Inacción, incompetencia e complicidade
Como
adoita ser cotiá a Xunta de Galicia, dominada polo Partido Popular, volveuse a
lucir e ficar en evidencia por mor da súa inacción; esta vez por causa dos pellets de plástico chegados ás costas galegas. Cada paso que da, cada
declaración que algún dos seus responsables fai, cada problema que aparece no
país e que a administración da
Xunta de Galicia oculta ou ignora (por incapacidade ou por medo a meter a pata) móstranos a súa incompetencia, a súa neglixencia e/ou a súa inacción no
intre da facer fronte aos problemas ou de afrontar con eficiencia e con
eficacia as dificultades coas que a maioría da cidadanía galega se encontra na
súa vida cotiá. Sanidade, agricultura e gandería, pesca, medio ambiente, transportes,
estradas, montes, ríos, industria... todo deixado “da man de Deus” e a mercé dunhas persoas que mostran ano tras ano, e así desde a creación do Partido Popular e dos seus
sucesivos gobernos desde a Xunta de Galicia, a súa desidia, a súa incompetencia
e/ou a súa actividade política cómplice exercida desde os cargos públicos para
favorecer intereses privados que van en contra dos intereses públicos e da
maioría das galegas e dos galegos. Ata a súa política de
financiamento está dirixida a primar os intereses do sistema financeiro privado
sobre os intereses xerais da cidadanía galega, ao acudir a Xunta ao endebedamento con
institucións privadas en lugar de facelo con aqueles organismos de carácter
público que ofrecen un financiamento moito máis barato e, polo tanto, máis
favorecedor dos intereses xerais da Galiza.
Non sería estraño que alguén puidera pensar que este tipo de actuacións foran
dirixidas non só a beneficiar a corporacións alleas aos intereses da maioría da
poboación da Galiza, senón que tamén poderían estar enfocadas á forxa dun
futuro persoal dentro das empresas favorecidas por esas políticas dos distintos departamentos. Non podemos esquecer que na actualidade hai
numerosos casos de antigos cargos políticos ou técnicos de libre designación da Xunta de Galicia e do Partido Popular que ao remate
dos seus cargos públicos pasaron a formar parte de órganos directivos de empresas que
dalgunha forma resultaron favorecidas coas políticas dos seus departamentos ou
doutros conexos. Empresas eólicas, madeireiras, pasteiras, químicas, mineiras... teñen
entre os seus dirixentes e persoal de alta dirección a persoas que no pasado
exerceron responsabilidades públicas na Xunta de Galicia.
A “crise” dos chamados pellets
A
aparición dos chamados pellets de plástico nas praias de moitos concellos da Galiza (a
RAG di que o termo válido é “granulado” , mais aquí utilizaremos de forma sistemática pellets, por ser o máis usado na crise das "bolitas") puxo de manifesto unha vez
máis a incapacidade da Xunta de Galicia, dominada
polo Partido Popular, para facer fronte dunha forma eficiente, coordinada, con transparecia e publicidade ás posibles crises que poidan afectar ao país que din gobernar. E esta
crise así o demostra.
A
primeira nova que a cidadanía tivo da aparición dos famosos pellets nas praias
da Galiza (se mal non me lembro) foi, nos lugares a onde chegaron as "bolitas", despois do fin de ano, o 2 ou o 3 de
xaneiro. E a razón do coñecemento público do problema non foi porque os incompetentes do Partido Popular que
gobernan Galiza fixeran pública a aparición de tales cantidades de granulado
plástico en numerosas praias, senón porque a cidadanía e os concellos afectados
e non gobernados polas hostes populares
denunciaron publicamente a situación e a falla de implicación da Xunta de Galicia
na súa contención e/ou limpeza.
Inicialmente, esta contención ou limpeza das
autoridades políticas da Galiza non foi máis alá do envío dunha pouca xente,
sen material nin outro equipamento, a coller pellets nunha praia de Muros o día 6 de xaneiro durante o tempo estrito
e necesario para que a TVG gravara un “flash” para xustificar un labor
inexistente por parte da Xunta de Galiza de cara á súa intervención para
impedir ou minorar a contaminación do litoral. Así foi denunciado polo Concello
de Muros e, tamén, por Ía Lago, alcaldesa da localidade, na súa páxina persoal de Facebook o día 6 de
xaneiro:
“Así é como
non se fai.
Hoxe volvémonos desprazar á Area
Maior, cando estabamos alí apareceron operarios dunha empresa mandada pola
Xunta, o responsable dime que veñen a recoller as bolsas do que nós limpamos,
aínda que non se puxeron en contacto co concello e non saben onde está acopiado
o material. Ante a chegada da TVG, póñense a recoller os pellets. Non traen material
pra facelo, recollen un a un, hai 4 operarios. Pasan 10 minutos e marchan as
cámaras, inmediatamente despois, recolle a empresa. 10 minutos de reloxo e un
titular para abrir os informativos.
Ata non lles cae a cara de vergoña.”
Esta
voz de alarma procedente de organizacións ecoloxistas, concellos afectados
gobernados por xente decente, cidadáns particulares e persoas que diante das
confusas novas sobre o tema achegáronse ás praias para botar unha man coma
voluntariado na recollida dos plásticos, puxo en garda a toda a incompetencia
gobernamental e a todo o lixo mediático con base na Galiza (que non é pouco) para
tratar de minimizar e desviar responsabilidades sobre a contención dos vertidos, a súa localización e sobre o estado da costa e praias galegas.
Incompetencia galopante e "in crecendo"
Os
responsables da Xunta de Galiza un día din unha cousa, ao seguinte outra
distinta e contraria; habendo incluso algún día no que a mesma persoa declarou
unha cousa a primeira hora da mañá, trocando a súa versión polo medio día para
volvar declarar pola tarde noite outra versión distinta ou contraria.
Presidente Alfonso Rueda, Conselleira de Medio Ambiente, Conselleiro de Pesca..., todos
eles perdidos e desbordados, facendo declaracións totalmente inverosímiles,
amosando publicamente a súa incapacidade e a súa incompetencia, asignando culpabilidades de forma
gratuíta, mentindo de forma descarada, pedindo cousas que se escapan a toda
lóxica... Simplemente, impresentable. Incluso escoitamos nalgún medio radiofónico declaracións totalmente
irresponsables como as realizadas polo Patrón Maior da Confraría de Pescadores
de Muxía (supoño que para amosar diante do Conselleiro de Pesca, ao que
acompañaba neses intres, a súa submisión incondicional aos desexos do Partido
Popular); ou as declaracións altamente escatolóxicas e fora de lugar do responsable de pesca
sobre a función dixestiva diante dunha potencial inxestión de pellets ou as instrucións do mesmo señor sobre o que se come e o que non se come dos “pescados”.
E
aínda hoxe, cando as evidencias en contra da súa nefasta xestión da crise dos pellets son máis numerosas seguen co conto: a unha hora unha cousa e a outra unha distinta da
de antes. E, segundo eles e as insinuacións da súa prensa amiga, a
culpabilidade da inacción está no goberno central (cousa que tampouco eu
dubido, xa que corresponde ao goberno central –a este e aos anteriores-
estabelecer os sistemas de protección das costas galegas contra os posibles
vertidos de elementos contaminantes e outros que o inxente tráfico marítimo que
usa o corredor atlántico como vía de circulación para o transporte de
mercancías poida causar, compromiso realizado polos distintos gobernos centrais despois do
ocorrido co Prestige no ano 2002).
Non foi ata o martes 9 de xaneiro o día no que a maioría dos medios de prensa editados en
papel empezaron a preocuparse do tema que se estaba a xerar cos pellets nas praias. Mais, sobre todo,
coido que o motivo da preocupación non sería tanto a de informar aos seus
lectores como a de protexer por unha parte aos seus correlixionarios ideolóxicos e, pola outra, protexer unha das súas formas de
financiamento: as cuantiosas subvencións recibidas por diversos motivos (algúns
deles incribles) e a numerosa publicidade institucional coa que son regados e as subscricións para os numerosos centros dependentes da Xunta de Galicia. E
que para algún deses medios son vitais para a súa pervivencia. É dicir, o Partido
Popular non está só no seu labor de embarullar, manipular e terxiversar a
información.
Non están sos
Poderosos protectores controlan a maioría da información que circula pola Galiza e contribúen
á falta de difusión de todos aquilo que poida resultar desfavorecedor ás
actuacións, ou ás inaccións, que o Partido Popular poida desenvolver no seu labor
desde as distintas institucións públicas que controla. E, como xa teño indicado
nalgún artigo anterior, cando a realidade contradí ou é desfavorable aos
intereses do Partido Popular, só mencionan “á bicha” cando non lles queda máis
remedio. A calquera cidadán chocaríalle que un feito grave ou importante
que ocorre na súa proximidade non saíra reflexado nas novas do xornal que fala
da comarca, polo que estes manipuladores da información so o publican na edición do sitio pero ocúltanno en todas as
demais edicións (que é o que está a pasar coas mobilizacións pola sanidade
pública, que nos principais medios só se reflexa na edición local ou comarcal o
que pasa no lugar, coma se fora algo que só ocorre alí e non é un problema xeralizado a toda Galiza).
E non
falo dos espazos “informativos” das cadeas e emisoras da RTVG (que, como denuncian os seus propios
traballadores e traballadoras, ocultan, manipulan, deforman a información e son plataformas
de propaganda do Partido Popular). Falo daqueles outros que presumindo de ser
medios de información independentes non só teñen aos seus columnistas ao
servizo da causa da dereita e do Partido Popular, senón que amais fan un
tratamento da información de tal forma que está non desfavoreza os intereses da
dereita política galega. Estes medios en numerosas ocasións terxiversan de tal
forma a información que mesmo parece que un feito certo que é orixe dun feito
negativo para o país (e que pon en evidencia a inacción, a incompetencia, as numerosas
mentiras e as magnas estupideces expresadas por distintas persoas con
responsabilidade política na Xunta de Galicia –mesmo a Presidencia-) é responsabilidade de terceiros.
Un exemplo claro
deste tipo de comportamentos informativos é unha nova aparecida nun dos máis
importantes diarios galegos, o día 9 de xaneiro, sobre a orixe dos vertidos de pellets coa perda de seis containers
polo mercante Toconao nas costas
portuguesas o 8 de decembro, que foi comunicado ás autoridades marítimas
españolas como é practica cotiá cando os buques perden carga para que se avise
ao tráfico das diferentes costas e evitar accidentes marítimos. Dista última
particularidade ese xornal non informa, como tampouco informa de que o capitán
do Toconao non tiña porque coñecer o tipo de carga que contiñan eses contedores
perdidos. Pero tal como estaba redactada a nova parecía que se puidera saber xa
que eses recipientes tiñan contidos contaminantes ou os pellets que ían chegar ás nosas costas. E que, polo tanto, a
responsabilidade era do goberno do Estado, non dunha Xunta que nada comunica nin actúa –coñecendo
a existencia de pellets nas praias- ata ben entrado o mes de xaneiro.
Máis non é o
anteriormente citado o único medio protector do Partido Popular. En xeral
podemos encadrar neste concepto ás principais cabeceiras provinciais dos distintos
xornais editados en papel (amais doutras menores e dalgunhas emisoras de radio locais),
que curiosamente
son tamén as beneficiarias das maiores subvencións á prensa concedidas de forma
discrecional pola Xunta de Galicia.
Para
remate
En fin, por moito que
se empeñe o Partido Popular e os seus protectores das diferentes esferas e
medios de comunicación, os responsables de actuar, para manter limpas as praias en casos como o dos pellets e de
informar á cidadanía do que acontece nelas, son as autoridades políticas
galegas.
Esa falla de transparencia só se pode achacar á Xunta de Galicia e
aos seus protectores do lixo mediático, que poñen os seus propios intereses
ideolóxicos e económicos por riba do dereito dos seus lectores a ser informados
dunha forma obxectiva. Porque os que mercamos xornais facémolo para informarnos
do que ocorre no país e no mundo fora do noso espazo cotiá, non so do que xa
sabemos que ocorre na nosa proximidade. Eses que deben informar de forma veraz
e obxectiva aos seus lectores son libres de expresar a súa opinión e a dos seus
correlixionarios, pero non de confundir o pensamento coa información, nin de
ocultar a información para protexer aos que pensan coma eles ou nos seus propios
intereses.
E o único xeito de
rematar con isto é impedindo que os que actualmente gobernan na Galiza sigan a
facelo; para elo temos unha inmellorable ocasión o próximo 18 de febreiro. E,
con relación á prensa, non mercando aqueles xornais ou escoitando novas naquelas
emisoras e cadeas de televisión que incumpren coa súa obriga de informar de
forma obxectiva sobre o que ocorre na localidade, no país, no Estado e/ou no
mundo.