Este artigo, que inicialmente ía constar dunha única parte, imos dividilo en dúas. A primeira vaise centrar no RD-L 9/24 rexeitado a pasada semana no Parlamento Español. A segunda parte, versará sobre a frecuente utilización tanto por parte do PSOE coma polo Partido Popular desta figura para colar de forma sibilina disposicións discutibles ou impopulares entre toda unha selva de medidas.
Primeira parte:
O REXEITAMENTO PARLAMENTARIO DO R.D-L 9/24
A pasada semana o Parlamento Español rexeitou a validación do Real decreto-lei 9/24, de 23 de decembro polo cal se dispoñían toda unha serie de medidas de diferente natureza. A modo de exemplo, citarei algunhas: suba das pensións para o ano 2025, gratuidade ou cofinanciamento dos transportes públicos de viaxeiros utilizados por unha maioría de clase obreira para desprazarse cara aos seus traballos, salario mínimo interprofesional (SMI), procedemento de expulsión no caso de ocupacións de vivenda cotiá ou segunda vivenda, suspensión de lanzamento da vivenda para fogares vulnerables sen alternativa habitacional, establecemento de impostos complementarios a grupos multinacionais ou nacionais de gran magnitude, axudas para particulares e empresas afectados pola DINA no Pais Valençiá e pola actividade volcánica na Illa da Palma, axudas para compra de coches eléctricos e instalacións de puntos de carga, axudas para axeitar vivendas para menor consumo enerxético, etc. (quen desexe coñecer a totalidade do RD-L que PULSE NESTA LIGAZÓN).
Foron os votos de Partido Popular (PP), VOX e Junts per Catalunya (JpCat), que votaron en contra do validamento os que deixaron en suspenso todas as medidas contidas na citada disposición. Coa particularidade de que, por ser un decreto-lei, moitas delas xa estaban a ser aplicadas desde o inicio de ano. A modo de exemplo cito a suba dos importes das pensións, a gratuidade do transporte de viaxeiros, o libramento de parte das axudas para os danos da DINA de Valencia ou axudas aos afectados polo volcán da Illa de Palma. Os efectos: que os pensionistas no mes de febreiro van volver cobrar o mesmo que en decembro do 2024, que os beneficiarios do transporte urbano e interurbano afectados van ter que pagar os seus billetes ao prezo que fixen as empresas, que as axudas para paliar os desastres meteorolóxicos van quedar canceladas.
Que razóns puideron levar a PP,Vox e Junts a rexeitalo?
Queda tamén en suspenso o imposto extraordinario sobre os beneficios das empresas enerxéticas e as afectadas polo Artigo 10 do real decreto-lei mencionado, entre elas as grandes empresas enerxéticas e a banca. E, por moito que o disimulen, é este o motivo (salvar ás enerxéticas e á banca do imposto) polo cal a dereita reaccionaria e nazi-fascista agrupada no Partido Popular, Junts per Catalunya ou Vox votou en contra de validar o citado decreto-lei coa escusa de que non estean en paquetes lexislativos separados as diferentes medidas; que non votarían en contra da suba das pensións e do transporte público, e (como imbéciles e sen vergoña que son) mentindo descaradamente atribuíndo ao decreto-lei medidas que para nada están nel contempladas. Observaremos aquí que a maior parte das medidas contempladas na disposición son de orde social, favorables –incluso a maioría das fiscais- ao conxunto da poboación ou ás pequenas e medianas empresas. Polo cal, podemos cualificar as escusas do PP e de JpCat coma iso: escusas propias de mintireiros sen escrúpulos e de vasalos dos poderes económicos.
Observaremos aquí, tamén, que Vox ten declarado que aínda que foran en paquetes separados votarían en contra tanto da actualización das pensións coma do financiamento das viaxes no transporte público. Parece que o criminal e fascista arxentino Javier Milei senta cátedra entre o lixo voxsariano.
Ah! E o que din os sabelo-todo presentes nas ondas e nas columnas dos xornais de que “imposible un goberno PP-Vox-Junts porque estes dous últimos son incompatíbeis entre si” coido que non se corresponde coa realidade. Os tres están dirixidos por xentes que teñen máis que demostrada a súa falta de principios éticos e de honestidade [polo menos] política, que o único que lles interesa e servir os intereses persoais e os daqueles aos que serven na política. E estes son feles crentes no dito de “quen paga, manda”.
Deberían ser obxecto de tratamento lexislativo separado algunhas das medidas contidas neste real Decreto-Lei?
Eu, persoalmente penso que si; moitas das medidas contempladas nas disposicións transitorias e nas disposicións adicionais (e incluso no articulado) poderían ser obxecto en se mesmas de tratamento lexislativo diferenciado. Con isto non quero dicir que sexan medidas rexeitables e que a súa presencia no texto do que falamos implique que deba ser rexeitado. A meirande parte do decreto fai referencia a aspectos de marcado carácter favorecedor das maiorías sociais máis vulnerábeis e cun tratamento positivo, favorable á súa defensa diante das agresións de todo tipo por parte do gran capital. Tamén fai referencia a eses beneficios extraordinarios que banca e multinacionais enerxéticas teñen derivados das crisis nas que resultaron altamente favorecidas (e a banca mimada polo Estado que asumiu ás súas perdas na última crise con cargo ao conxunto da cidadanía por obra e graza do goberno de M.Rajoy coa colaboración do PSOE). E foi isto último o que levou ao seu rexeitamento (coa colaboración desa referencia ao SMI que tanto lle doe ao grande empresariado).
Pero todo este balbordo ten que ter algo positivo.
É claro que o Goberno Español ten a obriga de buscar a forma de corrixir este despropósito parlamentario (e se non o fai, imos ser moitos –sobre todo as persoas xubiladas- os que imos esixirllo na rúa), polo que, se non é a mellor situación a actual, é corrixible e aplicables nun curto prazo as medidas contempladas no decreto-lei.
E o positivo é que as declaracións daqueles que puxeron por diante o seu interese político e o económico das minorías que os sustentan, votando en contra dos intereses dunha maioría da cidadanía e dos intereses dos economicamente máis desfavorecidos, brindáronnos a ocasión de coñecer mellor varias cousas arredor dos que rexeitaron a iniciativa.
De Junts per Catalunya quedaron máis que claras as cousas que moitos xa sabiamos: que é un clásico partido de dereitas, sen principios e sen ética; que a súa adscrición nacionalista se basea na defensa dos intereses da burguesía catalá e que non dubida en lexislar contra as clases populares para servir a aqueles aos que lles rende submisión (aí temos a súa privatización da sanidade e atención á dependencia durante os períodos os que gobernou Catalunya, ben coma Junts, ben coma Converxencia i Unió ou os seus pretéritos apoios a gobernos do Partido Popular).
Do Partido Popular algo que tamén sabiamos: a capacidade de mentir descaradamente, e sen poñerse colorados, que teñen Núñez Feijóo e Cuca Gamarra. Do Alberto Núñez xatemos falado abondo neste blogue e xa ten falado moita outra xente galega que coñece ben os seus costumes e as súas mañas rastreras. De Cuca Gamarra, basta con dicir que de man dereita e voceira do Partido Popular baixo o mando do denigrado e vilipendiado Pablo Casado, pasou a voceira do mesmo partido baixo o mando do seu sucesor Núñez Feijóo, despois de que Casado fora pouco menos que queimado e abandonado cal can por case todos os membros do seu equipo de dirección.
E de Miguel Tellado, deputado do Partido Popular (escudeiro –e posiblemente algo máis- de Núñez Feijóo), un novo paso na súa transición cara á dereita; esta vez aliándose co nazismo e volvendo a darlle a razón ao franquismo pola súa crítica de devolver ao PNV un edificio sito en París que foi incautado polos nazis e regalado ao réxime franquista e que actualmente está ocupado polo Instituto Cervantes, medida contemplada na Disposición Adicional Segunda do real decreto-lei do que falamos. Outra posibilidade, sen descartar para nada que Tellado sexa defensor do franquismo, é a súa infra-cultura ou incapacidade para buscar información amosada por un suxeito que estando na Universidade pretendía ser líder dentro do movemento estudantil. Pasou pola Universidade ou a Universidade pasoulle por riba?, que preguntaría o meu amigo e colega Felipe.
Post Scriptum (28-01-2025)
Entre as razóns que antes teño atribuído a JxCat de rexeitamento do RD-L 9/24 dicia que era o imposto extraordinario sobre os beneficios da banca e das enerxéticas quen determinara a súa oposición. Pois parece que non é so iso. En novas aparecidas onte nos xornais dixitais cóntannos que tamén as moratorias anti-desafiuzamentos (para as persoas máis vulnerábeis, lembremos) fan dano aos mandados da burguesía catalá que quer converter Barcelona e Catalunya nun parque temático de vivendas turísticas a costa de facer imposible a adquisición ou alugueiro de vivenda por parte da clase traballadora e a pequena burguesía, así como facer fronte ás subas do prezo dos alugueiros coa conseguinte desafiuzamento ou lanzamento para que fondos voitre ou grandes tenedores de vivenda a convertan en turística. O dito máis arriba: "quen paga, manda".
Por suposto que o Partido Popular coincide con toda esta folosofía que aduce JxCat. Ambos son servidores da oligarquía española e catalá; e, polo tanto, comparten intereses.