Hoxe
escoitei nos noticiarios radiofónicos cousas que me reafirman na
miña opinión de que Pedro Sánchez (e por extensión o PSOE) non
merece a Presidencia do Goberno do Estado. Outra cousa é que a
consiga; que unha parte dos deputados dos que depende a súa
investidura vote afirmativamente e co naríz tapado para evitar que
dunhas hipotéticas eleccións poida saír un goberno de dereita
impulsado polo partido franquista (Partido Popular), o partido
riverista e cos apoios dos nazi-fascistas, que posiblemente aínda
sería peor para a convivencia democrática e para a corrupción que
os dous gobernos de Mariano Rajoy xuntos.
A dicir dos
xornalistas, parece que o PSOE ten preparado un proxecto de programa
para presentar a Unidas Podemos con non sei cantas medidas, algunhas
delas moi sociais e moi demandadas pola esquerda e as organizacións
de carácter social do conxunto do Estado. Pero para nada pensa o
partido felipista de Sánchez nun goberno con presencia de persoas
non escollidas por ese partido. Nada de goberno de coalición ou
compartido, como demanda a coalición de Pablo Iglesias (o de
“coalición de” non é gratuíto). Esta posición de goberno de
un, defendida publicamente por todos os xerifaltes pesoistas, xa
mostra unha disposición pouco negociadora e de preferir unhas novas
eleccións a compartir un goberno no que poidan ter que lexislar
medidas de socialdemocracia avanzada.
Nada novo
sobre a mesa. O PSOE, desde Felipe González ata hoxe, sempre foi un
fiel servidor dos intereses da oligarquía financeira española e
internacional, maquillando as súas políticas antisociais con
algunhas de carácter social e avanzado (LOXSE, aborto, lei de
matrimonio entre persoas do mesmo sexo, lei de dependencia ou lei de
memoria histórica, por mencionar algunhas) pero leis que sempre
adoecían da falta de garantías para o seu cumprimento, normalmente
por falla de memoria económica que as acompañara, ou ben que
simplemente non necesitaban achegamentos de fondos, como os cambios
lexislativos que permiten casarse a persoas do mesmo sexo. Ou sexa,
que nada do outro mundo; os intereses da oligarquía financeira
ficaron sempre ben a cuberto (rescate bancario, desmantelamento dos
asteleiros españois en beneficio dos holandeses para a entrada na
CEE, cambio do 135 da Constitución, indulto para un banqueiro do
Banco de Santander condenado por delincuente, entrada na OTAN...).
O novo no
día de hoxe é que introducen, segundo informa a SER, como unha das
medidas a presentar a Unidas Podemos o de negar a posibilidade da
realización dun referendo en Cataluña sobre o futuro desa nación.
Isto xa non é só un pau na roda da bicicleta da coalición
socialdemócrata, senón un obstáculo para que forzas inclinadas de
entrada a votar favorablemente unha investidura de Sánchez, como
ERC, poidan votarse para atrás. É como asinar unha convocatoria
dunhas novas eleccións xerais.
En fin, a
aqueles que desexaban poder votar favorablemente á investidura de
Sánchez pero non lles convence un goberno do PSOE en solitario teñen tres posíbeis opcións:
a) Votar en conciencia e impedir que Sánchez sexa presidente do goberno;
b) Votar afirmativamente co nariz tapado tentando disimular o fedor que as políticas antisociais do PSOE desprenden. E mais a sabendas de que vai haber unha pinza PSOE-PP para “reconducir” o Estado e afianzar un bipartidismo dócil diante dos poderes económicos, financeiros e dos traficantes de armas -perdón, fabricantes-; e, tamén, a sabendas de que as medidas socialdemócratas do seu programa -coma sempre- non son máis que decoración a incumprir;
c) Absterse e que sexa a dereita quen derrote a Sánchez no Congreso.
a) Votar en conciencia e impedir que Sánchez sexa presidente do goberno;
b) Votar afirmativamente co nariz tapado tentando disimular o fedor que as políticas antisociais do PSOE desprenden. E mais a sabendas de que vai haber unha pinza PSOE-PP para “reconducir” o Estado e afianzar un bipartidismo dócil diante dos poderes económicos, financeiros e dos traficantes de armas -perdón, fabricantes-; e, tamén, a sabendas de que as medidas socialdemócratas do seu programa -coma sempre- non son máis que decoración a incumprir;
c) Absterse e que sexa a dereita quen derrote a Sánchez no Congreso.
Ocorra o que ocorra, penso que un goberno de dereitas do PSOE en solitario non é desexable; e menos unha fronte fascista (España Suma). Igualmente
sigo convencido de que Sánchez non merece ser Presidente. E espero que
o PSOE siga o camiño que colleron involuntariamente o resto dos partidos
autodenominados socialistas da Unión Europea. Porque xa está ben de
que teñamos que soportarlle esa máscara de “socialista” que non
se axusta á realidade (e aquí, por riba, teñen a ousadía de
auto-impoñerse o cualificativo de “obrero”).