Hai oitenta e cinco anos que unha banda de criminais composta por militares e civís iniciaron un golpe de Estado contra a legalidade vixente no Estado Español. Un golpe de Estado que, como todo o mundo sabe e teñen manifestado os historiadores dignos de tal cualificativo, foi impulsado, deseñado e financiado por banqueiros, terratenentes e xerarquía da Igrexa Católica, apoiado polos partidos fascistas e da dereita española, polos gobernos de Hitler e Mussolini e materializado por altos cargos militares españois(1). Estes últimos dirixidos polo xeneral Mola (cerebro e director estratéxico da conspiración) e polo xeneral Franco (iniciador dos movementos militares e que sucedeu ao anterior no mando dos golpistas), pero que contaron coa participación destacada -polas atrocidades cometidas- doutros militares coñecidos como Millán Astray, Queipo de Llano e doutros moitos xenerais e oficiais dun exército que, como o de agora, profesaba na súa maioría de oficiais unha ideoloxía nazi-fascista.
Como todo o mundo sabe, o que nun principio ía ser un paseo militar dexenerou nunha guerra que durou tres anos; en parte pola miopía, desidia e falta de decisión dun goberno lexítimo, presidido por Casares Quiroga, que non foi quen de parar os pes e aplicar as leis aos militares sublevados pese a que levaban facendo tentativas desde a Sanjurjada do ano 1932 e cuxa actividade conspiradora era máis que coñecida tanto no mundo militar coma no mundo policial e político.
Non en todo o territorio español houbo guerra.
Mais o que se entende por guerra, é dicir, loita con armas entre dous bandos, segundo a Real Academia Galega, non a houbo en todo o territorio do Estado. Un deses territorio nos que non houbo guerra foi Galiza. Aquí, agás algunha escaramuza illada de enfrontamento armado protagonizado por civís, portadores de armas de escaso porte e con escasos recursos tácticos, contra militares organizados, ben armados e coñecedores da táctica militar, non houbo o que se coñece como guerra.
Pero si houbo moitas mortes. Segundo se desprende de listaxes públicas (fundamentalmente do equipo de investigación “Nomes e Voces”, da USC) de mortos por causa do golpe de Estado fascista na Galiza, entre xullo do ano 1936 á abril de 1939, rexistráronse 4.673 vítimas con resultado de morte; destas, 1.413 foron por execucións das penas de morte ditadas por tribunais criminais do réxime franquista (civís e militares); e as restantes 3.260 debéronse a “paseos”, enfrontamentos, mortes na cadea,... o que o equipo de investigación citado denomina “mortes extra-xudiciais”. Indagando nas listaxes, do total das mortes 2.162 (o 46,27%) producíronse entre xullo e decembro de 1936. Fusilados poucos; executados por sentencia, poucos; tamén poucos mortos na cadea. Logo, a maioría foron “paseados”, é dicir, sacados dos seus domicilios ou das cadeas nas que estaban e torturados e mortos sen nin sequera un xuízo farsa como os que facían os tribunais civís e militares franquistas.
Os asasinos, polo xeral vestían de camisa azul, de traxes de guerreira e pantalón cor verde con sombreiro tricorniado ou de sotanas e pistola ao cinto que actuaban impunemente amparados nas instrucións e consignas militares, na impunidade xudicial e ao servizo dos ricos de cada vila; tamén había criminais que vestían de xeito informal, os menos, a máis de soldados mandados por asasinos con galóns militares que participaron da barbarie.
O fascismo subsiste. Sobre todo na xudicatura e na milicia, máis tamén na dereita política.
Por desgraza aínda hoxe, oitenta e cinco anos despois do golpe de Estado, hai xente que defende a intervención e as actuacións dos criminais contra a legalidade democrática.
Moita desta xente, facendo malabares mentais e orais, critica a presente actuación dos talibáns en Afganistán, que buscan, para asasinalos ou escravizalos, casa por casa aos opositores ao seu réxime, ás mulleres relevantes, a toda aquela persoa que defenda un Afganistán en liberdade. Iso ou peor é o que fixeron os fascistas no Estado Español do 1936: matar a toda persoa que non defendera as súas actuacións, así como ás súas sementes. Un clásico proceso xenocida, cualificado polos organismos internacionais como crime contra a humanidade e suxeito á non prescrición xudicial.
Pois aquí, no Estado Español, os tribunais e os políticos pasan dos organismos internacionais. Condenan a persoas por criticar ao través do humor, a música ou directamente, a cómplices do réxime criminal de Franco; admiten a trámite denuncias ou querelas por facer públicos roubos claramente perpetrados baixo a impunidade fascista; ou, como ten ocorrido recentemente en Madrid, hai Tribunais Superiores de Xustiza que, contra toda investigación histórica demostrada conclúen de Millán Astray que “non está claro de forma inequívoca que o militar participara no golpe de Estado de 1936”. Ese jumento, Millán Astray, que foi un xefe da oficina de propaganda do exército franquista e criminal de guerra demostrado polos historiadores, africanista sublevado contra a legalidade (como afirman ata os historiadores fascistas como De la Cierva), publicamente coñecido polas súas barbaridades orais e por enfrontamentos públicos con Unamuno e denigrador da cultura, un suxeito que pedía publicamente morte para a intelixencia e que daba vivas á morte,... Como semellante criminal de guerra pode ser pode ser merecedor de ser honrado cunha rúa? Que é o que non ten claro o TSX de Madrid? Quizá sexa que os xuíces que aprobaron a sentenza sen reparos profesan a mesma ideoloxía que ese xeneral e que farían o mesmo que os talibáns, os falanxistas españois, os nazis hitlerianos ou os fascistas italianos con quen non pense coma eles? Igual pensan que o único que vale é o que eles din nos seus autos xudiciais; se fora así a historia iría aviada se esperara a suficiencia xudicial demostrativa de incursión en crimes fascistas para contrastar a realidade. Evidentemente, o alcalde neofranquista actual de Madrid si o pensa, co apoio do seu partido e de Vox; por iso restituíu o nome da rúa que con acerto e mentalidade democrática retirou o goberno municipal madrileño de dona Manuela Carmena, xuíza de verdade independente.
Por desgraza, só unha minoría dos xuíces deste país son coma a señora Carmena. A maioría pertencen a asociacións xudiciais de dereita ou de ultradereita (que, en resumidas contas, ben a ser o mesmo). E, posiblemente, moitos deles (e moitos fiscais) que ocupan altos cargos en altos tribunais proveñan das fiscalías e das xudicaturas do Tribunal de Orden Público franquista, posiblemente tamén foran cómplices ou ditaran condenas inxustas contra demócratas que amosaron o seu desacordo co réxime criminal de Franco. Daquela serían xoves recen ingresados na carreira fiscal ou xudicial, fillos e fillas de “familia bien” e moi franquista por suposto.
Pero non so é esa rúa en Madrid a que honra a xentes sen honra, a criminais fascistas. Por desgraza subsisten moitas rúas e prazas que levan nomes de golpistas ou cómplices do xenocidio franquista. Mesmo esculturas e monumentos de loa ao golpe militar ilégal e ilexítimo e de glorificación dos asasinos fascistas. Incluso en localidades gobernadas con amplas maiorías por xentes do PSOE; sen ir máis lonxe, a Cruz do Castro de Vigo; un enxendro fascista protexido polo actual alcalde ata a saciedade, incluso recorrendo aos tribunais que -como non é nada extrano coñecendo a natureza xudicatura- declararon á citada cruz fascista como non incursa na lei da memoria histórica. Iso pese a que as inscricións que acompañaban á cruz na súa orixe eran máis que reveladoras da súa natureza de loa ao golpe criminal e fascista de 1936.
Xa pasaron 85 anos do criminal acontecemento.
Oitenta e cinco anos despois temos que seguir a reivindicar os avances da IIª República Española e a condenar o fascismo. Igualmente, reivindicar a memoria, a xustiza, a verdade e a reparación ás vítimas dos fascistas. Aínda que haxa xuíces, militares, fiscais e persoas ás que non lles guste. Se morren do desgusto, aínda que eu o saiba, xúrolles que non vou chorar nin botalos en falta. Tampouco alegrarme.
Como podemos observar, queda moito por andar e desenmascarar. Aos que nalgún intre da transición se autodeclararon coma “demócratas de toda a vida” e escondéronse detrás dunha personalidade non correspondente coa súa realidade xa se lles podreceu a careta e nin sequera se molestan en disimular quen son en realidade. Éche o que hai, o sitio onde vivimos perigosamente á mercé de calquera imbécil con mando inimigo das liberdades democráticas básicas; e, por desgraza, abondan.
Final.
Aínda que non ten nada que ver directamente cos asasinatos e os asasinos franquistas, dada a miña suprema admiración pola xudicatura, vou expresar unha dúbida que desde hai moitos anos me ronda pola cabeza. Ao xuíz Garzón o condenaron e inhabilitaron por realizar escoitas no caso Gürtel ou por que estaba a investigar con decisión os crimes do franquismo e podían saír nomes (entre eles de xuíces e fiscais) á luz?
NOTAS.-
Unha lista moi completa dos xenerais e altos cargos militares sublevados podemos velas en https://pedromedinasanabria.wordpress.com/2014/05/20/generales-sublevados-el-18-de-julio-de-1936/
A viñeta é prestada. O seu autor é Manuel Fontdevila e foi publicada o 25 de agosto do presente ano no xornal Eldiario.es que publica baixo licenza Creative Commons.
