Di
un refrán popular que “deus dáos e eles xúntanse”.
Efectivamente parece que a sabidoría popular cúmprese no campo da
política, como estamos a ver en Andalucía, Madrid, Navarra, Castela
e León...; mesmo na Galiza é de recente rexistro a marca
de Galicia Suma polo Partido Popular, forma de remedo da
Navarra Suma baixo a que o partido franquista e o partido
escorado á extrema dereita que rula baixo a marca Ciudadanos (e
supoño que con elementos do partido nazi-fascista) presentáronse ás eleccións autonómicas en Navarra.
E
digo que eles xúntanse porque estamos a ver que, tanto en Andalucía,
como en Madrid e en numerosos concellos do Estado onde o coñecido
como trifachito (Partido Popular, Vox e Ciudadanos) teñen
chegado a acordos para investir alcaldes e presidentes de comunidade
autónoma, os e as escollidas rematan por asumir publicamente os
aspectos do programa mais perniciosos e retrógrados de Vox;
chegando, incluso algunha delas a facer unha defensa férrea da
cabeza máis visible do partido nazi-fascista, como ten feito a
actual presidenta da Comunidade de Madrid e membro do partido
franquista.
Todos
eles asumen a negación da violencia machista, ben sexa na práctica
ou facendo pública o seu apoio á teoría nazi-fascista da
“violencia doméstica”, chegando a criticar as dotacións
orzamentarias aprobadas para facer fronte á violencia de xénero;
equiparan o feminismo a unha especie de loita das mulleres contra dos
homes, deixando á vista a súa cultura de negación da igualdade de
dereitos entre persoas e unha concepción da muller como elemento
estético-decorativo e de múltiples usos a capricho dos homes,
incluído o dereito a maltratalas sen consecuencias. Rematarán,
incluso, partido franquista de partido riverista por asumir a
prohibición ou a limitación do dereito ao aborto aínda que só
sexa por salvagardar os seus intereses políticos? (lembremos que
Pablo Casado, líder do partido franquista, xa ten xogado con
derrogar a lei de prazos e que no triste período de goberno de
Mariano Rajoy modificouse a lei para que as menores non puideran
decidir un aborto sen o coñecemento e a aprobación dos seus pais ou
titores).
Outras
das súas fazañas favoritas é a de cancelar actos culturais e
artísticos protagonizados por grupos ou persoas que sexan
susceptibles de os criticar ou que non se encadren nos seus
posicionamentos políticos ou sociais. Así teñen cancelado
concertos, con argumentos peregrinos e collidos polos cabelos e de
clara orientación e argumentación fascista, do grupo musical Def
con Dos en máis dun concello no que estaba programada a súa
actuación; chegando a ter que pagar ao artista cancelado e aos o aos
artistas substitutos. Outra, esta en Madrid, a suspensión dun
concerto de Luís Pastor e o seu fillo; neste caso non se molestaron
nin en dar explicación, só escusas por parte de membros do partido
laranxa escorado á extrema dereita; parece como se a historia do
Pastor pai molestara aos membros do partido franquista que controlan
a xunta de distrito do barrio no que o concerto íase celebrar (aínda
que moito me temo que as ordes viñeron de “arriba”). Temos que
lembrar que en España se teñen suspendido multitude de exposicións
e obras teatrais, descolgado multitude de cadros, ...e outras
manifestacións de carácter cultural por mor de presións de orixe
no partido franquista ou en lugares nos que eles tiñan a capacidade
de facelo. Seguramente cousas coma estas haberá por todos os lugares
onde o trifachito goberna, xuntos ou por separado; porque parece que
fica máis que claro que a diversidade de opinións e o que a xente
se exprese con liberdade non vai con eles. Así lexislaron a lei
mordaza ou reformaron o Código Penal establecendo sancións
económicas ou penas de cadea para aquelas persoas que protestan para
defender os seus dereitos contra os abusos do capital ou as
disposicións gobernamentais, ou que chaman ás cousas polo seu nome
e poñen cualificativos a persoas indesexables; ou que amosan alegría
ou burla por situacións sufridas por personaxes que contribuíron a
facer da vida da maioría dos seus coetáneos un inferno fascista e
ditatorial. Odian a liberdade de expresión ...para os demais.
Tampouco
lles gusta a memoria histórica que quer honrar ás persoas
represaliadas ou asasinadas e torturadas durante o réxime criminal
de Franco. Normal, son franquistas; son o partido franquista por
excelencia, o Partido Popular, que nunca foi quen de condenar ao
réxime de Franco; son Vox, que non só non condenan, senón que
vitorean ao réxime ditatorial de Franco e a todos os asasinos e
cómplices criminais que o apoiaron desde o primeiro do seu golpe de
Estado ata o último alento do ditador. E Ciudadanos ...sigue,
consiste e faise cómplice. Non lles gusta que se poidan desenterrar
os restos de todas as persoas asasinadas polos secuaces militares,
civís e relixiosos de Franco, baixo cuxa ditadura asasináronse máis
miles de persoas que en calquera outra habida no mundo coñecido
(incluídas a de Pol-Pot en Camboia, a dos xenerais en Arxentina ou a
de Pinochet en Chile); non lles gusta que os historiadores e
investigadores se acheguen moitos dos arquivos militares e civís
que garden datos sobre sobre a época da “paz dos cemiterios”.
Durante os gobernos de Mariano Rajoy destinaron orzamento nulo á Lei
da Memoria Histórica; agora, en Andalucía igualmente a baleiran de
contido e de financiamento. Sempre se opuxeron a que os pobos
recuperaran aqueles bens adquiridos polo ditador roubándollos ao
pobo, como o Pazo de Meirás, casa de Cornide ou as esculturas
procedentes do Pórtico da Gloria e propiedade do Concello de
Santiago (agora os peperos galaicos, coa presión popular, víronse
na obriga de virar a súa posición respecto á recuperación de
Meirás, aínda que supoño que de mala gana; en todo caso, os
peperos galaicos xa nos teñen afeitos que aquí din unha cousa e
cando chegan a Madrid cambian o disco e din a contraria).
Outra
das cousas que os une é o nepotismo, un dos males do franquismo e do
posfranquismo, sobre todo nuns territorios máis que en outros.
Pregúntenlle vostedes na Galiza a calquera paisano que ocorre cando
un concello ou unha deputación provincial convoca unha praza de
carácter fixo ou eventual; a observación común cando se lle di que
pode presentarse ou informar a alguén para que se opte a ela será
a de que “xa está dada”; pois iso, e ninguén se atreve nin fai
denuncialos (agás algún sindicato, pero ten que denunciar o
afectado para que vala) porque é un vicio que está tan imbuído na
sociedade que xa case é connatural a ela; e o mesmo ocorrerá no
resto do Estado. Pero parece que os do trifachito son máis
descarados, polo menos en Andalucía. Aí temos o caso da irmá do
presidente Moreno que accedeu por concurso á dirección dun centro
dependente da Junta de Andalucía pese a ser a terceira en
puntuación, sobre todo con moita diferencia sobre a primeira; pois
nada, que os xerifaltes andaluces buscáronse escusas e usaron
mentiras para desprestixiar á persoa que en xustiza gañou o
concurso e xustificar o ascenso ás alturas do parente presidencial.
Non só son nepotistas (que é unha forma máis de corrupción,
señores e señoras de Ciudadanos), senón que por riba o fan mal e
de forma chapuceira amosando a súa prepotencia fascista.
Outra
das cousas nas que parecen coincidir son os coñecidos como
“chiringuitos”. Hai que recoñecer que, agás Esperanza
Aguirre que eu saiba, no partido franquista ninguén critica os
chiringuitos e os soldos polo morro. Vox e Ciudadanos fan unha
e outra declaración en contra deles e da súa existencia. Oh! mira
ti que o máximo dirixente do partido nazi-fascista pasouse a vida
vivindo dos chiringuitos que lles facilitou o seu partido; o
ultimo unha mamandurria creada pola insigne Esperanza para
facilitarlle a vida nun sitio no que aínda hoxe non se sabe cal era
a súa función. E os de Ciudadanos na procesión dos caladiños,
que ao fin e ao cabo tamén a eles caeralle algún choio.
Como
vemos non hai diferenzas. Son iguais e rematarán (cando cheguen a
acordos do reparto do botín) por estar no mesmo partido. O que non
se pode é permitir que gobernen e nos devolvan ao plistoceno
político deste país. Eu, desde logo, que non estou disposto a
volver á época na que nacín, a época da paz dos cemiterios. Antes
tírome ao monte ou emigro.