Amosando publicacións coa etiqueta Ensino. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ensino. Amosar todas as publicacións

28 outubro 2024

Xunta de Galiza. Esnaquizando o ensino público

 

         Vai facer para 10 anos que me xubilei da miña función de ensinante exercente nun centro público de educación secundaria. Desde aquela para agora, e a pesares de que todo parece ter avanzado no tempo, o ensino público na Galiza segue a retroceder na súa función de servizo a pasos axigantados.

        Xa daquela se deixaban ver con claridade as intencións dos gobernantes da Xunta de Galiza (dominada polo Partido Popular)  de limitar e degradar o servizo público de ensinanza prestado en centros de titularidade pública:

  • Escaseza de profesorado; 

  • Aumento desmesurado dos rateos de alumnos por aula;

  • Ausencia de profesorado especialista suficiente para a atención á diversidade e a orientación do alumnado en todos os niveis educativos non universitarios;

  • Desmantelamento salvaxe do ensino rural, eliminando centros e unidades de educación infantil e primaria, infradotando os CRAs de medios e profesorado;
  • Aumento desmesurado das materias "afíns" a impartir polo profesorado non especialista, o que quebra o principio de especialidade que debe existir na impartición de aulas (saían a concurso prazas cun perfil do tipo: "matemáticas, con música e educación física");

  • Chantaxe ao profesorado con que se se negaban a impartir materias da que non eran especialistas o seu salario lle sería rebaixado;

  • Exceso de burocratización das tarefas dos docentes e horarios indecentes a partires da LOE;

  • Falta de dotacións materiais e espazos axeitados para impartir as materias, sobre todo na formación profesional;

  • Inicio da privatización e perda de cualidade da formación profesional ao través da que -para emular ao sistema alemán- chaman Formación Profesional Dual (que non é nin era a mesma que en Alemaña, onde as empresas si se implican na calidade do aprendizaxe sen usar ao alumnado coma man de obra barata);

  • Obstáculos, prácticos e legais, para a participación da comunidade educativa no funcionamento e goberno dos centros de ensino público, dotando ás direccións dos mesmos de todas as competencias e rebaixando o labor dos consellos escolares á función de meras comparsas de suposta xestión democrática.

  • Supresión de prazas públicas e creación simultánea na mesma localidade de prazas concertadas dos mesmos niveis;

  • Deslocalización das ensinanzas temperás das súas contornas naturais e lingüísticas; e limitacións agresivas do uso do galego nas aulas;

  • Prohibición de apertura de máis dun ciclo formativo de formación profesional de titularidade pública da mesma denominación nunha mesma localidade (así, por exemplo, en Vigo ou A Coruña só pode haber un ciclo público de Electromecánica, igual que no Carballiño ou Pontedeume, poñamos por caso). Medida favorecedora da privatización. 

  • E outras moitas máis das que, como dicía aquel, "no quiero acordarme" ou prefiro non facelo para evitar o enfado.

    É dicir, o Partido Popular desde a Xunta de Galiza xa daquela estaba a desmantelar o ensino público, entregando a formación dos nosos rapaces e das nosas raparigas a institucións e empresas de carácter privado, con idearios e políticas formativas non necesariamente democráticas, con ánimo de lucro e, desde logo, apartadas de todo tipo de control democrático por parte das comunidades educativas. E teriamos que dicir tamén, de ausencia de todo tipo de control por parte dos inspectores e inspectoras educativos da administración (e non necesariamente por vontade deles e delas).

 A situación do ensino a día de hoxe

    Polo que podo ler en medios de comunicación non domesticados, observar e falar con antigos compañeiros e compañeiras que aínda están en activo e impartindo aulas, a situación do ensino público non só non mellorou nestes case dez anos, senón que empeorou de forma importante. O que parecía case imposible que eses sen vergonzas que xestionaron e xestionan o ensino público de Galiza fixeran, non só o están a facer senón que a degradación do sistema público do ensino na Galiza e continuada e constante. O seu labor de empuxar á cidadanía a buscar alternativas diferentes ás do seu colexio público de proximidade é constante; o seu labor privatizador é intenso e a súa cara, coas mentireiras promesas de progresividade nas dotacións, moi dura.

        Nin sequera os acordos entre Consellería de Educación e tres sindicatos (os que sempre acordan, negocian e venden ao profesorado -xa o facían así cando eu estaba en activo- desesperados por apuntarse tantos e méritos que a realidade se encarga de desmentir e aos que a administración educativa sempre lles mete goles por todas partes) serviron para trocar en positivo, aínda que fora mínimo, algunha das eivas que amosa o sistema educativo galego. A Consellería "meteunos abordo" e quen está a pagar o pato da súa ineptitude é o alumnado, as súas familias e o profesorado.

Os sen vergoña non están sos.

        E non están sos; teñen cómplices. As denuncias por parte de profesorado, ANPAS e estudantes son constantes e abarcan a toda a xeografía galega, pero os medios, os masmedia, que terían a obriga moral que informarnos con detalle e obxectividade desas protestas e denuncias da comunidade educativa non o fan; son medios de desinformación que actúan como distribuidores da propaganda da Consellería de Educación e non como transmisores de información sobre a realidade; os mesmos que realizan o mesmo labor de cómplices noutros eidos nos que o Partido Popular, desde a Xunta de Galiza, está recortar e privatizar os servizos públicos. Son eses medios públicos manipulados e os privados que subsisten polas campañas que lles ceden desde o Partido Popular e da Xunta e/ou polas grandes subvencións que reciben do erario público. Eses medios dirixidos por editores e propietarios indecentes e sen escrúpulos, que confunden de forma premeditada información con propaganda. E neste país son poucos os medios de información que desta categoría se escapan.

Manifestación en Compostela o día 26 de outubro de 2024

        Convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, conformada por sindicatos de ensinantes e de estudantes e polas ANPAS Galegas, discurreu polas rúas santiaguesas unha grande manifestación baixo o lema de "Nin recortes, nin propaganda. Ensino público con futuro". 


        Nela participaron miles de persoas reclamando profesorado, reclamando rebaixa dos rateos, reclamando a cobertura das prazas de profesores e profesoras vacantes, reclamando profesorado especialista en atención ao alumnado con necesidades especiais e toda unha serie de reivindicacións de medios, materiais e profesorado necesario para fortalecer un ensino público que a Xunta de Galiza, da man do seu peor conselleiro de educación de todos os tempos, o Sr. Román Rodríguezestá a desmantelar de forma cruel e ruín (incluso peor conselleiro que aquel catedrático de Latín de cuxo nome non me lembro ou que o seu antecesor Xesús Vázquez. E mira que estes foron nefastos!).

       Un Conselleiro de Educación, unha Xunta de Galiza, un Partido Popular que trocan dotación de medios materiais e humanos en beneficio da calidade educativa por propaganda chea de mentiras regadas con publicidade pagada e subvencións a medios que agochan tanto o desmantelamento e privatización do ensino público como as demandas que en toda Galiza están a reivindicar as comunidades educativas de distintas vilas, barrios e cidades.

        Unha consellería, a de educación, que incluso da instrucións aos directores e directoras dos centros educativos para que lles neguen información sobre profesorado, rateos e outros temas aos país, nais e representantes do profesorado. Pleno fascismo en pleno século XXI practicado por un goberno, a Xunta de Galiza, que di respectar os principios básicos da democracia. De aí que unha das primeiras reivindicacións que se pedía no manifesto lido pola Plataforma ao remate da manifestación do día 26 fora a de  "transparencia e a eliminación da censura por parte da Consellaría no traslado de información por parte dos centros á representación de calquera colectivo da comunidade educativa do centro".

        Os e as manifestantes do 26 de outubro non pedían nada do outro mundo. Amais da xa nomeada de transparencia, máis profesorado, menores rateos, atención á diversidade, dedicación dos orzamentos que a Unión Europea fornece aos fins para os que están pensados, diminución do horario lectivo do profesorado. Todas estas demandas aparecen reflectidas no manifesto ao que antes fixen referencia, un "MANIFESTO POR UN ENSINO PÚBLICO GALEGO CON FUTURO, SEN RECORTES NIN PROPAGANDA" que podedes ler completo na ligazón.

       Unha poucas imaxes darannos idea da magnitude e transversalidade da mobilización. O normal é que houberades podido velas noutras publicacións dixitais ou en papel; e que a información desta importante mobilización tivera un espazo principal nas portadas dos xornais galegos editados en papel no domingo día 27. Por desgraza non é así; nin sequera no xornal editado na cidade na que se celebrou a manifestación. Pero os empresarios da información que temos son os que son (que cada quen lle poña o cualificativo que desexe). Pero nin sequera nos seus dixitais do propio día apareceu en portada; e no máis importante da Galiza só na edición dixital de Santiago unha pequena reseña (non sei sei en papel díxose algo, mais o dubido). O de importante non é pola calidade da información que subministra aos seus lectores e lectoras, senón pola tirada e pola cuantía das subvencións que recibe da Xunta de Galicia.

        As fotos están tomadas da publicación dixital da CIG-Ensino (que ten un amplo reportaxe fotográfico por se alguén quer ver máis)






27 agosto 2020

A volta ao cole de Núñez Feijóo. Incompetencia impresentable.

          En breve, profesorado e alumnado de ensinanzas non universitarias volverán ao "cole" despois de case seis meses sen impartir aulas; seis meses que foron interrompidos brevemente para realizar as probas da ABAU e que volverán a verse interrompidos polos exames aos que o alumnado teña que comparecer en setembro e polos claustros e reunións profesorais que teñan que acontecer nos distintos niveis educativos de cara a preparar o inicio do curso académico co alumnado, que ten o seu primeiro asalto o día 10 de setembro co inicio das aulas no segundo ciclo da Educación Infantil, na Educación Primaria e nas Educacións Especiais.

          Mais, como diría un coñecido meu, tal e como teñen previsto ese inicio de curso o Presidente da Xunta de Galicia, a súa Conselleira de Educación e o resto do staff desa conselleira (persoas ás que, coma a ela, podemos cualificar de "palmeros" de Feijóo e incompetentes para o desempeño das funcións que teoricamente teñen asignadas en calidade de xestores da educación na Galiza)  "é como para poñerse a mexar e non botar gota"; e se nos atemos ao acontecido desde mediados de marzo de 2020 cando se declarou o estado de alarma sanitaria no Estado ata o intre de escribir estas liñas, o meu coñecido tería toda a razón en definir esa situación coa súa característica expresión. Porque a situación na que Núñez Feijóo e os seus mandados e correlixionarios pretenden poñer ao alumnado e aos seus pais e nais, ao profesorado, ao persoal de administración e servizos dos centros educativos e a todas aquelas persoas cunha relación persoal directa ou indirecta cos colexios e institutos da pánico. Causa medo, terror nalgúns casos, e incerteza en familias e profesorado.

          E dixen antes desde marzo porque nese mes de 2020 o alumnado tivo que confinarse nos seus domicilios e asistir a un proceso educativo que, por inesperado, loxicamente non estaba preparado para a impartición de aulas a distancia. Por moitas razóns, pero sobre todo pola falta de medios materiais e humanos que puideran "parchear" dalgunha forma a ausencia de ensino directo. Profesorado e alumnado non tiñan medios nin formación suficiente para manter un proceso de educación a distancia, tampouco a administración educativa galega con competencias exclusivas foi quen de proporcionárllelos; temos que recoñecer algún remendo por parte do goberno de Feijóo: dotar dunha plataforma ao profesorado e alumnado desde a que o profesorado e alumnado puideran, cos seus propios e persoais medios, impartir/recibir aulas. Do mesmo xeito, o goberno central dotou a todas as comunidades autónomas dunha serie de equipos e conexións para que o alumnado con menos recursos puidera acceder a ese remedo de ensino que se impartiu nos meses que van de marzo a xuño; pero claro, a distribución que fixo a Consellería de Educación de Galiza foi de tres equipos por centro educativo (e por riba atribuírse o mérito) e nada máis, nada pola súa parte competencial. Así o resultado foi o que foi: absentismo elevadísimo por parte de parte do alumnado ata que o foron conscientes de que non ía haber táboa rasa, absentismo discente determinado pola falta de medios e rendas para poder acceder a eles por moito que se o propuxeran, profesorado que fixo o que puido cos medios dos que dispoñía facendo xornadas longas e intensas,...

             A vida e a incompetencia seguen igual.

          E neste intre estamos como estabamos. Un goberno da Xunta de Galicia que escapa das súas competencias e trata de cargar as tintas sobre o goberno central en temas que son total e absolutamente competencias exclusivas da comunidade autónoma. Por moito que me doa, e non polos suxeitos que o forman e dirixen, teño que dicir que si, que o goberno central ten culpa disto. Non se poden deixar competencias tan serias e importantes para o desenvolvemento da sociedade como o son a sanidade, a educación e as políticas de atención á dependencia en mans de xentes sen vergoña, aventureiras ou incompetentes, mentireiras e pouco serias. Xentes que no mes de maio de se queixan do acaparamento de competencias polo goberno central, e cando este cédelle as competencias e aparecen problemas nas vilas das súas xurisdicións botan as responsabilidades sobre os alcaldes, que cando volven a aparecer máis problemas e se expande unha pandemia que eles, polas súas deficientes políticas sociais, foron incapaces de controlar volven a cara ao goberno central esixindo responsabilidades a este sobre asuntos nos que os incompetentes teñen competencias exclusivas (1). Piden que retome o que eles criticaron: que o goberno central asuma as competencias que á Xunta de Galicia lle corresponden e da que son responsables. E isto non é só na Galiza; son todos os gobernos autonómicos dirixidos polo Partido Popular en solitario ou con aliados, e con esa eminencia da intelixencia que preside a nivel estatal ese partido neofranquista facéndolles eco. E digo que me doe porque son confederalista, pero por riba dos territorios está o benestar das persoas.     

           Unha chea de interrogantes sen resolver (e, posiblemente, máis).

          Volvendo ao ensino. Di Feijóo que non se preocupen os pais, que os seus fillos están máis seguros en aulas masificadas que naqueles lugares aos que na actualidade están indo coas súas familias. Eu, se tivera fillos en idade escolar, estaría moi preocupado. Incluso non os mandaría a clase pese as ameazas veladas de denuncia por absentismo realizadas esta semana por un alto cargo educativo da Consellería de Educación. Porque o protocolo que sacaron a toda presa e correndo desde a Consellería de Educación da Xunta, separado de calquera orientación saudable das emitidas por organismos internacionais ou españois e pasándose, incluso, as orientacións establecidas e acordadas no mes de xuño pasado pola conferencia estatal de educación e que foron asumidas pola maioría das consellerías de educación autonómicas, incluída a de Galiza. Un protocolo criticado por todos os sectores da comunidade educativa: pais e nais, profesorado e persoal de administración e servizos. Os únicos que non critican tal cousa son os patróns da ensinanza privada e concertada.

          Di a Conselleira de Educación da Xunta de Galicia nunha penosa entrevista (non pola periodista, senón polas respostas da señora política) concedida á Cadena SER que o de 20 alumnos por aula é imposible, que non hai espazo. E lémbrase agora, cando tivo desde o mes de xuño pasado, no que xa se sabía que deica o ano que ven posiblemente non haberá remedios para paliar os contaxios, para resolver esa eiva. Concellos que poden poñer ao dispor dos centros numerosas dependencias que teñen, desde aulas de formación, salas diversas ata antigas escolas unitarias en desuso. Aulas prefabricadas como solución provisional no caso de que non houbera instalacións fixas suficientes. Igualmente a distribución do alumnado en quendas de acceso ás aulas. Pero claro, todas esas medidas precisan de contratacións de profesorado. E non queren contratar profesorado para a ensinanza pública. Noutras comunidades autónomas fixérono, foron previsores, como na Comunidade Valenciana. Pero AQUÍ, NA GALIZA, ESTAMOS GOBERNADOS POR  INCOMPETENTES QUE SÓ PARECEN PENSAR NO BENEFICIO DOS NEGOCIOS PRIVADOS DE ENSINO.  E os millóns de euros que lles transfire o goberno central para investir en educación onde os van meter? Non lles gustaba nada que foran finalistas para educación pública; imaxino que (como xa fixeron cos fondos para a adaptación dos centros de ensino ás esixencias da LOXSE nos anos 90 do século XX, baixo o mandato de Fraga) quererían investilo na privada concertada e na privada pura e deixar á pública a velas vir. 

          Que vai pasar coa Formación Profesional, cuxo ensino é eminentemente práctico? Vanse manter nas aulas de FP os mesmos criterios que rexeron ata agora? Que pasa co uso compartido do material? Hai especialidades que requiren unha mínima inversión en material se uso persoal nas prácticas e que xa na actualidade adquiría o propio alumnado, pero hai outro necesario nalgunhas especialidades que é moi custoso e non está ao alcance de calquera. Vai a Consellería pretender que sexa adquirido polo propio alumnado? 

        E que vai pasar co transporte escolar? Hai un par de días as empresas que realizan o servizo declaraban non ter protocolos de actuación. Que pasa co transporte compartido que se inventaron os filofranquistas para aforrar cartos e medios para a educación pública? Nada se sabe.  

          Que vai pasar cos comedores escolares? Cal vai ser o protocolo? 

         E nos momentos de lecer do alumnado como vai a ser a distribución espacial? Como se van xestionar os trocos de aula? Como van ser os protocolos de entrada e saída dos centros? Que vai pasar cos nenos aos que as súas familias envíen aos centros con febre ou outra enfermidade? (Porque isto pasa cando os país non teñen con quen deixar aos seus fillos nun país onde as medidas de conciliación son practicamente inexistentes e onde os empresarios son reticentes a que as persoas asalariadas as soliciten, por moi xustificadas que estean).

          Todas son interrogantes sen resposta, a un paso do inicio do curso.

          Nun hipotético caso, nada desexable, de que haxa que confinar total ou parcialmente o ensino, como se van impartir aulas? Porque as cousas seguen como estaban en marzo. O profesorado sen medios nin formación, o alumnado sen medios nin formación e moitos deles sen recursos para acceder a eses medios, o alumnado do rural ten deficiencias importantes nas conexións a aulas ou formación virtual. 

             O que lles importa é o beneficio privado.

           Como pasa na sanidade  ou na dependencia, a Xunta de Galicia dirixida polo Partido Popular non quer investir no persoal necesario para levar os servizos públicos a bo fin. Prefiren deixar nas mans dos que negocian coa saúde, coas necesidades residenciais e de coidados e cos necesidades educativas da poboación os servizos sociais que o sector público debería prestar para asegurar os servizos universais de calidade que entidades sometidas a contas de resultados non van proporcionar.

          Ao Feijóo, en lugar de seguir as recomendacións da OMS ou da conferencia de conselleiros de educación de xuño, só se lle ocorre, despois de pedir insistentemente un protocolo común a todo o Estado (1), o de que o uso de tapabocas sexa xeneralizado ( o cal non está mal) e que "ten posto o ollo nos países do Norte e do Centro de Europa en vistas a modificar o protocolo". En que quedamos, centro e norte de Europa ou protocolo estatal centralizado? Pódese ter menos vergoña? Por que non fai uso das súas competencias exclusivas?

         Os únicos que se van ver beneficiados co panorama de espazos, distancias mínimas entre persoas, organización dos patios de recreo e relacións entre número de alumnos e alumnas por profesor ou profesora van ser os patróns do ensino privado, tanto do concertado como do non concertado, que non terán que adaptar as súas instalacións para meter un número menor de alumnos por aula, nin contratar máis profesorado. O negocio que as normas e actitude da Xunta de Galicia e do seu Presidente e da súa Conselleira de Educación vailles proporcionar vai ser limpo. Que raro, non? A Xunta de Galicia presidida por un prohome do Partido Popular traballando a prol de beneficiar á empresa privada, neste caso do ensino? Hai alguén a quen lle choque? (2). Os prexudicados van ser todos os demais que teñan unha relación directa cos centros educativos, sexan da pública ou da privada: alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos, choferes e coidadores do transporte escolar e as familias de todas e de todos eles, repartidores de insumos para os comedores escolares... e todas as demais persoas ás que poidera omitir na relación.

                    E logo?

                    Eu xa non estou en activo. Se o estivera, como traballador estaría traballando a prol dunha folga xeneralizada no ensino de Galiza, tanto da pública como da privada. E desde logo non estaría a suplir cos meus propios medios persoais aquelo que a Consellería non foi quen, por incompetencia continuada, de proporcionarme para exercer a profesión. Se queren que me conecte a internet desde a miña casa, que me paguen a conexión; se queren que utilice ferramentas informáticas para formación non presencial que me faciliten equipamentos e software para realizar unha formación en liña de calidade e con todo o meu alumnado. Unha formación que non se basee só en colgar material en pdf nos espazos virtuais ou en darlle tralla video-fónica a un alumno ou alumna que ten a facilidade de estar pensando nas Batuecas mentres dure a "charleta rayante" sen que o profesor ou profesora poida controlar a situación.

             Os pais e nais deben facer forte presión diante da Xunta de Galicia, que ten competencias exclusivas na educación, para que se cumpran as recomendacións da OMS e para que se doten aos centros de máis profesorado e máis persoal de administración e servizos, así como de medios para alumnado e profesorado no hipotético caso de que teña que haber unha volta atrás que supoña o confinamento total ou parcialmente dos centros de ensino. Do mesmo xeito que deben reivindicar de quen corresponda para que se adoiten medidas legais de conciliación para aquelas familias que o precisen, controlando e poñendo medios para que quen teña que acollerse a estas medidas non sexa reprimido polos seus patróns.

 ___________________

 NOTAS.-

  (1) É curioso o plantexamento que os neofranquistas do Partido Popular fan nestes intres, que máis ou menos é así: "fai falla unha dirección única unificada en todo o Estado para combatir o COVID-19; non pode ser que haxa dezasete políticas distintas para o mesmo problema que abarca a todo o Estado; o goberno central debe asumir as súas responsabilidades e tomar o mando. E bla, bla, bla...". E digo que é curioso porque a pandemia é un problema mundial non exclusivo de España e que necesita respostas globais baixo a dirección da OMS. Pero se nos achegamos máis á xeografía política na que o Estado Español está inmersa, formando parte dun entre político chamado Unión Europea, por que eses mequetrefes neofranquistas do Partido Popular, os seus aliados e todo o persoal retrógrado centralista que ouvea e ornea desde xornais, emisoras radiofónicas e estacións de TV non pide políticas únicas europes? Teño que dicir que non o entendo.

 (2) Como curiosidade e de pasada algo acontecido no pasado curso académico 2019-20. Algúns centros públicos denunciaron que aos seus equipos de dinamización lingüística reducíronlle as súas dotacións orzamentarias no pasado curso escudándose en que como este rematou en marzo non tiña senso manterlle a totalidade do orzamento. Non sei ata que punto iso é certo, mais ningún desmentido oficial da Consellería lin sobre o tema. Aos centros privados concertados reducíulle a Consellería de Educación os gastos de funcionamento asociados á permanencia do alumnado nos locales de negocio? Eu supoño que non. Líbreos de tal cousa o seu deus!

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...