Na Galiza, a
domingo 1º de outubro de 2017
Sr. Presidente do Goberno do Estado:
Hoxe, como cada domingo que podo,
erguinme pasadas as nove da mañá. Prendín a radio coa finalidade de escoitar o
que acontecía en Catalunya e, alarmado polas novas que na emisora escollida comentaba
algún dos intervintes nunha especie de tertulia fun a ver si nalgunha emisora
de TV había imaxes (por suposto que, ao querer algo non propagandístico e que
non tivera as novas manipuladas, non escollín TVE, que coido que nada falou do
tema durante a mañá).
E a verdade é que fiquei abraiado
cando vin como membros da Policía Nacional ou da Guardia Civil botaban abaixo
portas interiores de colexios, ou cando cargaban contra os cidadáns que
pacificamente insistían en exercer o seu dereito a decidir. Lembráronme os meus
tempos de estudante universitario, cando a policía franquista entraba “a saco” nas facultades, tamén para “defender
a legalidade”, e cargaba contra toda persoa que se lle poñía por diante. Dado
que os tempos e a Universidade na que eu estudei era a mesma que a súa,
lembrarase vostede tamén de semellantes barbaridades e atropelos contra aquelas
persoas que o único que pedían era poder votar e escoller aos seus gobernantes.
Certo que vostede e eu non estabamos no mesmo bando; vostede estaba, admiraba e
defendía ao bando do xeneral Franco (ese golpista, militar e asasino, que
provocou e induciu milleiros de mortos -en accións de guerra e asasinados na
retagarda- e desaparecidos neste país- )
mentres eu estaba e sigo estando no bando que esixe liberdades democráticas. E
dígollo con coñecemento de causa porque eu tamén nacín e vivín na provincia de
Pontevedra, na que vostede era un significado membro discípulo dun dos maiores
ideólogos do movemento fascista español (Movimiento Nacional, dicíanlle), Gonzalo
Fernández de la Mora, home que votou (posiblemente coma vostede) contra a
aprobación da vixente Constitución Española.
Acabo de decidir deixalo por
hoxe. Estou moi quente como para seguir. Vou esperar a mañá e ver como discorre
o día, amais de coñecer máis detalles ao traveso das televisións que informen e
os diarios españois e estranxeiros que fagan o propio. Ata mañá.
Na Galiza, a luns 2 de
outubro de 2017
Ola, bo día Sr. Rajoy. Teño que
dicirlle que sigo a estar moi enfadado polo que ten pasado onte en Catalunya e
polas reaccións que vostede e o seu goberno tiveron diante dos graves feitos
acaecidos nesa comunidade autónoma. Non se pode negar a brutalidade policial
exercida por Guardia Civil e Policía Nacional na xornada de onte, e tampouco
tirar balóns fora e botarlle a culpa de tales feitos e comportamentos aos
dirixentes políticos autonómicos do país catalá (salvando as evidentes
distancias, esas desculpas lémbranme aos que culpan ás vítimas que morren por
estar onde eles poñen as bombas ou onde bombardean). A culpa é súa e do seu
goberno como máximo responsable das actuacións policiais; e, tamén, dos mandos
que induciron ou non evitaron a desmesura por parte de numerosos membros das
forzas ás súas ordes. Para mostra, dous botóns da desmesura policial cuxo
enlaces ao portal de You Tube lle
remito:
https://www.youtube.com/watch?v=4zBwNifMxYg (arrastrando a unha moza polas escaleiras; ¿Rompéndolle
os dedos?)
https://www.youtube.com/watch?v=dI6k-HQgmmU
(energúmeno collendo impulso nas escaleiras para patear más forte a quen xa
está no chan)
Só vostedes son responsábeis, por
moito que o seu coro mediático trate de desviar as miras cara outra parte. E
para facer de testemuñas están aí os diferentes xornais europeos, que non son
parte directamente implicada no asunto catalá: “Hundreds hurt as Catalonian
poll descends into violence” (The Guardian); “Catalogne. Le Coup de Force”
(Liberation); “Spain’s day of shame” (The National); ”Brute Force. Hundreds
injured Spanish riot police try to stop catalan ‘referendum’ “ (Free Metro);”EU
crisis over Catalan poll violence” (The Daily Telegraph); ... e así
sucesivamente. Amais das numerosas críticas de parlamentarios e políticos
demócratas europeos, moitas delas silenciadas polos medios españoles.
Non se pode actuar así contra uns cidadáns que
pacificamente amosan a súa resistencia civil, xa que estas actitudes cidadáns
(igual que os escraches) son propias dunha democracia, cousa vostedes esquecen
e do que parece que con vostede e os seus non é posible. Parece que cando ve
que moitas persoas se xuntan pacificamente para reclamar na rúa aquilo que
consideran que é xusto e que un goberno debe darlle, vostede esquécese da
política e a única resposta que coñece é a de “ordeno e mando” (esa que con
tanta facilidade vostedes colócanlle con frecuencia aos mandatarios venezolanos)
. Menos mal que desta vez non apareceu ningún “compañeiro” disfrazado de
antisistema, con pulseriña de bandeira española e provocando para xustificar
cargas como xa pasara nas protestas que houbera en Madrid un 22 de marzo de
2014, día no que tamén se “luciron”.
Tampouco nada positivo se pode
tirar da declaración institucional feita por vostede na noite de onte, que non
foi máis que renovadas racións do seu erre que erre. Nin tampouco das
declaracións realizadas na mañá de hoxe polo seu Ministro portavoz nas mañáns
da Cadena SER. Amais, mellor esquecer as declaracións realizadas pola señora
Vicepresidenta no mediodía de onte ou polo señor Ministro do Interior nese
mesmo día.
Ninguén dubida de que as
instancias xudiciais correspondentes declararon ilegal o referendo, nin que
diante desa tesitura o seu goberno tiña que actuar. Outra cousa e o como.
Porque os xuíces, que eu saiba, non lle din aos corpos de seguridade que dean
hostias a troche e moche a todo o que se resista pacificamente; os que din iso
son outros. E estes últimos non teñen cabida dentro das institucións dun
sistema democrático.
Non vou facer balance histórico do
problema catalán, porque iso excedería amplamente os obxectivos de protesta literal
e pacífica. Pero si que vou dicirlle que unha parte importante da culpa tena o
partido que vostede preside, o Partido Popular, por recorrer diante do Tribunal
Constitucional un estatuto aprobado pola inmensa maioría dos representantes
políticos dos cataláns e referendado máis que amplamente por esa cidadanía. Un
estatuto que contiña artigos que outros estatutos de autonomía tamén conteñen e
que non están declarados inconstiucionais nin tampouco foron recorridos. A
outra parte de culpa é súa e dos seus gobernos por non afrontar desde a súa
chegada dunha forma política e dialogada o denominado “problema catalán”, que
todo o país sabía da súa existencia, e deixando que as cuestións políticas
apodreceran para, diante da súa incapacidade, traspasarlle posteriormente o
“marrón” aos tribunais de xustiza. Impresentable.
Mire, señor Rajoy, Catalunya
afortunadamente ten unha cidadanía que nada ten que ver coa de Galiza. Unha
cidadanía consciente dos seus dereitos, unha cidadanía organizada e asociada,
cunha cultura social que para nós quixeramos moitos pobos do mundo. Unha
cidadanía que sabe expresar pacificamente as súas arelas, e que tamén sabe
resistirse pacificamente diante do que considera inxustizas; aínda que iso lle
custe ter o corpo mazado, a cabeza aberta ou os dedos rotos. Cunha policía que
ten mostrado (a verdade que me sorprendeu positivamente) o seu saber facer, que
sen desobedecer as ordes xudiciais, e sabendo que desde a toma dos sistemas
informáticos o referendo estaba máis que rematado, soubo cumprilas con mesura e
sen violencia. Cun respecto inmenso pola resistencia pacífica realizada por
unha importante e numerosa parte dos cataláns.
Se eu residira en Catalunya, onte
e despois das 10:00 horas da mañá, houbera decidido a ir a votar. Non para
darlle a razón aos convocantes do “referendo”, senón para quitárllela a vostede
e ás actuacións que motivaron este longo escrito. E, efectivamente, como non é
difícil pensar, eu son partidario do dereito a decidir, tanto dos catalás como
de todos os pobos que así o demanden con maiorías parlamentarias. E penso que
só eles deben decidir o seu futuro e con garantías que deben de proporcionarlle
os Estados dos que forman parte. Asemade, dicirlle que non me gustan as
fronteiras, que me considero cidadán do mundo e non me gusta que ninguén me
poña dificultades para moverme polo planeta adiante, e que xa hai fronteiras
dabondo como para poñer aínda máis.
Por último, pedirlle formalmente
que dimita. Que dimita vostede e o conxunto do seu goberno e secretarios de
Estado; porque supoño que se ninguén ten dimitido despois do de onte é que
concordan coas formas e os modos de actuar que se viron onte en Catalunya.
Estimo que son vostedes incapaces e incompetentes para exercer a gobernanza dun
país moderno e que quere vivir en democracia, que son incapaces de aprender do
positivo doutros e incorporalo ás súas actuacións (aí temos aos veciños
portugueses que saen da crise sen reprimir aos seus cidadáns nin recortarlle os
seus dereitos sociais e económicos). En definitiva: non serven. Váianse.
Sen máis, reciba atentos saúdos
de
Xesús X. Fernández Iglesias.
P.D./ Informarlle que,
posiblemente, este escrito será publicado en forma de carta aberta no meu
blogue. Aínda non o teño decidido.