Amosando publicacións coa etiqueta Portas xiratorias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Portas xiratorias. Amosar todas as publicacións

13 xuño 2024

ALTRI NON !!!

 

     O pasado domingo 26 de maio tivo lugar en Palas de Rei unha gran manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva (20.000 persoas, segundo organización e fontes gobernamentais; 10.000 segundo algún xornal intimamente achegado ao Partido Popular). Eu, por motivos persoais, non tiven a sorte de poder participar neste acto reivindicativo contra a instalación dunha macrocelulosa do grupo ALTRI disfrazada dunha pacífica fábrica de fibras vexetais para o téxtil.

        A alta participación de xentes de toda Galiza nesta manifestación lembroume aquela outra histórica manifestación do ano 1977 (en plena transición desde a ditadura franquista ata o que hoxe temos) celebrada en Xove contra a instalación dunha central nuclear. 

        As consecuencias negativas, tanto para a comarca na que pretende ser instalada a celulosa de ALTRI como para o resto da Galiza, poden ser desastrosas, como o era naquel 1977 a pretendida instalación da central nuclear en Xove. Daquela, Galiza gañou; esperemos que desta a vitoria volva sorrir á Nosa Terra. Daquela, as presións dos grupos económicos ligados ao franquismo e do propio goberno español dominado pola dereita franquista eran moi fortes; desta, a presión política e a submisión da Xunta de Galicia e do Partido Popular á intereses económicos e alleos tamén é moi forte, de feito asemella ao funcionamento que daquela tiña o réxime franquista a nivel lexislativo e desinformativo para xustificar o inxustificable. E se a isto sumamos a indefinición do partido de Pepiño Blanco (sinistro personaxe que lidera unha consultora que fai de loby de presión a prol da instalación desta fábrica de miseria, paro e destrución do tecido produtivo da comarca da Ulloa e de todas as comarcas e concellos que se valen do río Ulla para os seis usos domésticos e produtivos) podemos dicir que a presión é, se cadra, aínda máis forte que a do ano 1977 ao proxecto das empresas enerxéticas para Xove. Este proxecto é tan nefasto e velenoso que entre os litros de auga que diariamente consume (máis que Lugo) e a temperatura á que devolve a auga ao río, sen entrar no terreo da calidade da auga que devolve, supón un atentado para a vida do río e para os bancos marisqueiros e a pesca da Ría da Arousa na que desemboca.

        Os postos de traballo que ALTRI pode crear coido que non chegan nin ao 20% dos postos de traballo que pode destruír entre o sector agro-grandeiro e a industria agro-alimentaria das comarcas da Ulloa, Terras de Melide e Arzúa, do sector marisqueiro e o sector pesqueiro da Ría da Arousa e de todos aqueles labores (produtivos e domésticos) que viven do río Ulla ao longo do seu canle. Sectores de actividade, todos eles, que conforman un elevadísimo porcentaxe do PIB da economía galega. E iso sen contar, amais, o baixo valor engadido que ese tipo de industrias xeran, así como as consecuencias negativas que para o medio ambiente xeral, para o sector agro-gandeiro ten a propia actividade e para a economía ligada a un monte san e produtivo.

Os que renegan do país, cómplices da súa destrución

        Aquelas persoas que deberían defender a Galiza e que foron escollidos, suponse, para que iso fagan, se institúen desde hai máis de dez anos en meros cómplices da destrución do territorio. Non só da súa economía, nin da súa natureza; tamén da súa poboación e do seu artellamento territorial. Por iso digo que renegan do país; que aspiran a trepar ao máis alto aínda a costa de destruír á nosa Galiza e ás súas xentes (e deses especies de desalmados xa temos exemplos abondo).

        Eles, coas súas políticas, están acadando un elevadísimo índice de sobre-envellecemento do país, están acadando que o medio rural quede sen persoas xoves e que estas teñan que migrar cara ás cidades ou cara ao exterior da Galiza ou do Estado (os máis estes últimos). Igualmente, as que migran cara a outras cidades galegas atópanse con problemas coma un desmantelamento da industria provocado pola incompetencia de da Xunta de Galiza no exercicio da súa competencia exclusiva e pola súa pasividade (senón servidume) cara a empresariado que está a deslocalizar as súas instalacións cara a outros países onde poida espremerlle máis xugo aos traballadores coa complicidade, normalmente, de réximes corruptos gobernantes. 

        Outra da cousas que conseguen eses renegados do país é o despoboamento do medio rural. Porque practican e favorecen políticas tendentes á supresión de servizos básicos de todo tipo; favorecen que as terras de labor agrícola se empobrezan coa plantación masiva de eucaliptos; permiten e impulsan a explotación de minería contaminante en terras fértiles ou a apertura de canteiras e verteduras de escombros en zonas que deberían estar protexidas; descoidan os montes e facilitan, coas súas "políticas forestais" de descoido e plantación de eucaliptos sen control, que sexan pasto das chamas cando chega o verán ou cando persoas desaprehensivas lle plantan lume, quer pola súa conta quer por conta de terceiros co obxectivo de mercar madeira igual de válida e máis barata ou para procurar un troco na plantación cara ao eucalipto; ou a última febre de encher todos os cumios de Galiza de plantas eólicas xigantes, incluso en zonas de Rede Natura, que van provocar moitísimos efectos negativos no medio ambiente e no habitat das xentes dos lugares nos que eses muíños se instalen. Todo o cal provoca unha fuxida da xente nova cara a lugares onde poidan facerse unha vida que os sucesivos gobernos do Partido Popular lles nega na súa terra, nas terras dos seus pais.

        E agora parece que o mesmo queren facer coas xentes que viven do mar, cos mariscadores e os mariñeiros que practican a pesca tradicional e de baixura. Enuncian unha lei de costa que vai favorecer a depredación do litoral facendo del coto de caza da especulación e da depredación mariña. Impulsan ese foco de contaminación e destrución da natureza e do río Ulla que vai repercutir de forma negativa non só no medio rural por onde discorre, senón que se prevé que arrample con moito dos medios de vida que proporciona o marisqueo e a pesca tradicional na Ría de Arousa. Pero a cousa non remata aí; tamén pretenden (e aquí tamén esta o goberno central do PSOE e SUMAR) colocar plantas eólicas nos caladoiros tradicionais máis produtivos da pesca tradicional. Unha total submisión aos intereses da oligarquía española e internacional.

        Pero aí temos e Alfonso Rueda, Presidente da Xunta de Galiza, e á súa Conselleira de Medio Ambiente e ao seu Conselleiro de Industria facendo de axentes comerciais de ALTRI; trocando o que debería ser o seu labor de defensa do medio rural e do mar por ser numantinos defensores da instalación de industrias contaminantes e da morte económica e física do noso país. Quizá, se a desgracia se confirma e non hai quen lle pare os pes á celulosa, eses "axentes comerciais" de ALTRI reciban a súa recompensa, igual que no seu día a recibiu a ex conselleira de medio ambiente que como premio ás súas políticas puido pasar a ter un alto cargo en Greenalia, unha das empresas que está detrás do proxecto de ALTRI.

        Pero debemos impedirllo, non podemos deixar que unha tropa sen escrúpulos e falta de calquera chisco de empatía co benestar do seu pobo destrúa e empobreza ao noso país; non podemos respaldar a quen obrigue á xente nova a migrar porque unha banda de sen-vergoñas lexisla e favorece a súa expulsión cara a outras zonas xeográficas onde poidan buscar a vida e o futuro que os que dirixen o seu país non lle permiten; e que, de rebote, converta á nosa Galiza nun país de vellos.

 ANEXOS:

14 marzo 2022

Seguen a roubarme. ...E fano coa lei na man !


     Teño escrito, en artigos anteriores, sobre o que eu denomino "roubos consentidos". E sigo a ter esa mesma sensación de que me están a roubar e de que isto é posible por dous motivos: unha, as ansias de certos directivos empresariais de que medren os seus ingresos dunha forma legal pero ilexítima e a costa do que sexa; e a outra, porque quen pode limitar eses roubos utilizando o seu poder normativo non utiliza esa capacidade lexislativa que ten para facelo. Loxicamente, unha e outra actitude parecen ter unha motivación clara de beneficio individual aínda a costa de provocar o sufrimento de maiorías.

      E por que penso que me están a roubar? A esta cuestión vou tentar de respostar co meu caso particular e referido ao consumo de enerxía eléctrica que, directamente, é o que máis me afecta. Aínda que non podo esquecer que a especulación dos combustibles sólidos que encarecen os custos do transporte, os prezos do gas natural, as marxes das comercializadoras de produtos alimentarios en fresco, ...e outras moitas outras explotadoras que empobrecen a produtores directos e a consumidores para beneficiar a grandes empresarios sen que ningún dos que teñen capacidade normativa tomen cartas no asunto. Uns, os do partido popular europeo, porque directamente os seus beneficiados son as súas fontes de financiamento e aqueles cuxos intereses representan. Outros, os socialdemócratas de Europa (ai, se Olof Palme puidera erguer a cabeza!), porque aspiran a competir cos anteriores no mesmo terreo. E os fascistas europeos porque seguen a crer ser os que deben beneficiarse por estar convencidos de que o que hoxe son os "ladróns consentidos" ten moito que ver con o que os seus antecesores nazi-fascistas (Hitler, Franco, Mussolini, Petain,...) dos diversos países europeos contribuíron a agrandar o seu poder; e non lles falta razón xa que a contribución dos seus antecesores ideolóxicos foi criminalmente moi activa e decisiva.

     Eu son vítima dunha comercializadora de enerxía eléctrica concreta; das que forman parte do chamado "oligopolio da enerxía"; compañía da que non vou dicir o seu nome, pero que podería ser calquera das que forman parte dese grupo de empresas ligadas estreitamente coas produtoras, que son as que nas subastas marcan os prezos da enerxía eléctrica que pequenos consumidores e empresas utilizamos, amais de ser as empresas que dominan (con permiso das autoridades europeas e de cada país) de forma inmisericorde os mercados. Aclarar que eu estou subscrito á tarifa PVPC, porque poñerse nunha do chamado mercado libre aínda me sairía máis cara; e iso por moito caramelo cos que as eléctricas aderecen as súas ofertas. Ao final acabas pagando o mesmo ou máis, por moito mes gratis que te ofrezan, porque te rebaixen unha hora ou un día de luz ou porque todos os domingos te desperten coa música dun mariachi ; os euros a 60 céntimos non existen.

      Esta situación de sentirme roubado empecei a sentila desde que se empezou a aplicar a nova tarifa eléctrica marxinalista aprobada pola Comisión Europea e respaldada polo Consello Europeo e que foi aplicada no Estado Español a partires do 1º de xuño de 2021. Tarifa eléctrica que se ven mostrando desde os seus inicios coma unha verdadeira tomadura de pelo e unha estafa para o conxunto dos consumidores. Empezando xa polos denominados períodos "val", "chan" e "punta", supostamente de menor a maior custo, respectivamente. Se observamos con detenimento isto dos "períodos de consumo" veremos que  é unha verdadeira entelequia semántica e un anzó para incautos que os gobernos utilizaron para "vender" o novo sistema tarifario: podes perfectamente poñer a lavadora para as 6:00 horas da mañá e foderlle a noite aos teus veciños para tentar que che saia máis barato o lavado, cando ao mellor se a puxeras ás tres da tarde o custo do mesmo lavado sería menor. É dicir: iso do prezo dos períodos é unha tomadura de pelo total. Podemos velo dunha forma clara na seguinte gráfica dos prezos correspondentes ao 10 de marzo pasado, cuxa fonte é ESIOS, unha páxina da Red Eléctrica Española, onde podemos ver que durante toda a xornada o prezo está por riba dos 40 céntimos por kilowatio e que o prezo ás seis da mañá (hora chan, na teoría) é máis cara que á unha da tarde (hora punta, na teoría).


      

O meu equipamento eléctrico.

       No meu caso, dicir que eu teño unha vivenda equipada electricamente dentro da normalidade. Os meus consumos eléctricos proveñen fundamentalmente dunha placa vitrocerámica, un forno, un micro-ondas, un frigorífico, un termo de auga eléctrico, un conxelador e cinco radiadores de "calor azul" (dous pequenos e tres medianos) que rara vez se encenden todos, e este ano menos, e un televisor. E o computador para ler a prensa, escoitar música e dar a vara a quen queira ler este espazo.

Os meus custos medios por Kw/h consumido nos anos 2020 e 2021.

     Para o cálculo deste dato teño en conta todos os conceptos que forman parte do custo total que conforman o que a min me custa a electricidade: cotas de potencia, custo do consumo e asociados, e impostos que se establecen sobre os distintos conceptos. É dicir, a totalidade da factura, que é o que realmente eu pago.

     Como se pode ver na seguinte táboa, que representa a evolución meus custos medios por kilowatio/hora consumido, a evolución das variacións interanuais dos prezos mes a mes e as variacións porcentuais mensuais durante o ano 2021 do custe que soporto polo concepto de consumo eléctrico.

    Como podemos ver na táboa, no ano 2021, aínda que o custe medio de cada Kw por hora consumido foi aumentando paulatinamente mes a mes, foi a partires do mes de xuño dese ano onde xa se disparou sen baixar dos 0,22 euros.

    En termos interanuais, comparando o mesmo mes dos distintos anos 2020 e 2021, podemos observar que xa no mes de abril de 2021 o aumento interanual do custo medio total foi do 71,4% respecto ao mesmo mes do ano anterior. Pero incluso a partires da rebaixa ao 10% do IVE e da rebaixa do imposto sobre a electricidade no mes de setembro de 2021 o aumento interanual mensual do custo medio total que me supuxo a electricidade elevouse dunha forma esaxerada, como se pode ver na táboa, acadando no mes de decembro de 2021 unha suba interanual do 744,6% do custo medio total sobre o mesmo mes do ano anterior. Afortunadamente nese ano 2021 o mes de decembro foi menos frío, que se houbera que poñer a calefacción o mesmo tempo que no ano 2020 a factura mensual eléctrica sairíame por case 1.700,00 euros; e xa non quero pensar o que sería o mes de xaneiro e febreiro. Afortunadamente, como veremos no análise do consumo, este foi menor debido á menor uso da calefacción. (Como podemos observar non fan falla as tonterías do Borrel nin da Botín para tirar menos da calefacción -iso queda para eles, que poden escoller- xa que outras persoas non temos máis remedio que axustarnos ás nosas dispoñibilidades económicas).

    Mais seguindo co que estabamos, a min o custo medio total anual do ano 2021 aumentoume un 360% sobre o do ano 2020 con redución de impostos incluídos, o cal é un verdadeiro escándalo.

    Se observamos a curva de custos medios comparados de cada mes dos anos 2020 e 2021, obtemos o seguinte gráfico:


    Observando o gráfico coido que sobran palabras para describir aos directivos e membros de órganos reitores das compañías eléctricas, así como a aqueles que teñen a capacidade normativa para actuar en defensa e amparo da cidadanía protexéndoa de abusos. Aínda que máis adiante, posiblemente, si o farei.

Os meus consumos nos dous últimos anos.

    Antes de nada, unha aclaración: non vai ir aquí un cómputo real dos kilowatios-hora consumidos por min nos anos 2020 e 2021. Para preservar o meu consumo da curiosidade que poden ter múltiples persoas relativicei os datos, poñendo como base de partida o mes de xaneiro de 2020 (primeiro mes considerado no estudo); de aí o valor 100% do consumo de ese mes, que para nada modifica a relación entre consumo e custo.

    Considerando esa salvedade, podemos ver na taboa que segue os meus consumos dos anos 2020 e 2021:

     Podemos observar que, agás nos meses de xaneiro e agosto do ano 2021, o consumo foi significativamente menor en todos os demais meses do ano, sendo significativo o descenso no último trimestre do ano 2021.

    E como xa temos visto antes o custo medio total de cada Kw-hora consumido foi aumentando paulatinamente a partires do mes de abril de 2021, acadando cotas totalmente indecentes a partires do mes de setembro pese á diminución dos importos que gravan a enerxía e o consumo.

    Esta é a gráfica que nos compara o meu consumo eléctrico dos distintos meses dos anos 2020 e 2021:


    Pese a ter rebaixado o meu consumo eléctrico do ano 2021 nun 20,05% sobre o ano anterior, o custo medio pagado por cada kilowatio-hora aumentou nun 81,57%. E o custo total que me supuxo aumentou nun 45,16%. Un roubo de luba branca realizado con permiso da autoridade correspondente.

En que direccións evolucionaron consumo e custe?

    Aínda que visto o anterior podemos facernos xa unha idea de cal foi a grande diverxencia entre consumo e custo medio do kilowatio-hora, se o poñemos nun cadro e nun gráfico pode ficar maís clara a diverxencia que mes a mes se foi producindo entre a variación relativa do consumo e a variación relativa do custo medio entre os anos 2020 e 2021.


    Taboa na que se aprecia perfectamente como diverxen nos distintos meses o consumo realizado e o custo medio do Kw-hora consumido. Mentres que o consumo se rebaixa en oito dos doce meses que ten o ano, o custo medio do Kw-hora só ten unha rebaixa significativa no mes de febreiro de 2021; o resto dos meses o aumento do custo é moi considerable. 

    Graficamente, os mínimos mes a mes, do consumo e os máximos do custo medio dános unha visión máis clara desa diverxencia:

    Como poderán observar polo anteriormente exposto non é nada raro que cada mes, cando chega a factura da luz, sinta que me están roubando. E que pense ser vítima dunha estafa organizada entre as institucións públicas que teñen capacidade para trocar esta situación e os directivos e órganos reitores das compañías eléctricas. Situación da que son prexudicados millóns de persoas residentes na Unión Europea, consumidoras e empresas.

"La culpa es del cha-cha-cha".

    Máis ou menos, que a culpa é do cha-cha-cha é o que nos veñen dicindo gobernantes e as comercializadoras de electricidade. Pelotas fora e os que teñen a culpa son os demais.

    Pero non, a culpa é de quen creou e aprobou o sistema de fixación de prezos da electricidade e das empresas que a comercializan por xunto. Os primeiros son os membros da Comisión Europea e os membros do Consello Europeo que deron o visto e prace ao sistema marxinalista de fixación de prezos; e os segundos os membros do oligopolio que domina o sector enerxético. 

    Un exemplo de prezos.    

En que consiste o sistema marxinalista de fixación de prezos? Imos describilo de forma resumida cun exemplo. Imaxínese que vostede é un despreciable suxeito que vende electricidade e que vai ao mercado onde esta véndese por xunto a adquirila para despois venderlla á súa comercializadora que a distribuirá á súa clientela, formada por consumidores domésticos e empresas retallistas. Nese mercado por xunto, vostede adquire o 98 Megawats (MW) da electricidade que necesita para cubrir a súa demanda a un prezo de 90 euros por MW; pero para completar a súa demanda ten que mercar 2 MW a maiores, e faino por 420 euros/MW que foi o último prezo da subasta. Realmente a vostede a totalidade da enerxía eléctrica adquirida saiulle a 96,60 euros por MW ou, o que é o mesmo, a 0,9660 euros por Kilowatio/hora (Kw/h). Pero a lei creada pola Comisión Europea permítelle vendela ao último prezo da subasta, é dicir, a 420 euros MW. Isto é: pode obter vostede un beneficio de 32.340 euros, é dicir do 334,78 %. E iso, sendo un indecente e despreciable suxeito, é o que vostede faría amparándose na lei.

    A isto habería que engadirlle os impostos e as peaxes que forman parte do custo total do consumo eléctrico.

De produtores-subastadores e comercializadores de electricidade

    Os mercados da enerxía, e entre eles o da electricidade, como todo o mundo debera saber e como xa se ten demostrado en numerosas ocasións por autores de diversa procedencia e ideoloxía, son mercados onde actúan moi poucas empresas e onde hai millóns de consumidores. Precisamente por mor desa condición, por ser un ben de primeira necesidade para o desenvolvemento vital e por mor de estar encadrado nun sistema económico no que impera o principio do máximo beneficio privado (e máis desde que a produción de enerxía pasou de ser considerado legalmente como "estratéxico" a ser considerado como "esencial") o mercado da electricidade é un mercado no que o abuso dos oferentes cara aos demandantes e os pactos entre as empresas para condicionar distintos aspectos do mercado é factible se nel non hai unha intervención decidida por parte dos poderes públicos de cara a protexer aos demandantes contra potenciais abusos. E no caso do mercado eléctrico europeo parece que esa necesaria intervención e regulamentación non só non existe, senón que a existente facilita os abusos por parte da oferta.

    Outro aspecto, tamén coñecido, denunciado e divulgado é a relación entre a maioría das empresas que comercializan a electricidade e as empresas produtoras, é dicir, entre as que a venden aos consumidores finais e as que xeneran e producen a enerxía, é unha relación directa. Agás unhas poucas pequenas comercializadoras e cooperativas alternativas que só venden electricidade procedente de fontes ecolóxicas, a meirande parte das comercializadoras eléctricas están ligadas a empresas matrices que forman parte do oligopolio eléctrico. Isto significa que non é so o mercado da produción, senón tamén o da distribución o que está controlado polo oligopolio da enerxía.

    Non nos estrañemos, tampouco, das actuacións das empresas eléctricas e da falta de principios que teñen amosado nas súas actuacións. Sen ir máis lonxe no tempo, so temos que lembrar as denuncias do pasado outono de baleirado de encoros sen un motivo xustificado por parte dalgunhas eléctricas. E se tiveramos que voltar á historia pretérita, poderiamos empezar polas actuación de FENOSA e os seus propietarios na Galiza en connivencia co corrupto réxime franquista; e así todas e cada unha das actuais grandes empresas do oligopolio eléctrico.

    E xa non nos imos parar aquí a falar dos que venden o gas natural ás empresas eléctricas para a xeneración de enerxía eléctrica no ciclo combinado. O que si hai que deixar claro é que tamén forman parte do oligopolio da enerxía e que para nada me extranaría que neste ámbito se poideran producir acordos destinados a incidir no mercado eléctrico.

    Quen resulta beneficiado deste sistema de prezos eléctricos?

    Os primeiros beneficiados son os directivos das empresas que conforman o oligopolio eléctrico. Normalmente as súas retribucións adoitan estar ligadas á consecución de obxectivos e beneficios. E a consecución de altos beneficios e outros obxectivos significa recompensas económicas para eses directivos a través de bonus, stock-options, agasallos de recompensa, etc. Evidentemente, o poder fixar prezos de venda ao prezo da última entrada se esta é a máis cara resúltalles beneficioso. E non é que teñan que fixar o prezo máis caro, senón que poden facelo porque a lexislación o permite e porque iso significa maiores beneficios; perfectamente podería fixar o prezo cun marxe razonable de beneficio se a súa base fora o prezo medio de adquisición de cada MW, pero iso non lles sería rendible persoalmente; non poderían acumular e acumular ata apodrecer afogados en cartos e propiedades; e o benestar do conxunto da poboación parece darlle o mesmo. Non son todos iguais, pero si a maioría polo que se ve.

    Pero tamén os órganos reitores desas empresas teñen moito que dicir. Son os consellos de administración os que determinan a política xeral das sociedades; os que poden condicionar as actuacións dos directivos sobre calquera dos aspectos de xestión das empresas (prezos dos produtos, políticas de persoal, políticas de seguridade e hixiene, instalacións e centros de distribución,etc.). Por iso eles tamén son culpables e cómplices necesarios da fixación dos prezos da electricidade. E en numerosos consellos de administración das empresas do oligopolio, polo menos nas empresas domiciliadas en España, hai numerosos ex-ministros, ex-ministras e ex-presidentes de gobernos do Estado presididos tanto polo Partido Popular como polo PSOE; e incluso hai algún que ten formado parte da Comisión Europea. Eles e elas tamén se benefician. Estes tamén saen beneficiados

    Conforme nos órganos reitores das empresas eléctricas con actividade no Estado Español hai ex-políticos que exerceron postos públicos de responsabilidade na ordenación do sector eléctrico, temos que supoñer que o mesmo pasa noutros países da Unión Europea cos seus políticos. Unha práctica cuestionable pero que aí está.

    Logo, as únicas persoas beneficiadas pola actual política de fixación dos prezos da enerxía eléctrica son os directivos desas empresas, os seus accionistas maioritarios, os membros dos seus consellos de administración e os políticos aspirantes a traspasar unha porta xiratoria que lles leve a acadar unha poltrona nunha empresa do sector ou dalgunha outra asociada.

 Por que, de súpeto, o sábado pasado baixaron os prezos?

     E hoxe seguen a baixar. Parece que alguén veulle as orellas ao lobo. Os prezos de xeración de enerxía eléctrica seguen o seu curso; din que a participación da electricidade xerada polo ciclo combinado segue a ser partícipe a mesma que antes, mais os prezos modéranse, aínda que seguen altos, e a tomadura de pelo dos períodos de consumo segue a ser a mesma (hoxe, por exemplo o Kw/h menos caro o das 4:00 horas é de 14:00 a 16:00 horas).

    En días anteriores, coa escusa da invasión rusa de Ucraína, o prezo eléctrico púxose polas nubes. Un verdadeiro atraco, pois España non depende para nada do gas natural ruso, cousa que se deixou clara desde un primeiro momento, polo que non hai escusa para o atropelo ao que fomos sometidos. Foi a avaricia dos impresentables e desvergonzados directivos eléctricos, que aproveitaron as desgrazas alleas para "metérnola dobrada" ao través dos prezos. Lixo.

    A cidadanía empezamos a estar máis que fartos desa tropa de estirados de colo branco. E non me cabe a máis mínima dúbida de que algun día, máis ou menos tarde, imos estoupar

    Ata os grandes empresarios se queixan dos prezos que os seus colegas eléctricos e da enerxía en xeral están a poñer aos seus produtos enerxéticos. E incluso gobernos de diferentes países da Unión Europea, dos que antes só saían verbas para desculpar aos estafadores da luz, están a dicirlle aos ínclitos membros da Comisión Europea que iso non pode ser, que hai que trocar o sistema de fixación dos prezos da enerxía eléctrica.

    En fin, ou rematan por vía lexislativa coa estafa da luz e doutros produtos enerxéticos e meten en cintura ás empresas do oligopolio da enerxía ou isto vai estoupar dun xeito descontrolado. E as voaduras descontroladas nunca foron boas, pois nunca se sabe cal vai ser o seu resultado.

Para rematar, algunha pregunta.

    Cando iniciei este artigo a miña intención era tocar o tema da enerxía e o seu prezo na Galiza mais por exceso de contidos vou pasar do tema. Pero o que si me saen son algúns interrogantes; entre eles estes: 

    1) Se na Galiza somos excedentarios na enerxía eléctrica que producimos e esta procede na súa totalidade de fontes renovable, por que temos que pagar tan alto prezo por ela? E por que temos que pagar peaxes como se a tiveramos que traer desde fora?; 

    2) Se somos excedentarios de enerxía, por que nos teñen que encher de eólicos o noso territorio hipotecando os usos dos terreos que arrodean eses eólicos, desvalorizando as nosas propiedades semi-rurais e escarallando un dos mellores valores que o noso país ten?; 

    3) Por que PSOE e Partido Popular néganse unha e outra vez a que Galiza poida ter unha tarifa eléctrica propia axustada á súa condición de produtora e ás súas necesidades? 

    Hai moitos máis interrogantes, pero quedámonos aí.

10 outubro 2021

Roubos Consentidos (I): O Roubo Eléctrico

 

Este artigo empezou a parirse o martes 10 de agosto de 2021e hoxe (xa choveu dende aquela) xa é un día de mediados do mes de novembro. Nun principio ía tomar a forma de “carta aberta” ao Presidente Sánchez, mais as cousas torcéronse e un artigo que ía ser feito para o curto prazo (por motivos que non ven ao caso explicitar) alongouse no tempo da súa confección. Xa que logo, reiniciamos a mesmo e imos dividilo en varias partes que irán publicándose a medida que o meu maxín e a miña impericia redactora o determinen. Imos aló.

Que entendo por “roubos consentidos”?

Durante os últimos tempos estamos asistindo a unha onda de roubos sen precedentes perpetrados contra a maioría da cidadanía do Estado Español. E cando falo de roubos non estou a falar dos contemplados coma tales no Código Penal español; da mesma forma que cando fale de ladróns non me referirei ao modelo de tal figura descrito no citado código, senón aos coñecidos popularmente como ladróns “de luva branca”, ou “de colo branco” cuxas actividades non son obxecto de tratamento, nin de asignación de procesamentos ou penas polos diferentes códigos lexislativos nin por parte de xuíces ou xuízas, pero cuxas actividades non delitivas si son altamente antisociais e teñen uns efectos altamente destrutores sobre o conxunto da sociedade, sobre todo sobre aquelas persoas que teñen unha menor capacidade económica e de resistencia diante deste tipo de roubos masivos.

Tampouco voume referir a outro tipo de agresións á poboación perpetrado polos mesmos suxeitos e coas mesmas condicións legais, como poden ser os atentados contra a natureza por diferentes vías e que condicionan os futuro da humanidade e dos humanos descendentes dos que hoxe poboamos a Terra e tamén, polo tanto, dos da Península Ibérica. Vou, simplemente, a referirme a aqueles roubos perpetrados pola vía dos prezos e que teñen consecuencias negativas inmediatas na vida da cidadanía.

Sabemos, polas teorías da mercadotecnia, que tanto lles gustan aos perpetradores destes roubos legalizados, que unha variación no prezo ten un efecto case inmediato no consumo dun produto). E que cando ese produto é de primeira necesidade o que descende é o consumo doutros que forman parte da cesta da compra; ou, no caso de que a cesta da compra se limite a produtos imprescindibles, se prescinde do seu pagamento ou consumo. Isto é o que está a pasar nun territorio, España, no que a meirande parte dos fogares non dan chegado a fin de mes, incluso aqueles cuxos membros gozan dun traballo remunerado.

Unha característica destes “roubos” ou “malos tratos” non perseguidos nin penados polas leis é que todos eles contan coa complicidade pasiva, cando non activa , das diferentes administracións públicas, que en lugar de defender á cidadanía ben miran para outro lado ou ben apoian decidida e lexislativamente tales desmáns (como, por exemplo, as desfeitas provocadas no sistema natural galego, incluso na Rede Natura, pola prevista invasión das eólicas).

De seguido imos ir paso a paso polos principais focos de roubo de luva branca aos que nos vemos sometidos os e as cidadáns; roubos contra os que, para evitalos, sentímonos impotentes debido a quen quen pode e debera evitar esa situación non actúa nin coa contundencia necesaria nin coa contundencia medio pensionista. Máis ben bota balóns fora e amosa unha mal disimulada e indignante compracencia coa situación. 


 

As eléctricas, sobre todo, e as enerxéticas en xeral.

Róubannos as eléctricas; e nos últimos tempos cunha agresividade prolongada e intensidade aumentada por días; a factura da luz é cada mes máis cara. Parece ser que debido ao sistema de fixación de prezos, onde as empresas produtoras de luz se amañan para facer que na puxa diaria o prezo da enerxía que venden ás empresas comercializadoras (a maior parte delas son empresas participadas maioritariamente ou totalmente pola propias produtoras) estea fixado polo proceso de obtención máis custoso, aínda que este teña unha mínima participación na produción total acadada. Un verdadeiro despropósito e un verdadeiro roubo ás persoas consumidoras. Igualmente, segundo denunciaban días atrás en varios lugares de Zamora, Extremadura e,tamérn, na Galiza, baleiran embalses para cobrar enerxía de baixo custo de produción a custo de enerxía de coxeración con gas natural. Un funcionamento indecente e que parece concertado entre todas as produtoras, nun réxime de total e impune oligopolio. E a CNMC ? Acaso mirando a ver se pasa algún burro voando? E a Unión Europea “dos cidadáns”? Pois a UE ao servizo dos monopolios e a gran burguesía, que é a súa vocación desde o Tratado de Lisboa para aquí.

E a ministra do ramo, o 12 de agosto na Cadena SER, botando pelotas fora coma si a cousa non fora con ela; que se Europa, que se as produtoras, que se o sistema de fixación dos prezos, que se Putin, que se cando caduquen as concesións empresa pública de hidráulica (cando xa nos teñan espremidas as eléctricas, acaso?), botando pola boca para fora: bla, bla, bla, bla... Ah! E os consellos de administración das eléctricas acollen no seu seo a ex-membros de distintos gobernos desta democracia (post-franquista ?) xunto cos procedentes das familias franquistas de toda a vida. É o que teñen as portas xiratorias que non se dan tapiado dunha vez por todas. Eu non sei si a ministra ou alguén que manda máis que ela no Consello de Ministros aspira a formar parte da colección amosada por Cristina Fallarás no seu excelente artigo “Aquí va su triste leyenda, vicepresidenta Ribera”, editado por Público pasado 14 de agosto. O certo que a defensa dos consumidores que está a facer este autodenominado “goberno progresista” é moi pobre, por non dicir nulo. Neste aspecto do prezo electricidade máis parece un goberno ao servizo do oligopolio eléctrico que ao servizo da maioría da poboación; non podo evitalo e cada vez máis venme á cabeza ese lema amplamente difundido de “PSOE, PP, a mesma m_ _ _ _ _ é”. Pero claro, iso xa o sabía eu desde o segundo goberno de Felipe González.

E o mesmo pasa cos prezos dos combustibles de automoción, que curiosamente soben cando se intúen mobilizacións masivas de automóbiles. Quizás será que o prezo internacional do petróleo sube en función das vacacións dos españois. Os recursos argumentais “económicos” cos que se escusan enerxéticos e politiquiños de tres ao carto non é nada críbel.

Outro tanto pasa co gas natural ou o butano, uns elementos de primeira necesidade para multitude de familias, cuxo prezo aumenta sen parar día tras día. E que o goberno non me conte “macanas” como as da súa ministra na entrevista radiofónica mencionada, que dicía que eles non dirixían a Putin para que puidera baixar o prezo do gas natural.

Supoño que no resto da Europa teñen os mesmos custos máis os prezos son inferiores (agás en Portugal); posiblemente os empresarios son menos piratas e menos ladróns que os da Península Ibérica. En fin aos do oligopolio eléctrico non lles chega con foder o medio ambiente con presas, mini-centrais, eólicas e outras barbaridades non sustentables, que ademais esquilman os petos da cidadanía con total impunidade.

Teño que lembrar que recentemente o Goberno do Estado accedeu a que un fondo voitre fixera unha OPA sobre Naturgy, con todo o que iso pode implicar non só para o futuro enerxético e a sobrevivencia e mantemento técnico da empresa e as súas instalacións físicas de cuxo correcto mantemento depende a supervivencia física de numerosas poboacións. Estou a pensar, por exemplo, nos núcleos poboacionais das concas do Sil e do Miño onde o bo mantemento dos encoros é esencial para evitar desastres. E supoño que como estes haberá moitos outros.

Porque non unha empresa pública de enerxía que actúe no mercado como modo de regular a competencia e moderar as salvaxes fames de beneficio dos actuais actuantes nel? E que ninguén me diga que Europa non o permite, porque iso sería unha falsidade coma un piano de grande.

O próximo “roubo consentido” do que falarei (non sei cando) será o practicado polas entidades bancarias.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...