Amosando publicacións coa etiqueta Oligarquía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Oligarquía. Amosar todas as publicacións

22 setembro 2019

PSOE, un final anunciado: ou coa dereita coñecida ou eles sos (que son a dereita oculta)

Remate do segundo intento de investidura de Pedro Sánchez. Xa non o intentou. Nada novo no horizonte; simplemente o esperado, que o PSOE non quer un goberno de orientación socialdemócrata. O que queren no partido felipista é un goberno que siga a servir sen trabas os intereses da oligarquía financeira española e internacional, como xa teñen feito cada vez que o PSOE tivo nas súas mans o Goberno do Estado. Un goberno deles en solitario con calquera apoio directo ou indirectos en condicións, ou, diante da imposibilidade de que o partido franquista se suba ao carro, ou con Ciudadanos. É dicir, un goberno de dereita liberal.
A desexada e frustrada reedición dun pacto como o de febreiro de 2016
O desexo preferente do PSOE de acadar con Ciudadanos (C's) un acordo similar a aquel “Acordo para un goberno reformista e de progreso” que acordaron en febreiro de 2016 veuse impedido pola actitude do “partido que non se sabe por onde vai saír” que lidera o Riverita. Aquel era un acordo perfecto para os dous partidos que baixo un verniz de modernidade, un de suposto centro-liberal e outro de suposta esquerda, acadaran un acordo perfecto para servir a curto prazo os mesmos intereses que ambos defendían: os do gran capital. Unha banda de delincuentes de luva branca (o gran capital) que estimaba que un corrupto Partido Popular non era presentable para a defensa dos seus intereses, e do que o comportamento e implicación na corrupción de numerosos dirixentes dese partido poderían ter, daquela, un efecto negativo sobre as súas pretensións creando tensións sociais que a oligarquía financeira para nada desexaba nun contexto de crise e desesperación social das clases máis desfavorecidas. Unha oligarquía financeira que, desde Cataluña, ocupouse de crear un novo partido estatal, “un Podemos de dereita” a dicir dalgún dos membros desa oligarquía, que puidera substituír a un Partido Popular fortemente desprestixiado pola súa implicación nos numerosos procesos de corrupción aireados ao longo e ancho do Estado Español.
A rebelión de Rivera e a frustración do PSOE e do gran capital
O que non contaba o PSOE nin o gran capital era que a rebelión de C's na primeira sesión de investidura (“a banda de Sánchez” e lindezas de toda clase e faltas de educación) e o seu desprazamento cara á extrema dereita fora máis ala das eleccións municipais, de aí que non lles preocupara o aprazamento ata setembro dunha nova sesión de investidura. Pero as cousas non foron como esperaban; por suposto que a última hora as presións do gran capital sobre a cúpula de C's fixeron efecto e estes consideraron timidamente a posibilidade de absterse e non votar non na investidura. Non así o gran beneficiado da situación e que, amais, volve a ser a gran esperanza branca da oligarquía financeira, o Partido Popular, que se mantivo na súa negativa a sabendas que nunhas próximas eleccións vai ser quen volva a acumular o esencial do voto de dereita antes repartido entre eles, o Rivera e o partido nazi-fascista; situación que, se esa é a consecuencia da ausencia de goberno, tampouco desgustaría aos grandes empresarios e aos banqueiros pese a todas as rimbombantes declaracións realizadas por estes sobre a inestabilidade xerada por non ter un goberno.
Nunhas novas eleccións, e supoñendo que se cumpran as expectativas de baixada de Unidas-Podemos e de Ciudadanos, hai tres alternativas que á oligarquía lle valen e serven os seus intereses: 1ª) Se o PSOE volve a ter a maioría insuficiente pode pactar con C's -estes xa se manifestaron neste senso despois de que Sánchez non presentara nova investidura- non sería difícil acadar o apoio dos representantes das burguesías catalá e vasca, PdeCat e PNV, e tampouco da Canaria e Cántabra -CC e PRC- como tampouco a do sucedáneo do PP en Navarra; incluso ERC, cómplice da burguesía do PdeCat na xeira de privatizacións en Cataluña e actual impulsor de privatizacións de servizos públicos, non é descartable que votara favorablemente; 2ª) Se a maioría insuficiente é do Partido Popular, a situación sería similar á anterior posibilidade e os apoios os mesmos, pero esta vez para os de Casado; engadindo os seus antigos correlixionarios nazi-fascistas; e a 3ª) Que haxa maioría absoluta do PSOE ou do PP, situación ideal para grandes empresarios e banqueiros xa que, con toda seguridade, en ambos casos os seus intereses ficarían ben a cuberto como ten acontecido ata o momento.
Os desexos do PSOE e a incapacidade de Pedro Sánchez para investirse Presidente
Os feitos e actitudes políticas dos implicados demostran que desde o minuto un posterior ao escrutinio electoral os desexos prioritarios do PSOE e de Pedro Sánchez pasaban por acadar acordos coa dereita integrada en Ciudadanos de cara á formación de goberno e, se era posíbel, acordar a abstención case imposible do partido franquista e así non depender de pactos cos socialdemócratas de Unidas Podemos (UP). Sabían perfectamente que con só os seus votos e os do partido de Rivera no Congreso non poderían acadar unha maioría de investidura; incluso si Coalición Canaria (CC) e Partido Regionalista de Cantabria (PRC) votaran favorablemente; sabían perfectamente que da dereita catalá, dada a situación política en relación a Cataluña e a presenza dunha forza tan centralista coma C's no goberno, non sería factible acadar os votos.
A consecuencia de todo isto foi artellar un paripé de negociación con Unidas Podemos. Unha chantaxe política á dereita realizada coa intención de propiciar un cambio de posición no partido riverista e do partido de Casado diante da posibilidade de que fora un goberno con medidas socialdemócratas quen gobernara o Estado.
O resultado é de todos e todas coñecido: ese paripé non colleu o camiño desexado polo PSOE; despois de múltiples declaracións, contradeclaracións e burradas varias expresadas publicamente por membros do PSOE e do Goberno de Sánchez (véxanse as continuadas declaracións de Carmen Calvo, Ábalos, Adriana Lastra, etc. que constituíron verdadeiras xoias da antipolítica e, en moitos casos, merecedoras de premios á burrada máis espantosa; e que a día de hoxe seguen largando polas súas bocazas burrada tras burrada). Paripé que quedou claro cando no mes de xullo Pablo Iglesias renunciou publicamente a formar parte dun futuro goberno por ser considerado publicamente polo PSOE e Pedro Sánchez como o único obstáculo para un goberno de coalición, cousa que non foi aceptada polo partido capitalista liberal no que se ten convertido o PSOE. Aí, e pese aos esforzos realizados polo lixo mediático sistémico para ocultar a verdadeira natureza das intencións do partido felipista-liberal, quedou máis que claro que o partido de Pedro Sánchez non buscaba un goberno de esquerda. Tentou de disimulalo ofrecendo publicamente migallas baleiras de contido pero con nomes rimbombantes a Unidas Podemos, labor para a que volveu a contar co apoio dese mesmo lixo mediático e “bien pensante” do sistema cuxos maiores accionistas son fondos voitre.
E así, entre estupidez e estupidez expresada publicamente polos cadros políticos do PSOE, entre inacción e falta de actuacións reais tendentes a formar goberno, e supoño que entre presións da oligarquía financeira a PSOE e a C's para evitar un goberno de esquerda, foi transcorrendo o tempo ata chegar setembro, no que xa definitivamente o PSOE dixo que nada de goberno de coalición, que se quería Unidas Podemos apoiaran un programa pechado que lle presentaran (programa con multitude de medidas “de entrada” para despois non cumprir). E UP fixo o que tiña que facer: mandalos a tomar vento fresco.
Cambiar a fachada ao sistema, simplemente.
O que segue a ficar claro é que nos plans do PSOE non entra o rematar coas podremias do sistema; derrogar as reformas laborais e do sistema de pensións públicas do partido franquista, nin a LOMCE, nin a lei mordaza, nin unha regulación progresista da vivenda; e tampouco os artigos fascistas introducidos no Código Penal polos gobernos de Mariano Rajoy para protexer todo tipo de institucións medievais e trasnoitadas das denuncias públicas dos seus abusos e a súa corrupción, así como as denuncias públicas dos abusos policiais e xudiciais. É dicir, nada que poida desgustar ou minguar ás súas protexidas contas de resultados da oligarquía financeira; e, por suposto, non poñer cancelas ás portas xiratorias polas que se poidan coar aqueles e aquelas que desde as institucións “se porten ben” ou medidas para impedir o saqueo fiscal á que moitas grandes empresas, nobres e empresarios someten ao Estado desviando fondos cara aos paraísos fiscais ou tributando miserias que as leis lle permiten.
Que a súa intención pasa só por lavarlle a cara a este sistema político corrupto para facelo menos impresentable á vista pero cuxo fondo vai seguir a ser o mesmo. E por suposto, tamén, as súas consecuencias: progresivo empobrecemento da clase traballadora e da pequena burguesía, inseguridade e precariedade laboral, privatización progresiva dos servizos públicos básicos, represión policial, xudicial e mordaza sobre calquera intento de protesta organizada contra as leis antisociais. Tampouco se aventa unha depuración dos corpos policiais, do exercito ou da xudicatura, librando ao sistema social daqueles elementos incompatibles cun sistema de liberdades. Parafraseando ao máis que parafraseado Giuseppe T. di Lampedusa da súa novela O Gatopardo, o PSOE busca trocar todo para que todo siga igual. Niso xa ten experiencia, xa o fixo Felipe González no ano 1982. Impresentables véxase por onde se vexa.

25 agosto 2019

Os criados políticos dos maiores destrutores da humanidade e do planeta reúnense en Biarritz baixo a etiqueta de “G-7”


Criados da oligarquía.

A fronte occidental dos políticos servidores dos maiores depredadores mundiais, procedentes de Francia, Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos, Canadá e Xapón, reúnense esta fin de semana en Biarritz. Á súa vez, estes políticos son os maiores exponentes da clase política dos seus respectivos países. Só faltan representantes de China e de Rusia para que a colección dos principais políticos que representan os intereses dos anti-sistema ecolóxico e humano estiveran case ao completo. Pero nesta ocasión aparentemente só está representada a oligarquía económica e financeira que domina todos os ámbitos da sociedade occidental.
Eles, a oligarquía, son os que marcan o paso e as directrices do que os políticos alí reunidos deben facer para protexer o seu exclusivo micro-sistema de intereses económicos, aínda a costa do sufrimento dos millóns de seres humanos que residen nos países aos que din representar e aos pobos (sobre todo os dos países do terceiro mundo) aos que someten a todo tipo de vexacións e guerras con tal de espoliar as materias primas e as terras de cultivo cuxo produto debería favorecer principalmente aos países dos que se extraen.  Unhas veces fano directamente ao  traveso dos seus chiringuitos militares, como fixo a OTAN en Libia; outras veces directamente como fixeron os EE.UU. en Irak; e outras veces creando tramas militares gobernamentais corruptas que en lugar de favorecer os intereses e satisfacer as necesidades dos seus paisanos póñense aos servizos de gobernos ou multinacionais estranxeiras[1].  Imaxino que o que están a facer en Biarritz é coordinar os intereses das oligarquías nacionais e internacionais e distribuír entre os asistentes o quen, o como, o onde e o cando se vai realizar o traballo sucio por conta da clase financeira internacional e das grandes multinacionais en contra dos intereses dos traballadores e, en xeral, da humanidade. Cicais entre o como e o onde (como e que tipo de goberno lle interesa á oligarquia mundial que se forme no Estado Español) se explique a invitación recibida por Pedro Sánchez para asistir ao cumio, e non a súa colaboración coa impermeabilización da fronteira galo-española.
Alí están personaxes tan esperpénticos e, á súa vez, fascistas perigosos como Donald Trump ou Boris Johnson. Ou políticos tan pouco fiables como Enmanuel Macron ou o canciller canadiano, que coa boca din unha cousa e coa man de asinar leis, ordes e decretos fan a contraria. Tamén está chanceler alemá, a preferida da alta burguesía europea e mundial, e o representante nipón do que por estes lares pouco se sabe pero que fica claro cales son os intereses prioritarios aos que sirve.
“Anti-Sistema” ou defensores da racionalidade e da humanidade?
Pero nos medios de comunicación convencional e sistémicos (a inmensa maioría dos mundiais e, tamén, dos españois), controlados polo capital, os anti-sistema son os demais non a oligarquía mundial, son os que pretenden defender á maioría da poboación mundial dos abusos da oligarquía e dos seus representantes políticos que buscan converter o mundo nun sistema plutocrático.
Este lixo mediático válese dos escasos e infrecuentes elementos indesexables, que dicindo pelexar pola defensa do planeta ou das poboacións, utilizan a violencia individual, inconsecuente, e obxectivamente reaccionaria para xustificar “que loitan”. Ás veces queiman un ou dous colectores do lixo ou algún automóbil aparcado, rachan algún escaparate ou esnaquizan algún caixeiro automático. Sen esquecer que moitos destes provocadores máis activos adoitan ser elementos a soldo ou mesmo membros dos distintos servizos de anacletos ou policiais do propio país ou de países estranxeiros interesados no desprestixio dos movementos que reivindican un mundo máis xusto e ao servizo das humanidade.
Estas actuacións individualistas e sen sentido crean malestar na poboación que observa como moitas veces bens particulares, adquiridos con moito esforzo, de persoas nada cómplices das barrabasadas da oligarquía e os seus servidores políticos son destruídos por eses elementos incontrolados. Estes sucesos, magnificados convenientemente polas axencias de noticias e polos mass-media sistémicos cualificando de anti-sistema e violentos, sen distinción, aos defensores das persoas, levan ao conxunto da poboación a xustificar accións policiais violentas contra o conxunto do movemento alternativo.
Se a miña memoria non me engana (cousa que pola idade pode empezar a pasar) nunca ningún ferido grave ou morto, pese ao que probablemente desexarían os anacletos e os seus empregados infiltrados,  teñen provocado as actuacións dos que colectivamente ou organizan contra-cumios en defensa da humanidade nas marchas contra a oligarquía e os seus representantes. Non así as actuacións das forzas policiais ao servizo dos estados (e en consecuencia dos intereses das oligarquías) que teñen provocado, amais de feridos de diferente consideración e, que eu me lembre, algún morto nun contra-cumio realizada nalgunha cidade de Italia cuxo nome non me lembra.
Non podemos nin debemos permitir estes abusos. Outro mundo é posible.
En fin, este tipo de actuacións, as dos criados da oligarquía e as dos anacletos do mundo, non se poden permitir. Van en contra dos dereitos naturais das persoas, incluso daqueles enunciados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos por organismos internacionais e referendados por moitos dos países que a día de hoxe atentan gravemente contra deles. Tanto na práctica das intervencións policiais e dos propios servizos de anacletos que ordenan realizar eses criados da oligarquía, como nas leis que moitos deses criados da oligarquía financeira promulgan e aproban nos seus respectivos países. Para exemplo o Estado Español, no que aínda están vixentes leis que atentan directamente contra principios contidos na Declaración Universal dos Dereitos  Humanos; en concreto a chamada Lei Mordaza, a última reforma do Código Penal e a última reforma laboral, todas elas aprobadas durante os gobernos de Mariano Rajoy (Partido Popular) e que despois de todo o tempo que leva gobernando Pedro Sánchez (PSOE) aínda seguen vixentes. E este último xa ten manifestado que non pretende derrogalas, senón simplemente reformalas (supoño que só nos aspectos que máis cantan).
Por iso, estes representantes (non só os españois) dos intereses da oligarquía mundial non serven, hai que botalos. Como ? Polas boas e politicamente? Non o sei; non sei se é posible. O que si sei é que outro mundo é posible, e que eles e os seus amos non teñen cabida nel.


[1] E cando eses sátrapas corruptos non cumpren co esixido, cámbianos por outros, xa sexa creando unha trama corrupta alternativa que dea un golpe de Estado ou directamente como fixeron en Libia para desfacerse do sátrapa Gadafi ; outra forma que teñen de facer as cousas, se non son quen de conseguilo de forma inmediata, é crear e proveer de armas a un bando contrario para que se maten entre si; aínda que sexa a costa de secuestrar e criar nenos-soldado, violar e matar nenas e mulleres ou asasinar a colectividades enteiras. O que lles importa a esa xentuza da oligarquía mundial son o coltan, o petróleo, as producións de soia e outros cereais e as demais materias primas susceptibles de proporcionar beneficios; e, amais, manter nas rexións unha reserva de man de obra escrava da que botar man en caso de necesidade.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...