Amosando publicacións coa etiqueta Emerxencia sanitaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Emerxencia sanitaria. Amosar todas as publicacións

20 maio 2020

Galiza: Eleccións e"fodechinchos" segundo Feijóo (e II)

Poñemos aquí a segunda parte do artigo que leva por título «Galiza: eleccións e “fodechinchos” segundo Feijóo». Poderiamos ter titulado esta parte como «A campaña electoral e o perigo dos “fodechinchos” segundo Núñez Feijóo», pero imos manter o título orixinal.
Campaña electoral
Descartada xa a mobilidade provincial nas Fases Cero e Un, volve Núñez Feijóo (xa coas eleccións convocadas) á carga co tema e solicita para o comezo da Fase 2. É moi posible que a concedan. Posiblemente o pacto acadado entre Goberno central e PNV para acadar apoios ás políticas de desescalada teña algún aspecto deste tipo. Non esquezamos que o goberno vasco tamén ten convocadas eleccións para o mesmo día que o noso presidente vernáculo; e a dereita vasca tamén necesitará mover aos seus peóns electorais.
Falamos na primeira parte de como Feijóo retorce ata estrangular as conclusións dos principais epidemiólogos de Galiza para axeitar os perigos de extensión e de reactivación da pandemia do COVID-19 aos seus desexos electorais. E cando falo dos principais epidemiólogos do país, non me refiro ao que a Consellería de Sanidade e o noso presidente vernáculo chaman “equipo de expertos”. A min os xerentes de áreas de xestión sanitaria, xerentes de SERGAS, xefes de servizo nomeados a dedo e toda a caste de xente que pode estar aí escollida a dedo pola súa fidelidade política ou polo seu comportamento “obediente” non me ofrece ningunha confianza. É dicir, a mesma confianza que me ofrece Núñez Feijóo ou La Voz de Galicia.
Pero si lemos en distintos medios que os expertos non lle dan a razón ao actual presidente da Xunta de Galicia. Así o doutor Enrique Míguez, xefe da unidade de infecciosas do CHUAC, di que se poden esperar dous rebrotes da pandemia neste ano 2020, un “pequeno” nas seguintes dúas semanas e un segundo “dunha amplitude non predecible” cara a finais de xullo (Galicia Confidencial, 13-05-2020).
Incluso os informes que manexa o propio goberno de Galiza indican que a previsible chegada masiva de turistas desde outros territorios nos meses de xullo e agosto pode provocar un aumento da transmisión do virus. Igualmente hai coincidencia entre numerosos especialistas en que o sistema sanitario público está nunha situación de extrema fraxilidade derivada “da pobreza á que se viu sometida nos últimos anos” e que “a precariedade, froito da privatización do sistema sanitario e a falta de investimento en Atención Primaria colócanos agora nunha situación de debilidade. As autoridades deberían entender que o incremento da poboación nas zonas costeiras será importante e debe ter preparado recursos humanos e técnicos para que o sistema de vixilancia e a capacidade asistencial funcionen". (Fonte: Nós Diario, 15 de maio de 2020)
Neste senso, Núñez Feijóo, despois de retorcer os ditames dos especialistas e de, incluso, dar información falsa sobre o número de turistas que se achegan ás nosas costas nos meses de xullo, agosto e setembro (contradicindo os datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística -IGE- di que setembro é o mes de maior afluencia de visitantes e que por iso non pode levar as eleccións a ese mes no que remata a lexislatura) conclúe que a súa conveniencia electoral está en convocar as eleccións no mes de xullo.
O “perigo dos fodechinchos”. Blindar Galiza.
Todos os estudos realizados ata o momento sobre a transmisión na Galiza e a orixe das cepas do COVID-19 presentes na Galiza conclúen que a súa procedencia hai que situala alén dos límites do nosos territorio, fundamentalmente na zona centro. Suponse, tamén, que foron as fins de semana do 13 ao 15 de marzo e a do 19 ao 22 dese mesmo mes na que a afluencia de visitantes á nosa terra serviu de vehículo transmisor do virus. De feito, os galegos da costa eran conscientes deste perigo, de aí a aparición e extensión polas redes sociais de gráficos con connotacións negativas e lendas como a que aquí se reproduce referidas aos turistas e visitantes. 
Este perigo de transmisión, como manteñen os especialistas, é previsible tamén nos meses de maior afluencia turística de xullo e agosto. E nin Núñez Feijóo nin o responsable da Consellería de Sanidade de Galiza se atreven a negalo. Nun informe elaborado pola Consellaría de Sanidade, de cara a xustificar unha convocatoria electoral non apropiada para a situación sanitaria do país, indícase que "un factor que pode alterar a situación de control da infección na comunidade é a entrada múltiple de persoas procedentes doutros territorios cun nivel de infección superior, que poden iniciar cadeas que pasen desapercibidas nun inicio". E que "durante o mes de xullo o previsíbel aumento do contacto entre persoas, produto da recuperación de actividades até o momento restrinxidas e a posíbel entrada de persoas infectadas, co incremento do número de viaxeiros, podería provocar unha suba da transmisión do virus, que podería dar lugar, ao cabo de varias semanas, a agrupación de casos en territorios concretos da Galiza que obriguen a novas medidas de mitigación xa abandonadas". E que as comarcas máis afectadas van ser as turísticas (fonte: Nós Diario, 15-05-2020).
Aínda asumindo e afirmando Feijóo que a entrada masiva de turistas desde partes do Estado fortemente afectadas pola pandemia é, segundo as súas propias verbas, un perigo que pode significar un rebrote da pandemia, é incapaz de solicitar do Estado que blinde Galiza para evitar esa probabilidade que, tamén, os distintos especialistas (ata os deles) dan como certa. Fica claro que o que lle interesa é a súa carreira política á costa do que sexa; lonxe quedan os tempos de “como se van celebrar unhas eleccións nunha situación de emerxencia sanitaria e estado de alarma?”. Iso agora non importa; dirían eles, os peperos, que o importante é favorecer aos seus amigos hostaleiros de grandes cadeas para que fagan pingües negocios, de mimar aos pequenos propietarios de vivendas turísticas e pequenos bares e restaurantes. Que iso é un perigo en potencia? Cando se poña de manifesto xa eles contan con ter a maioría absoluta no Parlamento Galego para seguir facendo deste país un local de negocios a costa da destrución da súa economía e da súa sociedade, como levan facendo anos e anos.
De aí, tamén, as presas por convocar eleccións. O tempo é o seu inimigo; canto máis tempo transcorra entre a fin do estado de alarma e as eleccións galegas máis tempo vai ter a cidadanía responsable e os medios de comunicación non comprados polo poder para dar a coñecer todos os despropósitos cometidos polos distintos gobernos de Núñez Feijóo e en cuxa base se encontra a case totalidade das miserias e mortes que hoxe asolan ao país por causa do coronavirus, sobre todo o abandono do sistema sanitario público e do sistema de atención á dependencia postos ambos ao dispor e mellor proveito de negociantes e de políticos, moitos deles sen escrúpulos.
Se queres ir á praia debes pedir a vez (e ter un Smartphone ou un I-phone para poder facelo).
Unha das colaboradoras máis “espelidas” do noso presidente vernáculo, Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dona Ángeles Vázquez, tivo unha brillante idea para que a chegada masiva de turistas nos meses xullo, agosto e setembro non supoña unha ocupación das praias que poida provocar o non gardar distancias de seguridade e xerar contaxios por masificación nas mesmas.
Supoño que a estas alturas, pola chunga e cachondeo públicos provocados pola idea, xa todos e todas estarán ao corrente da brillante e rutilante idea de dona Ángeles: establecer unha aplicación pola que os concellos, ao través da asignación de códigos QR, dean turno para poder acceder aos centos de praias que Galiza ten (e poñer en cada unha persoal para controlar que ninguén se coe, claro).
Por se non se lembran a lumieira produtora desta idea é a mesma persoa que solicitou ao goberno central que retirara a prohibición de efectuar desafiuzamentos durante o estado de alarma para non impedir a dinamización do mercado de alugueiros; ou a mesma, se mal non me lembro, que falaba de indemnizar a Autopistas de Atlántico, S.A. polo descenso no tráfico da autoestrada nas primeiras semáns do estado de alarma coincidindo co confinamento e o paro produtivo.
Eu non sei se esta persoa, amais de a propoñer ideas deste tipo, non se dedicará a coleccionar esquinas ou a contar os farois que vai atopando ao seu paso; non me estrañaría, é membro do equipo de Núñez Feijóo.
Como se van organizar as mesas electorais?
Outro dos aspectos dos que Feijóo non quer falar é o de como se van organizar as mesas electorais e os protocolos de votación en pleno estado de alarma pola pandemia. Simplemente deixa nas man da Xunta Electoral a organización do evento, sen dar máis alternativas que a de intensificar o voto por correo.
En definitiva serán as xuntas electorais locais ou provinciais e os concellos quen deben organizar e dispoñer os recursos materiais e humanos para que o proceso electoral poida levarse a cabo. Cantas mesas ?, Onde? , Cantos electores e electoras por mesa?, Como organizar as cabinas de votación para impedir contaxios? Como manter o distanciamento social entre os membros das mesas electorais e entre estes e os electores?, Como esixir a documentación aos votantes e pasala de man en man? Que medidas sanitarias se adoitan para evitar contaxios nos colexios electorais? Só con ver este pequeno número de cuestións que aparecen a bote pronto mostran a inoportunidade desta convocatoria electoral precipitada, mostran que é unha convocatoria electoral ad hoc, a medida dos intereses de alguén concreto e non da maioría da poboación galega. Mais o goberno e o partido de Núñez Feijóo lávase as mans; o que lles interesa é seguir a mangonear.
Como unha primeira medida poderíase prohibir o traer o voto co sobre da casa, obrigando a proverse del no colexio electoral no intre de ir votar. Pero nin PSOE nin PP van admitir que unha das principais formas de captación de voto, sobre todo aqueles procedentes do carrexo de xente desde aldeas e residencias de maiores afíns. 
O voto por correo.
E se hai unha participación masiva no voto por correo? Están as oficinas postais capacitadas en medios e persoal para atender unha masiva afluencia nunhas xestións que, por sinxelas que son, levan o seu tempo entre entrega de impresos, xustificación de identidade, materialización do depósito do voto en correos e hixienización de todos e cada un dos sobres depositados? E posteriormente traslado en tempo dos votos ao colexio electoral correspondente? Non esquezamos que, segundo os sindicatos de correos, o colectivo de carteiros é un dos máis afectados polos contaxios de COVID-19.
Igualmente, a participación do voto por correo require a intervencións das xuntas electorais provinciais. Recepción das solicitudes en papel libre de virus (suponse) , comprobación de identidades, envío de documentación aos solicitantes para que poidan exercer o seu voto, mantemento da hixiene e desinfección de todo o papel que se move en e durante o proceso. Iso require persoal. Hai persoal suficiente nas xuntas electorais para acometer unha labor masiva no voto por correo? Non esquezamos que nas últimas eleccións, debido a un breve aumento no voto postal, as xuntas electorais tiveron que aumentar os prazos para a entrega dos votos e documentacións.
Outro aspecto do voto por correo, no caso de que se masifique, é o referente ás mesas electorais presenciais. Este voto é o último que se mete en urna, unha vez pechados os colexios electorais aos votantes directos. No caso de que a afluencia presencial sexa mínima ás urnas e a meirande parte dos electores e das electoras se decante por utilizar os servizos postais pra exercer o seu dereito a voto que vai pasar? a) Ao ter que estar os membros da mesa ata o remate da xornada e despois abrir masivamente os sobres, clasificar, recontar e cumprimentar toda a documentación; daranlle as tantas antes de rematar o reconto?. b) Quen asegura aos carteiros que trasladan a documentación ata as mesas e ás persoas que compoñen as mesmas que esas documentacións, tanto no seu interior coma no seu exterior, están perfectamente hixienizadas e desinfectadas e non supoñen risco para a súa saúde?
Un despropósito. Cóllase por onde se colla.
Fica máis que claro que convocar unha eleccións con todas estas limitacións e baixo a ameaza da extensión dunha pandemia da que non se coñece case nada é unha temeridade, que sería mellor esperar ata o mes de setembro no que parece que poida haber senón unha vacina si un medicamento que axude a conter os efectos do coronavirus (polo menos os máis nocivos).
E se por mor dun repunte perigoso da pandemia non é posible convocar no mes de setembro, cando tocaría por remate da lexislatura, posiblemente estariamos diante dun novo estado de alarma e unha nova xeira de confinamentos en maior ou menor grao polo que automaticamente esas eleccións poderían volver ser adiadas unha vez máis.
Hai indicios que nos din que as cousas non pintan tan ben na saúde do país como desde hai algunhas semanas pretenden facernos crer o presidente vernáculo e os seus escudeiros: Feijóo di non descartar o ter que suspender o proceso electoral se houbera un rebrote dos contaxios. Iso quer dicir nin sequera este e o seu partido teñen as cousas claras sobre esta nova convocatoria electoral.
En fin, o que diciamos antes: un despropósito feito a medida dos intereses particulares dos convocantes, dos intereses de Núñez Feijóo e do Partido Popular. Sen esquecer os intereses das grandes empresas de hostalería cuxos intereses antipopulares sempre representou o Partido Popular.
O grave problema da información obxectiva na Galiza.
Eu non sei como vostedes verán as cousas desde o punto de vista de poder acceder a unha información independente, completa e obxectiva a través dos chamados medios de comunicación. Medios que non confundan a información coa opinión nin a información coa propaganda; medios que non beneficien e potencien a unhas opcións políticas sobre outras.
Eu teño claro (e esta é unha opinión moi persoal que non ten porque ser asumida por ninguén) que hai medios que non me van servir para informarme con obxectividade do que realmente está a ocorrer na Galiza. E vounos nomear. Dentro da prensa escrita e das súas edicións dixitais editadas na Galiza, a min no me serven como referencia de información obxectiva e fiable La Voz de Galicia, El Faro de Vigo, El Progreso, La Región, Atlántico Diario, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra e La Opinión de Coruña. Dentro das limitacións que os diarios impresos de carácter estatal teñen para estenderse sobre a realidade de Galiza, tampouco quero saber nada de El Mundo, ABC e La Razón, de entre os máis significativos, tanto nas súas versións impresas como dixitais por non consideralos fiables e imparciais nas súas informacións (prefiro ler os xornais portugueses que me informan mellor).
Por suposto non so non me fío senón que desconfío das emisoras da Compañía de Radio e Televisión de Galicia, RTG e TVG. Son claramente instrumentos de propaganda ao servizo do Partido Popular e de Núñez Feijóo, coa falta total de imparcialidade e obxectividade informativa que calquera medio público debería ter. E non o digo eu; dino os seus propios traballadores e traballadoras, incluso os de informativos falan de censuras, mencións prohibidas, censuras previas e temas tabú amais de criticar abertamente a política informativa dos citados medios. Póñeno de manifesto os propios traballadores participantes do movemento “Defende a Galega” cada venres desde hai algúns anos.
É dicir, hai pouco onde escoller. Nos xornais diarios estatais impresos Galiza case non existe, está desaparecida do Estado pese a ter graves e variados problemas tanto económicos como sociais, agravados de forma recorrente en cada actuación do goberno de Núñez Feijóo; parece que só aparecemos nos medios dixitais ou escritos estatais cando hai algunha desgraza. Antes tiñamos a edición galega de El País; non é que fora gran cousa pero era información, con matices pero información.
Que é o que nos queda? Fundamentalmente os xornais diarios editados en dixital Galicia Confidencial, Praza Pública e Nós Diario (este editado tamén en papel) así como informativos de carácter local editados dixitalmente dos que sempre se saca algo positivo. Que é o que nos queda? Fundamentalmente os xornais diarios editados en dixital Galicia Confidencial, Praza Pública e Nós Diario (este editado tamén en papel) así como informativos de carácter local editados dixitalmente dos que sempre se saca algo positivo. E tamén xornais diarios estatais editados en dixital como publico.es, eldiario.es, elconfidencial.com, cxtx.es, elsaltodiario.com e outros minoritarios que entre información e colaboracións van aportando información obxectiva sen misturar opinión-información e sen sesgos (ou con poucos) na exposición das novas.
E emisoras de radio comerciais? Pois nada aquí volvemos a ver a non confiabilidade. A min non se me ocorrirá tentar de informarme do que realmente ocorre pola Radio Popular, nin pola redacción local de Radio Vigo, nin por Radio Voz ou ES Radio. Podo escoitar Onda Cero ou a rede estatal da Cadena SER, ambas con moitas cautelas separando o que é información do que é opinión cando estas vanmisturadas.
Votar para botar.
E niso estamos. Asi que a votar o día 12 de xullo. E, sobre todo, a votar para botar á pandemia pepera do goberno da Galiza.

19 abril 2020

Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19 (medidas adoitadas a destempo e personaxes vomitivos que se chaman oposición) (4)

As actuacións gobernamentais marcaron o proceso de loita contra o COVD-19. Desde as do goberno central ata as das comunidades autónomas. Incluso as do noso ínclito presidente vernáculo, Nuñez Feijóo, que aproveita ata o último minuto da crise para facer propaganda electoral aínda que iso poida ser contraproducente para acabar canto antes co pandemia. Aínda que sexa para darlle volta ás súas meteduras de pata e achacárllelas a outros, como pasa co das residencias privadas de maiores ou coas cifras de afectados polo coronavirus.
Certo é que moitas das actuacións dos personaxes de distinta caste e cualidade non se poden, en numerosas ocasións, analizar sen se referir a outros de carácter distinto e/ou antitético; sobre todo as actuacións dos gobernos, condicionadas pola oposición ou por empresarios ou sindicatos ou polas mesmas diferencias internas do propio goberno. Mais unha cousa que non debemos perder nunca de vista: todas as posicións tanto dos partidos da dereita franquista como os da “esquerda diluída” ou as medidas adoitadas, absolutamente todas, teñen a súa orixe nas posicións de defensa dunha determinada clase social ou de cesión ás presións da burguesía; iso pese a que dentro da defensa dos intereses dunha mesma clase social poidera haber diverxencias na intensidade das medidas ou posicións defendidas (por exemplo, o franquista Partido Popular e o nazi-fascista Vox defenden á mesma clase social – a burguesía- pero as súas posicións aínda que maiormente coincidentes no fondo non sempre coinciden na forma, agás nesta crise eco-sanitaria nas que parecen estar á par).
Teño que aclarar que o meu “estado informativo” é máis fondo no referido ao Estado central en xeral, á Comunidade de Madrid e a Galiza. Os dous primeiros porque son os que saen nos informativos e nos xornais estatais con edición dixital (prescindín, por consideralos como non fiábeis, de xornais como La Razón, ABC, El Mundo, OK-Diario, Libertad Digital, ...e outras cousas polo estilo). No referido á Galiza a información ven determinada por diarios publicados en dixital, prescindindo, pola mesma razón que a dos estatais antes mencionados, de La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Región,... e outras cousas polo estilo).
Emerxencia sanitaria na Galiza e Estado de Alarma no Estado.
Na primeira semana de marzo, pese a que a Organización Mundial da Saúde (OMS) aínda non tiña declarada a pandemia do COVID-19, xa se aventaba que a cousa podería ser grave a un curto prazo. O día 11 de marzo a OMS, aínda que tarde, declarou por fin e oficialmente a pandemia causada polo coronavirus COVID-19. O día 14 dese mesmo mes, o Goberno do Estado declarou o estado de alarma, con efectos desde as 0:00 horas do luns día 16, e centralizou as medidas sanitarias no goberno do Estado, sen por elo retirar a totalidade das competencias ás comunidades autónomas que as tiñan traspasadas.
Na Galiza, o día 13 de marzo, a Xunta de Galicia declarou a situación de emerxencia sanitaria durante 14 días naturais a contar desde ese propio día 13 de marzo; esta alarma sanitaria aparte de crear e activar unha xeira de organismos públicos para o control da pandemia, amais de establecer lugares de confinamento seguro para colectivos e persoas en risco (parece ser que, na práctica, estaban excluídas as persoas clientes das residencias privadas de maiores, do que xa temos falado nun artigo anterior), declaráronse limitacións á apertura e funcionamento de diversas actividades onde se puideran congregar grupos numerosos de poboación. Estas medidas foron asumidas e ampliadas polo goberno central coa declaración do estado de alarma estatal do día seguinte.
As zonas máis castigados pola pandemia ata ese momento eran a Comunidade de Madrid, A Rioja, o País Vasco e Cataluña. E as autoridades, tanto do Estado como das comunidades autónomas, chamaron ás respectivas poboacións a manterse nos domicilios e a non concorrer a lugares de aglomeración cidadán. Nese fin de semana do 14 e 15 de marzo, milleiros de residentes “sans” da capital do Estado espalláronse por todo o Estado, sobre todo cara a aqueles lugares de costa e de segundas residencias, contribuíndo a levar e estender o virus alá por onde pasaron; toda unha mostra de irresponsabilidade e insolidariedade por parte desa parte da cidadanía, á que se lle supón (polas súas posibilidades económicas) un nivel de formación suficiente para comprender que non estaban a facer ben.
Un caso singular deste escapismo irresponsable foi o do ex presidente do Goberno do Estado e membro destacado do Partido Popular, José María Aznar, e da súa parella, Ana Botella, ex-alcaldesa de Madrid por ese mesmo partido. Eses dous, en lugar de permanecer no seu domicilio cotiá en Madrid, desprazáronse cara á súa segunda residencia en Marbella (e non para confinarse, que víronnos pasear), dando toda una lección de irresponsabilidade; sobre todo vindo dun suxeito que vai pola vida pretendendo dar leccións de responsabilidade e cordura cando vemos que a realidade difire do discurso que se gasta ese imbécil. Non esquezamos toda a mentira mantida por ese “personajillo” durante anos e anos sobre a autoría dos salvaxes atentados do 11-M de 2004 en Madrid sendo Aznar Presidente do Goberno; mentira aínda non asumida publicamente por el como coautor da mesma e como unha irresponsabilidade, nin me consta a súa petición de perdón ao conxunto do país e ás vítimas daquel atroz atentado por manter esa mentira anos e anos.
As medidas gobernamentais. Primeira declaración do Estado de Alarma.
Coa asunción de todas as medidas de carácter sanitario, de interior, de transportes e de defensa pola parte do goberno central coa declaración do estado de alarma e o confinamento da poboación nos seus domicilios, aínda que deixando en mans das comunidades autónomas (CCAA) a execución das mesmas alí onde tiñan as competencias, o goberno deixaba para si toda a responsabilidade sobre as medidas a adoitar no conxunto do Estado, aínda que a súa execución nos aspectos sanitarios, fóralles encomendada ás CCAA. Podemos dicir que foi case unha aplicación xeneralizada do artigo 155 da Constitución, vía estado de alarma, pero mantendo ao mando das institucións sanitarias a quen ata ese momento o tiña.
Ao meu entender este foi o primeiro erro do Goberno Central; e foino por varios motivos fundamentais: a) quitarlle competencias ás CCAA en aspectos que estas podería exercer coa mesma eficacia que o Estado central (sanidade e seguridade naquelas CCAA con competencias); b) servir de escusa a certas CCAA para que, tendo incumprido anteriormente coas súas obrigas respecto á saúde pública e aos equipamentos materiais e humanos coa que debería contar sempre a súa rede sanitaria pública, e podendo incumprir coas obrigas establecidas (sobre todo no referente á información), e retorcendo todo ata mentir coma cosacos cargados de vodka, derivaran as súas responsabilidades cara ao goberno central, achacándolle a este responsabilidades deses gobernos autónomos, como a responsabilidade pola falla de equipamentos de protección individual (EPIs) para sanitarios e poboación ou ocultando información sobre contaxios e falecementos por COVID-19 en establecementos da competencia autónoma; c) sacar o exército á rúa; en teoría baixo dependencia e só a requirimento de Interior, na práctica parece que esa parte das disposición legal foi incumprida polos militares (pero isto é outro cantar do que falaremos ben máis adiante ou ben nun artigo específico); teño que dicir que me parece moi ben que a Unidade Militar de Emerxencia (UME) participara na desinfección de espazos públicos e residencias de maiores, o cal non quer dicir que non estea en desacordo coa existencia desa unidade como parte do exército. Unha unidade que, dito de paso, cobra ás CC.AA. pola súa participación na extinción de incendios forestais en lugar de ir de balde porque se mantén dos nosos impostos e non temos por que pagarlle dúas veces. O que non sei si tamén lle vai cobrar ás residencias de maiores privadas pola súa actuación de desinfección. Eu póñoo en dúbida. Veremos.
Pero tamén digo que ese estado de alarma, ao igual que a declaración da emerxéncia sanitaria da Galiza, chegou tarde e que gobernos como os de Madrid, Galiza, A Rioja, País Vasco e Cataluña deberon decretar o confinamento das súas poboacións xa na semana do 9 ao 15 de marzo; e se carecían de competencias para facelo, esixir do goberno central que así o fixera. E non valen as escusas como as que esgrime a señora Díaz Ayuso, presidenta da CA de Madrid, de “que non tengo competencias para confinar a los madrileños” (con esa vociña e toniño que a caracteriza). Neste senso, o Goberno Central actuou moi mal, decretando tarde o estado de alarma; como tamén actuou moi mal non facendo caso ás reclamacións de isolamento por parte de distintos gobernos autonómicos (entre os que non estaba o de Madrid, foco principal da pandemia no Estado Español, e tampouco o goberno de Núñez Feijóo).
Feijóo tiña que ser coñecedor de que ía a haber numerosos desprazamentos desde Madrid cara a Galiza, polo que as posibilidade de que a poboación galega estivera exposta ao contaxio era moi elevada; de feito, foi ese sábado cando decretou o estado de emerxencia sanitaria. Por moito que poida negalo, o Presidente da Xunta tiña que saber do desembarco de numerosos coñecidos ou correlixionarios seus procedentes de Madrid cara a localidades como Sanxenxo, Baiona, O Grove, ... e con eles todo o séquito de aduladores, pelotas e imitadores que adoita seguilos aos seus lugares de vacacións. Pero como ese señor estaba, e sigue, en campaña electoral permanente non quixo pechar desde o mesmo venres ou sábado todos os establecementos de hostalería e pisos vacacionais da comunidade, posiblemente polos efectos imprevisibles que puideran ter sobre a súa campaña electoral. Tampouco se dirixiu ao Goberno do Estado para que illara a Galiza ou Madrid coa finalidade de preservarnos a nós e ao resto do Estado das potenciais exposicións o virus; de feito os primeiros casos detectados na Galiza foron de persoas que viñeron desde Madrid nesa fin de semana ou que estiveron en contacto con xentes procedentes da comunidade madrileña.
Outra das medidas adoitadas, tanto polo goberno central como pola Xunta de Galicia, foi a suspensión parcial de numerosas actividades sociais e económicas que podían posibilitar a aglomeración de persoas e o espallamento dos contaxios: bares, restaurantes, espectáculos, actividades comerciais presenciais,... Mais, curiosamente, non se suspenderon actividades fabrís nin de construción que non estaban consideradas como esenciais para o mantemento mínimo da sociedade; e iso a pesares de que nelas era imposible manter as medidas de prevención aconselladas, tanto por falla de medios nas empresas como pola dificultade de adquirilos no mercado, amais de non poder as manter distancias de seguridade entre os e as traballadoras aconselladas para estes casos (xa era dificultoso, por falla de EPIs, manter as medidas en moitas das actividades esenciais). Tamén foi un erro importante o non establecer a obriga das empresas “esenciais” de proporcionar medios de protección aos seus empregados máis expostos (por exemplo caixeiras de supermercados); Esta medida de paralización parcial foi criticada por diversos sindicatos de clase. Foi un dos maiores fallos iniciais do goberno central: poñer en perigo a saúde dos traballadores e das traballadoras, así como o das súas familias, expoñéndoos ao contaxio e a contaxiar; todo por sucumbir ás presións da gran patronal e das voces que no interior do goberno do Estado defenden as posicións dos grandes empresarios.
Curiosamente, (...manda carallo!) o Goberno central inicialmente tampouco suspendeu procesións nin misas pese a ser lugares de acumulación de moita xente, tivo que ser a xerarquía católica quen decidiu suspender as procesións da semana relixiosa; aínda que non as misas, que foron suspendidas de facto polo medo dos feles practicantes (...xente de pouca fe).
Outra das cousas negativas atribuibles ao goberno central foi o desfase de catro días entre a declaración do estado de alarma e as medidas dos Expedientes de Regulamentación Temporal do Emprego (ERTEs). Días que aproveitaron moitos grandes e medianos empresarios para desfacerse de traballadores e actividades que en condicións normais non poderían facer; eu estou convencido que ese desfase non foi involuntario por parte do goberno, que foi premeditado e buscado polo menos por unha parte do equipo gobernamental, sen poñer de manifesto que unha norma non se pode ditar con efectos retroactivos. Foi un gol que posiblemente vai ser recompensado nun futuro ao través dunha porta xiratoria e que favoreceu aos mesmos que a non suspensión total das actividades fabrís non esenciais. De novo, o goberno de maioría PSOE á par dos empresarios e fronte aos intereses da clase obreira. Este aspecto foi criticado tamén por moitos sindicatos de clase; por desgraza non todos os sindicatos criticaron a falta de protección do traballo durante eses catro días.
Aínda que insuficientes, dicir que nestes primeiros días do estado de alarma si houbo cousas positivas; así foron moitas das medidas tomadas cara aos traballadores autónomos, como a suspensión de cotizacións, aprazamento de pagamentos ao Estado ou para axilizar o paso ao estado de suspensión de actividade (paro). E digo insuficientes porque os pagamentos a provedores hai que facelos, por exemplo; e as medidas para os cobros estatais das axudas son pouco áxiles e tardarán en chegar. Pero como dixen o outro día, eses que pensan que son “empresarios” e renegan da súa condición de clase sempre se queixan; e a min non me dan ningunha pena, nin me vou mover por eles ata que a maioría sexan como foi o meu defunto pai.
Igualmente os préstamos ICO, xestionados por bancos privados, van ter a problemática que sempre tiveron as empresas que pretenderon beneficiarse de préstamos oficiais; os bancos privados van atrasar todo o posible e dificultar todo o posible a concesións deste financiamento, tentando colocar os seus propios produtos ou colocar produtos complementarios pola porta de atrás (como xa se tn denunciado). Esto nos mostra, unha vez máis e un motivo máis, a necesidade de crear un banco público con rede de oficinas propias que estableza competencia cos bancos privados. E máis tendo en conta que hai suficientes indicios para afirmar que a concentración bancaria privada no Estado Español propiciou un funcionamento bancario en réxime de oligopolio, onde se establecen pactos abusivos para con os usuarios e clientes. Por iso este financiamento ICO debería ser xestionado directamente entre ICO e empresarios solicitantes ou ao través dalgún organismo público.
Desta tardanza tamén vai ser vítima a clase obreira que non vai cobrar nómina completa de marzo, e sobre todo de abril, e o Estado vai ser pouco áxil en tramitar os dereitos ao subsidio de desemprego causado polos EREs ou os ERTEs. Medidas, os ERTEs e os ERES, produto da reforma laboral regresiva emprendida polos gobernos do Partido Popular baixo a presidencia de Mariano Rajoy.
Ampliación do estado de alarma e do peche de actividades.
Coa ampliación do estado de alarma e, por fin, coa paralización de moitas das actividades non esenciais e focos de contaxio que estaban funcionando, xa non se cometeron tantos erros na protección do traballo. Parece que o goberno fiou máis fino. Só queda que activara, amais, os mecanismos de inspección do traballo e seguridade social para evitar potenciais fraudes empresariais, sobre todo naquelas comunidades autónomas con competencias na materia que o ben non contan con suficientes medios humanos e materiais ou ben, e directamente, “pasan” de inspeccionar de forma concienciuda ás empresas. E diso aquí, na Galiza gobernada polo Partido Popular, sabemos moito.
A paralización das novas actividades non esenciais ditaminouse ata o mércores da semana relixiosa católica, incluído. A partir dese día as empresas paralizadas puideron retomar a actividade. A xuízo dos sindicatos e, tamén, do comité de expertos que asesora ao goberno central ese levantamento da paralización foi excesivamente precipitado; deberían manterse máis tempo a paralización desas actividades pois non estaba nada claro cal era a evolución dos contaxios e contaxiados. Isto, por mor da falta de realizacións de tests á poboación, por falta de elementos de protección individual nas empresas e por que non se sabía a ciencia certa cal era a repercusión real do coronavirus; por unha parte, a falta de medios de toma de mostras que non permite coñecer cunha certa aproximación o número de portadores sen síntomas; por outra parte as cifras reais de afectados, por falta de datos ou por datos mal proporcionados desde comunidades autónomas (de feito hoxe sae no BOE unha disposición de como deben proporcionar as CCAA os datos sobre afectación ao Mº de Sanidade; por algo será). O de non facer caso aos comités de expertos debe ser un vicio do PSOE cando a dereita económica mira en perigo os seus beneficios; xa pasou coa LOXSE, só que daquela o comité de expertos dimitíulle na súa case totalidade (así quedou como quedou esa lei, sen medios para a súa aplicación e desmembrada).
Esperemos que esa presa (presa xerada non se sabe moi ben por que ou quen) por mandar doutra volta ao traballo ás fábricas e construción e poñer en risco a saúde da clase obreira e as súas familias e achegados non teña consecuencias negativas na saúde pública, porque iso si que non sería perdoado por ninguén. E moito menos por algúns que non queremos, nin de cachondeo, que a dereita franquista, soa ou con apoio dos nazi-fascistas, volva a gobernar este Estado.
Os últimos feitos e as últimas consecuencias da improvisación.
En todo este proceso de combate contra a pandemia do COVD-19 houbo moita improvisación, evidentemente. Unhas veces determinada por que nos enfrontábamos a un virus descoñecido con unha alta capacidade de contaxio, que se estendeu cunha velocidade inesperada e contra a que non había remedios de carácter médico. Por outra parte, esta alta incidencia da enfermidade atopouse cun sistema de saúde pública moi debilitado e con falta de medios materiais e de persoal sanitario e auxiliar, debilidade derivada dos anos nos que a dereita franquista do Partido Popular ou a dereita catalá estiveron gobernando en numerosas comunidades autónomas, no que a sanidade pública foi “desangrada” continuamente en favor das empresas privadas de saúde controladas maiormente por fondos de investimento; así, os hospitais públicos das comunidades con alta incidencia do virus estiveron desbordados tanto por falla de medios como por falla de persoal. Outras das cousas que fixeron aínda máis cruel a incidencia da pandemia foron a difícil tarefa de acadar equipos de protección individual para as persoas que estaban na primeira liña sanitaria do combate contra o bicho.
A práctica totalidade de EPIs e mascarillas son de fabricación china ou doutros países, o que implicaba unha desprotección total da poboación e dos profesionais do Estado Español (e dos franceses, alemáns, italianos,...) ao non poder importar eses elementos coa urxencia que se precisaba. Por riba, o mercado de protección foi vítima de especuladores que elevaron prezos ou comercializaron material defectuoso (houbo que devolver máis dunha partida por non cumprir coa normas requiridas).
De nada servíu que o Estado declarara a preferencia do sector público sanitario sobre todos os elementos de protección que houbera no territorio do Estado, agás -como xa dixen ao principio- para que os incompetentes que gobernan en certas comunidades autónomas con aompetencias plenas en sanidade (e, por tanto, con capacidade para mercar e prever equipamentos) se lle botaran enriba ao goberno central. Quer dicir isto que o Goberno Central o fixo ben? Non, para nada. O goberno central meteu a pata ao repartir ás CC.AA. partidas de mascarillas defectuosas que estaban destinadas aos sanitarios de primeira liña. É culpa do Ministro? Directamente non, pero si de alguén que aprobou o reparto e a compra das mesmas e que debería de estar destituído; e, indirectamente, a responsabilidade política é dos xerifaltes do Mº de Sanidade. Igualmente Feijóo, que enviou aos concellos de Galiza unha partida de máscaras de protección caducadas. Pero o este último personaxe da para outra; menos para o que ten que facer fai de todo, sobre todo botar pola súa boca. Xa falaremos del.
Ata aquí falamos do goberno central. O próximo vai da oposición. E, posiblemente sexa máis curto, porque poucas palabras e cualificativos concretos bastan para describila. Tamén falaremos do noso presidente-vendedor de fume vernáculo.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...