Amosando publicacións coa etiqueta Fraga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fraga. Amosar todas as publicacións

15 xullo 2023

PARTIDO POPULAR: O SECUESTRO DAS LIBERDADES

                 

    A ninguén que teña algo de idade e/ou coñecemento da historia real recente deste país se lle pode escapar cal é a natureza do que hoxe é o Partido Popular (sobre todo a acaecida entre durante a ditadura de Franco, a data da morte do criminal ditador e as eleccións constituíntes de 1977). Tanto no conxunto do Estado Español coma na Galiza as persoas que o construíron, na súa maior parte definitoria e decisiva nas políticas da ditadura, foron destacados elementos fortemente vinculados en diferentes graos ao réxime criminal do ditador Franco.

    Posiblemente a xente máis nova descoñeza a natureza real do Partido Popular (PP), entre outras cousas porque eles (e os seus cómplices da transición do franquismo ao Estado constitucional de hoxe) ocupáronse de que todos os  seus “trapicheos” e “texemanexes” que urdiron ata acadar este sistema pseudodemocrático actual non foran coñecidos polas novas xeracións nacidas, ou de idade moi temperá, despois dese período da historia da chamada España.

1) As orixes políticas do Partido Popular.
     No ano 1975, despois da morte do criminal Franco, cúmprense os desexos deste e queda coma xefe do Estado franquista e ditador do mesmo don Juan Carlos de Borbóni, sendo Presidente do Goberno criminal Arias Navarro e Ministro da Gobernación (o que hoxe sería interior) Manuel Fraga Iribarne, que xa desempeñara dito cargo no derradeiro goberno de Franco e que foi corresponsable dos asasinatos perpetrados pola ditadura o 27 de setembro do ano 1975 e máximo responsable das torturas sufridas nas dependencias policiais por persoas que loitaban pola democracia ou que, simplemente, discrepaban publicamente das formas e métodos do réxime asasino e criminal de Franco e/ou Juan Carlos de Borbón (1).

    A formación do Partido Popular (cuxo principal impulsor foi Manuel Fraga) coido que podemos afirmar que empezou a xestarse no ano 1976 baixo outro nome e con base nas normas creadas polo goberno de Arias, despois de que ao goberno español presidido por este, do que facía parte Manuel Fraga Iribarne como Ministro de la Gobernación, enunciara aquilo ao que lle chamaron “espírito do 12 de febreiro” presentado nas cortes franquistas no ano 1974, que era un intento do franquismo de perpetuarse no sistema, tentando de coar un remedo de democracia, con base nunha lei de “asociacións políticas” que coartara calquera tipo de organización discrepante e crítica co réxime e os seus mantedores, cómplices dos crimes perpetrados polo réxime do criminal Franco.

      Este remedo de democracia que pretendían instituír os criminais franquistas non foi aceptado pola burguesía española (era malo para o negocio) nin polas burguesías europeas (2) , polo que ao réxime franquista non lle quedou outra que a de tentar evolucionar a un modelo homologable politicamente pola Comunidade Económica Europea (CEE) (organización que posteriormente desembocou na actual Unión Europea).

    Non vou falar aquí do proceso da transición do franquismo ao réxime monárquico actual porque xa hai bastante literatura sobre o proceso. O que si direi é que os acordos entre os corresponsables dos crimes do franquismo, potencias europeas e os USA, e unha parte da oposición ao franquismo (fundamentalmente o PSOE de Felipe González e Guerra e, posteriormente, o PCE de Santiago Carrillo e Tamames) posibilitaron que políticos, policías, militares, membros do aparello xudicial e civís implicados directamente ou responsables de crimes de lesa humanidade puideran ser xulgados e/ou condenados polos seus crimes.

    É nese último goberno de Franco e primeiro de Juan Carlos de Borbón no que podemos situar as orixes do Partido Popular, primeiro como Alianza Popular e posteriormente xa coma Partido Popular. E o seu principal impulsor foi Manuel Fraga Iribarne, unha persoa comprometida, corresponsable dos crimes franquistas desde distintos gobernos da ditadura e peza fundamental no labor de mordaza e represión xerado polo réxime do criminal Franco.

2) De Alianza Popular ao Partido Popular.

    Nace Alianza Popular (AP) como un partido que ten por obxecto a preservación das esencias do franquismo e a protección do seu nefasto legado. Isto dáse nunha situación irreversible para o franquismo, na que o réxime fica xa sen apoios importantes tanto no interior coma no exterior; onde a maioría da clase política vinculada ao franquismo e á falanxe fascista se encadra nun partido de novo cuño chamado Unión de Centro Democrático (UCD), impulsado por Adolfo Suárez, ex-ministro de Franco e ex-secretario do Movemento Nacional falanxista. Nese partido encadráronse persoas procedentes do franquismo militante (3) que, sen condena e renuncia expresa do franquismo, buscaban unha reforma política homologable ás europeas e outras persoas de ideoloxía demócrata-cristiá (como Oscar Alzaga), persoas de dereitas non vinculadas ao franquismo (como Garrigues Walker) e persoas vinculadas aos movementos monárquicos tradicionais (como Rafael Calvo Serer) pero que desexaban un cambio no réxime político español cara á democracia.

    Son fundadores, entre outros, de Alianza Popular varios franquistas significados, implicados ata as trancas nos gobernos, na ideoloxía e nas actuacións do réxime de criminais creado cos despoxos da guerra civil española e protexido e financiado pola oligarquía española do tempo (que é a mesma de hoxe con outros nomes); os máis destacados destes elementos fundadores de Alianza Popular foron: Fraga Iribarne (ex ministro de Franco, ideólogo da transición desde o franquismo e fascista contumaz, principal responsable como ministro de Gobernación do asasinato pola policía de varios obreiros en Vitoria no ano 1976), López Rodó (tecnócrata do Opus Dei, fascista e ex-ministro de Franco), Federico Silva Muñóz (membro de Acción Católica de Propagandistas -unha das cotas nacionalcatolicas do franquismo- ex-ministro de Franco e ultradereitista declarado), Cruz Martínez Esteruelas (ex-ministro de educación franquista) e Gonzalo Fernández de la Mora (un dos principais ideólogos dos últimos tempos do falangismo, autor dun opúsculo fascista que leva por título “El crepúsculo de las ideologías” e outros numerosos opúsculos de carácter fascista e confesional; a súa ideoloxía extremo fascista levouno a abandonar AP, xunto con Silva Muñóz, cando este partido apoiou a Constitución de 1978). Hai que significar que todos eles formaban parte de distintas “asociacións políticas” creadas a partir do “Estatuto de Asociaciones Políticas” de 1974, ao que nen sequera se acolleron aqueles franquistas que querían unha reforma que fixera do Estado Español unha democracia homologable pola CEE (4).

    No ano 1981, despois do fallido(?) de golpe de estado do 23 de febreiro, iníciase unha progresiva descomposición da UCD que se acelera coa vitoria electoral do PSOE de 1982. Conscientes da decadencia do seu partido moitos dos seus dirixentes máis destacados empezaron a situarse noutros partidos. Uns poucos cara ao PSOE e a maioría cara a Alianza Popular. No ano 1989, da man de Manuel Fraga, que da por finalizada a etapa de AP, fúndase o Partido Popular, un partido autodefinido como de centro dereita pero que no fondo mantivo as esencias que levaron á fundación do seu predecesor Alianza Popular e que na actualidade segue a manter: preservar o infausto legado da ditadura criminal franquista e tentar de manter as súas esencias, tanto no obxectivo de servir á oligarquía financeira española como de evitar que os crimes do franquismo puideran ser coñecidos polas futuras xeracións e que os responsables vivos dos mesmos tiveran que render contas das súas actuacións delitivas diante dunha xustiza democrática (5).

3) O Partido Popular desde a súa fundación ata a actualidade.

    A verdade é que da historia do Partido Popular desde o seu nacemento ata hoxe podemos dicir que fai bo aquel dito que reza que “cambian as moscas pero a merda segue a ser a mesma”. 

    Pasou por diferentes etapas, trocou ás súas cabezas visibles varias veces, ...pero segue a ser aquel partido que defende a capa e espada os intereses oligarquía española máis rancia, que non dubida en artellar mecanismos de represión dos movementos populares se considera que están a poñer en cuestión as súas políticas ou estima que os intereses daqueles aos que defende con prioridade están sendo postos en cuestión, que non dubida en aliñarse a nivel internacional coas posicións máis reaccionarias e destrutivas para defender os intereses do capitalismo internacional, que non ten dubidado recorrer á corrupción para financiarse como xa teñen fallado algúns tribunais nos distintos territorios e en diferentes instancias xudiciais, e con multitude dos seus máximos dirixentes condenados ou procesados por causas de corrupción de distinta índole.

    Chegando incluso a crear unha policía política dedicada a tratar de defenestrar aos opoñentes aos seus dirixentes, tanto no exterior como no interior do seu partido; unha policía política dirixida por indecentes membros en activo e xubilados da policía, algúns deles con acusacións de ter realizado torturas durante o réxime fascista de Franco, que utilizaban os medios públicos para realizar as súas falcatruadas. É dicir, o Partido Popular representou e representa a esencia do franquismo: defensa do máis reaccionario, corrupción e represión.

    Por outra banda é un partido trapalleiro e mentireiro; nas campañas electorais e nas súas argumentacións cotiás utiliza numerosas mentiras como base das súas argumentacións, falsidades que a súa prensa afín non dubida en estender de forma impune e acrítica, como temos contrastado na Galiza ao través de medios afíns ao Partido Popular, que son a inmensa maioría dos que hai neste país (como noutras partes do Estado, onde a prensa, as emisoras de radio e as cadeas de TV están controladas polo gran capital); é o PP un partido que bota man de situacións pretéritas xa inexistentes para poñelas coma se foran realidade actual; que acusa a outros de actuar coma o fixeron os seus ascendentes políticos e como o fan  eles cando están nos gobernos (“pensa o ladrón que todos son da súa condición”), de non trocar as súas actuacións nin renunciar ao seu pasado cando son eles os maiores defensores dos asasinos aos que queren manter e homenaxear en rúas e prazas.

    En fin, un partido que non pasa sequera un superficial análise de ideoloxía e prácticas democráticas.

    Aznar, coas súas guerras ilegais e as ocultacións dos responsables do atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid, así como a súa iniciativa de liberalizar o chan en favor das grandes construtoras que trouxo consigo unha crise que aínda hoxe non damos superado. Mariano Rajoy e toda a podremia corrupta posta ao descuberto durante o seu mandato e as súas iniciativas económicas para reforzar ao gran capital aínda a costa de empeorar de forma grave a situación das clases menos podentes economicamente, o seu baleirado da caixa das pensións, conxelación das mesmas e o endebedamento do Estado para favorecer á banca e ás grandes empresas (aí están o caso das autoestradas radiais de Madrid ou o caso Castor fronte ás costas de Valencia, escándalos económicos realizados para favorecer ás construtoras de obra pública ou as empresas de Florentino Pérez, respectivamente; ou os inxentes fondos para o rescate bancario durante a crise financeira que non foi reintegrado ás arcas públicas como prometían facer).

    Son unha constante en todos os gobernos do Partido Popular as políticas de rematar cos servizos públicos esenciais como a educación, a sanidade ou a atención ás persoas dependentes procedendo á súa degradación e/ou privatización e poñéndoos en mans de fondos de investimento, negocios financeiros ou de organizacións ligadas a confesións relixiosas, baleirando de contido a obrigatoriedade do Estado de prover deses servizos de calidade á cidadanía e deixándoos como nicho de grande negocio para o gran capital beneficiario desas políticas.

    Chegan ao extremo de vender a fondos voitre vivendas sociais construídas polos concellos ou comunidades autónomas para a súa venda ou alugueiro ás persoas con menos recursos económicos, permitindo que eses fondos especulen con esas propiedades ao través do prezo dos alugueiros e desafiuzando a aquelas persoas (a maioría dos usuarios) que non poidan facer fronte ás subas das rendas de aluguer.

4) Disensións e abandonos no seo do Partido Popular. A creación de Vox.

    Durante o goberno de Mariano Rajoy, unha parte considerable do capitalismo español máis rancio veu ameazados os seus privilexios diante do que parecía ser un avance dos movementos populares de base como o 15-M, as Marchas da Dignidade, as plataformas de afectados polas hipotecas e toda unha serie de organizacións ligadas ás persoas e colectivos máis afectados pola crise creada polas institucións financeiras, como os movementos dos “preferentistas” ou de pensionistas. Dende o goberno de M. Rajoy impulsáronse políticas represivas para limitar as actividades deses colectivos e as liberdades democráticas, reflectidas nos cambios no Código Penal e na creación da Ley de Seguridade Cidadán (a famosa Lei Mordaza) para tratar de parar e reprimir os movementos sociais e sindicais así como para limitar a liberdade de expresión que estaba a brotar nas redes sociais. Esa lexislación de clara orientación fascista significou numerosas penas de cadea e multas a persoas que simplemente reclamaban o que os bancos roubáranlle, que expresaban a súa opinión en diferentes plataformas ou a sindicalistas mobilizados en defensa das súas condicións e postos de traballo. Igualmente, ese mesmo goberno modificou o marco das relacións laborais para posibilitar unha maior explotación da clase obreira por parte do empresariado e a concentración de capitais en menos mans, provocando o empobrecemento dunha parte moi importante da pequena burguesía ligada ao pequeno e mediano comercio e industria.

    Pois a eses rancios capitalistas non lle bastaban esas políticas represivas e antisociais. Querían unha marcha máis atrás, que recortara aínda máis os dereitos sociais e que aumentara os seus privilexios. Para iso acudiron ás persoas que dentro do Partido Popular puideran estar máis próximas ás ideas fascistas e represivas, tentando de aglutinar en torno a elas á xente non só procedente do PP, senón a outras persoas encadradas en movementos e colectivos de carácter fascista e nazi diseminados polo Estado, a membros e organizacións de carácter ultrarrelixioso e confesional, buscar os apoios dos elementos máis fascistas e integristas da Igrexa Católica como o o que foi bispo de Alcalá de Henares ou o famoso integrista bispo Cañizares. Estes especímenes nazi-fascistas foron dotados, tamén, de medios de comunicación de masas para extender a súa influencia, políticas, manipulacións e mentiras. E a finalidade desa busca foi a de crear unha organizacións de reserva, un organismo de choque como foron as S.A. da Alemaña de Hitler, a Falange Española de José Antonio Primo de Rivera durante a IIª República Española ou os Camisas Negras da Italia de Musolini.

    A persoa indicada para poñerlle cara a esa nacente organización nazi-fascista era Santiago Abascal, militante do PP de Euskadi escondido en Madrid baixo a protección de Esperanza Aguirre nun chiringuito creado ad hoc para facilitarlle un soldo que lle permitira vivir comodamente. Xunto a el, puxéronlle algúns personaxes madrileños, andaluces e valencianos de recoñecida ideoloxía nazi-fascista. Iso foi o que deu lugar ao que hoxe é Vox, un partido nazi-fascista, antiobreiro, machista en extremo, homófobo e xenófobo, partidario da represión xeneralizada en defensa dos privilexios duns poucos, que nega a realidade do cambio climático... En definitiva, uns perfectos servidores dos intereses da oligarquía internacional máis reaccionaria, o clásico partido historicamente creado e financiado por esa oligarquía para servirlle de forza de reserva. Un partido que, como o Partido Popular, quer gardar as esencias e preservar o infausto e criminal legado do franquismo. Un partido, Vox, que ten as mesmas orixes que o Partido Popular e que ten por obxectivo os mesmos fins. A diferencia, agás nas formas, non existe.

5) O Partido Popular na actualidade.

    Despois dunha breve paréntese e declive de Pablo Casado, encárganlle ser a cabeza visible do Partido Popular a un personaxe de triste recordo na Galiza; un personaxe que debe a súa pervivencia ao descarado apoio recibido da inmensa maioría duns medios de comunicación -dominados pola extrema dereita económica de Galiza ou cadeas editoriais conservadoras de ámbito estatal- totalmente acríticos e aliñados con el, e ocultadores das súas incompetencias; e a ser un fiel e acrítico servidor da burguesía que opera na Galiza: Nuñez Feijóo.

    Podemos definir a este novo presidente dos populares anti-populares coma un político mentireiro e sen vergoña, virachaquetas sen principios, inculto funcional e vasalo do poder máis produtivo. Pero deste suxeito indesexable xa falaremos nun próximo artigo con máis detalle (espero poder facelo antes do 23 de xullo). Non coñezo persoalmente a ese senvergoña político, mais supoño que non será moi diferente na súa vida persoal, polo que mellor telo o máis lonxe posible. So pensar que ese señor pode converterse en presidente do goberno español prodúceme arrepíos.

    En todo caso, coido poder afirmar con rotundidade, a vista dos resultados, composición de concellos e comunidades autónomas resultantes dos pactos realizados entre Vox e o Partido Popular que este último, como o primeiro, é un partido fascista, sen principios democráticos, que usa a mentira como arma política e que desvirtúa a realidade para tentar de acadar as súas ambicións e servir a aqueles que o manteñen economicamente.

    Un partido que mantén lideres de ideoloxía e prácticas claramente fascistas como poden ser Isabel Díaz Ayuso ou o actual alcalde de Madrid, ou que pacta cos nazis para limitar o cambio climático, para desvirtuar a educación da infancia na escola e a da adolescencia nos institutos, para manter a opresión da muller e reprimir os dereitos LGTBIQ+, ou para evitar o coñecemento da verdadeira historia do estado Español e impedir honrar a memoria daquelas persoas que defenderon a legalidade democrática do ano 1936, etc.; só por facer unha mínima relación das intencións deses sátrapas. Un partido das características que definen ao Partido Popular non debería poder gobernar un país.

    Xa o expresei as miña visión do nazi-fascismo no Estado Español nun artigo anterior publicado neste blog baixo o título de “PP e Vox: as dúas caras do actual nazi-fascismo español”, que vou completar cunha ligazón a un artigo de Juan Diego Botto, “Libertad de expresión artística” publicado en eldiario.es, onde se nos amosan toda unha serie de agresións á cultura protagonizadas por Partido Popular e Vox en distintos concellos despois da recente constitución das novas corporacións municipais saídas das eleccións do 28 de maio pasado.

__________________________________

Índice de Notas:-

(1) Hai que lembrar que Juan Carlos de Borbón non era o herdeiro lexítimo na liña de sucesión borbónica, xa que de seguir esta correspondería o trono ao seu pai Juan de Borbón, fillo de Alfonso XIII. O do nomeamento de Juan Carlos coma rei foi cousa do ditador Franco, polo que á morte deste foi o seu sucesor o que continuou coma ditador dun réxime criminal e fascista, asumindo as súas mañas e os seus ataques ás aspiracións democráticas da cidadanía, mantendo encarcerados a numerosos membros da oposición antifranquista e coa continuidade das detencións de opositores, os asasinatos e as torturas a cargo da policía e da Guardia Civil e de elementos das tramas fascistas ligadas ao réxime ditatorial.

(2) Daquela, o que hoxe é a Unión Europea aínda tiña principios éticos á hora de aceptar países membros e un dos requirimentos básicos esixidos para a pertenza á mesma era ter un réxime democrático comparable ao dos países que a integraban. Como sabemos, hoxe esa calidade ética xa non existe, o único que interesa son os negocios por riba de calquera outra consideración ética ou de respecto ás liberdades: se Turquía da negocio, pois que entre; se Polonia e Hungría incumpren todo o relativo ás liberdades democráticas, pois que o incumpran e se queden, etc.

(3)  Por exemplo, na Galiza integráronse no UCD os irmás Rosón, destacados e activos militantes falanxistas durante o golpe de Estado franquista do 18 de xullo de 1936. Sobre un deles publicóuse na revista Interviu unha reportaxe que narraba as súas andanzas coma “paseante” de persoas críticas co fascismo.

(4)  Hai quen cita a José María de Areilza, monárquico, ex-ministro no primeiro goberno de Juan Carlos e fundador de UCD como membro fundador de Alianza Popular. É un erro no que cae moita xente; eu mesmo teño caído nel.

(5)   Do mesmo modo que pasou co exército, a policía, a Guardia Civil e os civís responsabeis de crimes no franquismo, o aparato xudicial tampouco foi depurado, mantendo moitos dos seus membros postos de relevancia na administración de xustiza e adquirindo posicións de responsabilidade dentro da xudicatura con todo o que iso significou, e significa, para un desenvolvemento harmónico e conforme aos principios democráticos da transición desde a ditadura.



06 xullo 2023

PP e VOX: as dúas caras do actual nazi-fascismo español

        Pasadas as eleccións municipais e autonómicas do 28 de maio e vistos os resultados das distintas composicións dos gobernos rexionais e municipais alí onde Partido Popular e Vox se xuntan para acadar a maioría cuns pactos que está moi claro que teñen ámbito estatal e son preparatorios dos posibles que saian dos resultados das vindeiras eleccións do 23 de xullo (aínda que os fascistas do partido que nominalmente lidera Núñez Feijóo o neguen). Isto dános unha pista (para quen non o soubera ou quixera estar inmerso no engado) de quen son realmente os membros do Partido Popular e, por suposto, confírmanos o que xa sabíamos dos nazi-fascistas de Vox, o partido liderado por Abascal.

        Para aqueles que voluntariamente estaban sumidos no engado respecto ao Partido Popular agora as cousas deberían estar claras, unha vez coñecidas as primeiras iniciativas deses gobernos conxuntos saídos dos citados pactos . Partido Popular e Vox son as dúas caras visibles do fascismo español na actualidade; e as súas representacións persoais están enfocadas no “moderado” Núñez Feijóo e no recoñecido nazi-fascista Santiago Abascal, respectivamente.

O bo trato dos medios ao fascismo.

        Non pretendemos descubrir aquí, nin desmontar, quen son os dous nefastos personaxes que poñen a cara para servir aos intereses da capitalismo máis rancio do Estado Español. Tampouco imos pretender rifar a aqueles que sen ter en conta a historia pretérita do personaxe, ou á súa historia pública e notoria polas súas andanzas coma Presidente da Xunta de Galiza e as súas amizades narco-perigosas, facendo gala da súa pouca profesionalidade coma xornalistas ou que por motivos inconfesables presentaron a Núñez Feijóo coma un personaxe “moderado” cando “foi ascendido” polos que mandan á presidencia do Partido Popular español. Algúns deles parece que ou ben xa caeron da burra ou ben se lle disolveron as motivacións.

        Si que critico aquí a aqueles medios que desde sempre se negaron, a sabendas de que a realidade era esa, a cualificar a Abascal e ao seu partido coma fascistas ou nazis, acudindo sempre á expresión nada concreta de “partido da extrema dereita”, “extremistas de dereita”, “ultradereita” ou outros termos que escondían a conexión ideolóxica de Vox e os seus dirixentes coas páxinas máis negras da historia europea e mundial. Porque extrema dereita, ultradereita e extremistas de dereita son termos perfectamente aplicables ao Partido Popular e á maioría dos seus integrantes e dirixentes desde a súa fundación como Alianza Popular ata o presente, momento no que de forma clara e concisa están a recuperar a  ideoloxía fascista propia do réxime que os veu nacer: o réxime criminal franquista.

Os medios que non combaten ou apoian ao fascismo.

      É evidente que entre os medios aos que me refiro no parágrafo anterior non están ABC, nin El Mundo, tampouco as cabeceiras locais ou rexionais do grupo Prensa Ibérica, ou La Razón. Tampouco os ligados á Conferencia Episcopal nin a xornais editados en Galiza como La Región, La Voz de Galicia, El Progreso, Atlantico Diario ou Diario de Pontevedra, que sempre ampararon as políticas extremistas do Partido Popular e preocupáronse de que a información que chegara ao seus lectores e lectoras non foran conflitiva para os intereses do partido que preside Núñez Feijóo. Nin tampouco ás cadeas televisivas ou emisoras de radio ligadas ao grupo Atresmedia, Mediaset, Vocento, Planeta Medía ou Grupo Godó cuxos programas informativos ao meu modo de ver carecen de calquera credibilidade agás no campo dos accidentes de tráfico ou das festas e gilipolleces varias da “xente way”.

        Tampouco, por suposto, teño coma medios de fiar a aqueles que defenden sen pudor e distribúen os bulos ou fake-news procedentes do partido fascista Vox e o seu entorno, entre os que podemos citar a OK Diario, os medios ligados ao grupo que ten un touro coma símbolo ou a Es-Radio e Libertad Digital , por citar a algúns. Sen esquecernos a toda unha serie de pringados autodenominados “influencer” que, non se sabe a cambio de que, están instituídos como intensos propagandistas de Vox e que chegan coas súas mensaxes á unha xente nova que nunca sentiu nas súas carnes e nas súas mentes a presión du fascismo que, se triunfa, vai obrigalos a calar. 

Acadaron gobernar concellos e comunidades autónomas. Que están a facer?

        Hai uns días quedaron constituídos a maioría dos concellos, dos gobernos e parlamentos autonómicos e deputacións provinciais. Aqueles concellos con maioría de goberno fascista por acordos entre Partido Popular e Vox xa están a dar mostras do que puidera ocorrer se unha, outra ou ambas formacións de carácter fascista chegan ao goberno do Estado Español.

        En numerosos concellos a primeira medida adoitada pola coalición fascista foi suspender a representación de obras teatrais, proxeccións cinematográficas ou monólogos de humoristas baixo diferentes escusas: que se eran moi custosas, que se non había contratos asinados, que se non eran axeitados. A realidade é que no teatro eran obras que defendían a convivencia en liberdade ou que denunciaban pasadas actitudes presentes no Estado Español que non coincidían co discurso belicoso, antidemocrático e falso que sobre o pasado franquista manteñen ambos partidos fascistas. No cine, sábese que foi suspendida unha película de debuxos animados, producida por Pixar e Disney, porque nunha escena aparecían dúas mulleres que se daban un inocente bico.

        Suponse que este será o principio dunha sucesión de cancelacións culturais en cadea que van afectar a aqueles grupos teatrais, musicais, cantautores, cineastas e todo tipo de actos de carácter cultural ou festivo que non cadren coa forma de pensar das formacións fascistas. Unha forma de pensar na que non cabe a discrepancia ou unha visión da historia ou da realidade diferente da que eles teñen; discrepancias que queren eliminar dun plumazo mediante a súa ocultación ou recorrendo á represión e á persecución das persoas discrepantes.

        Outra das súas realizacións nos primeiros días das súas andanzas polas institucións é o nomeamento de recoñecidos fascistas para presidir parlamentos rexionais ou o nomeamento de concelleiros e conselleiros de caracter nidiamente fascista en postos relacionados coa cultura e a educación; suxeitos que van cortar polo san todo tipo de crítica ás andanzas do Partido Popular e de Vox nas institucións que presiden, como xa teñen feito no parlamento rexional de Castilla y León, ou que van facer da barbarie, da tortura, da homofobia e da xenofobia a súa achega á cultura e á educación.

As políticas sociais e de igualdade van ser vítimas do fascismo.

        Os da coalición ou maioría PP-Vox van ser concellos e comunidades autónomas onde a ideoloxía fascista e a confesionalidade ultracatólica vai presidir todas as medidas que as súas competencias en educación lles permitan, empezando por falsificar a historia deste país e deformando as mentes dos estudantes desde idades moi temperás. Un ensino acrítico, intolerante, de inclinacións machistas, segregador e nada respectuoso coa diferenza e coa interculturalidade. Un ensino onde a muller vai ser privada dos seus dereitos e onde os sentementos de xénero do alumnado vai ser secuestrado e reprimido.

        Partido Popular e Vox xa teñen anunciado a súa guerra contra a liberación das mulleres, ás que lles van negar o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, onde lles van limitar o dereito a unha atención digna en caso de ter un embarazo non desexado. Onde van facer como na nosa Galiza, onde puxeron en mans de organismos ligados a organizacións ultracatólicas da Red Madre todo o referente aos procesos de embarazos non desexados, así como a derivación das mulleres que manteñen o seu firme desexo de non levar a fin o seu embarazo cara a clínicas privadas porque na sanidade pública casi todos os profesionais da xinecoloxía son obxectores para a realización de abortos (curioso que onde tanto obxector hai na pública haxa tanta clínica abortiva; de onde sairan os médicos?).

        Pero as mulleres non só van ser vítimas pola negativa fascista a que sexan donas do seu propio corpo. É máis que declarada a intención dos bárbaros que negan a violencia machista a súa intención de rematar coas políticas que contribúan a rematar con esa lacra social da que a muller é vítima só por iso: por ser muller. Estes senvergoñas do Partido Popular e de Vox falan de violencia intrafamiliar, que non se sabe moi ben o que é. Non se sabe se son as violacións dun home sobre a muller coa que está casado, se son as violacións que as mulleres sofren cando son atacadas por homes ou mandas coas que nada teñen que ver, se é cando un fillo ou filla pégalle a un pai ou nai, ou viceversa...; non, non é nada disto. É simple odio dos fascistas cara á muller, á que seguen a querer que sexa a súa criada do fogar, a súa escrava sexual e a súa coella particular paridora e coidadora de criaturas para a súa propiedade; e, se considera que non cumpre, poder castigala como ben lle pareza, de forma física ou psiquicamente.

        Serán, tamén, castigados polas políticas sociais destes bárbaros fascistas do Partido Popular e Vox que gobernan numerosos concellos as persoas que mostran sensibilidades e preferencias sexuais diferentes á heterosexualidade. E igualmente os matrimonios e parellas de feito realizados entre persoas do mesmo sexo, castigo do que van ser vítimas non só os membros da parella senón que tamén o serán os seus fillos.

        As políticas de integración e acollemento das persoas migrantes van sofrir, tamén, recortes e limitacións importantes. Xa o sofriron cando o fascista M. Rajoy presidiu o goberno do Estado que lles quitou o dereito a ser atendidos na sanidade pública e que executou políticas de represión e expulsión xeneralizadas contra as persoas migrantes (e tamén contra todo o discrepante, pero algo menos).

        Mentres recortan liberdades e políticas sociais destinadas a favorecer ás persoas máis necesitadas amparándose nas súas competencias municipais e autonómicas; mentres poñen todo o seu empeño en rematar coa cultura e coa educación pública; mentres recortan toda política de igualdade; mentres recortan prazas de ensino público e escolas infantís en favor dos centros privados; mentres manipulan a historia que se ensina nos centros públicos e a educación en valores democráticos, antibelicistas e antiracistas. Mentres recortan todo iso e máis, dotan bolsas de estudos de importes elevados dos que van ser beneficiarios os nenos e nenas ricas que estudan en colexios privados.

E outras moitas cousas que, por extensión non vou seguir enunciando.

Final.
        Imaxínanse vostedes que o Estado Español puidera volver a vivir nun réxime de terror como o que sofreu durante a etapa do franquismo acaecida entre os anos 1936 e 1977? Un Estado onde os obreiros foron explotados a pracer polos patronos coa supervisión e apoio do aparato de Estado, onde non existía sanidade universal nin seguridade social, onde as pensións eran de miseria, onde as mulleres non tiñan dereitos coma tales, onde a liberdade de expresión era perseguida, onde as persoas que sentían a súa pertenza a un xénero diferente do seu biolóxico de nacemento eran perseguidas, onde Guardia Civil, exército e policía eran sicarios ao servizo do capital,...?  Pois iso pode ocorrer se estabelece no Estado unha maioría fascista formada polo Partido Popular e Vox como xa está empezando a ocorrer a pequena escala nos concellos e comunidades autónomas onde gobernan ambas forzas políticas fascistas, en solitario ou en coalición.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...