Amosando publicacións coa etiqueta Feminismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Feminismo. Amosar todas as publicacións

07 febreiro 2023

Só SI é SI (aínda que non lles guste)

        A actualidade política do Estado nestas últimas semanas estase a centrar sobre a lei de liberdade sexual aprobada recentemente polo Goberno do Estado máis coñecida como “Lei do Si é Si) e a reforma que nestes días está a propoñer o PSOE da mesma. Proxecto de lei de reforma que o partido que dirixe Pedro Sánchez presentou no día de onte no Congreso dos Deputados.

        A teórica razón da presentación desta modificación de lei ven supostamente determinada pola “masiva rebaixa” de penas a persoas condenadas por exercer a violencia contra as mulleres derivadas da aplicación da chamada “Lei do Si é Si” que, dito sexa de paso e vistas as cifras achegadas por algún medio de comunicación, non é cantidade tan grande como a que a dereita política e a selva mediática apegada a ela pretenden facer ver.

Que foi o que motivou a cascada de rebaixas nas penas aos criminais machistas?.

        Evidentemente é triste que persoas condenadas pola violencia exercida contra as mulleres vexan rebaixadas as súas penas pola aplicación dunha lei que está claramente orientada a combater a violencia machista sexa cal sexa o ámbito no que esta se produza. A meirande parte das solicitudes de redución de pena por aplicación da “Lei do Si é Si” foron rexeitadas polos maxistrados e maxistradas que decidiron sobre a súa aplicación e hai territorios onde non foi reducida ningunha das penas impostas ao abeiro da antiga lei. Xa que logo, preguntámonos: Cales foron as motivacións que provocaron as rebaixas no trinta e pico por centro das condenas por crimes machistas? Puideron ser moitas e de diversa índole e non imos aquí a pronunciarnos sobor dunha ou doutra causa; polo menos, de momento.

        A día 3 de febreiro dos presentes podemos ver os datos das “masivas” reducións de condena e territorios nos que se producirón, segundo o publicado no programa Hoy por hoy da Cadena SER, PREMENDO AQUÍ (ou escoitar un resume en audio premendo esta LIGAZÓN).

As reducións das penas.

        A min resultoume curioso que as primeiras resolucións de redución de penas coñecidas e aireadas na prensa producíranse en instancias xudiciais da Comunidade de Madrid. Pero máis curioso me resultou que case simultaneamente, cando aínda case non era de dominio público a existencia de ditas resolucións, saltaran á palestra mediática recoñecidos personaxes da ultradereita do Partido Popular e coñecidos propagandistas xornalísticos da dereita e ultradereita cargando contra a “Lei do Si é Si” e, por suposto e coma non podía ser doutro xeito, contra a parte máis progresista do goberno central.

        De seguido, toda a dereita en tromba sae ao escenario afondando nunhas críticas á citada lei baseadas soamente na redución de penas, esquecendo todo o demais que de positivo contén a citada disposición. Desde Núñez Feijóo ate Abascal, pasando por García-Page e Lambán, toda a dereita e extrema dereita, todo o machismo central e periférico político e xornalístico (incluso aquelas que se parapetan na súa condición de muller para negar o seu real machismo), sae furibunda a criticar unha lei na que nunca creron e que sempre combateron.

        É o mesmo machismo, a mesma orientación política e os mesmos personaxes que se opoñen, claman e arman grandes escándalos acusando de pretensión de adoutrinamento cando desde instancias educativas oficiais ou nos propios centros educativos se pretenden introducir nos curriculos educativos dirixidos ás ensinanzas básicas e medias asuntos relativos á convivencia, á igualdade ou á educación sexual. Os mesmos suxeitos que non se opoñen, ou apoian, a segregación por sexo nas escolas ou o adoutrinamento relixioso nas escolas financiadas con fondos públicos.

        Do mesmo modo que a dereita antes citada, tamén comezan a saír en tromba, e comezan a coñecerse, resolucións de reducións de condena favorecedoras para criminais machistas pronunciadas por distintos xulgados en distintos territorios do Estado.

Que hai detrás do cuestionamento da “Lei do Sí é Sí”?

        Se deixamos de lado o cuestionamento derivado das posicións político-ideolóxicas e nos limitamos aos aspectos xurídicos da mesma, debemos fixarnos en dúas cousas: o número de condenas rebaixadas en relación ás penas impostas con amparo na antiga lei, así como nos territorios nos que esas condenas sufriron rebaixas, e nas posicións de xuristas de recoñecido prestixio sobre os efectos indesexados da lei.

        En relación co primeiro aspecto, deixo a elección da persoa lectora o traballo de facelo ou non (en base aos datos fornecidos máis arriba ou os que ela poida acadar de fontes solventes).

        En relación co segundo, dicir que numerosos xuristas de recoñecido prestixio no ámbito español e internacional (a modo de exemplo cito aos señores Martín-Pallín e Pérez Royo) manteñen que unha correcta aplicación da "Lei do Si é Si" non necesariamente ten que traducirse nunha redución de condena; é máis, suxiren que non tería por que producirse redución algunha. E teño que confesar, tamén, que entre xuristas de recoñecido prestixio non teño a ben considerar á actual Ministra de Xustiza; sobre todo despois de ter escoitado a entrevista que hoxe fíxolle Ángels Barceló no programa Hoy por Hoy da Cadena SER (cuxo audio podes escoitar nesta LIGAZÓN-1) onde ao meu modo de ver se mostra a pouca consistencia e as continuadas contradicións que a Ministra amosa -para desesperacións dos tertulianos posteriores, que non sabían por onde saír para salvala, dito sexa de paso-.

        Eu, persoalmente, teño que dicir que as rebaixas das penas primitivamente impostas foron realizadas conforme ás leis vixentes no Estado; que cada maxistrado, maxistrada, xuíza ou xuíz que estimou que reos de crimes machistas deberían ser beneficiarios de redución de penas actuou dentro da flexibilidade de interpretación que a lei lles permite na hora da súa aplicación, cos seus propios criterios e cos seus propios obxectivos, non necesariamente de apoio ás posicións da dereita fascista e da extrema dereita, nin no afán de actuar en clave de ideoloxía machista. Isto aínda que obxectivamente produciran ese efecto. Certo é, tamén, que a maioría das peticións de redución de condena foron rexeitadas e as penas non sufriron modificación algunha (como mantiñan os prestixiosos xuristas antes mencionados) e, polo tanto tampouco foron obxecto de publicidade pola ultradereita mediática nin pola utradereita dereita e o fascismo políticos (Partido Popular, Vox, Ciudadanos e personaxes vindos a menos que se resisten a desaparecer do panorama político).

Eleccións á vista.

        No día de onte o PSOE presentou no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para modificar a denominada “Lei do Si é Si”. Fundamentalmente, segundo din os propoñentes, a súa base está no aumento das penas dos criminais machistas. Mais a realidade parece ser outra: que o seu contido vai desvirtuar o tema do consentimento para volver á lei anterior e que supoñía un verdadeiro abuso xudicial ás vítimas de violencia de xénero nos seus diversos aspectos, como que ficou patente no xuízo da tristemente famosa manda do San Fermín e noutros outros moitos xuízos onde en lugar de xulgar aos agresores parecía que as xulgadas eran as vítimas.

        É significativa a fronte común formada polo PSOE co Partido Popular nestes aspectos contra o outro socio de goberno, e o anunciado apoio do segundo á modificación da “Lei do Si é Si”; e aínda máis significativa se temos en conta a proximidade de numerosos procesos electorais que dalgunha forma poden crebar a actual tendencia ao bipartidismo desexado polos mencionados partidos.

        Significativo tamén que moitos dos grupos e partidos políticos que serven de apoio ao actual goberno central se teñan manifestado xa contra a reforma que pretende o PSOE de modificar o consentimento matizando o mesmo e deixando aberta á interpretación xudicial a existencia ou non de violencia no abuso.

        No intre de escribir estas liñas descoñezo o texto literal da proposición de lei; só as palabras da Ministra de Xustiza, as de Patxi López, as da Ministra Portavoz e as críticas que desde Podemos, Esquerra Republicana e Bildu se refiren á proposición pesoera.

        Á parte da parte da precampaña electoral, eu non sei se amais o alimento desta polémica ven determinada pola necesidade de esconder as continuadas últimas “cagadas” do PSOE e do Goberno como son a baixada de pantalóns diante do réxime do sátrapa marroquino, a nova puñalada trapeira ao pobo sahariano e o incremento da supeditación dos intereses do Estado Español á soberanía dos USA e da OTAN no que respecta a inxusta e cruel guerra de Ucraína, a impresentable posición do PSOE diante da lei trans e, tamén, a súa posición ultraliberal cara á regulación da vivenda.

        Xa veremos, no caso de que a modificación de lei sexa aprobada, se volvemos a ver xuízas impresentables que pregunten á vítima de abusos sexuais se “pecharon ben as pernas” ou a xuíces que culpabilicen ás vítimas por saír á rúa pola noite ou levar "vestimenta provocativa” e cousas polo estilo ou que, incluso, manteñan que se notaba no video que a vítima de agresión disfrutaba.

        O que si é seguro é que a aprobación da mesma non vai supoñer que non poidan seguir dándose rebaixas de penas, porque os xa condenados con sentenza firme poden ser beneficiados por maxistrados, maxistradas, xuízas e xuíces que rebaixen as súas penas por crimes machistas en aplicación da “Lei do Si é Si” segundo a súa interpretación.

        E que só os condenados pola nova lei, se é que sae adiante, van ser condenados ou absoltos con base ás circunstancias, a interpretación da lei que fagan os xulgadores e as penas que nela se contemplen.


 

08 marzo 2021

8-M 2021: Todo o machismo e o fascismo unido contra as mulleres

        Non sei se antes de ir á concentración convocada para hoxe polo movemento feminista na localidade onde resido darame tempo a rematar este artigo. A miña intención é que non sexa moi longo, mais nunca se sabe como rematará a súa extensión.

             Normalmente adoito escribir estes artigos de apoio ás reivindicacións das mulleres con posterioridade ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para amosar a miña satisfacción por que cada ano sexa maior o número de mulleres (e moitas delas xoves) que se xuntan nas diversas mobilizacións convocadas nese día. Este ano decidín realizar un artigo con anterioridade ao remate das diversas celebracións convocadas no conxunto do país e do Estado. A razón: o ataque combinado contra as mulleres desde todas as frontes que queren manter ás mulleres na súa situación actual de supeditación ás necesidades de todo tipo que teñan os varóns, tanto as de tratalas coma obxecto de satisfacción das súas diversas necesidades, como a de tratalas coma man de obra barata de usar e tirar, como a de mantelas relegadas ás labores domesticas e de coidados das persoas que dentro das familias que os precisen, aínda a costa de ter que deixar a súa vida laboral e/ou social. ...E moitas outras cousas que posiblemente, e por esquecemento ou presa, fiquen no teclado.

                Falaba de ataque combinado dos elementos machistas da sociedade. Non, non estou a falar dos homes que non queren que as súas mulleres poidan ter unha independencia que lles permita ter e  exercer a súa propia personalidad como teñan a ben; tampouco estou a falar dos mafiosos e mafiosas que se dedican a traficar cos corpos das mulleres fundindo a estas na impotencia, na droga e no comercio de escravas; nin sequera falo daquelas familias ricas que teñen contratado os servizos domésticos de mulleres ás que nin sequera teñen dadas de alta na Seguridade Social e das que se desfán sen miramentos cando as cousas póñense feas. 

                    Cando falo de ataque combinado estoume a referir ás diversas institucións do Estado das que falarei nos seguintes parágrafos. 

                    Dos partidos políticos da dereita neofranquista (Partido Popular e adláteres) era de esperar, pois nunca estivo a defensa dos dereitos da muller entre as súas virtudes; mais ben sempre utilizaron á muller coma un elemento máis da súa estratexia electoral, pero como demostran as súas reiteradas posicións sobre o aborto, o divorcio, os matrimonios entre persoas do mesmo sexo, etc. non é unha bandeira do PP a defensa dos dereitos das mulleres. Dos partidos nazis ou fascistas (Vox entre eles) está máis que claro que os seus anceios son os de que as mulleres fiquen baixo o dominio dos homes, negando calquera dereito que a elas poidalle asistir por vontade propia; por negar, ata negan a existencia da violencia de xénero e opóñense a leis que traten a violación coma tal ou que penalicen as agresións consideradas coma de violencia de xénero; para o nazismo e o fascismo as mulleres son simples obxectos de disfrute, maltarato e de reproducción. Do PSOE o que se pode esperar é cada vez menos; estase a ver nas súas posicións coma goberno-partido, polo que me reservo o comentario para cando fale da actitude do goberno cara a este oito de marzo.

                    Actitudes totalmente impresentables son as que está a demostrar o PSOE e o Goberno do Estado, maioritariamente controlado por ese mesmo partido. Este partido leva, desde o seu primeiro acceso ao goberno por Pedro Sánchez, escudándose nas máis diversas excusas para non derrogar aqueles bodrios lexislativos antosociais herdados do derradeiro goberno de Rodríguez Zapatero e do Partido Popular (Reformas das Pensións, Reformas Laborais, Seguridade Social do emprego no fogar, leis de conciliación, Lei Mordaza, artigos netamente fascistas e antidemocráticos do Código Penal, etc.) que fan máis dificil a vida e afondan a discriminación das mulleres e que contribúen a manter o actual estatus de inferioridade na que esta sociedade machista quere manter ás mulleres. A presenza no goberno de Sánchez (e hasta no sei se dicir que, tamén, a propia presencia de Pedro Sánchez)  de servidores e servidoras que priorizan as necesidades dos grandes capitalistas sobre as necesidades da maioría da poboación ten moito que ver con incumprimento do seu propio programa electoral sobre estes aspectos e do programa de goberno feito público pola actual coalición gobernamental entre PSOE e Unidas Podemos. A excusa? a que está de moda nestes tempos: a pandemia. Excusa que, por resposta recibida por min desde Moncloa no hai máis de seis meses diante dunha crítica por non derrogar a Lei Mordaza e o Código Penal fascista, xa leva vixente máis dun ano.

                    Neste últimos tempos estábamos a ver os equilibrismos practicados polo PSOE, Carmen Calvo e "representantes de feministas" afíns ao PSOE sobre o proxecto de Lei Transxénero que mosqueaban bastante, incluso a unha muller psoe-pesoe como Laura Antonelli. Pero con motivo deste 8-M as cousas de por onde vai o actual PSOE fican bastante claras e indican que volve, e con forza, o felipismo dereitoso e antisocial. A excusa actual, a de sempre desde hai un ano: a pandemia. 

                    O señor Franco, delegado do goberno en Madrid, nun alarde de fascismo extremo decide prohibir as manifestacións do 8-M en Madrid. Para elo escúdase en que poden darse grandes concentracións; e para "demostralo" usa como referencia pública da súa decisión un mapa a pequena escala de Madrid, con puntos circulares a escala super-sobredimensionada que parecían mostrar que casi todos eses puntos de celebración das actividades feministas estaban moi xuntos, o cal non é certo. Este tipo de manipulación gráfica, con escalas sesgadas, é moi común entre os instrumentos mediáticos da dereita para demostrar o indemostrable e apoiar políticas que non teñen nin pes nin cabeza (son moi comúns cando nos falan de demografía e pensións, por exemplo). E o PSOE se apunta ao carro desde o goberno cun delegado seu. Pero, tamén, cun apoio decidido desde a propia Presidencia do Goberno. Impresentables e fascistas ese tipo de actitudes.

                Pero esa suspensión dun dereito democrático básico de expresión, utilizado polas organizacións feministas para esixir unha igualdade real de dereitos, parece que non ten o mesmo valor que outras que reclaman discriminacións, que negan a saúde pública e a ciencia, que reclaman xenocidios e discriminacións, que se permiten incluso sen ter sido comunicadas e que agolpan multitudes que non teñen nin a mínima precaución anti-pandémica. Falo das recentes manifestacións falangistas nas que se emitiron (como era previsto) consignas antisemitas, das manifestacións dos "caetanos" en pleno confinamento para esixir que lles deixaran ir xogar ao golf (eles que son acérrimos inimigos das liberdades, pedían liberdade), das multiples manifestacións fascistas habidas en Madrid, ou das colas sen precaucións nin orden diante das igrexas. A todas estas actitudes ao señor Franco só lles falta poñerlles unha alfombra vermella. Pero para ese señor, como o eran para o outro Franco, as mulleres deben ser un perigo.

                        Pero a cousa non fica aquí. Resulta que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid tamén se alinea coas teses antifeministas e da a razón a Franco na suspensión dos dereitos civiles e democráticos básicos das mulleres. Cousa nada extraña vindo dun aparato xudicial onde hai persoas que non ven delicto de violación no feito de que una manda de varóns violen recurrentemente a mulleres, ou onde sustitúan o termo violación por malos tratos, ou que incluso xustifiquen a actitude dos agresores machistas en base á vestimenta da víctima ou da hora na que ten sucedido a agresión machista. Ou de fiscais que en lugar de acusadores dos violadores parezan acusadores da violada. Parece que o feminismo de Madrid ten recorrido a resolución deste tribunal superior ao Tribunal Constitucional, e que este nestes intres está en proceso de ditar resolución. Non sei o que ditarán, mais non teño ningunha confianza na vontade democrática e acorde coa vixente constitución deste tribunal, polo que nada me extrañaría que lle dera a razón ao Delegado do Goberno en Madrid. Téñase en conta que un dos últimos fallos deste tribunal foi o de dar por boa unha sentencia que condenaba a un sindicalista ferrolá por queimar unha bandeira monárquica española, sentencia que con seguridade vai ser declarada nula polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, como outras moitas emitidas por tribunais españois. E téñase en conta, tamen, que o Tribunal Constitucional, como todos os tribunais españois, está conformado por xuices, xuizas e maxistrados procedentes maiormente de familias acomodadas e con boas relacións co franquismo; e moitas dos altos tribunais e órganos da xudicatura nomeadas por conveniencia política dos partidos gobernantes en cada momento. E que a maioría dos xuices, maxistrados e fiscais españois que teñen afiliación asociativa pertencen a organizacióms conservadoras ou ultraconservadoras, sobre todo os dos altos tribunais e órganos xudiciais, sendo moi poucos os que se decantan por asociacións que reivindican avances lexislativos e de prácticas xudiciais máis acordes con sistemas democráticos.

        Por último, amosar a miña solidadiedade coa loita das mulleres a prol dos seus dereitos e amosar o meu máis fondo desprecio por aquelas persoas que pretenden negalos incluso a costa de transgredir os dereitos básicos de calquera sistema democrático: expresión, manifestación e asociación.

29 xaneiro 2021

O fascismo madrileño contra a liberdade das mulleres


           Aconteceu en Madrid. A xunta de distrito do barrio madrileño de Ciudad Lineal, a iniciativa de membros de Vox, partido de ideoloxía nazi-fascista, decidiu borrar un mural homenaxe ás mulleres realizado coa colaboración cidadanía-artistas na parede dun polideportivo sito nesa barrio. 

            O citado mural era unha homenaxe á muller; nel estaban representadas mulleres de profesións, países e ideoloxías variopintas cuxas actividades tiveron coma resultado avances no recoñecemento da muller coma suxeito activo e creador. Este recoñecemento ao labor das persoas alí retratadas traduciuse socialmente en avances na consideración social das mulleres e nunha dimunución da infravaloración que a sociedade machista ten de vello cara ao sexo feminino. Mulleres tan significativas para o avance social, a liberdade, a cultura, a non discriminación racial, a ciencia,... como Angela Davis, Rigoberta Menchú, Nina Simone, Frida Kalho, Rosa Parks e outras moitas mulleres.

            Só pode entenderse a decisión de borrar o citado mural polo odio que aos propositores de semellante gilipolléz teñen pola emancipación das mulleres, de que estas deixen de ser consideradas unicamente como obxectos e o racismo e xenofobia que destilan contra a poboación que ten a pel de cor distinta ao branco (moitas das mulleres representadas a teñen). Son os mesmos que se manifestan contra os migrantes subsaharianos, ou contra os que profesan relixións de culto islámico (que non son os mesmos que falsifican o islamismo para exercer a violencia contra quen non pensa coma eles e impoñer as súas costumes -igual que outros falsifican o cristianismo para defender os seus privilexios e os da clase social coa que se xuntan-), os que estenden falsidades sobre a pandemia, os que promoven manifestacións contra os migrantes que chegan a terra española en condicións fisicas e mentais deplorables, despois de inxentes esforzos e sacrificios, pensando en chegar a unha Europa ideal que non existe.

                Pero non son só eses indecentes, tamén hai outros que lle dan polo pau e que son os que teñen a potestade de borrar ou non unha obra de arte dos espazos públicos. Son aqueles que se xuntaron cos de Vox para poder acadar postos de gobernación en Madrid (concello e comunidade autónoma); son os neofranquistas do Partido Popular dirixidos por unha señora que non se molesta en esconder para nada a súa ideoloxía de extrema dereita e un señor cativo e con gafas pertencente a unha seita relixiosa ultraconservadora católica. Os mesmos que atentan contra a memoria histórica e mandan destruír ou retirar recordatorios ás víctimas dos asasinatos franquistas, dos asasinatos dos fascismo que eles sen disimulo defenden. Claro que se eses dous personaxes e os dos seus gobernos son o máis representativo que o Partido Popular ten en Madrid, como serán os demais... Certo é que a historia política de acoso do Partido Popular á muller e á liberdade sexual é coñecida: oposición inicial ao divorcio, oposición inicial ao aborto e recortes posteriores á lei, oposición ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo,... Iso si, non sei o aborto, pero foron membros dese partido dos primeiros en usar tanto a lei do divorcio como a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Non só fachas, tamén hipócritas.

                Outros son os membros de Ciudadanos que co-gobernan co PP tanto na C.A. madrileña coma no concello de Madrid, coas mesmas responsabilidades e actitudes indcentes na defensa das mulleres e das víctimas do franquismo. O Aguado e a Villacís. Que personaxes! Ao primeiro da pena escoitalo falar; un día di unha cousa e ao día seguinte a contraria para cambiar o discurso un pouco máis tarde e volver dicir o contrario pouco tempo despois; é un home incrible. A señora Villacís, á parte das cuestións de estar social (coma se é "pija" ou non), coido que ten unha importante contradición: quer actuar coma unha persoa de ideoloxía demócrata, pero a pouco que se descoida a súa lingua traicióaa e sáelle a súa vea ideolóxica de dereita rancia. Eu supoño que estes "descoloques" son un rasgo común á maioría dos membros dese partido; e coido que ven determinado porque moitos dos que se meteron aí o fixeron porque non foron quen de trepar nas estruturas do Partido Popular ou do PSOE; e claro, pasa o que pasa; non se aclaran. Mais, seguen a ser a alianza preferida de Pedro Sánchez para gobernar; así que no desesperen que ao mellor e cunha pouca de sorte pillan cacho.

                A reacción dos veciños, diante de semellante agresión ao seu barrio de Ciudad Lineal e ás mulleres, plantáronse e dixéronlle ao Concello dirixido polo do Opus que non ían permitir que borraran o mural. Os xornais internacionais fixéronse eco, tamén, de semellante despropósito fascista, machista e xenófobo. Resultado: a Villacís e os seus recolleron velas e, de rebote, aos neofranquistas do Partido Popular non lles quedou máis remedio que facer o mesmo. Polo tanto O MURAL DE HOMENAXE Á MULLER QUÉDASE. E aos nazi-fascistas, que lles dean.

             

04 marzo 2019

Vivan as mulleres!



Por que “vivan”? Vexamos: a) Vivan: terceira persoa do plural presente de subxuntivo do verbo vivir; b) Vivan: Exaltación de alegría, de entusiasmo, referido a máis dun suxeito ou obxecto.
Podería interpretarse que, dada a situación pola que nos últimos tempos están a pasar as mulleres por mor da violencia machista, como a primeira acepción das sinaladas. Non é que eu non desexe a vida para as mulleres, que non é así (como tampouco lle desexo a morte a ningún ser humano); pero, neste caso, non é así; senón que é unha expresión de alegría dirixida ao colectivo de mulleres polo seu firme propósito de liberarse das cadeas coa que a ideoloxía patriarcal pretende mantelas escravizadas e amordazadas.

Unhas cadeas patriarcais que, despois do éxito mundial da folga de mulleres do oito de marzo do pasado ano, os ideólogos do patriarcado e as súas expresións políticas están a tratar de manter firmes e ben firmes. Se ben o ano pasado partidos coma o Partido Popular ou Ciudadanos, defensores a morte dos principios básicos da sociedade patriarcal, non se puxeron frontalmente en contra a mobilización feminista, incluso falando do tema coma se fora unha “ocorrencia simpática”, este ano o seu discurso xa ten trocado de lugar e ten un denominador común: a condena da folga en si mesma, como corresponde ás expresións políticas dos intereses dos grandes empresarios e dos banqueiros, e unha defensa do papel que tradicionalmente as sociedades machistas atribúen ás mulleres, de subordinadas aos intereses e aos desexos dos varóns e, por ende e sobre todo, do mercado. 

Pero non son unicamente o Partido Popular e Ciudadanos os que están a amosar as súas facianas máis machistas e patriarcais. A estes temos que lles xuntar os partidos nazi-fascistas coma Vox cuxa concepción da muller vai moito máis alá das funcións que lles atribúen as distintas relixións monoteístas (que, dito sexa de paso e sen pararme máis, queren que as mulleres permanezan ancoradas na súa situación de escravas domésticas e de reprodutoras de nenos e nenas, sen dereito a decidir sobre a súa vida e o seu corpo). Estes nazi-fascistas, de forma indirecta, sen especificar claramente (por se as leis) e coas súas retro-reivindicacións explícitas, inclúen entre o papel que atribúen ás mulleres o de vítimas dos malos tratos machistas, o papel de obxecto de desfrute sexual en beneficio exclusivo dos varóns e a negación do dereito a manifestar as propias orientacións sexuais. Ben, na realidade, temos que aseverar que estes neonazis non só son machistas empedernidos contra a muller en todos os seus peores aspectos, senón que son homófobos declarados (aínda que moitos deles e delas na súa privacidade manteñan hábitos incompatíbeis con aquelo que predican, como corresponde ao fascismo dito sexa de paso) e inimigos de todo aquilo que poida suxerir LGTBI, incluíndo a posibilidade de que persoas do mesmo sexo poidan, se así o queren, institucionalizar legalmente a súa situación de parella mediante o matrimonio ou a súa inclusión nos rexistros civís coma parella de feito; e non falemos xa da posibilidade de adoitar ...porque aí si que saltarían chispas.
 

Onte, tres de marzo, mentres milleiros de mulleres e homes so botaban á rúa convocadas polas organizacións feministas (na Galiza por Galegas8M, en Lugo, baixo o lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista”) para rebelarse contra a súa opresión, coma un primeiro paso para a esperemos exitosa folga do próximo 8 de marzo, os tres partidos da dereita extrema en diferentes graos (Partido Popular, Ciudadanos e Vox) participaban en diferentes actos amosando un compoñente declaradamente machista.

Os voceiros de Vox nunha manifestación promovida por asociacións de cazadores e organizacións diversas para protestar polas limitacións á caza impulsadas desde a Xunta de Castela e León (curiosamente do PP). Alí estaban os de Vox baixo a escusa da defensa da “cultura española” de torturar animais en prazas de touros e en cacerías diversas, coma a do zorro na Galiza apoiada pola Xunta de Feijóo, sen control e sen obxectivos que vaian máis alá do pracer a costa do sufrimento dos animais. Nese acto participaban os defensores do gran negocio de armas e disfraces vinculados á caza, así como cidadáns pertencentes a vilas e pobos cun nivel cultural achegado ao terceiromundismo, cidadáns vítimas entre outras cousas da falta de interese dos gobernantes pola potenciación dun ensino de calidade, crítico, ecolóxico, non machista e ligado á cultura e non á incultura do asasinato de animais indefensos.

Noutro lado, coido que na Coruña e para os de La Coru, estaba Pablo Casado y de las JONS cun discurso netamente machista e patriarcal ao referirse á problemática da muller e ao seu papel e funcións na sociedade. Un discurso na liña do máis obtuso dos últimos anos da Sección Femenina da Falange e que parecía sacada daqueles libros deformadores do bacharelato do franquismo correspondentes á materia fascista e obrigatoria para os varóns (as mulleres cursaban a materia de Fogar) que rulaba baixo a nome de Formación del Espíritu Nacional dirixida a ensinar como manter, entre outras moitas cousas nefastas, á muller nunha situación de inferioridade, subordinación, obediencia cega e obxecto de desfrute en favor dos varóns. Iso si, Pablo Casado (y de las JONS) ía convenientemente arroupado pola candidata do PP á alcaldía da Coruña e polo actual presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, que por suposto aplaudiron as súas intervencións.

En relación a Ciudadanos unha “inspirada” Inés Arrimadas glosando un novo termo para referirse ao mantemento da situación de subordinación da muller: o do “feminismo liberal”. Parece que isto consiste en regular a prostitución e en legalizar os ventres de alugueiro. É dicir, falando en prata, legalizar os malos tratos ás mulleres vítimas do comercio sexual, o tráfico e os traficantes de persoas e o labor dos seus proxenetas. Por outra parte, legalizar o comercio do corpo da muller como criadora de fillos alleos no seu ventre, sen responsabilidade para os compradores e a potenciación das mafias que se dedican a montar nos países terceiromundistas granxas onde en lugar de pitas poñedoras, teñen mulleres criadoras de bebés alleos. É dicir, estes elementos do “feminismo liberal” predican manter a situación das mulleres coma obxectos, sobre todo das mulleres con menos recursos que son, como amosan diferentes estudos de ONGs, as principais vítimas do tráfico de persoas e da utilización mercantil das mulleres coma obxecto.

Así que si. Que vivan as mulleres e que a folga do 8M sexa masiva

          (E que os explotadores e os seus cómplices de calquera caste rematen na cadea).

12 xaneiro 2018

Os piropos. Flirteo ou machismo?



A verdade é que non tiña pensado escribir sobre este tema, pero esta mañá unha das primeiras novas que deron pola radio foi a descrición dun rosario de agresións machistas  (unha axeitada verba, “rosario”, para falar de machismo) acontecidas nas derradeiras horas ao longo e ancho da xeografía do Estado Español. E outra das novas, citada esta última case no remate do informativo, facía referencia a ese grupo de mulleres francesas que ergueron a súa voz para defender e definir como “flirteo” o que neste entorno ibérico coñecemos como “piropo”; termo que tantas controversias e bóchegas levanta na nosa sociedade e arredor do cal, agás entre os elementos máis reaccionarios e toureiros, hai un consenso sobre cualificar o piropo coma unha agresión machista e a súa defensa coma unha actitude da mesma caste. É esta identificación flirteo-piropo a que me motiva a poñer estas liñas.

Mais..., que é un piropo? O dicionario da Real Academia Galega, na acepción que aquí nos interesa, defíneo coma “Palabra ou dito amable con que se gaba a alguén coa intención de agradarlle”. E a Real Academia Española de la Lengua defíneo coma “Dicho breve con que se pondera alguna cualidad de alguien, especialmente la belleza de una mujer”. A primeira acepción citada non fai referencia a ningunha característica de xénero; a segunda, sen ambaxes nin encomendas, centra os seus tiros no obxectivo ou diana principal do piropo: a muller.  Se prescindimos da perspectiva de xénero (e aínda que eu non son lingüista) podemos falar, simplemente, de louvanza ou de loa, no primeiro caso, e de alabanza ou loa, no segundo. É dicir, que a verba “piropo”, por regra xeral, si que é utilizada cunha connotación sexista, dirixida cara a unha muller; non se “gaba a alguén” nin se “pondera alguna cualidad de alguien”; fálase dunha muller. E como sabemos, pola experiencia da nosa vida de rúa, baixo a cualificación de “piropo” se inclúen verdadeiros insultos e barbaridades dirixidas sempre ás mulleres. 

E o certo é que si, que hai frases, moitas consideradas piropos, que ditas de persoa a persoa supoñen loas e ninguén, coido, as consideraría coma unha agresión se son ditas na intimidade da amizade ou da parella. Podemos considerar esas frases coma cursis, ou atrevidas, como brutas ou, incluso, coma insultantes; pero son ditas na intimidade, nun ámbito recatado; de ti a ti. O receptor da mesma pode sorrir, poñerse encarnado, responder con outra frase ou violentarse coa persoa que a emite. Pero a cousa fica na intimidade de dúas persoas. Cando esas frases son agradables, incluso insinuantes ou atrevidas, ou de louvanza, dependendo da situación concreta na que sexan ditas, podemos intuír supoñer que a persoa que as di está a flirtear con aquela á que as frases van dirixidas. 

Mais os piropos non adoitan ser emitidos na intimidade de dúas persoas, senón que adoitan ser declaracións públicas, normalmente en voz de berro e emitidas por varóns, sobre outra persoa que pasa preto do alcance da súa voz, normalmente muller, realizado con ánimos variados; desde expresar a súa admiración por algunha característica física ata facer que se sinta incómoda ou humillada. Ou simplemente para facerse o “chuli-boy” ou o galiño diante dos seus amigos ou compañeiros de xolda ou traballo. Con frecuencia, o piropo fai referencia ás características físicas da muller piropeada, ben para remarcar ou ben para denigrar aspectos relevantes do seu físico. É dicir, da muller considerada coma obxecto. 

Imaxinade que ides pola rúa tranquilamente e desde a beirarrúa alguén diríxese a vós, berrando, soltándovos un “Non me gustan os doces, pero contigo fago unha excepción, boliño!” ; ou algo tan hortera como “Se o ser guapa fora castigado coa cadea, o teu sería unha cadea perpetua”; e xa non digamos se a cousa vai do estilo de humillante (“Moza, mira o guapa que ti es e o moito que o fodes cando falas!”) ou de facer proposicións sexuais encubertas (“Nena, se lle faltan bolas ao teu árbore, xa sabes onde vir buscalas!”). Pois isto é o que lle ocorre a moitas mulleres que pasean tranquilamente polas rúas. Xa que logo, podemos dicir que os piropos son compendios de agresións machistas orais e públicas dirixidas, normalmente, contra mulleres con ánimo de intimidalas ou denigralas.

Que hai mulleres que tamén piropean aos homes? Pois si, hainas. Pero cantos casos? Amais, as poucas veces que isto ocorre sole ser cando van varias mulleres en manda e soltan barbaridades orais cara a un varón, normalmente para facelo sentir incómodo; mais, aínda que se dan, como dixen, son escasas estas situacións. Tamén hai varóns que en manda, dirixen frases esperpénticas a mulleres ou grupos de mulleres con ánimos moi variados. Pero isto nada ten que ver co piropo; este é cousa de un (normalmente varón) para outra (normalmente muller), non de grupo.

O flirteo é outra cousa; é unha cousa íntima e entre dúas persoas.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...