O sábado 18 de marzo, pola noite tiven un desgusto moi grande ao ler nos xornais dixitais que Pedro Sánchez aceptaba e adoitaba a posición de Marrocos sobre o Sáhara. Este desgusto de primeira hora segue vixente neste momento, pero xa convertido en indignación. Quizás sexa esta posición española a afrenta e agresión máis grave infrinxida por España ao pobo sahariano desde que o ditador español Juan Carlos Iº (substituto temporal do criminal Franco -nomeado por este- e, daquela, á fronte do réxime fascista español), no ano 1975, asinou o abandono á súa sorte de todos os nacionais españois nacidos e residentes no Sahara nas mans do sátrapa rei de Marrocos Hasan IIº, sucedido hoxe por outro sátrapa ditador fillo do anterior que é Mohamed VIº.
Hoxe pola mañá case un mes despois da puñalada trapeira do goberno español, autodenominado “progresista” pero que en realidade non o é, a Frente Polisario decide rachar relacións co actual goberno de España. Os meus máis fortes apoios ao pobo sahariano e ao POLISARIO e a miña máis forte condena á decisión adoitada polo PSOE e o Presidente de España.
Hai que deixar claro que esta submisión incondicional do Goberno de Pedro Sánchez á política imperialista dos Estados Unidos para África supón unha grave violación das resolucións das Nacións Unidas sobre o Sáhara baseadas no dereito de autodeterminación do seu pobo, que inclúe o dereito a constituírse nun país independente e soberano. Pero a gravidade desta submisión é aínda maior se consideramos que a legalidade internacional segue a considerar a España como potencia soberana e colonizadora do Sáhara Occidental que debe proceder á descolonización dese territorio conforme ás resolucións da ONU.
Unha vez máis, un goberno dirixido polo PSOE baixa os pantalóns, nunha mostra da indesexable e pérfida política de submisión aos intereses da oligarquía europea e dos intereses dos gobernos criminais dos Estados Unidos no Norte de África, representantes estes das grandes multinacionais que rouban as materias primas nese continente.
Pero esta de submisión dos gobernos do PSOE cara aos EE.UU. xa non é nova. Empezaron practicándoa os gobernos de Felipe González a respecto da OTAN; despois con Javier Solana como secretario xeral da OTAN e posteriormente, exercendo de comisario político militar dos USA para Europa, como Alto Representante do Consello para a Política Exterior e de Seguridade Común da Unión Europea (tamén chamado Mr. PESC) e como comandante en xefe do Estado Maior da Unión Europea (EUFOR), posto que hoxe desempeña Joseph Borrell practicando unha política similar, como se está a ver no tema da agresión rusa a Ucraína.
Mais non podemos esquecer que foi Solana quen pilotou, desde o goberno de Felipe González, a entrada do Estado Español na OTAN; primeiro co slogan “OTAN de entrada, non” e posteriormente cunha aposta decidida cara á entrada na OTAN que se dirimiu nun referendo que din estivo inzado, durante a campaña, de irregularidades e desequilibrios en favor dos partidarios da entrada nese indesexable niño de fascistas armados e adestrados polos USA para defender as súas “conquistas”.
Polo cal, podemos afirmar que a submisión e a baixada de pantalóns do PSOE diante da política exterior dos USA é algo que xa ven de vello.
Tampouco podemos esquecer que durante o goberno de Rodríguez Zapatero o goberno español e a súa intelixencia permitiron que aterraran nos aeroportos españois avións cargados de prisioneiros da CIA, avións nos que era público que se torturaba, se trasladaban prisioneiros ou persoas secuestradas a centros de tortura e se cometían todo tipo de violacións dos dereitos humanos por parte da administración dos Estados Unidos (non esquezamos que a CIA forma parte de esa administración). Feitos denunciados por Amnistía Internacional e outras organizacións defensoras dos dereitos humanos.
En relación co Sáhara, non esquezamos tampouco que esa política submisa tamén foi bandeira do Goberno de Rodríguez Zapatero que, como el mesmo recoñece, “o da autonomía foi proposta ao meu goberno en 2007, eu apoieina no 2008 publicamente”.
O antes apuntado, indícanos que a submisión do PSOE aos intereses USA é permanente e continua; non é de agora e tampouco diferente á practicada polos diferentes gobernos do Partido Popular ou da extinta UCD. Políticas claramente situadas no que se adopta chamar a dereita política, da que (por moito que o disimule non cola) o PSOE forma parte.
E tampouco podemos prescindir de que a recente decisión adoitada polo goberno de Pedro Sánchez sobre o Sáhara conta coa oposición da maioría da representación da cidadanía española no Congreso dos Deputados segundo votacións efectuadas na pasada semana.
En fin, unha condena total á política pesoera cara ao Sáhara e un apoio decidido ao pobo sahariano. De todas formas, isto non fai máis que confirmar o que xa teño expresado máis dunha vez desde estas páxinas (1) e no que , unha vez máis, me reafirmo: PEDRO SÁNCHEZ E O PSOE NON SON DE FIAR!
Notas:
https://filiasefobias.blogspot.com/2019/06/de-entrada-non-ou-o-que-e-o-mesmo-o.html e https://filiasefobias.blogspot.com/2019/07/de-entrada-non-ou-o-que-e-o-mesmo-o.html
