Amosando publicacións coa etiqueta Residencias de Maiores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Residencias de Maiores. Amosar todas as publicacións

02 setembro 2020

Un candidato sen vergoña, incompetente e inutil

          Fica claro que o título refírese ao candidato á Presidencia da Xunta de Galicia que onte presentou a súa candidatura no Parlamento de Galicia no que hoxe vai facer valer a maioría absoluta do partido que el mesmo preside na Galiza, o filofranquista Partido Popular. 

          Non escoitei toda a presentación do seu discurso de investidura máis si me informei por medios de comunicación fiables do que o señor Núñez Feijóo tivo a ben comunicar ao conxunto dos parlamentarios e das parlamentarias presentes na cámara galega (prescindo, coma sempre, de TVG, RG, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Región, El Progreso e cousas polo estilo, que como xa teño dito máis dunha vez non gozan da miña confianza como medios para recibir información fiable).

          Polo lido ou escoitado nos diferentes medios aos que dou fiabilidade, cos que non necesariamente comparto a súa liña editorial pero que diferencian entre información e propaganda, Feijóo unha vez máis seguíu na súa liña de ofrecer fumo, cargar a outros cos seus propios males, volver ofrecer aquilo que leva dez anos ofrecendo e nunca fixo e renunciar a exercer as competencias que a Constitución Española vixente e o Estatuto de Galicia lle confiren coma exclusivas. 

          En primeiro lugar imos destacar o que xa o Partido Popular estatal e el mesmo levan facendo desde tempos inmemoriais. O primeiro que fai é cargar contra o goberno central por non centralizar medidas para combater a pandemia do coronavirus. Erre que erre. Que si as políticas do ensino eran diferentes segundo que comunidade autónoma, que si o Mº de Educación non exercía dirección común, que si... Hai que dicir que Núñez Feijóo, como político é un verdadeiro sen vergoña; e que como presidente dunha comunidade autónoma é un verdadeiro inutil e incompetente. 

          Por que é un sen vergoña? Porque mentres o goberno central exercía mellor ou peor, durante o estado de alarma e o confinamento, a dirección centralizada da loita contra o COVID-19 baixo un mando único para todo o Estado, Núñez Feijóo e o resto dos presidentes autonómicos do Partido Popular botaban chispas queixándose de que lles secuestraban as súas competencias. Na desescalada Núñez Feijóo e os demais filofranquistas territoriais solicitaban que se lles devolveran canto antes as competencias (cos resultados que xa todos estamos a ver na actualidade). Cando desde Madrid, a petición de don Alberto "el epidemiólogo mayor" como lle chama algún xornalista galego , puxeron a Galiza en posesión de todas as súas competencias, o daquela Presidente de Galiza e agora Presidente en funcións, á primeira que apareceu algunha dificultade botou a responsabilidade de controlar a mesma sobre os alcaldes, renunciando a dirixir desde a Xunta de Galicia a loita contra os problemas xurdidos na Mariña luguesa, seguindo el alegremente coa súa campaña electoral xa comezada no mes de marzo de 2020 e botándo os seus propios piollos sobre as costas duns rexedores locais sen orzamentos nin medios para controlar calquera medida real que puideran tomar. E a unha persoa que bota as cargas da súa responsabilidade sobre as demais só cabe cualificala, como mínimo, de sen vergoña.

          Por que é un inutil e un incompetente? Cando a pandemia volve a facerse forte na Galiza, coincidindo co inicio do curso escolar, o señor renuncia de facto ás súas competencias exclusivas e pretende facer culpable da súa ineficiencia e incompetencia para dirixir a Galiza a o goberno central. Aí temos unha consellería, a de educación, totalmente ineficiente; que pasa de cumprir os acordos que a súa propia titular asinara en xuño co goberno central e a maioría das comunidades autónomas do Estado, á que o da distancia de metro e medio mínimo entre alumnos na aulas e á que reducir os rateos alumnos-profesor non lle vai, unha persoa que di publicamente que non hai aulas para cumprir o que en xuño asinou... e todo porque non quer contratar máis profesorado nin dotar de medios tecnolíoxicos a docentes e a discentes ou implementar aulas prefabricadas alí onde efectivamente non é posible ter máis espazos que converter en aula. Mira ti que tivo tempo desde xuño a hoxe! Ou máis, porque calquera persoa por moi pouco avezada que sexa tiña que ter craro que no curso 2020-21 habería que tomar medidas que se distanciaran das que ata marzo pasado eran normalidade. Todo isto coa aquiescencia, o coa orde, de Núñez Feijóo ao que parece que a súa competencia exclusiva sobre educación quéimalle nas mans, que é incapáz de exercela e asumir as súas reponsabilidades. O mesmo pasa coa sanidade. Conclusión: é un incompetente e un inutil para dirixir Galiza (e coido que para exercer calquera cargo de responsabilidade de caracter público) Porque a unha persoa que é incapáz de facerse responsable do que dela depende os mínimos cualificativos que se lle poden atribuír son os de inútil e incompetente.

          Parece que no discurso de investidura de onte, o aspirante á titularidade da Presidencia da Xunta de Galicia, a dicir dun xornal ao que considero fiable, ao parecer fixo 20 promesas das que imos destacar algunha delas, porque teñen moita miga; non tanto polo que nelas se propón senón polo que falta ou polo peculiar das mesmas.

           A primeira que me chama a atención é a seguinte: reformular o Xacobeo 2021 para que sexa unha "ferramenta económica" na que a Comunidade poida "apoiarse". De entre todas as 20 promesas é a única que fai referencia á economía. Nun país con grandes problemas no sector naval, no que empresas do sector da automoción deslocalízanse ao norte de Portugal por falla de chan industrial para establecerse ou para abaratar o custo da man de obra (moitas veces empresas rendibles que teñen recibido moreas de cartos en subvencións públicas e ás que non se lle piden contas), cun problema moi grande na Mariña luguesa e nos lugares nos que Alcoa ten instalacións, con grandes problemas para o sector pesqueiro tanto de altura como de baixura, cun sector cultural que está a sufrir un descalabro monumental derivado das medidas tomadas pola propia Xunta (que se ven están sendo ineficaces) de cara a combater a pandemia,... e así poderiamos seguir ata o infinito. E a el, ao señor Feijóo, o único que lle interesa da economía é o Xacobeo. Manda carallo!

          Hai outra que da medo, por non dicir pánico: finalizar a "renovación integral" do Servizo Galego de Saúde como "absoluta prioridade" do mandato. E digo que da medo porque se é totalmente intolerable a situación á que os distintos gobernos de Núñez Feijóo levaron a sanidade pública, tanto na atención primaria como na atención especializada e hospitalaria. Que é o que van finalizar? Acaso van poñer nas mans de empresas que viven a conta da mala saúde dos cidadáns toda a estrutura sanitaria pública galega? Supoño que si, que ese é o obxectivo prioritario de Núñez Feijóo no eido da sanidade. Como diría un crente: que Deus nos colla confesados.

          Como ten que contentar á parroquia no tema do coronavirus, e como tanto el como a súa administración sanitaria estanse a mostrar incapaces e incompetentes para facer fronte á pandemia por fan outra "promesa": Implantar un novo sistema de test masivos a partir de mostras de saliva. Que polo que din moitos entendidos no tema ese tipo de test aínda son menos fiabeis que os serolóxicos, son test que teñen un alto índice tanto de falsos negativos coo de falsos positivos. A min lémbranme aqueles test masivos que "en paralelo" ao realizado no mes de xuño pasado polo Mº de Sanidade fixeron desde a Xunta de Galicia en plena campaña electoral, uns test masivos que os entendidos no tema cualificaron como pouco serios e coma inservibles. Non estamos en campaña electoral, só campaña de acoso e derribo do goberno central, así que xa nos esqueceremos desa boutade salivar coa que nos quer amenizar Feijóo a pandemia. 

          Tamén me chama a atención, tanto polo enunciado como pola súa pouca concrección a seguinte: desenvolver o "maior" Plan de Saúde Mental da "historia" da autonomía. Tendo en conta o mal tratamento que ata o de agora os distintos gobernos do Partido Popular na Galiza teñen realizado coa saúde mental só se me ocorre unha pregunta: quereramos Feijóo volver tolas a todas as persoas que vivimos na Galiza? A que dan medo?

          Un protocolo de relación entre as residencias de maiores e a rede sanitaria pública; e nova normativa que regule as condicións de apertura e actividade dos xeriátricos di que vai facer. Lémbranse agora! Cando as residencias privadas privilexiadas polas políticas e os políticos do Partido Popular na Galiza volven a ser morredeiros de maiores. Nada fixeron desde o fin da desescalada ata agora, por máis que familiares de usuarios dos citados establecementos e sindicatos de traballadoras esixiron a toma de medidas por parte da Consellería de Política Social. Volven a ser focos residencias xestionadas por Domus Vi e pola fundación do cura Moure. Seguen a aparecer problemas de COVID-19 nos establecementos residencias privados ou xestionados por empresas privadas. Impresentable. E ese señor que di ser e querer ser Presidente da Xunta de Galicia, que ten as competencias exclusivas sobre a xestión da dependencia e das políticas residenciais para maiores ao mesmo tempo que renuncia a exercelas e carga contra o goberno central ven dicindo que vai establecer unha nova normativa. A que andamos? Iso é, simplemente, incompetencia, inutilidade e oportunismo. E ao mesmo tempo di que, coa axuda que espera de Amancio Ortega, Galiza "contará coas sete mellores residencias de Europa" ; estará esperando, acaso, a que o presidente de Inditex lle quite as castañas do lume, como parece que xa fixo cos equipamentos hostpitalarios de diagnóstico do cancro? (e digo "parece" porque non teño confirmado que eses equipamentos estean xa nos hospitais públicos). E, supoñendo que se fan esas sete residencias "nas cidades máis importantes de Galicia", vainas xestionar directamente a administración pública dotandoas de medios e persoal suficiente ou vai pasar como está a ocorrir na actualidade cos equipos de diagnóstico axial computerizado que están a ser xestionados por fundacións de dubidosa utilidade? Poran nas mas do cura Moure ou de Domus Vi , ou doutras empresas da mesma ética e caste as supostas novas residencias?

          En fin, demostrado. Coma político podemos dicir que é un sen vergoña, un incompetente e un inútil o aspirante a presidir a Xunta de Galicia nos próximos catro anos.

05 maio 2020

Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19 (O “presidente vernáculo”) ( e 6)

Aínda que xa falamos da noxenta oposición feita polas dereitas franquista, nazi-fascista e os seus apéndices de nome distinto, este artigo irá referido ao presidente do Partido Popular na Galiza, e tamén presidente da Xunta de Galicia, o ínclito, o preclaro, o insigne, o ilustre,... don Alberto Núñez Feijóo. É claro que a actuación política deste suxeito non se pode separar da estratexia xeral que o seu partido ten para o ámbito estatal, polo que será necesario seguir facendo referencia á intelligentia pepero-voxera do resto do Estado como pode ser, por exemplo, o grande descubrimento da portadora da sapiencia do século XXI, a señora Díaz Ayuso, ou do máster pola URJC señor Casado, ou a xa coñecida sapiencia de Rocío Monasterio ou de Ortega Smith (non poño a colección completa de persoas xeradoras de nauseas porque igual me poño a vomitar e non paro).

Pero volvamos ao suxeito principal deste artigo, don Alberto Núñez Feijóo. Non sei se denominalo presidente folklórico, presidente castellanito (non pola súa procedencia xeográfica, que el é dunha aldea da Galiza, senón pola súa ausencia case permanente do idioma propio da súa aldea e da Galiza -o galego- cando realiza declaracións referentes á pandemia ou outros asuntos na súa función de cargo público; e deixando claro que as persoas casteláns que cren e practican a democracia son moi respectables), presidente enxebre, presidente autóctono, presidente indíxena (isto xa sería dorarlle en exceso a pílula aos finos pailáns centralistas que nos miran aos galegos coma tales) ou presidente vernáculo. Poderían ser moitos máis. Ao final decántome por unha acepción moi usada na época da Sección Femenina e da OJE dos fascistas de Franco, que fai máis xogo co personaxe, a de presidente vernáculo. Ía dedicarlle un artigo exclusivo pero, coa velocidade que vai este tema da pandemia, o confinamento, a “desescalada”, etc. córrese o perigo de que as cousas vaian ficando no atraso ou que se acumule un exceso de elementos que, de falar deles, compre facelo sen atrasos para non ficar obsoletos.

Se confiamos nas súas palabras, ao noso presidente vernáculo da Xunta de Galicia o que lle interesa nestes intres e o que move todas as súas actividades é frear a pandemia; que o das pendentes eleccións ao Parlamento Galego xa se verá cando as cousas estean máis calmadas. O problema estriba en que eu non teño nin un ápice de confianza nel nin nas súas palabras; e se alguén me pregunta pola súa fiabilidade direille que ao meu entender é unha persoa que non ten ningunha credibilidade. E os feitos din que está facendo campaña electoral e buscando o momento propicio para continuar co proceso electoral en suspenso. Eu non lle creo nada porque xa estou acostumado ás súas continuadas informacións erráticas ou as súas continuadas mentiras; leva así máis de dez anos; desde antes incluso de ser presidente da Xunta de Galicia, tempo no que fixo unha pre-campaña e unha campaña electorais sementadas de falsidades contra os seus opoñentes políticos; sei da súa manía de botar a culpa das súas decisións e actos a terceiros cando coida que a estas non hai por onde collelas e poñen de manifesto o seu desleixo e a súa incapacidade para gobernar. Aí están as súas recentes afirmacións de que agora hai máis médicos, ou de que hai máis camas hospitalarias na Galiza, que antes do seu goberno; ou que a falta de EPIs e mascaras de protección nos centros sanitarios galegos é culpa do goberno central. E iso con só ollar para estes últimos días.

Sanidade, Educación e Vivenda ou a incompetencia disimulada.

É evidente, tamén, que non podemos separar as súas incompetencias, limitacións e prepotencia das actuacións dos seus conselleiros e conselleiras. Así vemos que cada vez que o Conselleiro de Sanidade fai declaracións sobre a pandemia nos programas locais da emisora da SER en Vigo , por poñer un exemplo, non ten empacho algún en afirmar que gracias a que se construíu o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo esta cidade conta con máis recursos para facer fronte ao COVID-19; a realidade é que o goberno de Feijóo pechou numerosas camas hospitalarias públicas nesa cidade, que reduciu o número de camas hospitalarias previstas para ese hospital, que ía ser plenamente público e que o Partido Popular converteu nun centro comercial privado. E que, tamén, reducíu persoal en toda clase de traballos sanitarios tanto hospitalarios como na atención primaria ao longo do seu mandato; incluso agora, en plena pandemia, está a rescindir e a non renovar contratos ao persoal sanitario.

Outra mostra é a ineficiente e incapaz Conselleira de Educación, que non ten empacho en botarlle ao goberno central as culpas de que a Xunta non teña anulado antes, como teñen feito hai tempo outras comunidades, a convocatoria de oposicións ao ensino público, cando as competencias no tema son plenas e exclusivas (agás os temarios da maioría das especialidades) da Xunta de Galicia; ou que é incapaz de tomar decisións sobre un final de curso coordinado e igual para todo o ensino non universitario de Galiza, que deixa nas mans de cada claustro que faga o que estime oportuno, a la vaicheboa; asi, a un alumno ou alumna de Mazaricos se lle pode avaliar de diferentes contidos e con criterios diferentes que a outro do mesmo nivel de Ribadeo ou do Barco de Valdeorras. Ou, se así alguén o decide (claustro, departamento, área ou profesor) poderíase avaliar, polos mesmos contidos e cos mesmos criterios, a un alumnado que teña posibilidades de acceso ás redes e puidera seguir as clases virtuais de quen as impartira que a outro alumnado do mesmo grupo e nivel que non ten acceso (sexa cal sexa o motivo) ás redes informáticas e non pode seguir as ensinanzas impartidas por ese medio. Un total despropósito e unha deixación de responsabilidades o desa señora conselleira, e, por engadido, o do seu xefe.

Ou a “ocorrencia” da Conselleira responsable de vivenda da que xa falamos nun capítulo anterior desta serie que se dirixe ao goberno central para que derrogue a norma que impide os desafiuzamentos mentres dura o estado de alarma porque enfría o mercado e prexudica aos propietarios. Todo un despropósito se o vemos desde o punto de vista de garantir uns mínimos de condicións de vida para as persoas que polos seus despedimentos do traballo, pola falta de ingresos derivada da pandemia, ou simplemente porque a burocracia e tardanza da Consellería de Traballo ao xestionar os ERTEs impide que poida cobrar en abril o que lle corresponde non poden facer fronte aos pagamentos dos alugueiros (por exemplo: vemos que moitas traballadoras domésticas foron despedidas ilegalmente polos seus patróns ao inicio do estado de alarma; e sabemos que unha inmensa parte das mesmas non están dadas de alta na Seguridade Social, polo que non teñen dereito a paro e tampouco ingresos con que pagar a renda; e sabemos tamén que a maioría dos patróns que fan estas cousas son xentes acomodadas e que votan á dereita).

Máis estes despropósitos non son casuais nin improvisados. Están todos dirixidos á base electoral do Partido Popular e, polo tanto, forman parte da campaña de Núñez Feijóo cara ás eleccións galegas, que leva en campaña desde que tivo que adialas por mor da pandemia e o estado de alarma e non a deixa aínda que se lle colguen dos chilindríns. Iso si, di que o que a el lle importa son as persoas; non sei si se refire ás que se contaxian nos hospitais por falla de medios de protección, se fala dos maiores que sofren en “residencias integradas” porque faltan as camas hospitalarias públicas e o persoal para atendelas que a Xunta do PP pechou e despediu; ou se fala das coidadoras e coidadores de maiores nas residencias que non teñen EPIs porque nin a Xunta nin as súas empresas os facilitaron; ou se fala dos vellos e vellas que finan nos morredeiros nos que se converteron algunhas das residencias nas que moran e ás que o desleixo e privatización por parte de quen debería velar por eles está tendo como consecuencia numerosos falecementos. E a culpa non é da Xunta... Como pretende Feijóo que creamos o que di?

A comedia electoral do “estudo epidemiolóxico (ou o baile dos 100.000 test).

Outra das pantasmadas do noso presidente vernáculo está relacionada cos test do COVID-19. Parece ser que o goberno central remitiu ao goberno de Núñez Feijóo un número importante de test para que foran realizadas as probas entre as persoas máis expostas a poder ser contaxiadas polo virus, nomeadamente persoal sanitario e auxiliar de hospitais e centros de saúde, persoal de limpeza de hospitais, persoal de residencias de maiores, persoal de ambulancias, etc.; e a Xunta de Galicia non nega esta recepción. Como sabemos pola prensa, a realización de test a todo o persoal foi unha reivindicación constante de todos os colectivos implicados na atención directa aos doentes e potenciais doentes do coronavirus, e a día de hoxe sigue a ser das máis demandadas polo persoal da sanidade e polos técnicos das ambulancias. Pois nada, o señor Feijóo, coa habilidade demagóxica e a sapiencia que o caracterizan, decide que eses 100.000 test non se van dedicar a detectar a presencia do coronavirus entre a poboación en situación de maior risco, senón para facer un estudo electoral... (perdón), ...epidemiolóxico entre a totalidade da poboación galega. O cal non estaría nada mal se os resultados deste tipo de test foran definitorios do estado do COVID-19 na Galiza, cousa que non é así porque este tipo de test debe ser complementado con outros dous para ser definitorio debido ao seu alto índice de erros nos que pode considerar positivos a negativos ou viceversa. Pero aínda está peor se temos en conta que xa estaba anunciado polo goberno do Estado a realización dun verdadeiro estudos epidemiolóxico, con un alto número de mostras, e por tanto cun alto índice de fiabilidade, entre o conxunto da poboación do Estado; estudo que non só comprendería os test que pretende facer Núñez Feijóo, senón que levaría dúas probas complementarias que sinalarían non só a presencia do virus en enfermos contaxiados e asintomáticos, senón que mostrarían ademais as persoas non enfermas pero con anticorpos do COVID-19 por ter pasado xa a enfermidade. 
En suma, este chamado “estudo epidemiolóxico da Xunta de Galicia” é outro esperpento máis, protagonizado pola Xunta de Galicia presidida por Núñez Feijóo; esperpento que só ten senso se é analizado coma unha parte máis da súa campaña electoral. Campaña que, neste caso, utiliza á poboación galega coma se un coello de indias se tratara, servíndose das súas ansias e dos seus medos e proporcionando resultados que seguramente non están axustados á realidade, cousa posta enriba da mesa polo persoal sanitario que á vista dos resultados tiña fundadas dúbidas da utilidade real do rimbombante estudo. Iso si, despois das declaracións neste senso dos facultativos sobre a máis que posible tomadura de pelo, hai tres días que nada se sabe do tema; nin sequera os xornais afíns ao Partido Popular (todos menos un dos galegos editados en papel) falan do tema, o cal me inclina a crer que ou ben ocultan os resultados ou ben prefiren xa calar co tema debido á súa demostrada incompetencia.

A desescalada segundo o noso presidente vernáculo.

Unha das constantes da critica das dereitas extremas (Partido Popular e Vox) ao goberno do Estado foi a de actuar de forma improvisada, sen bases reais sobre as que sustentar a maior parte das medidas, chegando a falar incluso de “arresto domiciliario” da poboación e de secuestro das competencias das comunidades autónomas (CC.AA.). E, ultimamente, acusando ao goberno central de atentar contra as liberdades democráticas “de los españoles”. E Feijóo, por moito que vaia de moderado, non ía ser menos que os seus correlixionarios e apuntóuse ao coro. Mais, quenes son eles, Feijóo e o resto dos peperos e peperas, para falar de atentar contra as liberdades democráticas e do secuestro de competencias das CC.AA.? Lembremos que os maiores atentados ás liberdades democráticas básicas (manifestación, expresión e asociación) foron perpetradas por gobernos do Partido Popular coa aprobación da chamada Lei Mordaza e coa reforma do Código Penal en sentido fascista, sendo presidente do goberno central Mariano Rajoy, Presidenta do Congreso Ana Pastor e sendo deputado Pablo Casado, que por suposto votaron favorablemente xunto cos demais franquistas do seu grupo parlamentario; medidas que supuxeron o asasinato de principios básicos de calquera democracia perpetradas polas novas xeracións de franquistas agrupadas no Partido Popular; do mesmo xeito, e durante este mesmo período, foi cando se produciu a maior recentralización do Estado en detrimento das competencias das CC.AA. desde a instauración do chamado estado das autonomías ou de "café para todos". E logo, de que falan? Certo é que na daclaración da loita contra a pandemia do coronavirus se quebraron en demasía as competencias da CC.AA., que posiblemente non facía falta chegar aos extremos que se chegaron en moitos aspectos e que podía ser posible chegar a acordos sobre medidas e forma de cumprilas, tanto as iniciais como as de da desescalada do estado de alarma. Evidentemente, non saberiamos cal sería a actitude do Partido Popular que posiblemente non sería nada construtiva; pero hai outros actores políticos no taboleiro estatal distintos de PSOE e Partido Popular aos que non se lles respectou a súa propia personalidade desde o Goberno. Pero iso non lle pon razón aos incompetentes peperos.

No mesmo día ou ao seguinte de anunciar a realización do seu test electoral, Núñez Feijóo, sen ter bases nas que sustentar nada, e incluso sen ter os resultados do seu test, púxose a pontificar como debería ser a desescalada en Galicia con críticas ao goberno central polas súas propostas neste terreo. E como ía ser a desescalada de Núñez Feijóo? Foi anunciado este desexo cando aínda non comunicara o goberno central como ía ser a reincorporación paulatina á normalidade. Segundo podemos ler en La Voz de Galicia en nova do 25 de abril (o xornal máis próximo, por non dicir apegado, ao Partido Popular) a desescalada segundo o noso presidente vernáculo consistía, a grandes trazos, no permiso para a apertura de concesionarios de automóbiles, de permitir facer deporte individual, abrir mercadillos de proximidade con limitacións e abrir certos establecementos comerciais con cita previa. Un xenio o noso presidente vernáculo. A intención era máis que clara: botarlle os cans e os cabreos contra o goberno central e os seus apoios no Congreso. Táctica electoral clásica no Partido Popular cando nada novo ten que dicir. Na Galiza, seguía a campaña de Núñez Feijóo e este negando a súa existencia.

O seu lema: “Sigamos a cabrear ao persoal e manteñamos a nosa campaña electoral”.

O Partido Popular non ten alternativas reais para propoñer nin no momento actual nin no momento futuro para controlar a extensión da pandemia. Se eles estiveran no goberno do Estado faríano peor que o goberno actual, porque non establecerían nin unha soa medida de protección para os traballadores asalariados nin para a conciliación laboral (con isto non quero dicir que considere suficientes as medidas adoitadas polo actual goberno para protexer aos máis débiles dos efectos económicos do andazo do coronavirus).

Por iso, a única vía que teñen eses sen vergonza das dereitas é a de lograr o cabreo social contra a xestión gobernamental dunha cidadanía desorientada e asustada pola pandemia, incluso facéndoo responsable das propias actuacións da dereita onde ten responsabilidades de goberno exclusivas. E esta é unha via que saben manexar perfectamente e que xa lle ten dado resultados anteriormente.

Esta falla de alternativas pola banda dos peperos, as presións dos seus aliados sociais e mantedores, sobre todo os grandes empresarios, e as ansias de facer caer ao actual goberno e así de poder para dirixir un goberno de extrema dereita ultraliberal para o período post-pandemia están levando á dereita franquista e nazi-fascista, baixo a dirección do Partido Popular, a adoitar posturas que van contra calquera forma ética de exercer unha oposición democrática, incluso creando falsas expectativas entre a poboación ao insinuar de forma indirecta e subliminar que a extensión do contaxio xa está controlada e non fai falla manter o estado de alarma (así estamos a ver que a xente non coida na rúa as medidas mínimas de precaución que médicos e epidemiólogos aconsellan; e xa veremos, se saen coa súa, como será a dinámica do rebrote que se espera para o outono). Eles o que buscan é un goberno que poida aplicar unhas medidas aínda máis duras e agresivas contra a clase traballadora que as que o actual goberno vai a aplicar por moita Esquerda Unida e moito Podemos que teña no seu interior (neste senso a experiencia de Tsipras en Grecia é moi ilustrativa).

Os que levamos anos interesándonos pola liberdade e a democracia neste país temos moi claro que a dereita franquista e a dereita nazi-fascista non ten escrúpulos nin ética á hora de utilizar calquera cousa ou engado para establecer un clima de cabreo e malestar na sociedade e contra un goberno. Sabemos que utilizan todo o que teñen ao seu alcance, sobre todo a mentira sistemática e as cloacas do Estado que se preocuparon de crear e alimentar nas súas épocas de goberno e poñendo ao fronte de organismos que deberían garantir a seguridade do conxunto dos cidadáns e non os intereses da corrupción a suxeitos corruptos e indesexables; todo para lograr os seus propósitos. Amais teñen múltiples voceiros entre o lixo que invade á maioría os medios de suposta información do país, incluso moitos dos públicos, mensaxeiros da desinformación, da manipulación e da extensión das falsidades creadas pola dereita franquista e a outra extrema dereita. Unha manipulación mediática en toda regla. E o goberno da Xunta de Galicia, presidido por Núñez Feijóo, e os seus medios amigos tamén están nesa verbena de falta de ética; e aquí aínda máis agudizada por esa evidente campaña electoral que nega unha e outra vez o presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta de Galicia, o noso presidente vernáculo.

Unha manifestación desa falta de escrúpulos que ten a dereita franquista foi a imposición da ralentización da tramitación dos ERTEs no Servizo Galego de Emprego, como teñen acusado os sindicatos, atrasando os cobros que aos que tiña dereito a clase obreira afectada no mes de abril. Insinuación de culpa contra o goberno do Estado por parte de instancias da Xunta de Galicia e do Partido Popular, apoiados polos seus voceiros de información veraz e independente. Parella a esta rastreira e impresentable forma de actuar, ofrecen créditos ás familias ás que previamente lles nega vía burocracia o cobro do seu salario; créditos que non sei como serán pero aos que posiblemente, tendo en conta a forma de actuar dos distintos gobernos galegos liderados polo Partido Popular, non poidan acceder os máis necesitados.

Agora os intentos de xerar cabreo van dirixidos aos pequenos comerciantes e ás limitacións que o goberno central decretou para a apertura de establecementos comerciais e de restauración. Non se acorda que na súa proposta de desescalada as medidas aínda eran máis duras que as anunciadas polo goberno central para adoitar a partires do 11 de maio. Está claro que quere alporizar aos pequenos empresarios e traballadores autónomos, á súa base electoral máis fiel e, ao mesmo tempo, esnaquizada por eles.

Posiblemente, e temporalmente, se chagaran ao goberno do Estado os franquistas crearían unha especie de esmola social temporal (nada que ver cunha renda social permanente para os máis desfavorecidos nin coa renda básica, con e sen pandemia, coa que a dereita e os empresarios non están de acordo) que servira aos seus protexidos para manter un mínimo de vendas e para aplacar o descontento social. Isto o estaba pedindo ata o señor Guindos desde a súa poltrona da Unión Europea e o señor Montoro, antigos ministros de Economía e de Facenda, respectivamente, con Mariano Rajoy; curiosamente dous dos principais artífices da ruína e da precariedade da clase obreira e dos pequenos e medianos empresarios durante o tempo que sucedeu á crise do 2008; e un deles, o legalizador do fraude fiscal ao través das famosas “regularizacións fiscais” ás que se acolleron unha gran parte da xentalla afín ao seu partido e que estafou e roubou ao erario público do Estado, entre eles gran parte da familia Borbón, familia da nobreza parasitaria con unha tradición secular de corrupción a conta dos bens públicos.

A represión como remedio contra as críticas internas.
Outra dos signos característicos do goberno Feijóo, que se volveu poñer de manifesto nesta época da pandemia, é a de calar toda discrepancia que poida xurdir no interior da administración autonómica, sobre todo se esta discrepancia sae a luz ou se fai pública. Dous casos mostran este tipo de comportamentos nesta época de pandemia. O primeiro foi a destitución da xefa do servizo de cirurxia plástica e reparadora do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por facer públicas no seu Facebook persoal as presións ás que estaba sometida pola dirección do citado hospital debido á insistencia da profesional en usar máscara de protección e esixir medios de protección individual para atender aos doentes nunha etapa na que os contaxios por COVID-19 estaba a crecer en progresión case xeométrica. A escusa para a destitución foi a de falta de confianza; isto para unha profesional que ten fama de ser moi concienciuda no seu traballo, no coidado dos doentes e unha excelente compañeira. A verdade todos supoñemos que non foi esa, senón a actitude da doctora. E por moito que o neguen non imos crer outra cousa.
Outro caso é a destitución como director da residencia integrada de Baños de Molgas de un especialista en xerontoloxía, destitución materializada ao día seguinte de que ese xeriatra realizara unhas declaracións á Cadena SER en Galiza que poñían en cuestión algunhas das actuacións da Xunta de Galicia ao respecto das residencias de maiores e ao tratamento nestas de doentes de COVID-19 nas propias residencias ou nas recen creadas residencias integradas habendo sitio en hospitais públicos ou privados. Non é que foran unhas declaracións moi duras coa actuación das consellerías de Política Social e Sanidade, simplemente razoables; pero si discrepantes e, por moito que o neguen, as coincidencias non existen, como se pode extraer dunha nova aparecida en Galicia Confidencial. Aquí, na Galiza, sabemos con quen bailamos e coñecemos as súas mañas. E as coincidencias en certos temas non existen.
Cousas recentes e cousas que fican no tinteiro.
Xa se falou noutro artigo desta xeira do tema das residencias de maiores na Galiza. Non falamos da contratación de persoas sen titulación para atender aos maiores que permaneceron nesas residencias afectadas polo COVID-19. Tampouco nos estendemos na falta de provisión de equipos de protección para os seus traballadores, nin da realización de probas xeralizadas ao persoal dos xeriátricos. Pero imos poñer aquí, polo seu interese, un video que circulou pola rede que contén unha declaración dun traballador dun xeriátrico público cuxo nome é Xan Carlos Ansia, que nos da unha visión moi ilustrativa da actuación do goberno de Núñez Feijóo e o seu goberno respecto das residencias de maiores, actuación que xogou un papel esencial na extensión do virus neses establecementos entre residentes e persoal.


Outro asunto non tratado é o continuado e progresivo despedimento de persoal contratado para atender aos maiores nas residencias intervidas privadas pola Xunta de Galicia, volvendo a deixar aos maiores alí residentes ao coidado do escaso número de persoal contratado polas empresas cuxas actuacións, combinadas coa falta de inspección efectiva da consellería encargada, provocaron numerosos contaxios e mortes entre os residentes nas mesmas.
O mesmo está a ocorrer nos centros sanitarios, onde despois de non renovar contratos ao persoal sanitario e auxiliar que estaba de baixa por enfermidade (que en teoría, e parece ser que só en teoría, deixou de facer cando saiu á luz pública), agora a Consellería de Sanidade está a despedir aos contratados con motivo da pandemia, sen esperar á fin da pandemia, nin aos resultados dos seus propios "estudos", nin ao seu case seguro rebrote, nin para estabilizar os cadros de persoal tanto da atención primaria como da atención hospitalaria.
En fin, xa vemos que baixo a dirección de Alberto Núñez Feijóo, o noso presidente vernáculo, este país, Galiza, non funciona. Polo menos para a maioría da cidadanía. Si funciona para unha millonésima parte da súa poboación, que se fai rica e máis rica a costa do sufrimento dos demais.
E, finalmente, todo o que non se di.
E iso que non temos falado da industria, ou da falla dela e tamén da falla das súas perspectivas. Si o fixemos de paso co comercio e do que sofren os pequenos comerciantes coas políticas dedicadas a favorecer ás grandes cadeas e ás grandes áreas comerciais en detrimento daqueles (e, por riba, a maioría nen se decatan; o cal é moi triste). Tampouco falamos de educación, un área na que impera a política dunha constante vía de privatización e dun abandono da escola e o medio rural que favorece a despoboación e a desaparición da agricultura e a gandería. Nin da política forestal; ou, mellor dito, da política de destrución do bosque e da busca da desertización ao través do eucalipto.
En fin, hai que botalo. A el e aos seus correlixionarios franquistas. Adeus señor presidente vernáculo. Espero que, pese a todos os seus esforzos por enmascarar unha descarada campaña electoral, non volva saír escollido.
Saúde e república.

02 abril 2020

Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19 (residencias de maiores, ocultación de mortos e de doentes e hipócritas cómplices) (2)

Estamos a coñecer nestes últimos días que as residencias de maiores están a sofrir unha incidencia moi elevada dos contaxios por coronavirus, que afecta tanto ás persoas residentes como ás traballadoras; aínda que con maior incidencia e gravidade entre as primeiras. Non sei o que pasa no resto do Estado, pero si o que se le que está a pasar nas residencias de Madrid e nas residencias de Galiza; todas elas con graves problemas para os seus residentes e para o persoal que está ao seu coidado. E todas elas responsabilidade de consellerías baixo gobernos do Partido Popular.
O problema non é o territorio, o problema é o Partido Popular.
A “chispa” saltou cando familiares de residentes en distintos establecementos da Comunidade de Madrid denunciaron aos medios o escurantismo das direccións de moitas desas residencias, que non só non informaban do estado dos seus parentes residentes, senón que (nalgúns casos) non deixaban que foran visitados. A cousa quedou, momentaneamente, aí: nas crónicas aparecidas en escasos medios de información; nin as autoridades policiais ou xudiciais, nin as autoridades políticas da Comunidade de Madrid tomaron cartas no asunto a pesares de ter a información pública todos oos visos de veracidade (eran informacións proporcionadas por medios que, pola conta que lles ten, contrastan todo este tipo de novas). Aclarar que, como non podía ser doutra forma a CC.AA. de Madrid está presidida por unha muller de claro impronta franquista, pertencente ao Partido Popular, e o seu goberno procede dun acordo entre ese partido e Ciudadanos, co apoio do partido nazi-fascista Vox. Sinalar, tamén, que aínda non declarado o estado de alarma si había indicacións das autoridades sanitarias estatais e autonómicas para adoitar todas as precaucións e coidados posibles diante do avance dos contaxios polo Coronavirus COVID-19, detectado xa nos últimos días da semana que vai desde o 9 ata o 15 de marzo e con especial incidencia na Comunidade de Madrid.
Cousas similares están a suceder na Galiza, onde máis do 77% das prazas residencias están xestionadas por empresas privadas mimadas polas administracións da Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijóo. Non se sabe de denuncias de anciás aparecidos mortos nas súas habitacións das residencias, pero si do escurantismo das empresas xa denunciado desde hai moito tempo polos familiares de persoas residentes nas mesmas.
Como xa veremos, o alicerce dos graves problemas que asolan aos residentes dos centros de maiores de Galiza e Madrid e ás súas familias non é O COVID-19 en si mesmo; quizás si sexa o problema máis grave dos moitos que sofren. Os problemas están a ser denunciados, polo menos na Galiza (e supoño que outro tanto en Madrid e no resto das comunidades onde eses indesexables gobernan), desde que o Partido Popular decidiu que as residencias eran un bo nicho de negocio xerador de múltiples beneficios e que, por tanto, habería que privatizar as súas instalacións: se os edificios eran públicos, poñelos ao dispor das empresas; se eran acometidas novas construcións residenciais pola administración, cedérllelos en xestión aos voitres; e, en ambos casos, concertar un número escaso de prazas. Regalámosche as instalacións e mercámosche parte delas. Iso si, manter un mínimo de prazas en centros de titularidade pública ou concertadas para disimular; sobre todo aquelas que puideran supoñer un maior nivel de gasto para esas empresas, que para iso están os amigos.
É dicir, a alicerce do problema, aquí e en Madrid é o Partido Popular. Como rezaba o título dun excelente artigo publicado na revista electrónica CTXT-Contexto y Acción o pasado día 29 de marzo, que levaba por título “Aparcamiento de Ancianos, S.A.”, neso se convirten as residencias de maiores dos territorios xestionados polo partido de Núñez Feijóo, Isabel Díaz Ayuso e Pablo Casado.
Mortos e presos nas habitacións. Desprezo ás familias.
A pasada semana, a cousa nas residencias de maiores madrileñas empezou a sobrepasar o límite do tolerable cando o exército deu conta da aparición nun establecemento residencial de mortos non declarados nas habitacións e de persoas residentes pechadas e illadas nas súas habitacións pouco menos que “ a la vaiche boa”. Ou doutra na que, agás unhas poucas monxas que ficaron alí, o resto fuxira abandonando aos residentes “a la buena de Dios” (quizá iso de deixalos na man do seu xefe virtual veu determinado pola súa profesión e dependencia xerárquica). Este non foi o único problema, foi nesa semana na que se empezaron a coñecer multitude de casos de contaxiados polo coronavirus no conxunto das residencias de Madrid, mortes de anciáns incluídas, e os grandes problemas dos seus familiares para coñecer o que acontecía cos seus parentes, chagando a saber que estaban mortos sen ter con antelación novas de que estaban a padecer a enfermidade por negalo o centro residencial ou por simple desleixo de non comunicalo ás familias. Outros episodios narran o intento, antes de ser coñecida a propagación do virus, de moitos deses centros residenciais de tentar que as familias sacaran ao seus familiares e os levaran para as súas casas baixo a súa responsabilidade.
Aquí, na Galiza, a lebre saltou a finais da semana pasada, cando traballadores e traballadoras deses centros residenciais denunciaron publicamente a existencia de casos de infectadas polo COVID-19 nunha residencia de Compostela xestionada por DomusVi; seguiron, posteriormente, numerosos casos nunha residencia en Celanova e, mais tarde, na de Barreiro en Vigo e na de Aldán en Cangas. Estas dúas últimas tamén xestionadas por DomusVi, empresa multinacional cuxos maiores accionistas son un adiñeirado francés e un fondo de investimento cuxos únicos intereses radican en acadar o maior beneficio posible. Esta semana xa se anunciaron un alto número de mortes entre os infectados. E apareceron “novos” casos (ou xa existentes pero sen declarar, non se sabe) en residencias da Fundación San Rosendo, emporio do cura ladrón Benigno Moure na provincia de Ourense.
Tamén na Galiza os familiares das persoas residentes quéixanse desde hai moito tempo tanto da falla de transparencia das direccións dos centros como da falta de coidados e persoal existentes nos mesmos.
Estes problemas, sobre todo o dos mortos ocultos, provocaron que o conselleiro madrileño responsable do ramo criticara ás direccións dos centros residenciais (maiormente privados) pola irresponsabilidade e falla de profesionalidade. A resposta da señora Ayuso, presidenta da CC.AA. de Madrid, foi destituílo da súa responsabilidade e poñer a competencia residencia nas mans do conselleiro pepeiro de sanidade. Hai que sinalar que a barbaridade dos centros residenciais madrileños ten unha responsabilidade clara: primeiro o Partido Popular, que foi quen estivo dirixindo a políticas sobre as residencias de maiores desde hai moitos anos que goberna en Madrid e que foi quen puxo eses establecementos (de propiedade pública ou privada) xestionadas por empresas pertencentes a fondos de investimento ás que o único que parecía importarlle era a súa conta de resultados; despois, a responsabilidade do conselleiro cesado desas función, de Ciudadanos, por seguir coa política dos seus predecesores. Por suposto que a decisión de Ayuso tivo consecuencias: o acrecentamento do escurantismo sobre o alcance do COVID-19 neses centros e que a día de hoxe a Comunidade de Madrid non especifique, dos infectados ou mortos a consecuencia do coronavirus, proceden ou están en establecementos residenciais de maiores.
Aquí na Galiza, non dimite ninguén nin hai destitucións, pese á incompetencia sobradamente demostrada pola responsable da Consellería de Política Social, encargada do ramo. E é que tal parece que a connivencia, permisividade e complicidade do Partido Popular coas empresas que xestionan as prazas dos centros residenciais de maiores é total. E certamente, eu estou convencido de que esa é a súa política. Certo é que en Madrid a retirada de competencias sobre residencias de maiores ao señor de Ciudadanos non foi debida á súa incompetencia, senón que ese home puxera en cuestión a política que sobre o tema estaba a seguir o Partido Popular. E as mortes de residentes maiores supoñen case o 25% dos falecementos por coronavirus na Galiza.
Persoal escaso e mal pagado.
Esta é unha das constantes das residencias de maiores na Galiza; tanto das públicas como, e sobre todo, das privadas. Evidentemente entre estas últimas hai diferencias, pero curiosamente son as que máis casos de coronavirus presentan neste momento aquelas nas que os ratios residentes/persoal son máis escasos. Eses sen-vergoñas que teñen uns cadros de persoal ínfimos, que non dan para atender e coidar con dignidade aos residentes; persoal ultra-explotado, con salarios de miseria e contratos precarios; un inmenso continxente de traballadores e traballadoras que, pese á súa entrega e boa vontade, por falta de suficientes mans non son quen de dar a basto para atender aos maiores como as súas familias desexarían. Traballadores e traballadoras sometidas á chantaxe de ficar sen traballo no caso de denunciaren a situación dos internos. E non só persoal xerocultor o que escasea neses establecementos de propiedade ou xestión privada, senón que tamén é escaso o persoal médico e de enfermería. Ten saído á luz nestes tristes días, que nos centros de DomusVi non hai médico nocturno, e nalgún nin enfermería nocturna, e do persoal xerocultos fican dúas persoas para atender a centos de residentes pola noite.
Non se lle oculta a ninguén que, tanto na Galiza como en Madrid, o número de traballadores e traballadoras contaxiados de coronavirus nas residencias de maiores é moi elevado. A falta de equipamentos de protección, tanto do persoal como dos doentes sans, é practicamente inexistente. As empresas no teñen dotado ao seu persoal nin aos seus residentes de medios de protección pese a presencia dun alto número de casos habidos nos establecementos e pese a estar residindo neles a poboación que ten maior risco de contaxio e de mortalidade por causa de COVD-19. Pero ese usureiros, negociantes sen escrúpulos, quéixanse de que o Goberno, non a Xunta dos seus protectores, no lles facilita medios de protección. Que fan con todos os cartos que sacan de cobrar as prazas residenciais a un importe de entre 1.800 e 2500 euros? Acaso non lles da para protexer aos seus residentes e ao seu persoal? Evidentemente, este persoal desprotexido ten as súas demandas e nos últimos tempos os seus representantessindicais teñen denunciado a súa situación, as carenciase a deficiente política da Xunta de Galicia diante da pandemia.
A falta de inspeccións e a connivencia das Administracións.
Esas residencias de maiores, pese ás continuas denuncias dos familiares das persoas residentes, rara vez reciben a visita dunha inspección en condicións por parte das administracións públicas responsábeis de velar por que eses establecementos cumpran os mínimos de persoal, instalacións e actividades que a lei esixe que teñan. Ou polo menos non o parece. E o digo eu con coñecemento de causa pois a miña nai estivo residindo nun deses establecementos hai anos; e iso que non eran os tempos duros que asolan aos residentes desde hai uns cinco anos para aquí, cando se empezou a concentrar o negocio residencial en poucas mans; e cando eses centros pasaron de ser fundamentalmente un caladoiro de votos para o Partido Popular a ser un pingüe negocio privado protexido polos gobernos autonómicos dese partido.
Residencias xestionadas por xentalla sen escrúpulos, que o único no que pensan é na ampliación dos seus beneficios económicos baseados, fundamentalmente, nos cartos recibidos das administracións públicas, administracións que coas súas ansias privatizadoras e cunha perfecta complicidade cos obxectivos deses mata-vellos deixaron o coidado dos maiores nas mans desa banda de senvergonzas que só pensan en acumular riqueza persoal, aínda a costa de maltratar a un colectivo que merece o mellor e o máis grande dos respectos. Respecto que non recibe nin de moitas desas empresas xestionadas por xentalla rastreira nin das administracións que teñen a obriga de velar polo benestar dos e das residentes. Administracións que agora tratan de agochar o alto índice de doentes con coronavirus e que seguen priorizando a súa complicidade e connivencia con esas empresas de almacenamento de vellos. E a Xunta de Galicia é claramente cómplice e connivente coa patronal das residencias de maiores, como denuncian traballadores e traballadoras de xeriátricos e como se pode ler nun amplo artigo publicado no xornal Nós Diario no día de onte; artigo titulado así “A connivencia da Xunta coa patronal das residencias”.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...