O próximo 15 de xaneiro, un criminal fascista tomará posesión do cargo de Presidente dos Estados Unidos de América (EUA). Donald Trump, condenado recentemente como acosador-violador por un tribunal de xustiza do seu país vai ser nomeado máximo dirixente dos EUA.
Era coñecido que aínda que fora condenado a penas de cadea el mesmo ía auto-indultarse, como parece tamén que pensa indultar a todas as persoas condenadas pola súa participación de hai catro anos no intento de golpe de Estado co asalto ao Capitolio, inspirado –segundo todos os indicios, pero aínda non xulgado - polo propio Donald Trump, que como se pode supoñer vai decaer; sobre todo tendo en conta que no seu pasado mandato ocupouse de que o Tribunal Supremo dos EUA fora “tomado” por xente racista, ultraconservadora e fascista.
Utilización do público en beneficio propio.
É ben coñecida a utilización que no pasado mandato Trump fixo dos recursos públicos da Casa Branca para favorecer os seus propios intereses privados e os do seu clan (o mesmo que podemos dicir de Biden ao respecto do seu fillo e os intereses petrolíferos deste na Ucraína). Coma exemplo, Trump, nos seus retiros e vacacións, en vez de ir ao clásico Camp David residencia de vacacións dos presidentes dos EUA con todo o persoal e medidas de seguridade xa instaladas, íase aos seus hoteis de Florida con todo o seu séquito de seguridade e con todo o demais necesario para garantir a estancia no lugar; iso, loxicamente, supoñía non so un gasto extra para o erario público ianqui senón que amais supoñía un inmenso negocio para o propio Donald Trump. E coma este casos e casos durante os catro anos do seu mandato. A mágoa é que fora substituído por outra persoa que, nese aspecto, non era moi diferente del.
Non podemos esperar que neste mandato que vai comezar a cousa sexa diferente. De feito, por declaracións dun xenro do delincuente, hai indicios que indican xa intentos de intervención na Faixa de Gaza para convertela nun destino turístico, negocio no que son especialistas os Trump, igual que o avó de Donald era un especialista na trata de brancas e un proxeneta.
O equipo de Trump
O equipo escollido por Trump non é menos que o propio elemento que os escolleu. Un equipo formado por xente ultraconservadora, negacionista do cambio climático e/ou das vacinas; por persoas ligadas aos fondos de investimento e grandes accionistas de empresas de comunicación e xornalísticas; ex-militares fascistas que apoian o xenocidio palestino que está a cometer Israel (liguémolo tamén cos intereses turísticos de Trump en Gaza); xentes sobre as que pesan acusacións de abusos sexuais; xentes creacionistas que negan a evolución e que pretenden impoñer as súas ideas nos establecementos educativos; persoas que negan o dereito de igualdade das persoas por raza, sexo ou orientación afectiva; que negan os dereitos das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo e vida; nazis declarados, xentalla que non dubida en matar persoas ou natureza co fin de beneficiarse persoalmente; ... en fin toda unha serie de elementos indesexables en calquera sociedade debe rexeitar e meter na cadea (pulsando a ligazón, podemos coñecer os primeiros membros nomeados directamente e que non necesitan aprobación das cámaras; os restantes que pretenden nomear son iguais ou peores). Outra ligazón dun medio diferente:
https://www.univision.com/especiales/noticias/infografias/2024/gabinete-trump-rubio-musk-kennedy/ .
Fálase moito de todo o gabinete, pero en especial de Elon Musk; un home que está aí para favorecer os seus negocios. Un racista surafricano sen escrúpulos con residencia nos EUA, un nazi declarado que amosou o seu apoio ao partido herdeiro das ideas de Hitler, Alternativa para Alemaña (AfD), nas próximas eleccións dese país; un suxeito que financia a campaña do fascista e brexista Farage no Reino Unido; un suxeito que necesita elementos materiais para a fabricación das baterías dos seus coches TESLA e que non ten principio algún na forma de conseguilos alí onde estean; un suxeito que está a influír e financiar o partido da fascista Meloni en Italia.
É evidente que o único que busca este home, o máis rico do mundo, é beneficiarse para o seu lucro persoal da súa pertenza ao gabinete Trump.
As intencións iniciais de Trump
Polo seu anterior mandato, sabemos que Donald Trump é un incondicional defensor do exterminio palestino a mans dos nazi-sionistas israelís. Un aliado firme do Estado de Israel que non dubidaría nunha intervención directa no Oriente Medio para favorecer dúas cousas: primeiro, os seus propios negocios nesa área; e segundo: os intereses estratéxicos dos EUA na zona (tamén ligados ao éxito dos seus negocios).
O tema de Ucraína é preocupante. Di Trump que vai rematar coa guerra entre Rusia e Ucraína; como o vai facer non se sabe, pero co animal que é e cos personaxes cos que se rodeou é capáz de facer calquera barbaridade. E a Unión Europea nin “mú”. Fala da OTAN, fala de gastar máis en armamento por parte de Europa (evidentemente para favorecer á industria armamentística), como se non nos pasaramos xa gastando e descoidando outras necesidades para mercar xoguetiños de morte. E o holandés errante, calado coma un peto; “sí, bwana!” (pero en inglés).
Agora fala tamén de apropiarse de Groenlandia, polas boas ou polas malas, e de Canadá. E de trocar as denominacións xeográficas ao seu gusto.
Pulsando nesta ligazón, podemos ver un breve resumo das intencións xa declaradas do criminal Donald Trump.
Mass media, redes sociais e Trump.
Os “paladíns da liberdade e veracidade da información”, así coma os que desde os seus negocios cinematográficos empezaban a considerar a sociedade coma algo plural, formada por persoas con ideas, comportamentos e orientacións diferentes e maiormente respectables (agás as fascistas, xenófobas e machistas) están a “adaptarse” aos novos tempos, poñendo o negocio por diante dos dereitos humanos e capitulando ante o trumpismo fascista.
Así temos ás redes de Mark Zuckerberg (Facebook e Instagram) que elimina o control de publicacións de desinformación das súas redes para favorecer as publicacións fascistas e ultraconservadoras que se valen de mentiras e da desinformación para favorecer os seus intereses.
A rede X (antes Twitter) propiedade de Elon Musk, unha das principais difusoras de propaganda nazí, sioninista e fascista. Rede na que se censura e se suprimen contas que critiquen ao seu propietario ou aos seus protexidos (ou simplemente se bloquea a publicación dos seus posts para que non saian máis aló da propia conta).
O WashingtonPost, o xornal máis grande e antigo de Washington, na actualidade é propiedade dun holding de empresas propiedade de Jeff Bezzos (propietario, tamén, de Amazon) con intereses na exploración de viaxes inter-espaciais para millonarios. Durante a campaña presidencial americana prohibiu aos responsables do xornal pronunciarse contra Trump, a sabendas de que o Washington Post sempre foi un xornal de tradición demócrata e antifascista.
Outra das empresas que se rendeu diante da barbarie é Disney. De entrada xa suspendeu e censurou unha serie animada, WinLose, na que se amosaba a tolerancia transxénero; e suprimiu un capítulo da serie Marvel Moon Girl y Dinosaurio Diabólico. Aparte, de facer millonarias doazóns a fundacións ligadas a Donald Trump; supoñemos que para non perder ou lograr favores da nova administración ultradereitista dos EUA.
... E o que che rondarei, morena.
O que nos ven enriba.
Co panorama de armas mortíferas en poder desa banda de xentalla indesexable; cos seus ánimos agresivos, guerreiros, e expansionistas; con cartos para mercar a todo canto civil e militar corrupto anda polo mundo; etc. nada bo podemos esperar para a humanidade, nin desde o punto de vista climático nin desde o punto de vista do respecto da paz e dos dereitos humanos. Mais se temos en conta que hai un duelo expansionista entre o fascismo de orixe norteamericano, liderado por Trump, e o fascismo procedente de Rusia, liderado por Putin, e ambos servindo aos intereses propios e das súas oligarquías, a cousa aínda desmellora.
E China (un país que noutros tempos foi colectivista e promotor da igualdade social e agora unha ditadura capitalista ao servizo dunha casta burocrática) observándoo todo e esperando sacar tallada.
E a Unión Europea? Pois nada, aquí na “vella Europa” a maioría dos dirixentes políticos da dereita cada vez máis próximos ás filosofías e aos movementos nazi-fascistas, dándolle máis cancha a eses criminais en potencia e supeditando as liberdades democráticas e os dereitos humanos aos intereses que realmente representan. E os socialdemócratas no seu papel cotiá: dicir pero non facer, adaptarse e tentar sobrevivir (ata que vaian por eles, coma fixo Hitler nos anos 30). E ambos, cun claro perfil de supeditacións aos intereses dos EUA na rexión e no mundo.
