Hoxe, xoves 26 de outubro de 2023, atópome unha nova no xornal Nós, edición en papel, que ten por titular o seguinte:' "O PP desbota unha proposta para ampliar as frecuencias e prazas de tren" ', tamén reproducido na súa edición dixital con outro titular.
Sorprendido polo titular leo con atención a nova. Resulta que o BNG presentou no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei para "reclamar ao Goberno do Estado unha ampliación de frecuencias e prazas nos trens do Eixo Atlántico e da liña entre A Coruña e Ourense, así coma demandar o mantemento dos bonos gratuítos e os descontos no Avant".
Ata aí todo ben. Cando leo as razóns que levan ao Partido Popular na Galiza a votar en contra desa proposición non de lei é cando me quedo na situación de non saber se rir ou se chorar. Segundo conta o citado xornal, un tal José Manuel Balseiro, voceiro dos populares, di que a razón do seu voto negativo é que "a proposición presentada polos nacionalistas non merece credibilidade desde o momento no que estes son socios de Pedro Sánchez", ao que os peperos responsabilizan da situación ferroviaria de Galiza, e que (di o Balseiro, segundo Nós) "hai unha clara falla de interese do goberno español por modernizar a rede ferroviaria galega".
Á marxe do acordo ou desacordo coa posición do Partido Popular no tema de quen comezou co desmantelamento, e quen o continuou posteriormente, das comunicacións ferroviarias na Galiza, é incomprensible que un partido galego renuncie a reivindicar unhas mellores comunicacións ferroviarias; non é normal; e máis incomprensible se, coma eles din, é o goberno central actual o responsable da situación ferroviaria galega. O normal sería apretarlle as porcas para que procedan a rectificar a súa política ferroviaria cara ao noso país.
Eu non sei o que lles parecería a vostedes. A min só se me ocorreron dúas posibilidades: ben que os do Partido Popular teñen unha diminución intelectual grave, ou ben que o seu grao de imbecilidade é moi elevado.
Non sei a vostedes.
