Amosando publicacións coa etiqueta Ilegalidades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ilegalidades. Amosar todas as publicacións

04 outubro 2023

Concellos: a responsabilidade é do fume

        O recente caso das discotecas de Murcia incendiadas, en teoría sen licencia de apertura e con vítimas mortais, é un caso máis nos que uns e outros atribúense responsabilidades cruzadas sobre a culpabilidade de que eses establecementos estiveran funcionando. Os responsables do concello din que hai máis dun ano que se dera orde de peche, os propietarios manteñen que as súas licencias estaban en vigor e eran válidas, que ninguén lle tiña comunicado a decisión do peche... Mais o certo é que se había unha orde de peche con antigüidade maior dun ano ninguén desde o concello de Murcia se preocupou de que esa orde se cumprira. Iso aínda que o axuntamento teña constancia da recepción da citada orde polos propietarios da discoteca ou discotecas. Quen é a persoa ou persoas responsábeis? Dende logo que non son nin os clientes nin as persoas que pereceron por culpa da neglixencia de alguén. Supoño que a administración de xustiza nolo dirá. Esperemos que a responsabilidade non sexa do fume.

        A min este caso me trae a memoria outros moitos sobre a responsabilidade que asumen os concellos (máis ben, que non asumen) sobre moitas falcatruadas e ilegalidades que acontecen nas súa demarcacións por violación da normativa por parte de particulares, fundamentalmente promotores inmobiliarios, cuxos prexuízos recaen posteriormente sobre inocentes compradores de inmobles de construción ilegal. E falo de ilegalidades cometidas por promotores inmobiliarios porque son os que coñezo e, parece ser, os máis frecuentes en vilas e cidades. 

Os “listos” e os “pringaos”. ...Ah! E os “cegos”. 

        Quen non coñece casos de edificios construídos con máis alturas das que a lei permite? Ou ocupación de patios de mazán por parte de prazas de aparcamento ou pendellos diversos para beneficio ilexítimo do promotor das obras? Ou a construción en zonas onde a lei prohibe taxativamente facelo? Ou a apertura de discotecas ou locais de ocio nocturno que non cumpren os requisitos mínimos que a legalidade determina para poder abrilos? Ou que manteñen pechadas a cal e canto as portas de emerxencia? E coma os anteriores, supoño que mil cousas máis.


         No tema das construcións o problema ven cando hai denuncias dalgún particular que denuncia a ilegalidade. E digo un particular porque curiosamente é moi difícil atopar casos dos que saen na prensa no que as denuncias partan dos concellos ou de calquera outra institución pública. E o particular denuncia cando se sinte agredido ou lesionados os seus dereitos; e adoita facelo cando a edificación está xa construída e as vivendas, locais, prazas de garaxe ou rochos xa están vendidos e, case sempre, habitados ou utilizados. 

        Se a causa é un exceso de alturas, a solución xudicial adoita pasar por ordenar o derribo deses excesos (agás que o exceso sexa o das torres do Club Financeiro de Vigo, que se legaliza con apresuramento inusitado) en prexuízo do propietario que inocentemente mercou un dos predios ilegalmente construídos. Concellos, que teñen obriga de velar porque o edificio se axuste á legalidade e ao proxecto aprobado, e promotores (normalmente unha S.L. que se disolve ou descapitaliza unha vez vendido todo o paquete e polo tanto “non pode” responder) quedan libres de po e palla. Libran os “listos” e o “cego” e o “pringao” come o marrón e perde os cartos.

        O mesmo pasa se hai orde de derribo dun edificio xa vendido na súa totalidade ou se hai que devolver á súa función un patio de mazá.

          A min isto é algo que sempre me chamou moito a atención; sobre todo o que os concellos dean licenzas de habitabilidade a construcións que non cumpren coa legalidade. Porque eses edificios deberían ser inspeccionados ao longo de todo o seu período de construción para ver que se axustan ao proxecto presentado e aprobado. E non só polas partes interesadas que son os arquitectos e aparelladores da empresa promotora, senón con moita máis insistencia polas autoridades municipais que se supoñen sen intereses directos. 

        Eu non coñezo como está a lei, pero está claro que os verdadeiros responsábeis das ilegalidades (promotores, directamente, e concellos) saen sempre libres de responsabilidades. Como moito, se hai orde de derribo e os promotores ou propietarios non a cumpren ten que facelo o concello e asumir, se a propiedade non pode facelo, asumir os custos inmediatos en espera de reclamar a quen corresponda.

        Evidentemente, a lei é insuficiente. Quen debería ter responsabilidade económica ou penal substitutiva deberían ser, por unha parte, os responsables municipais de vixiar que a obra se axuste á legalidade e quen aproba que se dean os permisos de habitabilidade; e supoño que esas persoas son técnicos municipais non cargos políticos. E por outra parte, os promotores inmobiliarios dos edificios construídos ilegalmente ou con ilegalidades. Pero non, quen remata sempre pagando o pato son os últimos propietarios, moitos deles que accederon a unha vivenda con permiso de habitabilidade municipal que lles custou moito traballo, esforzo e endebedamento.

        Este conto, noutros niveis e moitas veces con consecuencias máis graves adoita darse tamén en locais de ocio nocturno, nos que moitas veces aos verdadeiros culpables remata saíndolles de balde, e quen os paga son os clientes mortos ou feridos por causa das neglixencias municipais de vixilancia de cumprimento da legalidade e os criminais que incumpren de forma premeditada toda a normativa de seguridade establecida. Os primeiros, normalmente se desentenden da súa culpabilidade (o culpable é o fume) e os segundos “non teñen” diñeiro suficiente para facer fronte ás súas responsabilidades civís. Volven de novo a aparecer os “cegos”, os “listos” e os “pringaos”.

        É evidente que as leis están mal feitas. E se están ben feitas xa vemos que para favorecer a unha ou unhas partes, esquecéndose dos principais prexudicados. O que é evidente, ao meu modo de ver, é que hai que cambialas e buscar ás persoas responsábeis onde están e no tempo no que cometen a infracción. E, con elas sen contemplacións.

        En fin, o dito: na actualidade a responsabilidade é do fume, e que se foda o comprador de inmóbeis ou o cliente do local de ocio aínda que morra.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...