Amosando publicacións coa etiqueta Contas Correntes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contas Correntes. Amosar todas as publicacións

24 outubro 2021

Roubos consentidos (II): os custos das contas bancarias

 Esta é unha segunda parte do artigo sobre os “roubos consentidos”. Na primeira parte, xa foi definido o que eu entendo por “roubos consetidos” polo que non abondo no tema desta volta.

Os bancos, outros que tal bailan.

Róubannos tamén as entidades bancarias ao través das diferentes comisións que, por diversos conceptos, nos colocan no día a día con total descaro e impunidade. Non pagan un só céntimo de xuros polos cartos depositados en contas correntes e de aforro abertas nas súas entidades, pero poden utilizar 99 de cada 100 euros alí depositados para especular con eles nos mercados financeiros ou onde lles pete. De tal forma que como por arte de maxia cada euro que nos depositamos nun banco, el convérteo en 100 euros co que especular nos mercados financeiros ou investilo naquilo que considere rendible pero do que nos non imos ver un céntimo. E por riba temos que pagarlle comisións, cada vez máis altas, polo simple feito de ter algo de primeira necesidade como é unha conta corrente onde poder ter a nosa nómina, a nosa pensión ou facer pagamentos de valor superior aos 1000 euros.

E non contentos con iso, prívannos de servizos directos e persoais, obrigándonos -co consentimento do Banco de España e do Ministerio de Economía- a operar por vía da web ou das aplicacións para móbiles, o que pon en perigo, como se está a demostrar nos últimos tempos, a integridade das contas dos usuarios por mor do aumento da piratería informática; e iso complementado coas tentativas de eludir as responsabilidades da propia entidade no caso de desfalco dunha conta vía web, non asumindo a potencial inseguridade dos seus procesos telemáticos e tratando culpar ás persoas usuarias.

Imaxine vostede a unha persoa que cobre un salario de miseria (que por desgraza son moitísimas), unha axuda social ou unha pensión de menos de 650 euros que, amais dos altos gastos domésticos, teña que pagar a un ladrón de luva branca trinta ou cincuenta euros semestrais en concepto de comisión de mantemento e aparte un tanto por movemento realizado na conta. Isto é permitido polos gobernantes (polo menos os que houbo -e hay- ate agora). Si, xa sei que o BCE (BCE) e o Banco de España (BdE) son organismos autónomos e que son os que determinan a política monetaria; pero o Goberno do Estado tamén ten un Ministerio de Facenda ou un de Economía que, non sei cal deles, ten competencias sobre os bancos e pode presionalos. O que non sei é si esa independencia (do BCE e do BdE) é independencia dos intereses xerais da maioría da cidadanía europea, porque realmente parece que si dependen dos desexos dos grandes empresarios e dos grandes banqueiros e resto de ladróns de luva branca. O mesmo a suposta “neutralidade” dos gobernos; unha neutralidade que favorece a quen favorece. Non hai máis que ler os informes do Banco de España ou escoitar e ler as declaracións do seu gobernador para ver cales son os intereses que defenden eses organismos (salario mínimo, alugueiros de vivenda, comisións bancarias, etc.). E o Banco Central Europeo xa vemos que está dirixido pola muller que dicía que “viviamos demasiado” (supoño que os demais, non ela) e que foi presidenta do FMI. Que se vai esperar de alguén así, que se pasou a vida defendendo os intereses dos poderosos a calquera prezo?

Si; xa imaxino o que pode estar a pensar, e seino. Sei que hai contas especiais para persoas con escasos recursos, pero abrir unha desas é máis difícil que cagar de pe (perdoe a expresión escatolóxica); todo son dificultades e papeis a xentes normalmente con escasos recursos culturais e sociais. É case como solicitar un crédito ICO a través dunha entidade bancaria privada; ao final, como os cartos urxen, pasas de todas as pegas que a entidade aduce e te acolles a un crédito leonino dos que as privadas ofertan. Xentes ás que, por riba, ás 11:00 horas da mañá secuéstranlle o dereito a facer operacións de caixa de forma presencial; tamén coa total compracencia das autoridades correspondentes.

Perdeu o Goberno Español unha oportunidade de ouro con Bankia, do que era accionista maioritario, para crear un banco público que competira no mercado con criterios sociais e, así, moderar os abusos sobre os clientes bancarios que practican a meirande parte das entidades financeiras (por non dicir a totalidade). Pero, o Goberno de Pedro Sánchez preferiu apuntalar o oligopolio financeiro en lugar de aproveitar unha entidade na que o Estado era accionista maioritario e cunha considerable rede de oficinas para crear unha banca pública estatal. O mesmo que na Galiza fixo Núñez Feijóo coas caixas de aforro galegas. Captan vostedes a diferencia? Non? Normal, non existe. No fondo, Núñez Feijóo e Pedro Sánchez son iguais; defenden os mesmos intereses. Ao goberno español xa só lle falta promocionar o peche de sucursais bancarias no medio rural e subvencionar a instalación neles de caixeiros automáticos para empatar coa Xunta de Galicia. Sería unha forma máis de subvencionar aos bancos por secuestrar servizos á cidadanía e, de paso, subvencionar despedimentos de persoal e contribuír ao despoboamento do rural. Para que queren máis os banqueiros con personaxes así?

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...