nacemento eran perseguidas, onde Guardia Civil, exército e policía eran sicarios ao servizo do capital,...?  Pois iso pode ocorrer se estabelece no Estado unha maioría fascista formada polo Partido Popular e Vox como xa está empezando a ocorrer a pequena escala nos concellos e comunidades autónomas onde gobernan ambas forzas políticas fascistas, en solitario ou en coalición.

03 decembro 2022

O debate da sedición, un recurso para recortar liberdades democráticas

            Calquera parecido das novas que se citan de seguido coa realidade futura e con un país concreto pode que sexa unha simple coincidencia. Ou que non.

O TRIBUNAL MÁIS ALTO CONFIRMA E ELEVA AS CONDENAS DOS VECIÑOS DE CAPELA DE MONTES

THE COUNTRY, 18 de xullo de 2024.- Fontes da xustiza informan que o Tribunal Mais Alto (TMA), presidido polo maxistrado Primo Franco y Rivera,  confirma a sentencia do Tribunal Mediano polo que 12 membros da Asociación de Veciños de Capela de Montes foron condenados a 2 anos e seis meses de cadea por pecharse nas dependencias provinciais do Ministerio de Vías para esixir a construción dun vial de circunvalación que evite o paso do numeroso tráfico rodado polo centro da vila que, segundo os condenados, xa leva causado máis de trinta mortes por atropelos nos últimos tres anos. Igualmente, tamén segundo a citada asociación de veciños, o Ministerio de Vías comprometérase, segundo escrito do seu responsable provincial, a ter e realizada a ansiada circunvalación no mes de setembro do pasado ano unha vez expropiados os terreos polos que a citada vía tería que pasar. No mes de decembro, coa circunvalación aínda non empezada, requeridas explicacións por parte dos veciños, o Ministerio confirmou que os terreos necesarios, propiedade de don Pedro de Guzmán, presidente do Banco Riquísimo, non podía ser expropiado "por formar parte dun proxecto de construción dunha nova urbanización de vivendas unifamiliares de luxo a piques de ser aprobada pola comunidade autónoma", o que precipitou o enfado dos veciños e a súa decisión de pecharse nas dependencias ministeriais pola que foron condenados. A alta pena confirmada polo TMA en todos os termos da sentencia do Tribunal Mediano, ven determinada por considerar os citados tribunais coma un "acto deliberado de atentado contra a paz pública executando actos de violencia que supuxeron a rotura dun florero que estaba enriba dunha repisa e atentatoria contra o dereito de propiedade do excelentisimo señor don Pedro Guzmán". Por outra banda, o Tribunal Mais Alto decidiu aumentar en seis meses a pena de prisión para cada un dos acusados por desobediancia á autoridade ao negarse eles a abandonar as dependencias ocupadas a requirimentos dos gardas.

 

 AS PENAS IMPOSTAS AOS ASALTANTES DO XORNAL DO LUGAR MODIFICADAS POLO TRIBUNAL MÁIS ALTO

XORNAL DO DESENCONTRO, 27-09-2024.- 25 membros da coñecida organización nazi-fascista Por la Patria y El Chambóm, foran condenados a principios do pasado mes de agosto polo baixo tribunal provincial de Chatanuga a unha pena de 1 ano e seis meses de prisión por invadir armados con bates de beisbol e pistolas as instalacións do coñecido Xornal do Lugar, causando graves lesións ao garda xurado e a varios periodistas presentes na redacción e provocando destrozos en mesas, cadeiras e equipos informáticos e outros elementos das instalacións do xornal. Cando a policía pretendeu que depuxeran a súa actitude e identificalos para posibles denuncias, os condenados procederon a insultar e agredir con violencia aos gardas, provocando un ferido leve e contusións varias ao resto dos policías e escapando á actuación policial. Posteriormente identificados e detidos, foron postos ao dispor xudicial e máis tarde condeados con arreglo ao artículo 557 do Código Penal. No día de onte, o Tribunal Mais Alto, presidido polo señor don Manuel de Aznar y Fraga, ditou sentencia sobre o recurso presentado pola organización Por la Patria y El Chambón contra a sentencia do baixo tribunal de Chatanuga, rebaixando a condena aos 25 acusados e condenando a todos eles a indemnizar dunha forma solidaria con 150,00 euros a Xornal do Lugar. Considera o máis alto tribunal que os acusados "non pretendían facer uso da violencia, nin causar unha perturbación grave"; e que "coa súa actitude só pretendían defender unha ideas que están totalmente protexidas pola liberdade de expresión contida na Constitución", e que "as lesións sufridas polos axentes foron totalmente fortuítas e parte normal do seu traballo".

    O bombo e plato que arrodea á reforma do delicto de "sedición" para axeitalo á "realidade do noso entorno" non é máis que unha excusa para limitar as liberdades democráticas pola porta de atrás que conten a proposta de reforma do Código Penal

            Na actualidade o Parlamento Español está a proceder a unha reforma do Código Penal (pódese ver o texto completo da proposta pulsando AQUI ou AQUI-texto dos propoñentes). A proposición de lei orgánica parte dos grupos parlamentarios do PSOE e Unidas-Podemos. 

            Nun principio, a mediateca está a tratar o tema baixo os titulares de reformar o delicto de sedición; pero na práctica esa reforma vai moito máis alá e con ese pretexto vanse introducir na mesma contidos que poden ter graves consecuencias para o exercicio das liberdades democráticas no Estado Español, sobre todo para o exercicio da protesta colectiva e pacífica utilizada multitude de veces por colectivos como a PAH, colectivos veciñais, Comités de Empresa, colectivos profesionais e de afectados polas preferentes, etc. que normalmente, nas súas mobilizacións pacíficas utilizan métodos que esa reforma pretende criminalizar e penalizar penalmente. Aplicación da lei que vai ficar en mans duns informes policiais e duns tribunais que van facer a súa labor de interpretación persoal das leis que aplican, cousa que lles permite a lei.

            E xa sabemos que hai membros dos corpos policiais, da fiscalía e da xudicatura que non son precisamente admiradores de sociedades progresistas, senón máis ben xentes ancladas no pasado ideolóxico máis penoso deste país, raiando moitos deles en admiradores dos métodos e procedementos levados a cabo durante os rexímenes autoritarios que asolaron Europa nos anos 30 do século pasado e cuxas dinámicas seguen presentes na actualidade en numerosos países. E non son nin un, nin dous, nin tres.

            Nese contexto, poderían darse situacións como as que se amosan nas novas ficticias que se citaron antes, ocorridas nun país ficticio entre os anos 2023 e 2024.
 
 Cal é o meollo da proposición de modificación?
 
         As propostas de modificación fundamentais é que, efectivamente, desaparece o delicto de sedición tal e como está contemplado no actual Código Penal pero se introduce o que era o seu contido, modificando as penas, no Capítulo III do Título XXII baixo o epígrafe "Dos desordes públicos".
 
    O perigo para a democracia e as liberdades de expresión da cidadanía están, sobor de todo, nos apartados "Quince" e "Dezaseis" da referida proposición de lei nos aspectos que se citan de seguido:

Quince. Modifícase o artigo 557, que queda redactado como segue:
“1. Serán castigados coa pena de prisión de seis meses a tres anos os que, actuando en grupo e  co fin de atentar contra a paz pública, executen actos de violencia ou intimidación:
(a) sobre as persoas ou as cousas; ou
(b) obstaculizando as vías públicas ocasionando un perigo para a vida ou saúde das persoas; ou
(c) invadindo instalacións ou edificios.
2. Os feitos descritos no apartado anterior serán castigados coa pena de prisión de tres a cinco  anos e inhabilitación especial para emprego ou cargo público polo mesmo tempo cando se cometan  por unha multitude cuxo número, organización e propósito sexan idóneos para afectar gravemente a orde pública. En caso de acharse os autores constituídos en autoridade, a pena de inhabilitación será absoluta por tempo de seis a oito anos.

 Dezaseis. Modifícase o artigo 557 bis, que queda redactado como segue:
Os que, sen facer uso de violencia ou intimidación e sen estar comprendidos no artigo anterior,  actuando en grupo invadan ou ocupen, contra a vontade do seu titular, o domicilio dunha persoa  xurídica pública ou privada, un despacho, oficina, establecemento ou local, aínda que se atope  aberto ao público, e causen con iso unha perturbación relevante da paz pública e da súa actividade  normal, serán castigados cunha pena de prisión de tres a seis meses ou multa de seis a doce  meses, salvo que os feitos xa estivesen castigados cunha pena máis grave noutro precepto deste Código."

           Neles, considéranse delictos penais cousas como a ocupación de vías públicas ou a invasión de instalación ou edificios. Iso si, coa condición de que "atenten contra a paz pública, execútense actos de violencia ou intimidación". Mais, tamén, sen que haxa violencia ou intimidación. Quen determina que a ocupación dunha rúa por un grupo de veciños ou os traballadores dun sector para esixir algunha mellora é ou non violenta ou intimidatoria? Os corpos policiais ou os xuíces, evidentemente. Vai ocorrer o mesmo que está a pasar coa Lei Mordaza na actualidade? Van ser denunciados por desórdes públicos xentes que esixan na rúa dereitos? Van ser denunciadas persoas que non teñen estado presentes como xa ten ocorrido nalgunha ocasión? Ou aquelas persoas que foron multadas por unha delegada do goberno por esixir pacificamente o uso do idioma galego sen ocupar rúas? Sabemos que, por moitas testemuñas que o desmentan, a palabra dun policía que pode ser a trola máis grande do mundo (como xa se ten demostrado nalgunha ocasión) ten presunción de veracidade. E os xuíces e fiscais? Vai pasar como cos famosos titiriteiros de Madrid? 

            E as penas de cadea? Vai ocorrer o mesmo que pasou a dous sindicalistas pontevedreses do transporte que foron condenados por defender pacificamente os dereitos dos seus representados? Ou o que está a ocorrer cun cargo da CIG no Ferrol que está condeado a penas de cadea por actos normais e razonables acaecidos na loita sindical? Porque en ambos casos non se tiveron en conta as numerosas testemuñas que confirmaban as versións dos condenados contra as versións minoritarias dos que alegaron contra eles? 

            Vai ir á cadea xente coma Pablo Hasel por cantar un rap que fala mal dunha persoa da que se comprobou que efectivamente non era honrada mentres esa persoa ou personaxes coma a antiga secretaria do Partido Popular son librados de todo mal?

O Partido Popular abre a veda, o PSOE e (incriblemente) Unidas Podemos a continúan

           Foi o Partido Popular quen abriu a veda coa Lei Mordaza contra os dirixentes sociais e sindicais; unha lei que pese ás promesas electorais dos gobernantes do PSOE e Unidas Podemos segue a estar vixente; unha lei que non cumpre cos mínimos esixibles nun país de calidade democrática media pero que no Estado Español segue vixente. Unha lei que, sobre todo o PSOE, non queren derrogar e que os Subdelegados do Goberno -do PSOE ou achegados- nas provincias seguen aplicando. Unha lei que din que van derrogar pero da que o PSOE quer manter os aspectos máis antidemocráticos e fascistas da mesma, sobre todo os relacionados coa carta branca proporcionada aos corpos de seguridade e as sancións sen paso polo xuíz.

                Imaxino que no intre no que os aspectos máis fascistas da proposición de lei que da lugar a esta entrada estean aprobados, entón si que procederan a modificar alguns dos aspectos da Lei Mordaza por estar xa contemplados con agravantes penais na súa proposición. Mentres tanto a teñen na reserva para poder reprimir, non con tanta contundencia como pretenden, aos movementos sociais que usan a mobilización para amosar publicamente na rúa ou con ocupacións pacíficas de edificios, oficinas bancarias, oficinas públicas ou calquera outro tipo de mobilización que un xuíz, un fiscal, un policía ou un garda civil poida considerar coma un desorde público grave por moi pacífico que sexa.

               Por iso non podemos descartar que no futuro e no Estado Español poidan ocorrer cousas como as relatadas polos xornais The Country e o Xornal do Desencontro aos que facían referencia as novas futuras que abren o presente artigo.

            Vivimos nun país plagado de xentes que son herdeiras ideolóxicas do ditador Franco e que ocupan altos postos en institucións claves do Estado, como o demostran día a día as novas que podemos ler ou escoitar nuns poucos medios xornalísticos, radiofónicos ou televisivos. Por desgraza, en poucos. A maioría son cómplices desa xente despreciable.

            Que vai ocorrer no debate parlamentario desta lei?

            Eu espero que os grupos que realmente defenden as liberdades democráticas emenden eses aspectos tan fascistas e criminais desa proposición de lei; e espero, tamén, que haxa deputados e senadores do PSOE e de Unidas Podemos que se poñan de fronte e se neguen a votar afirmativamente eses aspectos que criminalizan a protesta social e que deixan nas mans de quen non deberan a cualificación da gravidade das mobilizacións. Nada espero dos partidos da dereita extrema coma VOX, o Partido Popular e os seus satélites navarros e asturianos ou Ciudadanos; e tampouco das dereitas PNV e Junts per Catalunya. Espero que os demais (incluído a Esquerra Republicana de Catalunya cuxos dirixentes poden saír beneficiados por unha reducción das penas dunha condena inxusta ditada polo Tribunal Supremo) non deixen que eses aspectos vaian adiante. Se así o fan, perderán todo o meu respecto.

27 outubro 2019

20/11/1975 versus 25/11/2019

A idea de escribir este artigo veu ao ver un vídeo dun scketch de Polonia-TV3 (que se reproduce máis abaixo) encol da exhumación do xeneral asasino e ladrón realizada o pasado 25 de novembro, cando, con lustros de atraso sobre o que debera, ser foi sacado de Cuelgamuros para ser levado a unha sepultura distinta e menos enaltecedora dos seus crimes contra a humanidade. E digo Cuelgamuros e non Valle de los Caídos, porque esta última é unha denominación fascista, por moito que pretendan facernos crer o contrario (do mesmo modo que o Alcalde pesoero de Vigo e algún tribunal de Administración de Xustiza pretenden facernos crer que a cruz do Castro de Vigo é un símbolo relixioso e non un monumento fascista de loa ao golpe de Estado do 1936 e aos asasinos que o protagonizaron e apoiaron).

Imos cunha pequena relación de cousas que eran pauta nodía a día do réxime franquista, epolo tanto, tamén no día da morte de Franco. Igualmente imos a facer outra pequena relación de cousas que ocorren na actualidade; tamén o 25 de novembro de 2019.Veremos que hai moitas cousas que non teñen trocado apenas; cousas que non teñen cabida nun réxime democrático. Igualmente, e que eu poida estar escribindo isto é unha proba delo, houbo cousas que trocaron para mellor. Isto non quer dicir que eu, e outras persoas coma min, esteamos a salvo dos estamentos e indeseables individuos franquistas que aínda perviven (e non só por idade, senón por ideoloxía) dentro do sistema institucional español da actualidade e que deberían estar erradicados del; a calquera de nós os que pensamos de forma distinta e o expresamos por distintos medios en calquera momento pódennos chamar á porta un fiscal fascista, un xuíz ou unha xuíza fascista ou ben un policía dos que, aínda que fora dunha súa idade xoven, poida ter asumido as ensinanzas daqueles outros colegas seus que sendo indeseables en calquera policía dun país democrático se lles consentíu seguir estando e ostentar mando dentro dunha institución que debería ser inmaculada desde o punto de vista do respecto á democracia.
Cousas que ocorrían o 20 de novembro de 1975.
    1. A televisión (a única que daquela había) estaba ao servizo da ditadura e do establishment do sistema económico e social, formado este polos antecesores dos que hoxe conforman a maioría das empresas españolas do IBEX-35 e pola nobreza terratenente, beneficiadas ambas castas co levantamento franquista;
    2. A Policía Armada (coa súa Brigada Político-Social, BPS) e a Guardia Civil, que eran as policías do réxime, mallaban, prendían, torturaban e, con frecuencia, disparaban (e tamén, ás veces, asasinaban a sangue fría) contra todo aquel que mostraba a súa oposición aos réxime fascista aos seus protexidos e patróns do establishment e aos abusos de ambos.
    3. Non estaban permitidas expresións públicas individuais nin manifestacións colectivas contrarias ao réxime franco-fascista, por moi pacíficas que estas foran. Nas manifestacións ("saltos" que se chamaban daquela, porque duraban un suspiro) aínda que os e as manifestantes estiveran sentados no chan, coas mans en alto, totalmente pacíficas os “grises” (Policía Armada, chamada así pola cor dos seus uniformes) cargaban con saña e violencia -se non disparaben- co ánimo facer todo o dano que puideran, e os da BPS a prender e mallar a quen poideran ou tiveran de ollo (o famoso Pacheco, Billy el Niño, era un deses famosos BPS torturadores). Toda aquela persoa que se manifestara podía ser prendida por calquera das policías do réxime e acusada de calquera barbaridade simplemente por expresar pacificamente as súas ideas (propaganda ilegal, insultos a la autoridad, resistencia a la autoridad, organización ilegal, organización ilícita,... moi variadas e propias dun réxime fascista e dictatorial como era o liderado por Francisco Franco).
    4. Toda persoa apresada protestar publicamente por algún medio contra o réxime de Franco ou contra os abusos dos seus patróns automáticamente era acusado de propaganda ilegal e asociación ilícita polas policías fascistas e levado diante do Tribunal de Orden Público (TOP). Este tribunal, tamén ao servizo do fascismo, as persoas acusadas podían ser simplemente multadas, ou ben condenada a tres anos e un día de prisión por propaganda ilegal e asociación ilícita (sentencia estándarizada nesta instancia xudicial composta por fiscais e xuíces fascistóns). É dicir, pasar a formar parte dun arquetipo social moi abundante na época: un preso político; simplemente por manifestar pacificamente as súas ideas.

      Se a manifestación das ideas se facía de forma armada contra os asasinos do réxime e os seus mercenarios as penas, esta vez dictaminadas nun consello de guerra militar cun tribunal composto por militares fascistas, podían incluso chegar a ser de pena de morte (o 27 de setembro de 1975 executáronse a cinco antifascistas -sen culpabilidade realmente probada- por enfrontarse con armas aos secuaces armados do réxime golpista, última sentencia de morte asinada por Franco).
    5. Unha particularidade de TOP estaba en que era un tribunal de excepción para xulgar “crimes políticos”; diante del só eran levadas aquelas persoas que “a priori” eran “culpables” de pelexar contra o réxime de Franco ou poñelo en cuestión desde partidos políticos “ilegales”, asociacións de veciños e culturais, sindicatos e toda caste de organizacións nacidas e desenvolvidas na sociedade civil.
    6. Outra particularidade do TOP, e tamén dos tribunais militares, era a de que as testemuñas da Policía Armada e da Guardia Civil tiñan carácter de verdade absoluta, aínda que houbera múltiples testemuñas que dixeran o contrario. Todo iso supoñendo que as potenciais testemuñas non coaccionadas polas policías para non testificar baixo as máis variadas ameazas; e sempre e cando as testemuñas foran admitidas como tales polos cómplices xudiciais do réxime franquista, cousa infrecuente. Incluso confesións das acusadas obtidas despois de sesións interminábeis e crueis de torturas nos cuarteis ou nas comisarías foron admitidas como válidas, sabendo os xuíces e fiscais do TOP de que iso era así polos partes médicos que puidera haber
    7. Todas as persoas encarceradas por sentencias di TOP eran recoñecidas internacionalmente como presos e presas políticas. Razón: eran apresadas e encarceladas por defender publicamente as súas ideas diante dun réxime dictatorial que, se así o considerara, utilizaba as armas contra os seus opositores, aínda que estes fixeran as súas protestas de forma pacífica (non esquezasmos que no Estado Español aplicóuse con moita frecuencia e de forma arbitraria pola policías a famosa “lei de fugas” contra opositores ao réxime franquista, sobre todo no País Vasco).
    8. Os grupos fascistas e paramilitares de carácter violento que actuaban violentamente contra os antifranquistas en distintos espazos sociais eran permitidos e amparados polas policías do réxime. Grupos como os chamados “Guerrilleros de Cristo Rey” e similares, actuaban nas universidades, contra os curas obreiros, contra os directivos das asociacións de veciños e culturais, etc. que non eran do gusto dos franquistas, moitas veces formados por universitarios que hoxe están na “cresta de la ola” social como respectables avogados o políticos e incluso por policías das brigadas universitarias (que estudaban facendo de confidentes para o réxime policial franquista para rematar formando parte das súas policías).
    9. En fin. Para rematar, sinalar que nese ano Mariano Rajoy máis eu estabamos como estudantes na Universidade de Santiago. Eu pelexando por unha universidade e un país democrático; el loando e coidando as excelencias do réxime franquista desde a facultade de dereito, non sei se de forma activa ou de forma pasiva. E este día concreto, o 20 de novembro,eu con outros moitos puteando de forma indirecta ao Jorgito e aos seus colegas, que estaban acojonados pensando no que lles podería pasar (e, por desgraza,  non lles pasou) mentres cumprían a súa porca labor como BPS por Santiago adiante. Comentar que ese día en Compostela rematáronse as existencias de cava e pasteis nas tendas e supermercados compostelás.
Cousas que ocorren na actualidade.
    1. Existe a chamada Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal (1), ambos de carácter fascista e dictatorial,  que se están a aplicar de forma arbitraria para criminalizar as mobilizacións sociais contra as inxustizas cometidas polo Estado e as empresas contra a sociedade.
    2. As policías seguen a cargar de forma contundente e desproporcionada contra manifestantes que están quietos de pe coas mans en alto ou sentados, en vez de collelos de un en un e levalos ao lugar onde estimen e sen causarlles danos por golpes (despois estráñanse de que diante desta tesitura haxa quen lles tire cousas ou fagan barricadas; a min no me estraña o cal non quer dicir que o aprobe; nós tamén o faciamos para defendernos cando nos acurralaba a policía franquista simplemente por estar concentrados pacificamente). Igualmente contra as persoas que se manifestan e impiden de forma pacífica os desafiuzamentos, aínda que estes sexan baseados nunha disposición xudicial.
    3. Os manifestantes que se negan a obedecer as ordes da policía de disolverse poden ser identificados e sancionados pola Lei Mordaza, aínda que non teñan malos modos. Para iso só é precisa denuncia policial e a delegación ou subdelegación do goberno coloca a sanción económica sen máis comprobacións. O que vale é a versión policial, por moitas testemuñas en contrario que poida haber. Só cabe contra isto o recurso diante dun xulgado previo pagamento da sanción.
    4. É unha impresión persoal, pero a min paréceme que o fascista artigo 315.3 do Código Penal aplícase con demasiada alegría polos xulgados (e sobre todo por algúns xuíces/as ) dunha administración de xustiza que se di democrática pero que descende maioritariamente de clases acomodadas nacidas ao amparo do réxime fascista de Franco e moi ancladas na ideoloxía fraquista. Así vemos a sindicalistas criminalizados e condenados a penas de cadea por defender os dereitos dos traballadores sen violencia e pola testemuña das policías (testemuñas que cando se demostran falsas non parecen ter efectos sobre a persoa falsaria, aínda que as veces que os xuíces non as teñen en conta dín que, simplemente e por moitas testemuñas que o afirmen, non está aprobada a acusación non que sexa falsa).

      Igualmente son condenados ao amparo dese mesmo Código Penal, modificado nese senso, tamén, na época da presidencia de Mariano Rajoy, persoas do mundo da cultura e da canción por supostas apoloxías do terrorismo ou polos chamados "delitos de odio"; aí temos os casos dos titiriteiros encarcerados en Madrid sen motivo, o casos de varios raperos que teñen letras que non lle gustan a certos personaxes, casos de tuiteros procesados por poñer nos seus Twiter cousas polas que alguén síntese molestado,... é dicir cousas que coertan a liberdade de expresión pero que permiten a moitos certos xuíces "con historia" e con escasas crenzas democráticas decretar, en base á lei, disposicións ou condenas totalmente inxustas e que atentan contra calquera pricipio dun país democrático de dereito (coidado, que hai quen confunde un estado con leis cun estado de dereito; o franqusiamo tiña leis, mais non era un estado democratico de dereito). Sempre nos quedará o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH), para escarnio e jodienda dunha Administración de Xustiza na que eu coido (é unha opinión persoal) que os principios democráticos non parecen ter moito eco, polos menos nos altos tribunais do Estado.
    5. O TOP desapareceu da estrutura xudicial española, pero foi substituído por outro tribunal de excepción que se denomina Audiencia Nacional que naceu para xulgar os delitos de terrorismo. Nunca tivo moito sentido este tribunal, pero agora que ETA se disolveu ten menos. O normal sería que os delitos foran xulgados polos xuíces naturais de onde se cometen. Pero, do mesmo modo que o TOP, vemos que é un xulgado político ao que se derivan aqueles asuntos que, polos motivos que sexa non se quer sexan xulgados polos xulgados naturais ou as audiencias provinciais. Na Audiencia Nacional acabaron procesados relacionados co denominado “procces catalán”, aí tamén acabaron os mozos de Altasu que por unha pelexa de bar foron procesados inxustamente por terrorismo, só porque alguén con moito poder e moita carraxe fascista levóulle a contraria aos altos trinunais de Navarra. É dicir, a Audiencia Nacional é un tribunal político por moito que o neguen; un tribunal que debería ser disolto (e, se se me permite a licencia, os seus xuíces e fiscais mandados ao paro).
    6. Non hai moito tempo que membros relevantes da sociedade catalá foron condenados por sedición por defender de forma pacífica as súas ideas. Con condenas esaxeradas e inxutas ao meu entender, con condenas na maioría dos casos máis altas que as dos pistoleiros uniformados que entraron armados e pegando tiros o 23 de febreiro de 1981 no Congreso dos Deputados, apoiando unha rebelión militar contra o estado democrático e tendo secuestrados e amedrentados á totalidade dos representantes da poboación escollidos nas urnas. Incrible pero certo (o da sentencia do process versus sentencia 23-F); claro que os dos 23-F eran fascistas e os do process non. Amais unha sentencia na que o seu fundamento básico parece ser a desobediencia a resolucións xudiciais, non a violencia. Con o cal, con estes precedentes, non se sabe moi ben si as persoas que tenten de impedir pacificamente un desafiuzamento realizado por orde xudicial ou outra presunta inxustiza calquera van poder ser acusados de sedición e condenados a moitos anos de cadea. Iso si, parece que a sentenza está moi ben decorada para ver se o TEDH non lla bota para atrás, cousa que me alegraría persoalmente que ocorrera (o de que a botaran abaixo).

      7. Desapareceu a televisión única estatal, máis esta segue ao servizo do goberno de turno; os gobernantes, sexa cal sexa a ideoloxía que profesen, son incapaces de prescindir dese monstruo que permite manipular e entontecer ás masas. Xunto a ela campan outras canles privadas de televisión; canles entregadas ás súas contas de resultados. Estas, as as canles privadas de TV, teñen unha mensaxe homoxenea e totalmente manipuladora da realidade cando esta se sale do que os seus donos consideran o sistema, é dicir, o que sucedeu sen demasiada gloria ao franquismo; un sistema que se está demostrando antidemocrático e corrupto. Houbo un tempo no que unha canle, La Sexta, amosábase ás veces coma un verso solto, que lles daba liberdade a algúns dos seus xornalistas (tamén é certo que era porque tiñan alta audiencia o que se traducía en cartos de publicidade) para abordar certos temas con seriedade e rigor. Hoxe observamos que o equilibrio nos seus programas supostamente de "debate aberto" ten un considerable desequilibrio cara á dereita e, sobre todo, ás ideas que pretenden rachar con este muermo de sistema donde se manipula e vulnera sen escrúpulos e ao traveso da lexislación hasta a propia Constitución que ese sistema se dotou e acomodou a se mesmo.

      O exemplo máis próximo das actitudes destas todas canles de televisión puidemos observalo recentemente en Catalunya. Non houbo ningunha que non puxera o seu acento nas imaxes das accións violentas que certos e limitados grupos realizaron (non se sabe moi ben impulsados por quen), facendo que esas imaxes tiveran prevalencia sobre as imaxes de actitudes máis cotiás e maioritarias de carácter totalmente pacíficocoa esixencia da liberdade para os inxustamente condenados polo Tribunal Supremo. Si é certo que mencionaban que a maioría era pacífica, pero a carga de imáxes era do contrario. E por suposto nada de meterse en fonduras facendo xornalismo de investigación sobre a orixe real de quen impulsaba os grupos violentos. E isto só favorece á dereita máis extrema. A min lémbrame as sorpresivas "resurreccións" dos GRAPO nos anos oitenta, cando os daban con bombo e platillo por "totalmente desarticulados"; sempre aparecían facendo das súas cando á dereita ou ao sistema post-franquista íalles mal, curiosamente; tamén era sabido por calquera observador da realidade política, que estaban máis infiltrados que un deportista de élite con problemas musculares nunha competición. É dicir, impresentable.
En fin, cada que que saque as súas propias conclusións. A min xórdenme algunhas preguntas recorrentes cuxa resposta teño cada vez máis clara. Vou poñer dúas delas, pero non as respostas que eu estou convencido que teñen: 1.- A quen sirven realmente as policías?; 2.- A quen sirve realmente a xudicatura e as leis?3.- Ao servizo de quen están a inmensa maioría dos medios de comunicación?
Aí queda. Que cada quen tire as súas propias conclusións. De todas formas, e para facerse unha idea máis precisa das diferencias, aconséllovos duos lecturas: 1) Las redes de poder en España, de Andrés Villena Oliver, editado por Rocalibros e 2) Franquismo S.A., de Antonio Mestre, editado por Akal 2019 e próximo a ser posto á venda. Relacionando o que conta unha co que conta a outra poderemos facernos unha idea moi aproximada do Estado no que vivimos.


Notas.-
(1)  Quienes actuando en grupo o individualmente, pero de acuerdo con otros, coaccionen a otras personas a iniciar o continuar una huelga, serán castigados con la pena de prisión de un año y nueve meses hasta tres años o con la pena de multa de dieciocho meses a veinticuatro meses.

08 outubro 2019

Pre-Crónica dunha inxustiza

Moito me temo que, unha vez máis, os altos tribunais de xustiza españois van ditar unha sentencia inxusta. Nesta ocasión parece que será o Tribunal Supremo. E refírome á sentencia que van sufrir os presos políticos cataláns encarcerados por defender pacificamente o que eles consideraban a vontade maioritaria da cidadanía catalá.
Pódese ou non estar de acordo coa xeira de accións de carácter institucional e pacífico que levaron aos políticos cataláns, xuíces de extremos mediante, á cadea como medida cautelar de extrema dureza e totalmente inxusta atendendo tanto aos feitos polos que posteriormente foron xulgados como pola actitude dos encarcerados e encarceradas. Así non é estraño que, posteriormente, outras persoas inmersas na política catalá saíran do Estado cando foron citadas a declarar en relación a feitos parecidos. Eu, no seu caso, faría o mesmo. E, que conste, que non estou manifestando o meu apoio a un presunto desacato xudicial; simplemente expreso o que eu faría no seu caso.
Por qué “inxusta” se aínda non se fixo pública a sentencia? Pois porque, polo que se le na prensa e se escoita en radio e televisión, todo indica que van ser inxustamente condenados por rebelión (senón todos eles, si unha parte importante) e vanlle caer penas impostas por xuíces que posiblemente non fixeron tanto espavento cando os indesexables Tejero, Miláns del Bosch e un fato de militares e gardas civís golpistas atentaron contra a democracia no 23 de febreiro de 1982; e, posiblemente, as penas ás que van ser condenados van ser proporcionalmente moito máis elevadas que as dos que armados atentaron contra o país o citado 23-F, onde houbo asaltantes armados do Congreso dos Deputados que foron absoltos o, simplemente, non foron xulgados. Varas de medir que teñen os xuíces españois que a min persoalmente me semellan (aínda que recoñezo poder estar equivocado, pero son libre de expresar o que penso aínda que alguén síntase molesto ou molesta) que se encollen ou se alongan en función de quen sexa o personaxe xulgado. Aí temos o recente caso do neto de Franco que tentou atropelar a gardas civís e foi absolto; unha sentencia incomprensible se temos en conta os feitos probados e as declaracións das testemuñas e dos gardas implicados.
Pero, volvendo aos presos políticos cataláns, todo o despregue do aparato represivo do Estado que están a desenvolver en Cataluña indica que a sentencia xa se sabe e que vai ser máis do gusto dos Tejero, Milans del Bosch e xentes dese estilo fascista que dos que nos xogamos a vida pelexando contra Franco e a súa policía política (toda a policía) e todo o negativo e indesexable que representaban. Espero equivocarme, pero eu (como todos os meus amigos saben) non confío para nada nas persoas que compoñen a actual xudicatura española.
En fin, aos condenados (se se confirma o presaxio) sempre lles quedará o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, que seguro tumbará a posible sentencia que sala do Tribunal Supremo español; senón na súa integridade, si na súa maior parte e nos seus fundamentos. Non sería a primeira que un tribunal europeo emendara a plana a un alto tribunal español.
En fin, a ver se os xubilan dunha vez. Vai sendo hora.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...