Polo que puidemos e podemos ler ou escoitar case día a día en diferentes medios de comunicación, desde hai moito tempo e de forma continuada, Irene Montero e Pablo Iglesias, dirixentes de Podemos, están a sufrir insultos e concentracións de persoas diante de calquera lugar onde se atopen coa súa familia. Primeiro foi na súa residencia en Galapagar, onde nazis e fascistas se concentran e berran día si e outro tamén contra a parella e os seus fillos, impedindo de forma continuada a tranquilidade á que, por regra xeral, calquera cidadán ten dereito cando está no seu domicilio.
"Pero é que esas persoas son cargos públicos e, polo tanto, deben estar expostos á crítica pública", din quen xustifica as citadas accións; outros utilizan a comparanza: "eles tamén fixeron ou animaron scraches a cargos públicos do goberno Partido Popular cando era este partido o que tiña o goberno do Estado". Verdades a medias. Efectivamente, os cargos políticos públicos de calquera nivel deben estar suxeitos a crítica pública, incluso apupos e manifestacións diante dos edificios públicos que ocupan. E tamén, e puntualmente, diante dos seus domiciliuos particulares; e deben asumilo. En relación aos que se excusan nos scraches sufridos pola Vicepresidenta do Goberno filo-franquista de Mariano Rajoy dicirlle que, polo que eu sei ao través dos medios, estes scraches organizados polos defensores dos desafiuzados por hipotecas tiveron lugar un día ou ao sumo dous días, non de forma continuada como o que está a ocorrir actualmente coas actuación dos nazis, dos fascistas e dos filo-franquistas cara á parella Montero-Iglesias e a súa descendencia. E amais eses energúmenos persisten nas súas actividades acosadoras incluso estando os acosados de vacacións fora do seu domicilio cotiá.
Non é que a citada parella nin a organización política á que representan sexan santo da miña devoción política. Nunca o foron; incluso cando durante o 15-M non había organización política. Pero coido que este tipo de accións non teñen xustificación e, como acoso continuado que é, debe ser perseguido de oficio pola fiscalía e a xudicatura, instancias que noutros casos menos graves ou produto do "díxome, díxome" parecen non dubidar en abrir investigacións ou instruír casos de oficio. Non é comprensible (ou ao menos au así o creo) que neste caso non sexa así, e máis sendo os dous adultos afectados persoas que ostentan cargos públicos de alto rango, un vicepresidente e unha ministra de Estado.
Outra cousa, ao meu ver, tamén impresentábel é que unha parte importante da fauna mediática, que cando o scrache á vicepresidenta marianista poñían a pan pedir aos da PAH e a quen os apoiaba, parece disfrutar e incluso animar este tipo de acosos. Pero claro, hai "xornalistas" e directores de "xornais" dos que, disfrazados de demócratas, o único que se pode esperar son desinformación e posicionamento a prol das ideoloxías máis dereitistas que pululan polo solar ibérico. Os mesmos que criticaban á parella por mercar cos seus cartos e hipotecándose a súa actual vivenda; como se unha persoa da esquerad non poidera facer cos seus cartos o que lle petara (o malo sería que o fixeran con cartos públicos ou produto de comisións irregulares coma outros aos que estes mesmos medios enaltecen). "Unha familia numerosa de esquerdas non debe vivir en algo máis grande de 60 ou 70 metros cadrados", parecen dicir. Porque o curioso é que por esa mesma época, Rivera, un dirixente de Ciudadanos, mercou cos seus cartos un chalet moito máis custoso que o dos dirixentes de Podemosee a ningún destes imbéciles que se fan pasar por xornalistas parecéulles mal, nada dixeron. En fin, ...país!
Hasta onde eu teño coñecemento, o scrache ten a súa orixe nun método que con posterioridade á II Guerra Mundial, creo que nos anos 60 do século XX, utilizaron nun país europeo grupos demócratas e antifascistas para denunciar publicamente a criminais nazis que estaban convivindo ocultos en diversas cidades dese país; moitos deles coa connivencia das autoridades dese país, que coñecían perfectamente o seu pasado criminal e nada facían por poñelos ao dispor da xustiza. A técnica era manifestarse puntualmente diante dos domicilios ou dos traballos dos criminales para poñer en evidencia a pasividade e a permisividade das autoridades diante da presencia de criminais de guerra contra dos que había probas inequívocas das súas actividades. Diante da información aparecida nos medios de comunicación (que eran realmente de información, non como os que coñecemos aquí na actualidade) ás autoridades non lle cabía outra que actuar contra os nazis.
É curioso que este método de denuncia criminais nazis sexa utilizado por xentes de ideoloxía fascista, nazi ou filofranquista para acosar a persoas que poñen en cuestión as costumes, institucións, persoas e métodos que manteñen dinámicas de actuación e comportamento franquistas e frontamente contrarias ao principio básico de que "todos os cidadáns teñen os mesmos dereitos e son iguais diante da lei", tal e como se manifesta na Constitución vixente nun dos artigos que parece máis para vestir que para cumprir; costumes, institucións, persoas e métodos que perviven dentro dun país cun sistema político que se gaba de ser un sistema democrático homologable a calquera outro.
Logo, podemos concluír que a que lles está a ocorrer a Pablo Iglesias, Irene Montero e os seus fillos na súa residencia cotiá e nos lugares aos que van non é scrache, é acoso puro e duro. E, ao ser esta figura unha actitude perseguida polas leis (e máis si as vítimas son cargos públicos) podemos concluír tamen que, como nos países de ocultación de nazis con coñecemento das autoridades, aquí tamén hai vista gorda por quen debera perseguir de oficio estas actitudes dos intolerantes fascistas, nazis e filo-franquistas.