Amosando publicacións coa etiqueta Dereita. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dereita. Amosar todas as publicacións

26 abril 2020

Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19 (A dereita hispana: mentireira e nauseabunda.) (5)

Aínda a risco de quedar moi curto, penso que se podemos poñerlle un cualificativo á dereita que poida resumir toda a súa actuación neste período de confinamento e pandemia é o de vomitiva; e isto polos efectos e sensacións que as súas verbas e o seu comportamento mentireiro e hipócrita provocan. Cando falo de dereita non só estou a falar da dereita parlamentaria franquista e da nazi-fascista, refírome tamén aos seus satélites asturianos e navarros, así como a “socialistas” históricos e pasados como Felipe González ou a fascistas históricos recoñecidos como José María Aznar. Para falar destes personaxes poucas verbas bastan, porque semella haber entre eles unha liña condutora e uns obxectivos que definen o seu comportamento casi coordinado; así que tentarei facelo en bloque, aínda que teña que utilizar algunha referencia persoal de comportamento coma botón de mostra representativo da súa incapacidade política e, sobre todo, da súa incapacidade ética. Isto xa tiña que ir no artigo anterior, pero se así fora a cousa faríase demasiado longa.
A oposición dereitosa no Estado.
En artigos anteriores desta xeira, que leva por título “Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19”, xa temos descrito algúns dos vomitivos comportamentos da oposición da dereita franquista (Partido Popular) e da dereita nazi-fascista (Vox) e dos seus satélites en relación a moitas das súas falsidades e hipocrisías e á súa responsabilidade na situación e efectos que a pandemia está a ter nas residencias de maiores, polo que non abondaremos neses temas xa tratados agás para resumir comportamentos. Tampouco distinguiremos entre Partido Popular, Vox ou os seus satélites. O seu comportamento é similar, cando non igual. O mesmo da Casado que Abascal, ou Teodoro García Egea que Espinosa de los Monteros ou Javier Maroto; da o mesmo Cuca Gamarra que Díaz Ayuso ou Rocio Monasterio; como o mesmo ten, a efectos prácticos, Felipe González, José María Aznar, Alberto Núñez Feijóo ou calquera outro deputado ou dirixente de Vox ou do Partido Popular.
ALGÚNS ASPECTOS DESAS POLÍTICAS
As contradiccións sobre a defensa do “destempo” das medidas e de todo o contrario.
É máis que evidente que a actuación dos goberno central en toda esta verbena do estado de alarma causado coronavirus ten moito que criticar. Pero, no fundamental, non aquilo polo que toda esa dereita casposa critica ao goberno. Vaxamos: inicialmente a crítica viu por decretar o estado de alarma e a paralización de múltiples actividades con esa declaración; despois por decretar “con tardanza” o estado de alarma; máis tarde, e coa primeira prórroga do estado de alarma, por decretar o peche do resto das actividades non esenciais. Doutra volta, ao remate do segundo período de recorte de actividades, por determinar a reincorporación destas actividades prematuramente. Non se aclaran. Non vou ser eu quen diga que o goberno actuou con prontitude; efectivamente debeu decretar antes o illamento de certos territorios para evitar que o “bicho” se estendera (por exemplo Madrid e Cataluña). Pero tampouco podemos vou defender as trécolas da dereita. A esta actuación dereitosa eu chámolle “bailar ao son que marcan os empresarios máis irresponsables e desvergoñados” e nalgún caso moi concreto “todo polos votos, que eu sigo en campaña; ou que pensades?”.
Culpar ao goberno das súas eivas e irresponsabilidades.
Outra das actuacións preferentes da dereita estatal, fundamentalmente o franquista Partido Popular, foi a de culpar ao goberno das irresponsabilidades practicadas por gobernos autonómicos da súa corda e obediencia con competencias plenas en sanidade. Falta de equipamentos de protección individual para os sanitarios, escaso número de persoal médico, de enfermería, de celadoras e celadores, falta de camas en UCI, etc. Eivas na sanidade pública que viñeron determinadas polos recortes realizados polos gobernos de Mariano Rajoy, Esperanza Aguirre, Núñez Feijóo, e restantes presidentes autonómicos do Partido Popular na rede sanitaria pública (tanto na atención primaria, como na especializada e como na hospitalaria) coa clara intención de fortalecer os beneficios das empresas privadas de saúde (tanto médico-hospitalarias como aseguradoras). Isto colleu ao sistema público sen equipamentos necesarios para facer un primeiro fronte contra calquera imprevisto grave e, aínda máis contra o COVID-19; a isto xuntóuselle a imposibilidade de acudir con eficiencia ao mercado internacional saturado coa prontitude e axilidade necesaria para dotar aos hospitais e colectivos afectados de primeira liña de medios de protección que impediran os numerosos contaxios do que persoal sanitario, auxiliar e xerontolóxico foron vítimas. Solución dos vomitivos da dereita: botarlle as culpas ao goberno “social-comunista”, que din todos eles, e lavarse as mans da súa exclusiva responsabilidade na falta de medios e equipamentos da sanidade pública. Total esa mensaxe é a que vai ser transmitida masivamente, de forma acrítica e nos lugares preferentes pola case totalidade dos medios de prensa do estado, da súa corda e cuantitativamente a inmensa maioría dos editados no Estado; malo será que entre prensa escrita, televisións e emisoras de radio non fagan comungar á xente con rodas de muíño, coma fixeron os seus antepasados.
O mantra dos pequenos empresarios e dos autónomos.
Por desgraza para a clase obreira, os pequenos empresarios e para os traballadores autónomos son a base electoral da dereita; unha base electoral á que sempre tiveron esquecida mentres gobernaron e á que só acoden cando precisan enfrontarse a medidas de redistribución de rendas que poidan afectar a esa gran burguesía á que a dereita representa. Unha base electoral á que engaiolan con engados e falsas promesas; a proba é que nunca estableceron medidas de carácter económico para impedir que se fundiran, que cando houbo problemas no comercio só gobernaron ao favor das grandes superficies e en favor da usuraria e onerosa política crediticia da banca privada, os dous grandes inimigos dos traballadores autónomos. Unha dereita que na pasada crise, en lugar de establecer medidas para a defensa de pequena e mediana empresa e dos autónomos, desenvolveu políticas de todo tipo que acabaron con máis da metade do que eles chaman “clase media”. Unha dereita que, igualmente, sempre estableceu mecanismos e políticas fiscais que favoreceron á gran empresa e contribuíron a fundir á pequena e mediana empresa, en particular aos traballadores autónomos. Ate as inspeccións de carácter fiscal e laboral fixéronas con toda intensidade sobre este colectivo a sabendas que os maiores defraudadores e elusores fiscais están na banda da gran empresa e da gran burguesía, sobre todo da nobreza parasitaria. Esa dereita, antes xunta e agora dividida entre Partido Popular, Vox e restos humanoides procedentes doutras formacións nas que prescindiron das súas persoas.
As fixacións das dereitas coas manifestacións polo Día Internacional da Muller o 8 de marzo.
É curioso que sexan as reivindicacións das mulleres contra o sexismo social, contra o violencia de xénero e contra as violacións as que convoquen as iras de toda esa caterva de sen vergonzas da dereita. Non me estraña nada desde o punto e hora que, aínda que unha parte trate de disimulalo, se opoñen a todo o que supón unha mellora na discriminación en razón das preferencias sexuais das persoas ou da potenciación dos instrumentos materiais e orzamentarios para a loita contra a violencia machista. E sinalar, tamén, que o Partido Popular si participou (supoño que de mala gana) na manifestación de Madrid do 8-M.
É curioso e indignante que haxa quen ten a caradura de manter publicamente que as únicas concentracións humanas que puideron contribuír á expansión do virus foron as manifestacións convocadas polo movemento feminista; e mais cando ese día estaba cheo de partidos de fútbol con estadios cheos, misas, reunións que agrupaban a un número importante de persoas (o congreso de Vox, sen ir máis lonxe) e outro tipo de eventos con asistencia de público. E que tampouco fixan a súa atención en que, días máis tarde do 8-M, numerosos seareiros do Valencia se desprazaron a Italia para animar seu equipo, ou como estes mesmos agrupáronse en torno ao estadio cando viñeron os italianos en partido de volta a porta pechada; ou en como os afeccionados do Atlético de Madrid que foron a Liverpool acompañando ao seu equipo. Claro que o fútbol deixa pingües beneficios a unha parte da gran burguesía, cuxos intereses son representados polos partidos da dereita.
O “prestixioso informe independente” dun contable australiano sobre a actuación do Goberno de España.
Esta é, quizás, xunto coa denominación de social-comunista que fan do goberno do Estado, unha das mostras de que non existe diferencia entre o partido liderado polo mestrado Pablo Casado e o partido liderado polo mamandurriado Abascal. No debate da última prórroga do estado de alarma ambos sacaron a colación un informe dun organismo prestixioso de Australia que “demostraba” a malísima xestión da crise do coronavirus polo goberno de Pedro Sánchez. Resulta que ese informe foi realizado por un contable sen experiencia nin coñecementos sobre o tema, un contable con ganas de figurar e facer negocios en Singapur que creou un bluff que só parvos ou imbéciles utilizan como argumento e dándolle unha credibilidade como se da Biblia do COVID-19 se tratara. Que lle imos facer? De onde non hai non se pode sacar.
As falsidades continuadas da dereita; incluso en sede parlamentaria.
Na defensa das falsidades e mentiras que circulan pola rede virtual e na prensa que lles da creto e pulo é un especialista o señorito Abascal. Como se foran verdades coma puños, sesión parlamentaria tras sesión parlamentaria, este suxeito nazi-fascista trata de dar credibilidade a toda canta mentira sexista, homófoba, xenófoba ou denigrante para unha sociedade democrática e solidaria circula pola rede; case todas elas procedentes de xentalla da súa contorna ou dos seus creadores de opinión. Ese home ten unha cara tan dura que non se lle cae de vergoña ao mentir tan descaradamente. E no tema do coronavirus non ía ser diferente que noutras ocasións. O máis curioso é que Abascal, cando algún parlamentario doutro partido deixa en evidencia as súas mentiras ou denuncia a súa actitude fascista, sempre recorre ao mesmo: “si usted tuviera que marcharse del País Vasco por estar amenazado por ETA, como tuve que hacer yo...” ou algo así. E volveuno facer no debate da última prórroga do estado de alarma. Eu xa o teño dito anteriormente: era xerifalte e liberado do PP Vasco, cobraba un soldo, e cando sentiuse ameazado escapou coma unha rata; abandonou a outros compañeiros e compañeiras igualmente ameazados, que se quedaron en Euskadi a defender as súas ideas; el preferiu marcharse para Madrid onde Esperanza Aguirre concedeulle unha mamandurria na que aínda hoxe non se sabe moi ben cal era a natureza do seu traballo pero si que tiña unha alta remuneración.
A presunta ocultación do número de mortos polo COVID-19.
Esta é unha constante da dereita franquista e da dereita nazi-fascista. Saben que o número de mortos polo virus é facilitado ao Ministerio de Sanidade polas comunidades autónomas, que teñen competencias plenas en sanidade. Saben, tamén, que cada comunidade autónoma utiliza distintos criterios para contabilizar as persoas afectadas polo coronavirus. E coñecen de primeira man que hai comunidades autónomas gobernadas polos seus correlixionarios que só soltaron as cifras reais de vítimas do bicho cando houbo un decreto que as obrigou a facelo. E son coñecedores de que as comunidades máis afectadas polo COVID-19 son as gobernadas pola dereita, e que Galicia e Madrid son das comunidades que máis mortes presentan en residencias de maiores, cuxa xestión é competencia das comunidades autónomas. Logo, a que xogan cun tema tan serio? Daba noxo o pasado sábado, en La Sexta Noche, escoitar a Maroto culpando ao goberno do Estado das mortes nas residencias de maiores; que desvergoñado! Efectivamente o goberno merece unha crítica moi forte, pero por permitir, sen tomar medidas penais contra os responsables, que se lles faciliten cifras de afectados e mortos manipuladas ou directamente falsas.
Queren políticas económicas en contra da clase obreira e dos máis desfavorecidos.
A estes sen-vergoña da dereita, a eses hipócritas e mentireiros, non lles chegou con aplicar políticas tendentes a facer máis fondas as desigualdades sociais entre as persoas e a condenar a traballadores e traballadoras do Estado Español, condenándoos á miseria e á precariedade durante o mandato de Mariano Rajoy no Estado e co seu mandato en numerosas comunidades autónomas, entre elas Galiza. Non lles chegou con esnaquizar os dereitos políticos e sociais e as liberdades democráticas; con esnaquizar a sanidade e a educación públicas; e con entregar a atención á dependencia a empresas multinacionais lideradas por fondos voitre ás que (polo que se ve e demostra) o que menos lles importa é o benestar e as vidas das persoas maiores e dependentes. Agora, esta dereita ultraliberal e fascista quer seguir a afondar nas desigualdades, quer seguir a favorecer aos grandes empresarios, aos fondos de investimento voitres e á banca, como xa fixeron durante o goberno do franquista Mariano Rajoy e están a facer desde o goberno do noso presidente vernáculo e de vida permanentemente electoralista Alberto Núñez Feijóo e outros polo estilo. Vexamos algunha:
1.- Perlas inesquecibles como as da señora que preside a comunidade de Madrid que mantén que para loitar contra a crise o que hai que facer e “liberalizar o chan para poñer en marcha a construción”. Precisamente unha das medidas postas en marcha non hai moitos anos polo camareiro das Azores, José Mª Aznar, (e que o goberno de Rodríguez Zapatero non se atreveu a anular) que contribuíu a afondar no Estado Español os efectos da crise do 2008. A única explicación que se me ocorre para que esa señora defenda tal despropósito é que poida ter o desexo de que promotores sen escrúpulos volvan endebedarse, vender os pisos e deixalos en esqueleto e sen rematar despois de vendidos; e que os bancos poidan empaquetar eses préstamos a promotores en títulos-lixo e colocalos no mercado con engados a aforradores inexpertos e incautos, como xa fixeron no pasado recente; a consecuencia: a) compradores sen diñeiro, sen pisos e hipotecados ata as trancas; b) promotores enriquecidos de forma ilexítima e sen responsabilidades económicas nin penais sobre as súas promocións en sociedades limitadas -que para iso creou o capitalismo as figuras da S.A. e a S.L.-, con estas descapitalizadas e en concurso, sen poder facer fronte ás responsabilidades cara aos compradores; c) banqueiros e bancos enriquecidos pola dobre vía da colocación dos títulos-lixo e da execución das hipotecas, tanto sobre os solares como sobre os compradores de vivenda. Amais, este país está cheo de vivendas baleiras e de clase obreira empobrecida que non se pode permitir a compra dunha vivenda; igual o que queren é seguir rematando coa pequena burguesía. Eu non sei se estas eran as intencións dese desatino presidencial madrileño, mais tampouco me estrañaría que esas foran as súas liñas fundamentais. A fin e ao cabo, o Partido Popular naceu coa misión fundamental de servir aos intereses do gran capital; e tamén, polo que di algunha sentencia, para beneficiarse economicamente da corrupción dos altos cargos que nomea.
2.- Esta outra perla que demostra que a dereita deste país só defende os intereses dos especuladores e do gran capital ten a súa orixe na Galiza. Neste caso a Conselleira de Vivenda da Xunta de Galicia que dirixíuse por carta ao goberno central queixandose de que a prohibición dos desafiuzamentos durante a pandemia enfriaba o mercado e perxudicaba aos propietarios (nova de eldiario.es; en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Correo Gallego,... por máis que busquei non a atopei ). Como esa señora, coa cantidade de xente que se quedou a dúas velas pola situación de emerxencia sanitaria e que non pode pagar a renda de alugueiro, se atreve a dicir estas imbecilidades? O que tiña que facer ela e o Presidente da Xunta de Galicia era establecer desde un primeiro momento medidas para que os propietarios que dependan do arrendamento de vivenda para poder vivir non teñan que ser desafiuzados das súas; pero non, mellor que inquilinos desesperados e da clase obreira se vaian á rúa. No fondo, coido eu, que a esa señora os pequenos propietarios nada lle importan por moito que se lle encha a boca falando deles; que o que realmente defende son os intereses dos grandes arrendadores, sexan empresas ou fondos voitre. É carta de natureza do Partido Popular.
3.- Frenar a tramitación dos ERTEs e acusar ao goberno central de ser o responsábel do atraso nos pagamentosdas rendas derivadas dos mesmos. Iso si, con escusas varias e diversas que non se corresponden con realidade algunha. Foi o que fixo a Xunta de Galicia e o que o goberno Núñez Feijóo tratou de enmascarar e derivar a súa responsabilidade, contando para elo coa complicidade de toda a súa trama mediática cotiá, tanto da prensa escrita e dixital como das canles de radio e televisión ao seu servizo. Total quen ía sufrir coa demora nos pagamentos ía ser a clase traballadora, cuxos intereses eles, o partido franquista, non representan. Non lle chega coa insuficiencia dos EREs e dos ERTEs, que por riba regatean os cobros aos traballadores; e seguramente estes do Partido Popular, que dirixen a Consellería de Traballo, non me estrañaría que non puxeran a traballar ás inspeccións para ver cantos despedimentos e EREs irregulares fixeron os empresarios aproveitando a pandemia do coronavirus. Desde logo, os sindicatos teñen denunciado máis dun.
3.- Oposición ao establecemento xeralizado dunha renda básica. No último debate os cruzados de Partido Popular e Vox ergueron a súa voz contra o establecemento xeralizado dunha renda básica. Non é que esta medida vaia ser a renda básica universal que demandan as organizacións sociais e os autores que se interesan por aminorar as desigualdades sociais e por mellorar a vida do conxunto dos e das cidadáns. Hai que ter en conta que un partido como o PSOE, que comunga coa doutrina capitalista da economía, non vai lexislar nada do outro mundo no tema dunha renda básica, polo que coido que non van tremer os cimentos do capitalismo; máis ben o farán para que o capitalismo non sexa posto en cuestión. En todo caso, non é de estrañar que os mesmos (que defenden a mesma clase, da mesma procedencia política e ideolóxica, sen escrúpulos sociais, machistas, xenófobos, combatentes contra a igualdade de xénero,... daí o de os mesmos), que o Partido Popular e Vox se pronuncien en contra desta medida. Se a clase obreira non ten ningunha renda de protección estará a mercede dos abusos do empresariado, terá que aceptar calquera traballo que se lle ofreza e nas condicións nas que lles sexa ofrecido; porque terá que facer fronte aos pagamentos de alugueiros, hipotecas, da alimentación de si e da súa familia...; e se ten un pequeno colchón no que ampararse pode rexeitar os abusos do empresariado (que si, que xa sabemos que o empresariado non é todo así, que nolo están a repetir os da CEOE e os da CEPYME unha e outra vez, que non son uns monstros ...pero non poden desbotar as oportunidades que lles ofrece a economía de mercado).
Son botóns de mostra de como a dereita franquista e a nazi-fascista desprezan os dereitos dos traballadores e das traballadoras, de como se aferran ás saias do gran capital e defenden con uñas e dentes os intereses da burguesía e dos seus acólitos.
Un ridículo espantoso; a real e impresentable “marca España”.
Se non fora polo serio que é o tema e porque neste país hai moita ovella con aspecto humano, que crería, sen poñer en cuestión, que o cabalo branco de Santiago Apóstolo é marelo no caso de que a televisión ou a prensa o dixera, a cousa sería para poñerse a rir e non parar. Pero por desgraza non é así.
Miren vostedes ata onde pode chegar esa dereita: non sei se saben que o hospital privado POVISA prestou ao Concello de Vigo non sei cantos miles de máscaras de protección para que este o repartira entre persoas con risco e entre os cidadáns; pois ben, segundo declaracións escoitadas por quen subscribe en Radio Vigo o día 23 de abril dos presentes nun informativo do mediodía, a máxima preocupación dun concelleiro do Partido Popular nesa cidade non era se as máscaras eran suficientes para os colectivos e a poboación viguesa, nin se eran as mellores ou se habería que implementar máis medios para protexer á poboación; a súa principal preocupación estribaba en se o Concello de Vigo ía poder devolver a POVISA a totalidade das máscaras recibidas en préstamo. Incríbel pero certo. É para rirse deles senón fora porque é un tema tan serio que non da.
E esta é xente a que pretende gobernar en todo o Estado, e que xa está a gobernar en partes del. Fodidos estamos. Apaga e ímonos. Menos mal que nos queda Portugal onde, á marxe de diferenzas ideolóxicas, hai políticos serios e políticas serias. Tamén na dereita.

Nota.- Este artigo foi modificado á súa versión actual o día 30 de abril de 2020

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...