Espero
que esta entrada non me saia moi extensa; porque das causas do ascenso do fascismo e
da dereita extrema (PP e C's) na Andalucía non hai moito que dicir, xa que
realmente non hai moito que non teña dito xa a historia sobre os ascensos dos
movementos fascistas, tanto a historia europea de antes da IIª Guerra Mundial
como na recente historia dos países da Unión Europea ou dos EE.UU.
Dicía onte, entre moitas sandeces e tonterías,
un dos verdadeiros gañadores das eleccións autonómicas andaluzas: "Nosotros
no somos lo que dicen que somos. ...". Evidentemente referíase á
cualificación de "fascistas" que calquera mente medianamente esperta
aplicaríalle a ese partido-enxendro do nazismo e do fascismo que rula polo
Estado Español baixo a denominación de VOX. Todo isto realizado co amparo
escénico dunha xestualidade que a min, que son moi maior, lembrábame a que nos
anos setenta do século pasado poñía aquel virtuoso prócer do nazi-fascismo
español chamado Blas Piñar nas súas intervencións; tanto as que facía nos
cortellos ultranacionalistas españois (eles chamábanlle las Cortes Nacionales; eu -en razón do que
contiñan- penso que é máis axeitado chamarlle cortellos) como imaxino faría noutros foros frecuentados pola borregancia.
O famoso Vox, como xa sabemos, entre
outras moitas barbaridades leva nos seus programas a supresión das autonomías, a
expulsión dos estranxeiros, a derrogación da lei de violencia de xénero, o
levantamento dun muro Trump-Style en Ceuta, a derrogación da lei do
aborto e a modificación do Código Civil nos artigos que protexen o casamento
entre persoas do mesmo sexo, ...e non sei cantas outras barbaridades máis.
Logo, non é fascismo isto? Eles din que non; e, polo tanto, menten. Dicir que a
mentira é outra dos elementos que caracterizan ao fascismo organizado.
Vou coller, coma exemplo, o tema da
expulsión dos estranxeiros. Os fascistas españois din que non queren persoas
vindas desde outros continentes, que ocupan postos de traballo que podería
coller os nacidos na Hispania. Mentira; e gorda. O que non queren son
estranxeiros que veñan a España a traballar en traballos regulares, nos que
teñen os mesmos dereitos que outros traballadores. Eles pasarían por que esas persoas
vindas doutras latitudes estiveran aquí coma man de obra escrava, traballando
pouco que máis que polo xantar ou prostituíndose en burdeis e cubles de
estrada, sen papeis e chantaxeados polas mafias da prostitución; tampouco piden
a expulsión dos membros das mafias rusas, italianas ou latinoamericanas que
explotan negocios ilegais ou paralegais no país. Ese tipo de estranxeiros para
eles non son perniciosos. Non hai máis que ver as relacións pasadas, e non sei
se actuais, entre o principal líder do fascismo valenciano coas
"empresas" asociadas na chamada Asociación
Nacional de Empresarios de Clubs de Alterne (ou algo así), na que se
agrupan persoas que rexentan negocios de hostalaría na que é público e notorio
que se exerce a prostitución por persoas vindas dende outros países. Isto é,
simplemente, un exemplo de quen son esas xentes que "queren liberar
España".
Outra
cousa curiosa e que nos amosa a natureza real do fascismo é a que segue. Ata
agora nas zonas andaluzas onde se rexistra un maior número de persoas
estranxeiras, utilizadas como man de obra barata, en réxime de
cuasi-excravitude ou escravitude, moita dela "sen papeis" paridos
coma Vox ou outros da súa orientación eran practicamente testemuñais. É, por
suposto, non pedían a expulsión dos estranxeiros co ímpeto que agora demostran.
Eran a reserva que tiñan os moitos grandes e medianos empresarios sen-vergoña
desas zonas, que tradicionalmente apoiaban sobre todo ao Partido Popular. É
cando, recentemente, eses escravos empezan a demandar dereitos, cando as
mulleres escravas empezan a denunciar violacións, é cando -xa era máis que
hora- a administración de xustiza e a laboral parece que quere timidamente
empezar a tomar cartas no asunto. É, precisamente nestes momentos, cando renace
a prédica da expulsión polos grupos fascistas. É nese momento cando certos
movementos e partidos fascistas empezan a ter un financiamento desacorde coa
súa implantación real; financiamento que non se sabe a ciencia certa de onde
sae, pero que calquera cun mínimo de cabeciña sabe da orixe da súa procedencia;
e financiamento do que, os que coñecen ben as zonas do renacemento fascista,
seguramentemoitas persoas saben con exactitude quen aporta os cartos.
Pero
o fascismo non chega ao poder só polos votos dos grandes empresarios, nin dos
pequenos nin dos medianos. Son moitos os membros da clase obreira, dos desposuídos,
daqueles que non poden acceder con facilidade á cultura e á educación os que
votan ao fascismo (cando falo de educación, non falo dos títulos
acadados no ensino regrado que -desde a miña experiencia como docente- nada ten
que ver co saber estar nin coa cultura; falo do saber estar e do
coñecemento, non da titulite). E a orixe deses votos obreiros e dos pequenos
empresarios ben determinado porque "as esquerdas", que lles dixeron
que ían facer o mesmo que hoxe, mentindo, lles din os fascistas que van facer,
non se cumpriu. Non se cumpriu nin no conxunto do Estado cando esas
"esquerdas" gobernaron, nin se cumpriu naquelas comunidades autónomas
onde esa "esquerda" tivo o poder moito tempo.
A min chamoume a atención o que me dixo
un día un coñecido meu que vive en Andalucía: "o que vos dicides que
fai aquí na Galiza o Partido Popular, dicimos nós en Andalucía que fai o PSOE".
Ilustrativo.
En
resume, e como pasou en Alemaña antes do hitlerismo, coma pasou en Italia co
movemento dos camisas negras, coma pasou recentemente en Hungría, Polonia,
Francia, Italia, Grecia, Holanda, Dinamarca, etc., etc. o fascismo ascende electoralmente cando a esquerda
socialdemócrata ostenta os gobernos e non fai políticas destinadas a mellorar a
calidade de vida das clases sociais máis desfavorecidas, senón que fai
obxectivo fundamental dos seus gobernos o de non xerar descontento entre os
grandes poderes económicos e financeiros dos territorios que gobernan.
E, como se di por aquí, non se pode estar ao mesmo tempo en misa e repicando.
Son actitudes antagónicas. E o malo é que esas políticas mentireiras e
continuadoras do sistema practicadas polos socialdemócratas, os votantes fanas
extensivas a todos os partidos da esquerda, restando capacidade electoral ás
forzas de esquerda que si procurarían restar as desigualdades e salvagardar os
dereitos reais das clases máis desfavorecidas.
E
que pasa cando o fascismo chega ao poder ao través das urnas? O primeiro paso
que dan é rematar coas liberdades democráticas, con maiores
efectos negativos sobre as clases máis desfavorecidas, sobre todo na clase
obreira que terá moitas dificultades, pola represión policial ou militar,
para mobilizarse e reivindicar o que lle corresponde. As clases máis podentes e os
grandes poderes económicos e financeiros (que estiveron financiando por detrás
aos movementos fascistas) farán o seu agosto nun réxime que nada se parece ao
que en campaña electoral os nazi-fascistas prometeron, un réxime con corrupción
xeneralizada, roubos consentidos e de favoritismos aos amigos, un réxime violento e asasino como xa ten ocorrido no
réxime de Franco.
En fin. Co PSOE éche o que hai. Ou fai
políticas de esquerda, ou será a dereita extrema (porque neste estado non hai
outra) ou o fascismo quen gobernará sempiternamente o Reino de España.