Antes de que alguén se poña a atribuírme etiquetas dicir que me caen tan mal os Estados Unidos como Rusia. E, por suposto, son contrario á existencia desa estrutura militar, inzada de xeneralotes fascistas de distintos países (incluídos españois)(1), da que España forma parte e da que nunca debeu formar parte ou da que hai tempo debeu de saír vistas as accións contrarias ao dereito internacional e ás directrices das Nacións Unidas practicadas pola citada estrutura militar; para exemplos a invasión de Kosovo, con entrega do seu goberno ás mafias albano-kosovares, o bombardeo del Belgrado no tempo do conflito da antiga Iugoslavia ou a intervención da OTAN en Libia e a entrega do seu goberno a mafias tribais que superan con moito os horrores practicados no pasado por Gadafi. Iso sen esquecer, as ilegais invasións de Iraq, Kuwait por parte do estado delincuente que realmente decide na OTAN. Ah! E non me gustan nada as armas nin os armados; eu disolvería os exércitos e mandaría a todos os xenerais a arar os grandes latifundios hoxe dedicados á caza para facelos produtivos.
Por moito que as novas que masivamente, e de forma case “copiada”, distribúen a maioría dos xornais da Península Ibérica (sexa o medio que as distribúe en papel, dixital, radiado ou televisado) nos poñan a Rusia como a mala da película, e aos Estados Unido e á OTAN como os heroes que tentan salvar á unha pretendidamente vilipendiada Ucraína, eu non me creo nada. Teño moi claro que o que maioritariamente escoitamos e lemos son parte das novas distribuídas polas axencias internacionais de información vinculadas co poder político real dos Estados Unidos y medios de distribución das campañas orquestadas nos despachos da Casa Blanca, da Secretaría de Estado USA, a Axencia Central de Intelixencia (CIA) e a Axencia Nacional de Seguridade (NSA).
Haberá outras axencias que distribúen información contraria, onde os malos serán os USA e a OTAN e Rusia a salvadora da vilipendiada Ucraína. Estas novas serán xeradas nos aparellos de propaganda do Kremlin e polas súas axencias similares á CIA e á NSA.
O que si teño claro é que tanto a OTAN, coma os Estados Unidos, coma Rusia (e os seus altofalantes mediáticos) menten descaradamente. Que hai intereses estratéxicos, políticos ou económicos, ou todos de vez, que condicionan tanto a propaganda como as actitudes de cada unha das partes. E que é a poboación ucraína a que fai de pelota de ping-pong en todo este embrollo.
As "lindezas" históricas dos Estados Unidos, da OTAN e de Rusia.
Porque, que imos esperar dun país, os Estados Unidos, que brandindo a bandeira da defensa da democracia se permite o luxo de intervir naqueles países que non se pregan aos seus desexos e ordes? Dende hai moitísimos anos os USA poñen e quitan gobernos en distintos países de Latinoamérica, apoian e participan cos seus asasinos da CIA en cruentos golpes militares que provocan milleiros de asasinatos e desaparicións neses países e colocan nos gobernos a ditadores sanguinarios ou a narcotraficantes (Chile, Arxentina, Brasil, Honduras, Bolivia, Colombia, Panamá de Noriega,...) ou os invaden cos seus exércitos, coma fixeron no estado soberano da illa de Granada no ano 1983 para derrocar a un goberno lexitimamente escollido polos granadinos; e fixérono simplemente por tentar de facer políticas que non casaban cos desexos da política exterior dos EE.UU. Ou intentos coma o da invasión de Cuba baixo a presidencia de John Kennedy.
Xa mencionamos antes o caso iraquí, mais tampouco podemos esquecernos de Afganistán onde ficou claro que o que realmente importaba aos ianquis non era o benestar e a liberdade da poboación afgana, senón a defensa dos intereses económicos e estratéxicos dos Estados Unidos, xa que cando iso ficou garantido deixaron aos cidadáns dese país a mercede daqueles que inicialmente dicían ían combater; nas mans daqueles aos que adestraron, armaron e incluso os integraron nas filas da CIA (Bin Laden é un deles e que lle saíu ra) para tentar desaloxar a unha antiga URSS que tiña intereses económicos e estratéxicos en Afganistán; aínda que hai que recoñecer que non eran tan brutos coma os americanos e aliados da OTAN en xeral, e que durante o dominio ruso houbo unha modernización real no país afgano, modernización botada abaixo polos talibáns apoiados por USA e OTAN, situación mantida posteriormente cando os exércitos da OTAN volveron tomar control do país e ata hoxe xa nas mans dos integristas e talibáns.
Tampouco se pode esquecer un de que estados onde se conculcan dunha forma salvaxe os máis elementais dereitos democráticos e, sobre todo, os dereitos das mulleres, estados gobernados por xeques e sultáns sátrapas e sanguinarios (Arabia Saudita, Omán, Qatar, ...) son decididamente protexidos e apoiados polos que continuamente se proclaman como defensores das liberdades e liberadores doutros estados, cando o que realmente son é criminais que queren lograr os seus obxectivos a calquera prezo e por calquera método. E para iso, os Estados Unidos, válense dos seus servizos secretos, do seu exército e da OTAN. O que queren é acadar o fin, o medio sérvelle calquera. Ética non a teñen.
Tampouco nada podemos esperar de Rusia. Non hai máis que ver o que fan cos dereitos democráticos da súa poboación. E o que fan en moitas das súas antigas repúblicas, moitas de nome impronunciable e outras moitas que descoñezo, para mantelas baixo a súa influencia económica e militar: gobernos títeres, colocacións de ditadores sanguinarios, abastecemento de armamento para que poidan reprimir á poboación, intervención dos seus servizos secretos,... É dicir, o mesmo que fan os USA alí onde non queren bailar ao son que eles pretenden. Sobre todo naquelas socialmente menos desenvolvidas, o que non é o caso de Ucraína.
O circo militar e o circo mediático: un escenario cheo de pallasos nada divertidos
Logo, non nos creamos todo o que nos contan sobre o que está a acontecer en Ucraína. A maioría son mentiras, sobre todo o que se refire á potencial invasión do país por Rusia. O propio Ministro de Defensa de Ucraína e o Secretario do Consello Nacional de Seguridade ucraíno desmenten á OTAN e din que non ven motivos para dicir que Rusia planea invadir o país; claro que isto non se publica na maioría dos xornais, nin se oe nas emisoras de radio ou de televisión do Estado Español. Non vai na onda dos intereses que defenden as empresas editoras.
Como veredes non falo da Unión Europea, ese organismo criado ás ordes de Washington, nin do seu impresentable responsable da política exterior, o señor Borrel. Os únicos que ata este momento mantiveron publicamente unha posición non subordinada aos intereses dos Estados Unidos foron Francia, Holanda e o silencio alemán. O resto, incluíndo o Estado Español, na súa posición cotiá: “servidores del señor”.
Das declaracións da flamante Ministra de Defensa de España mellor, por precaución, non falo xa que as gordas verbas que se merece semellante suxeita poderían supoñerme serios problemas se me despacho a gusto (e non falo de insultos, por suposto). Déixoas á súa imaxinación.
De Sánchez e do Ministro de Exteriores, mellor esquecerse. E da dereita declarada... Menuda banda de inútiles e aspirantes a lambecús!.
Para rematar, deixo unhas ligazóns de artigos que non saen na prensa “ben pensante”. Procurei non coller ningún que procedera de personaxes aliñados, gobernantes ou ex-gobernantes de países axudados ou da órbita de Rusia. Por suposto non hai ningunha referida a medios alineados coa burguesía internacional, xa que eses podedes lelos ou escoitalos en El País, La Voz de Galicia, Cadena SER, La Vanguardia, La Sexta, Antena3, etc., etc.... Hai moitos máis pero, aí van estes:
https://vientosur.info/otan-si-otan-no-dejad-que-decida-el-pueblo-ucraniano/
https://contrainformacion.es/lo-que-los-medios-tergiversan-sobre-los-tambores-de-guerra-en-ucrania/
https://www.nosdiario.gal/articulo/internacional/kiev-n/20220125092318136243.html
https://blogs.publico.es/dominiopublico/42714/el-polvorin-neonazi-en-ucrania/
https://blogs.publico.es/puntoyseguido/7610/la-yugoslavizacion-de-ucrania-aun-puede-esperar/
https://blogs.publico.es/espejos-extranos/2022/01/24/europa-y-la-guerra-de-ucrania/
https://blogs.publico.es/cronicas-insumisas/2022/01/25/la-guerra-de-ucrania/
https://www.eldiario.es/politica/rusia-otan-viejo-motivo-division-izquierda-espanola_129_8682913.html
Notas.-
1.- Se nos fixamos nos poucos xenerais españois que estiveron na estrutura da OTAN e que agora están xubilados, veremos que a meirande non só amosan respecto polo ditador xeneral Franco senón que parte deles forman parte ou sitúanse na órbita de Vox ou forman parte dese partido fascista.