Amosando publicacións coa etiqueta Apagamento eléctrico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Apagamento eléctrico. Amosar todas as publicacións

30 abril 2025

FOISE A LUZ. VOLVERÁ A CLARIDADE?

 

            Antonte foise a luz. Eran preto das 12:30 horas do mediodía e, de súpeto, quedo sen luz na casa. Non era o regulador de potencia; tampouco diferencial algún dos que regulan o tráfico eléctrico pola casa. Era todo o edificio; e tamén os da contorna.

O primeiro que se me pasou pola cabeza foi protestar á empresa á que lle merco a enerxía e que forma parte do oligopolio eléctrico, sabedor de que nos últimos tempos en toda a área xeográfica local na que desenvolvo a miña vida temos cortes de corrente cada dous por tres (unha veces micro-cortes, outras veces máis largos dependendo das parroquias ou lugares onde acontezan). E así o fixen mediante o WhatsApp. Sabedor, por outra experiencia anterior, de que te remiten á empresa que lles subministra a eles a enerxía xa me cubrín indicándolle que eu a quen lle mercaba e pagaba a enerxía era a eles e que, polo tanto, eran eles os que me tiñan que resolver o problema. Pregunteille polo tempo de tardanza e se o asunto era debido, como os cortes precedentes, á falla dun mantemento adecuado das liñas de distribución. Durante un bo rato, e pola mensaxería instantánea (que ía sendo cada vez menos instantánea) estiven a pelexarme co robot que me atendía, chamándolle de todo a el máis aos seus propietarios porque nin me resolvía as dúbidas, nin me falaban no idioma no que eu lle transmitín as preguntas. Ao final acabei dirixíndome, ao través do robot, aos donos do mesmo dicíndolle que se deixaran de tanto robot e que contrataran persoas, “que xa estaba ben! Carallo”!

Eran Portugal e o Estado Español

Que va! Non era só a miña contorna a que non tiña luz. Eran todo o Estado Español e Portugal, segundo contou a miña compañeira ao chegares á casa polo que se falaba pola rúa. Neste caso, aquelo de “menos mal que nos queda Portugal” xa non valía.

Pouco a pouco foise caendo todo: internet deixou de funcionar, tamén cos “datos”; as emisoras de radio vía internet, só algunha... E o transistor sen baterías! E o teléfono móbil, ata aquel momento único medio de comunicación e información do que dispoñía, case no límite da carga de batería.

Xantamos frías as lentellas que tiñamos feito. Frías, xa que tendo todo eléctrico non puidemos quentalas (teño que cambiar a bombona do fornelo de cámping, por se volve facer falla).

A radio está sen pilas e hai que cargar o móbil. Isto último, ao non haber corrente eléctrica, só podo facelo desde o chisqueiro do coche; así que, como teño combustible bastante, vou ir cara a unha poboación próxima a mercar pilas e, de paso, cargo a batería do móbil.

Así o fixen. Chego a destino e o establecemento no que tiña pensado mercar as pilas non estaba en funcionamento, que non podían cobrar porque as rexistradoras non funcionaban. Toda maquinaria e TPVs eléctricos. Seica que pola tarde tamén pecharon todos os supermercados, aínda que algún parece ser que obrigou ao seu persoal a cumprir todo o seu horario de traballo no interior (non teño contrastada esta información, senón poría o nome do establecemento que cometeu tal ilegalidade). Así que funme cara a un “chino”, onde despois de agardar unha numerosa cola de xente (que mercaba tal cantidade de pilas, transistores, candeas, lanternas, etc., que parecía que se ía rematar o mundo) por fin puiden mercar pilas para o meu radio transistor. Por suposto que nada de pagar con tarxeta; os terminais de cobro electrónico non funcionan sen electricidade.

Xa podo estar informado de como vai a cousa

Volvendo cara á casa, pola radio do coche me informo de que en zonas de Euskadi e de Andalucía xa empeza a haber enerxía eléctrica e que a estimación de que volva a todo o Estado é de entre seis e 24 horas desde o comezo.

Tamén me informo pola radio do coche que aqueles establecementos de alimentación que permanecen abertos van tendo esgotados a auga, o pan e o pan de molde, (outra vez) o papel hixiénico,...  Informan de que moitos compradores levan montóns de paquetes de pan de molde e auga, mentres que outros, por estar esgotados, teñen que saír sen estes produtos. Leo no día de onte no xornal “Público” que en Madrid houbo pelexas por subirse a un autobús. Solidariedade española e comportamento exemplar, que dicían as emisoras onte.

Chegando á casa coloco ás pilas e poño a radio, xa con media carga de batería do móbil. E sigo a informarme do que estaba acontecendo, das perspectivas oficiais, do descoñecemento das causas e dos bulos que xa empezan a circular polas redes (a maioría procedentes de terraplanistas e de xentalla fascista, como Alvise ou Abascal e outros polo estilo, que pretenden aproveitarse da situación para lucrarse dos cordeiros sen cerebro que os seguen).

Xa na casa, case tres horas máis tarde recibo unha mensaxe (afortunadamente posto por unha persoa e non polo puto robot) da miña subministradora desculpándose pola tardanza e desviando a responsabilidade do apagamento á Red Eléctrica Española.

Incomunicados e nas súas mans

Xa as antenas de distribución do sinal da telefonía móbil e da internet deben estar a quedar sen enerxía. Xa todo o cibernético falla. Estamos totalmente incomunicados co exterior; só podemos recibir información radiofónica por radio-transistores, pero non comunicarnos por iniciativa propia agás, di a lectura do móbil, con emerxencias. Ata os teléfonos fixos, que maioritariamente funcionan ao través de IP e que precisan dun router enganchado á rede eléctrica para funcionar. Isto antes non pasaba; cos teléfonos analóxicos ou rebentaba a central telefónica ou por moita electricidade que faltara podiamos recorrer a eles para falar coa familia ou con quen quixeramos. Na actualidade estamos totalmente a mercede dos mercaderes  que xestionan o que debería xestionar a administración pública; nas mans dos oligopolios de todo tipo. E iso é algo contra o que nos temos que rebelar, que temos que cambiar dunha forma ou doutra. Non podemos deixar o futuro da humanidade nas mans da oligarquía.

Que está a ocorrer?

Polas comparecencias feitas polo Presidente do Goberno e a forma que tiñan as súas expresións cando manifestaba o descoñecemento do goberno das causas que propiciaron o apagamento, puiden intuír (acostumado a “ler entre liñas” durante os moitos anos de ditadura franquista que tiven que sufrir) que a causa, aínda que grave polos seus efectos, non era debida a “un ataque ruso” ou a un “ataque de hackers”, que eran dúas das hipóteses que circulaban polas emisoras radiofónicas nos primeiros momentos da crise, sobre todo a segunda.

Os imbéciles que se resisten a crer, ou que o negan, por intereses económicos e/ou políticos, a existencia do cambio climático, a pesares de que todas as evidencias científicas que o avalan, aventuran que é polo “exceso de enerxía” (din eles) procedente de fontes renovables no achegamento de enerxía ás redes onde reside a orixe do problema.

O papahostias de Núñez Feijóo lucíndose, coma sempre que abre a boca. Fala de que o que se necesita son centrais nucleares para que isto non ocorra. Dio un home que foi á Universidade; claro que pasar por ela non debeu pasar; máis ben a Universidade debeu pasarlle por riba (como diría o meu amigo Felipe). A súa incultura provoca arrepíos con só pensar que ese suxeito pode chegar a ser presidente do goberno estatal. Como é posible que ese home non saiba que as centrais nucleares precisan grandes cantidades de enerxía eléctrica para poder refrixerar de forma continuada os seus reactores? E que esa cantidade de enerxía élle subministrada, na actualidade, desde outras fontes de xeración de enerxía máis limpa, menos contaminante e menos perigosa? A súa posición colócao no mesmo campo que os negacionistas do cambio climático (e o mesmo podemos dicir de xentes coma Ayuso ou Tellado coas súas estupideces superlativas sobre o tema, pero desta xente non se pode esperar máis, coma do seu xefe de filas teórico). Afortunadamente hai moi poucas centrais nucleares en funcionamento no Estado Español porque se así non fora poderiamos estar diante dun problema monumental. De feito unha das primeiras cousas que se fixo a medida que se ía recuperando o subministro eléctrico na Península foi o de desviar grandes cantidades de enerxía cara ás nucleares para que se arrefriaran os seus reactores; e foi esta unha das causas de que a cidadanía de a pe de certas áreas xeográficas do Estado Español tardara tanto en poder dispoñer de enerxía eléctrica.

A xefa de Red Eléctrica Española (REE) nega a responsabilidade da empresa no corte do subministro; o Goberno insinúa que as responsabilidades poden vir por aí e polo oligopolio eléctrico, pero que “non se descarta ningunha outra opción” mentres non se determinen con exactitude as causas da caída da subministración eléctrica; o goberno de Portugal descarta calquera tipo de ataque cibernético e pon o seu punto de mira en España (é dicir, en REE); Francia nega que a orixe do corte sexa da enerxía que desde ese país se exporta cara á Península Ibérica; un xuíz da Audiencia Nacional abre unha investigación para determinar se houbo un ataque de “terrorismo informático”.

Outra das intervencións “afortunadas” foi a de José Mª Aznar (e tamén a de Feijóo no mesmo senso) no aquelarre do PP Europeo que tivo lugar hoxe en Valencia (onde, por certo, a señora Van de Leyen fotografouse con Mazón; parece como se esa señora tivera debilidade por saír nas fotos con sinistros personaxes ou con criminais de guerra como Netanyahu). Pero ao que iamos: Aznar criticou ao goberno español por non saber xestionar unha crise, acusandóo de ocultar a verdade á cidadanía. Vos lembrades da xestión dos atentados do 11-M en Madrid nos que ese suxeito e os seus ministros do Partido Popular estiveron mentindo reiteradamente á poboación sobre a autoría dos atentados? E da xestión da crise do Prestige? Ou as mentiras do seu goberno sobre o accidente do Yakolev no que pereceron moitos militares españois que estiveran destinados en Afganistán? E da brillante xestión feita pola Generalitat Valenciá nas mans do PP, presidida por Mazón, da DINA (depresión illada en niveis altos) da que agora se cumpren seis meses?

E con isto non quero salvar ao goberno PSOE-SUMAR das súas posibles responsabilidades no evento. Non tanto por actuacións mal feitas como por falla de vixilancia do estado das redes de distribución eléctrica, tanto as dependentes de REE como as dependentes das operadoras privadas.   

Daqueles pos, estes lodos

Fora o que fora, o caso é que a día de hoxe non sabemos nada sobre as causas do apagamento. Pero o que si sabemos é que hai responsables; que iso non debería ter pasado e que ninguén previu que puidera pasar. Non sabemos, sequera se o saben e o están tapando porque poden estar en xogo intereses de xente moi poderosa. Veremos como segue a suposta investigación.

O que si hai que deixar patente é que por disposición legal do primeiro goberno español presidido por Aznar o servizo de distribución de enerxía eléctrica deixou de ser considerado servizo estratéxico e controlado polo Estado para pasar a ser, unicamente, servizo esencial susceptible de estar nas mans privadas. Foi o inicio da “liberalización” do sector enerxético español no que os organismos e empresas estatais do sector perderon o seu carácter de beneficios ao país e foron postos nas mans privadas para a xeneración de lucro privado; privatizouse a Rede Electrica Española, agora parte de Redeia, empresa participada nun 20% pola SEPI e na que teñen participacións significativas Amancio Ortega e o fondo voitre Blackrock Inc. Esta privatización do sector eléctrico foi continuada durante a presidencia de Rodríguez Zapatero coa venda da Empresa Nacional de Electricidad, S.A. (ENDESA) hoxe nas mans de ENEL (empresa pública italiana de electricidade).

 Como pasou cos ferrocarrís ingleses privatizados por Thacher, tamén no sistema eléctrico español deixouse da facer un mantemento adecuado das redes de distribución de enerxía para priorizar os beneficios empresariais sobre a utilidade e bo estado dun servizo esencial para o conxunto do país, cousa que se empezou a notar hai poucos anos cos cortes e microcortes de enerxía eléctrica de carácter local, como os acontecidos no lugar no que eu resido.

Tendo todo isto en conta, eu estou convencido de que o apagamento eléctrico sufrido en todo o Estado Español e Portugal veu determinado pola falla dun mantemento adecuado da rede de distribución de enerxía. Que a situación da distribución de enerxía eléctrica no Estado Español é un sistema velenoso para a cidadanía; que non pode estar un servizo esencial para a vida nas mans dun oligopolio como é o eléctrico. E que ten que volver a ter carácter de servizo estratéxico e estar nas mans do Estado. De igual forma hai que proceder coas telecomunicacións.

Curiosidades da Galiza.

É indignante e curioso que mentres que o no noso país produce máis enerxía eléctrica da que consumimos fora Galiza dos últimos en recibir enerxía eléctrica. Agás a cidade de Ourense, o resto da Galiza foi das últimas áreas xeográficas do Estado en dispoñer de enerxía eléctrica. Ás 11:00 horas de onte aínda había núcleos de poboación na provincia de Pontevedra que non dispoñían de electricidade. E as zonas afortunadas puideron iluminar os seus fogares e as súas rúas a partires das 5:00 horas da mañá.

Cacho cabreo pilleime eu sobre as dez e media ou once da noite do luns 28 cando escoito na radio que en Galapagar e en Las Rozas (concellos de Madrid onde reside a “xente guapa”) xa dispoñían de electricidade mentres nós estabamos a escuras. E non é por envexa, senón porque non é xusto que unha rexión que non produce nin o 0,75 por cento da enerxía eléctrica que consume dispoña da mesma antes que unha nación que produce máis corrente eléctrica da que consume (e, por riba, de fontes renovábeis); e unha nación que por riba ten que tivo que aturar que remataran cos seus ríos e coas súas zonas agrícolas máis ricas e que na actualidade pretenden sementala aínda con máis muíños de vento dos que xa ten a costa das súas augas subterráneas, das súas aldeas e dos seus montes comunais.

Outra das cousas curiosas é a renuncia da Xunta de Galiza, presidida por Ruada e dominada polo Partido Popular, a xestionar a crise no noso territorio, poñendo nas mans do Estado central a xestión da mesma. E digo curioso porque o señor Rueda e os seus secuaces non fan máis que queixarse de que o Goberno non lles deixa facer nada, que todo o torpedean. Claro que o único que o Partido Popular demanda é aquilo que lle permite manexar os cartos ao seu antollo ou facer concesións a quen eles estimen oportuno (Altri, costas, minería contaminante, acuicultura,...). Mira que devolver cartos que ían destinados a reforzar a educación pública! Se puideran facer con eles o que quixeran non os devolverían, daríanllos ás escolas e colexios privados, seguramente.

De todas formas, e sendo práctico, visto o ocorrido coa catástrofe do Prestige, e tendo en conta que cando hai avisos meteorolóxicos de previsións de temporais fortes ou nevadas abundantes son tan incompetentes que delegan nas mans das direccións das escolas e institutos a toma de medidas, mellor non deixar nas súas mans as situacións de crise ou emerxencia. Se foran outros quen gobernaran sería distinto.

        Pero o de Rueda é patético. Pasou de agradecer ao goberno a súa colaboración e a súa eficacia na xestión da crise a mercar o discurso de Tellado e de Feijóo para criticar ao goberno central. Eu vivo na Galiza, pero se o fixera noutra parte do Estado ou do mundo, cada vez que estes personaxes abren a boca, sentiría vergoña allea.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...