Amosando publicacións coa etiqueta Juan Carlos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Juan Carlos. Amosar todas as publicacións

19 maio 2022

17 de maio na Galiza: Borbón que abochorna e un pobo orgulloso da súa lingua

    Foi o 17 de maio, Día das Letras Galegas, a data na que chegou ao meu coñecemento a intención do último Borbón chourizo coñecido, Juan Carlos, de vir á nosa terra a divertirse e participar nunha regata no concello de Sanxenxo (non Sanjenjo ou Chanchencho, como adoitan dicir “pijos” e mesetarios)

    Ese mesmo día multitude de galegos e galegas saíron á rúa en Santiago de Compostela a reivindicar o poder vivir na súa lingua e demandar a súa normalidade en todos os ámbitos que conforman a sociedade. Outro bo número de galegos e galegas, sobre todo con orixe ou residencia en Valdeorras, celebraron na súa bisbarra que ese día tan importante para as nosas letras fora dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, poeta e pólítico comprometido coa súa lingua, coa súa terra e coas ideas e a legalidade republicanas.

    Feitos totalmente contraditorios. Por unha banda un home que rouba ao seu pobo ao traveso do fraude fiscal ao erario público, cunha fortuna que “non se asenta tanto nas comisións por unha porcentaxe do cru importado como se fixo crer, senón no tráfico de armas con países árabes” segundo se di o xornal Público.es do pasado 18 de maio (1). Todo elo valéndose da total impunidade para calquera dos seus actos que o Tribunal Constitucional concedeulle para defender unha monarquía reinstaurada por un ditador na Lei de Sucesión de 1947 e con baseada nunha dinastía borbónica formada por sátrapas e ladróns que se aproveitaron do Estado e do seu pobo e da súa impunidade para roubar e enriquecerse: o felón Fernando VIIº, Isabel IIª, Alfonso XIIIº (bisavó do actual rei), Juan Carlos Iº (e todos os que ficaron entre eles). Pasará o mesmo co actual rei Felipe VIº? A min no me estrañaría. Hai dúas condicións básicas que o favorecen: a primeira, é que é un Borbón; a segunda é que pode actuar con total impunidade mentres ocupe a Xefatura do Estado.

    Por outra banda, un pobo que celebra e reivindica un idioma que o Borbón ladrón non practica nin defende e que, ademais, reivindica a figura dun home que nunca renunciou ás súas ideas republicanas e á defensa do idioma galego.

    E non vou a demandar aquí unha lei que regule a coroa, porque serían verbas vanas. O que demando e unha república democrática e popular, onde todos os cargos públicos do Estado sexan elixidos nar urnas por todas as persoas con dereito ao voto.

    Pero os bochornos do Día das Letras Galegas non só fican coa anunciada volta do ladrón Borbón. Igualmente vergoñento ven sendo o recibimento que con toda a pompa fixo o seu fillo ao emir de Qatar, un sátrapa, un criminal que nega calquera dereito humano ás persoas que moran nese país e máis se son mulleres, o ditador do sultanato onde se refuxian criminais buscados por diversas administracións de xustiza e, tamén, país a onde fuxiu Juan Carlos de Borbón cando non tiña claro que se ía ser procesado e condenado por delitos fiscais (que ao final Facenda fixo a vista gorda, por moito que o negue, dándolle facilidades que non tería calquera outro cidadán de a pe; os ricos seguro que si).

    Pero tan vergoñento como ese recibimento foi a entrega polo goberno fascista-confesional do Concello de Madrid a ese mesmo personaxe da chave de ouro da cidade ou a cantidade de convenios asinados polo goberno estatal do PSOE coa desculpa dos ingresos e beneficios que suporía ao Estado.

    Cousa, esta última, que contrasta coa actitude do mesmo goberno cara a un país coma Rusia con actuacións cara aos seus cidadáns moito menos graves que os feitos polos sátrapas catarís e que están supoñendo graves prexuízos ás economías do conxunto dos españois polas alzas xeneralizadas dos prezos. Pero claro, que se pode esperar dun goberno que -como xa fixeran os Partido Popular e os de Felipe González- ten supeditada toda a súa política exterior aos intereses estratéxicos, económicos e políticos dos Estados Unidos? Nada bo.

    En fin, un 17 de maio de contrastes. Uns moi positivos, outros negativos e condenables.

NOTAS.-

(1) https://www.publico.es/politica/origen-fortuna-rey-juan-carlos-i.html#md=modulo-portada-fila-de-modulos:3x2-t1;mm=mobile-medium


 

 



 

16 decembro 2020

As cuestións “persoais” dun rei emérito e a súa inviolabilidade

            O que pasa no Estado Español, se non fora polo serio e impresentable, sería para botarse a rir. Mais o deste país de pandeireta, e cheo de persoas que hai tempo que abandonaron ou esqueceron a vergoña en algures, é para botarse a chorar ou facer cousas que non son de recibo ao amparo da violencia persoal ou colectiva, cousa que non é nada desexable nin aconsellable nas persoas civilizadas. E os que pensamos así non somos coma aqueles aos que criticamos, que estes si recorren á violencia sen contemplacións cando ven en perigo os seus privilexios; privilexios que xeran inxustizas sociais e que eles confunden con dereitos. E non falo de catro delincuentes, grandes ou pequenos, que andan por aí e están máis que fichados polos denominados corpos de seguridade do Estado; estou a falar de xentes instaladas nos considerados altos circos sociais, tanto civís coma económicos, políticos ou ex-políticos ou de xentes que ocupan ou ocuparon postos meritorios en altas institucións do Estado de toda natureza (incluso nas máis altas).

                Pero hai un caso que me chama moito a atención. E non tanto polo que fai ou ten feito como pola consideración que moitos "dos que mandan" (non necesariamente gobernantes políticos) teñen cara aos seus actos, tanto os comprobados coma os presuntos. E chámame a atención porque esa persoa é un produto directo dun réxime terrorista criminal e fascista: o réxime ditatorial do xeneral Franco. E digo que é un produto directo porque foi el, Franco, quen o nomeou "Rey de España" coa aclamación das Cortes Franquistas, sendo Ministro de Gobernación o inventor dos 25 Años de Paz, prólogo da lei de sucesión franquista, o insigne fascista don Manuel Fraga Iribarne, pai tamén da Constitución de 1978. Logo, foi a paz os cemiterios a que propiciou o nomeamento de Juan Carlos de Borbón como rei de España.

                Do mesmo xeito que todos os roubos, tropelías e criminalidades do seu antecesor na xefatura do Estado ficaron impunes mentres viviu, tamén as presuntas criminalidades e tropelías de Juan Carlos I de Borbón, por mor da interpretación da constitución de 1978 que se fai desde instancias gobernamentais e xudiciais, quedan impunes debido á súa suposta inviolabilidade. Imaxinade que un bo día semellante suxeito se levantara con apetencias de pegarlle un tiro a alguén sen motivo e sen mediar palabra, simplemente por apetencia, e o fixera; pois nada, o señor non sería xulgado nin condenado. Segundo interpretan altos tribunais, pesoeros, peperos e toda clase de proto-franquistas nun suposto deste tipo (ou de calquera outro de natureza criminal e non ligado ás funcións coma xefe do Estado) o rei é inviolable, polo tanto non se pode someter a xuizo. Viva a democracia e a igualdade diante da lei de toda a cidadanía! A miña avoa falaría da "lei do embude". 

                Pese a todo o fascista que era Fraga Iribarne, ao dereitistas que eran Pérez LLorca e Roca Junyent, Herrero de Miñón ou Gabriel Cisneros cústame moito crer que cando redactaron ese parágrafo da Constitución estiveran considerando que o futuro xefe do Estado era ininputable por calquera acto persoal que poidera atribuírselle. Supoño que estarían pensando nos actos realizados dentro das súas funcións coma tal xefe do Estado. Non se lles pasaría nin pola cabeza que un xefe de Estado decente puidera realizar actos como os que a día de hoxe se lle atribúen ao Rei Emérito (e menos sendo titular da coroa). E xa non digo Pérez Barba ou Solé Turá, dos que estou máis que convencido que concordarían conmigo en que se o xefe de Estado sae chourizo, defraudador fiscal, desviador de fondos ou calquera outra criminalidade habería que xulgalo e metelo na cadea. 

            Pero (doutores ten a igrexa, din) os nosos actuais togados máis supremos, os políticos de élite e os ex-políticos sen vergoña, pensan máis en que son os modos e maneiras do "reinado" de Franco os que na actualidade deben pervivir sobre os modos e costumes dun Estado que se considere minimamente democrático en relación ao Xefe do Estado. Logo ditaminan que a inviolabilidade do rei abarca a todo tipo de actuacións do monarca. Ou o que é o mesmo: dinamitan a democracia. O cal, e máis tendo en conta a historia da dinastía Borbón, é un perigo para toda a sociedade.

                Din que os actos do Emérito non implican a o actual monarca Felipe VI. Din, tamén, que pese a ser Juan Carlos de Borbón membro da Casa Real o asunto do fraude á facenda de todos e a súa posterior pouco transparente regularización, máis ben opaca,  "é unha cousa persoal", que non compete á monarquía. Non sei de que monarquía falan; á inglesa ou á sueca seguro que non lle compete (se así fora xa estaría procesado xudicialmente e fora da casa real o suxeito implicado). Pero si compete a esta monarquía saída de Lei de Sucesión franquista, por moito que digan que é da Constitución de 1978 (xa se ocuparon Fraga, Surarez, Cisneros, Pérez Llorca, os políticos da transición ligados á CIA... e a dereita do Movimiento Nacional de que se mantivera o rei nomeado por Franco).

                 A elección do xefe do Estado polos cidadáns, en sufraxio universal, é básico en calquera país que se chame democrático. É certo que hai países con democracias reais (Suecia, Inglaterra, Dinamarca, ...), non coma a nosa, nos que o sistema democrático convive coa monarquía. Máis en todos eses países os monarcas practicamente nin pinchan nin cortan. Son democracias máis baseadas na tradición histórica que noutra cousa; e, desde logo, en ningunha delas a persoa que ostenta a titularidade do trono é resultado directo ou indirecto dun nomeamento realizado por un criminal fascista. Están sometidos á mesma lei que os demais cidadáns, agás nos actos que lle atribúen as leis aos seus cargos; non fan papelóns como o feito por Felipe VI o 3 de outubro de 2017 diante das cámaras de TV co gallo das mobilizacións catalás polo referendo, non se meten en política; son os parlamentos directamente os que escollen, segundo os resultados electorais, aos presidentes ou primeiros ministros sen que os candidatos teñan que pasar revisión previa diante de ningún rei ou raíña que o único que fai é referendar a decisión parlamentaria. E sobre todo, neses países a totalidade dos ingresos percibidos pola realeza, así coma todos e cada un dos gastos realizados (desde un bote de escarvadentes ata o último inmoble ou cepillo de dentes) son totalmente públicos, ao alcance do coñecemento de calquera cidadán dese país. Xa quixeramos nós.

            Pese a todo o avanzado nos países antes mencionados, no tema da función monárquica (por desgraza non no noso) hai que dicir que a monarquía, por moi parlamentaria que sexa, é unha institución caduca, que é un torpedo cravado na liña de flotación de calquera democracia da que adoitan botar man de forma "non convencional" suxeitos indesexables  e golpistas coma o ditador Primo de Rivera ou Franco, para servir aos seus intereses persoais e aos da clase á que representan. Porque nunha democracia parlamentaria real todas aquelas persoas que ostentan os máximos cargos representativos dun Estado son elixidos polo sufraxio universal de toda a cidadanía (xefas ou xefes do Estado e membros dos órganos lexislativos) e o resto dos cargos públicos son nomeados polas persoas escollidas pola cidadanía.

             

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...