Amosando publicacións coa etiqueta Proceso de Núremberg. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proceso de Núremberg. Amosar todas as publicacións

29 setembro 2025

É necesario outro Núremberg

                                                        (Proceso de Núremberg retocado)

 Dende finais de novembro de 1945 e até 1949, na cidade de Núremberg (Alemaña) celebráronse toda unha xeira de xuízos destinados a xulgar a todas as bestas de aspecto humano implicadas nos crimes contra a humanidade cometidos baixo o réxime de Adolf Hitler; crimes dos que foron vítimas persoas de relixión xudaica e os seus descendentes, persoas da etnia xitana, persoas con ideas comunistas ou de esquerda e, en xeral, todas aquelas persoas sospeitosas de non ser partidarias do réxime ditatorial nacional-socialista. Un réxime político corrupto (como todas as ditaduras) imposto polo anteriormente mencionado criminal e sustentado en grandes aparatos de terror, represión, delación e control da cidadanía. Todo elo coa finalidade de servir aos intereses económicos dos grandes empresarios alemáns da época e colaboradores activos do réxime nazi, entre elas: grupo industrial Krupp, Siemens, Bayer, Basf, Bosch, Volkswagem, BMW, etc. Esta xeira de xuízos foron coñecidos como os Procesos ou os Xuízos de Núremberg.

Quen foi xulgado en Núremberg?

Foron xulgados e condenados os grandes dirixentes civís, militares e empresariais do réxime nazi de nacionalidade alemá; e tamén foron xulgados todos os compoñentes (non só oficiais) capturados das brigadas da morte das SS. Pero tamén as persoas de distinta nacionalidade da alemá considerados colaboradores do réxime hitleriano no seu labor de xenocidio de todos os diferentes e opositores ao réxime nazi.

Por desgraza, moitas destas persoas implicadas no holocausto xudeu e no xenocidio realizado por Hitler e os seus colaboradores conseguiron fugarse (moitos deles co apoio do réxime fascista de Franco) a países de África e América (Estados Unidos de América-EUA, Arxentina e Chile, principalmente). Algúns deles foron capturados e xulgados posteriormente en tribunais de Europa e de Israel polos crimes cometidos; outros, fundamentalmente científicos, pese a que as autoridades coñecían a súa implicación activa ou colaboración co réxime nazi de Hitler, foron “branqueados” e adoitados polos EUA, fundamentalmente, para os seus equipos de investigación en armamento químico e nuclear (o que nos mostra a orientación agresora e imperialista emprendida polas administracións dos EUA despois da IIª Guera Mundial e da presidencia de Harry Truman, o que ordenou botar as bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki cando xa era sabido que Hitler ía ser derrotado, que Xapón rendíase e que, por tanto, a IIª Guerra Mundial podía darse por rematada).

A importancia dos Procesos de Núremberg

Un dos acordos aos que chegaron os países aliados (Inglaterra, Terceira República Francesa, EUA, Segunda República Polaca, URSS de Stalin e China de Mao) foi o de realizar en Núremberg os xuízos contra as persoas implicadas nos crimes do nazismo. Este proceso tivo unha grande importancia, pois baseados nas doutrinas neles asentadas foron adoitados posteriormente grandes acordos lexislativos internacionais: a Convención contra o Xenocidio de 1948, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, as Convencións de Xenebra de 1949 e os seus protocolos en 1977.

Xenocidio

Segundo define a Convención para a prevención e a sanción do delito de xenocidio, recollida no Estatuto do Tribunal Penal Internacional (TPI), o xenocidio é a destrución metódica dun grupo nacional, étnico, racial, político ou relixioso e que consiste na comisión, por funcionarios do Estado ou particulares, de actos coa intención de destruír, total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico, racial ou relixiosos. Estes actos comprenden a morte ou lesión graves á integridade física ou moral dos membros do grupo, o exterminio, a adopción de medidas destinadas a impedir os nacementos no grupo ou o traslado de nenos.

É máis que evidente, e así o afirman especialistas en dereitos humanos da ONU e outros especialistas no estudo dos xenocidios, que o que está a cometer o Estado de Israel coa poboación palestina da Faixa de Gaza é un xenocidio, que se axusta totalmente á definición de xenocidio estipulada polo TPI. Pero non só o que acontece na Faixa de Gaza, senón que tamén o que o goberno e o exército nazi de Israel está a perpetrar, xunto cos colonos fascistas israelís, na Cisxordania, así como as accións contra as persoas palestinas e árabes no Xerusalén Leste, apuntan a un intento de aniquilar ao pobo palestino. É evidente o ánimo que o goberno nazi de Netanyahu ten de exterminar ao pobo de Palestina, sobre todo o que reside en Gaza, incluso utilizando a fame negra como arma mortífera contra a poboación, fundamentalmente contra as crianzas e as persoas anciáns.

Pero, por desgraza para o mundo, Netanyahu e os seus nazis militares ou civís nunca estiveron sos. E non so falo da indiferenza amosada pola maioría dos países europeos, ou do apoio moral que desde o minuto un amosou a Presidenta da Comisión Europea pola causa sionista, aos criminais sionistas que gobernan Israel, foto de alegría incluída; nin tampouco da indiferenza dos países árabes aos que non se lle escoitou nin un só berro en contra do xenocidio (exceptuando á emisora Al Jazira que informou puntualmente do que estaba a suceder no interior da Faixa de Gaza). Como tampouco de que a China ou a Rusia non se lle escoitou (ou polo menos, se o fixeron, aquí os medios non o recolleron) unha palabra de apoio ao pobo de Palestina e unha condena ao sionismo israelí. Falo de que non podemos falar do xenocidio contra o pobo palestino sen denunciar a colaboración activa prestada polos EUA e os seus presidentes, sen cuxos armamentos e bombas subministrados ao exército nazi-sionista de Israel non sería posible que o xenocidio proposto alcanzara a dimensión que acadou. Por iso, debemos dicir que Joe Biden e Donald Trump, pola súa colaboración, tamén son culpables do xenocidio cometido contra o pobo de Palestina.

É necesario un novo Núremberg

É preciso un novo proceso xudicial internacional como o de Núremberg; e nel deben estar sentados no banco dos acusados Netanyahu, todos os membros do goberno de Israel, os altos mandos do seu exército e os oficiais de menor gradación, suboficiais e soldados que mostraran un comportamento similar aos amosados polas brigadas da morte das SS hitlerianas (por exemplo, os que francotiradores que se divertían disparando contra as crianzas ou a poboación civil, ou os que –en colaboración cos mercenarios da suposta ONG estadounidense- disparaban contra as colas da fame que se formaban en busca de alimentos para crianzas e civís). Netanyahu e un dos seus ministros xa teñen sobre a súa cabeza unha orde de detención internacional emitida polo TPI por crimes de guerra; agora faltan o resto dos criminais.

E, por suposto, neste proceso tamén deberían estar sentados no banco dos acusados os Joe Biden e Donald Trump, coñecedores do que acontecía na Faixa de Gaza e sen cuxo beneplácito Israel non podería contar coas armas coa que estaba a cometer delito de xenocidio.

Que iso dun novo Núremberg é un imposible? Posiblemente. Pero a vida da moitas voltas; e os países europeos deberían deixar de considerar aos EUA como un aliado. E máis agora que está presidido por un suxeito nazi, ególatra, racista e negacionista do cambio climático; que está violando todo canto dereito se establece na Convención dos Dereitos Humanos, sobre todo no referente aos seus comportamentos coas persoas migrantes e ao seu gatillo fácil, que o leva a ordenar e gabarse da execución extra xudicial de persoas supostamente traficantes de drogas en augas dun Estado soberán; un suxeito indesexable que non dubida en ameazar e tomar represalias contra todo aquel país soberano ou persoa crítica con el e as súas fanfurriñeiras e actuacións.

Hai no mundo outros moitos organismos internacionais dos que formar parte sen por elo ter que aliarse a uns ou a outros, nin ser can fiel de ninguén.

As subministracións enerxéticas e as tecnoloxías punteiras poden obterse noutros países diferentes dos EUA e, posiblemente en moitos casos, moito menos custosas; sen que sexan produto de explotacións que se enfrontan a calquera proba de sustentabilidade do planeta (como pode ser a obtención de gas natural ou petróleo procedente de explotacións baseadas no fracking).

        No referente ao militar/defensa a OTAN non é imprescindible, senón máis ben todo o contrario; é un elemento de submisión aos EUA que impide a soberanía dos países que dela forman parte e que están sometidos aos caprichos da industria armamentista dos EUA. Amais, Europa ten capacidade sobrada de artellar un mecanismo de defensa propio sen dependencia tecnolóxica e política de ninguén.

        Vale. Non nos vaiamos a outros eidos distintos dos que motivaba o título. Vaiamos ao concreto: si, é preciso un novo Núremberg, é necesario un proceso xudicial de carácter internacional no que o banco dos acusados estea ocupado por todas as persoas responsables do xenocidio que Israel leva a cabo contra Palestina, sexan estas de nacionalidade israelí ou doutros países.


 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...