Amosando publicacións coa etiqueta Estado do benestar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estado do benestar. Amosar todas as publicacións

03 xullo 2019

“De entrada, NON”. Ou o que é o mesmo : o PSOE non é de fiar. (e II)


Este é unha continuidade do artigo xa publicado co mesmo título neste mesmo foro (pulsar aquí para velo). Nesta segunda parte achegareime a algúns dos temas (os que considero máis significativos) que posibilitaron que un PSOE cada vez máis felipista (que non sanchista, por moito que digan)  puidera ter sacado para adiante a moción de censura e que posibilitaron a súa vitoria nas eleccións xerais e algún outro de propina. Non porque eu pense que vai cumprir o insinuado na sesión de censura ou na campaña electoral, senón porque promesas sobre estes temas e o pacto asinado con Podemos (e incumprido en numerosos e importantes aspectos) con posterioridade á moción de censura posibilitou  a súa maioría electoral nas eleccións xerais ao crear unha falsa esperanza de trocos reais de caracter socioeconómico nalgúns dos temas que abranguen ao conxunto do territorio do estado (pensións, mercado de traballo e abusos patronais, salario mínimo, alugueiros de vivenda, abusos bancarios, educación, liberdade de expresión e democráticas en xeral, sanidade pública, crecentes desigualdades socioeconómicas,...)

 En concreto: 1º.- inicialmente falaremos de leis con promesa inicial de ser derrogadas: a) A lei mordaza; b) Das últimas modificacións de corte fascista realizadas no Código Penal polo goberno de Mariano Rajoy; c) Da reforma laboral do Partido Popular; d) Da reforma das pensións; e e) Da derrogación da LOMCE. e 2º.- Falaremos sobre a necesidade modificar ao través de lexislación da problemática da vivenda e sobre a necesidade de acometer reformas lexislativas en aras a reducir as desigualdades sociais, acrecentadas en progresión xeométrica entre a última lexislatura de Rguez. Zapatero e a actualidade, e na procura de unha mellor e máis xusta redistribución da renda. Falaremos, tamén, e dunha forma breve da necesidade de cambios na xestión da sanidade pública e das prestacións médico farmacéuticas. 

Non faremos referencia aos necesarios cambios na política de nomeamento de cargos militares ou policiais nin á necesidade de evitar o acceso a gradacións e cargos de responsabilidade a persoas cuxa crenza na democracia sexa nula ou dubidosa, como se ten demostrado coa presenza de ex altos mandos nas listas de Vox ou asinando manifestos contra a exhumación do ditador Franco ou da existencia desa chamada “policía patriótica” composta por delincuentes con carné de policía; nin por suposto na necesidade de investir menos en armamento cando existen necesidades de supervivencia das persoas, que son moito máis perentorias que participar nas aventuras sanguentas lideradas polos Estados Unidos contra a soberanía dos pobos; ou aos intentos de branquear a natureza militar (e, polo tanto, belicosa) do exército creando unidades permanentes de asistencia en incendios forestais ou humanitaria, como a Unidad Militar de Emergencias (UME), labores que deberían ter unha conformación permanente de natureza civil, tanto na súa estrutura como na súa dirección; e deixar ese tipo de intervencións do exército (como tal e sen esconder a súa natureza militar) para casos puntuais aos que non poidan chegar as organizacións civís.

E as referencias o serán só cara a aqueles aspectos que na conformación actual do Estado poden afectar a o conxunto do territorio estatal, sen pararme en asuntos competenciais ou de dereitos das comunidades autónomas ou das nacionalidades que conforman o conxunto do Estado Español; e son consciente de que moitos dos cambios necesarios precisan dunha reforma constitucional que, no caso de que alguén os leve a bo termo, os blinde diante das máis que probadas agresións da dereita liberal aos dereitos sociais da cidadanía

Tampouco me referirei nesta entrada aos necesarios cambios na política territorial e dos necesarios cambios na configuración da xefatura do Estado para a súa elección por sufraxio universal.

Imos aló.

1.    Derrogación da Lei Mordaza

    Unha lei, a chamada “lei mordaza”, que atenta tanto na súa filosofía como na súa aplicación contra os principios básicos de calquera democracia que se prece de ser tal. A derrogación desta lei é un dos aspectos políticos máis reclamados desde todos os ámbitos comprometidos coa causa das liberdades democráticas (Amnistía Internacional, organizacións ecoloxistas como Ecoloxistas en Acción ou Green Peace, sindicatos, xornalistas, profesionais da escena e do cine, músicos,...); amais, este foi un dos temas estrela do programa da moción de censura e da campaña electoral das forzas contraias ao trifachito, PSOE incluído. Esta lei aprobada cos votos da dereita franquista (Partido Popular) e os seus aliados amais de ser unha figura lexislativa discordante con calquera rexime democrático está totalmente fora de lugar no ámbito da Unión Europea á que pertence o Estado Español. 

     É unha lei que permite todo tipo de arbitrariedades practicadas contra a cidadanía desde as instancias do poder político e das policías urbanas e rurais (isto tense demostrado demostrado na práctica, cando interveñen e sentencian os tribunais de xustiza despois dun economicamente custoso recurso de cidadáns vítimas dos abusos ao amparo da citada lei). Unha lei claramente feita para reprimir e parar as protestas públicas realizadas por persoas asalariadas e cidadanía en xeral contra as agresións e abusos empresariais  e gobernamentais.

   E o señor Sánchez, facendo ouvidos xordos de tódalas instancias cidadáns realmente democráticas,  di que só hai que trocar algúns artigos, ou que non tiñan asegurada unha maioría para derrogala, ou calquera outra escusa coa que pretenda xustificar que está polo labor de manter o esencial dunha lei que está ao servizo dos poderes económicos para frear as protestas cidadáns contra a desigualdade e contra da inxustiza deste réxime económico e político que oprime á inmensa maioría da poboación en favor dunha minoría moi exigua que compón o que xenericamente recibe o nome de oligarquía financeira (banqueiros e grandes empresarios).

2.    Derrogación das últimas modificacións do Código Penal propiciadas pola maioría extremista de dereitas do Partido Popular
    
    Código Penal que permite inxustamente ás instancias xudiciais máis reaccionarias e fascistas resolver penas de prisión contra rapeiros ou artistas por dicir cousas que aos poderes públicos de tendencia pro-franquista e antidemocrática non lles gustan; ou que permite que persoas partícipes en piquetes informativos sindicais sexan condenados a penas de cadea coa soa declaración de policías ou gardas civís, aínda que haxa múltiples testemuñas presenciais que neguen os feitos que os atestados policiais impútanlles. 
    
     Ao abeiro desta lei danse casos como os dos monicrequeiros ocorrido en Madrid, que foron enviados á cadea por un xuíz con historia debido a un relato construído pola extrema dereita, fora de toda verdade e sacado do total contexto no que se desenvolvía unha obra teatral de monicreques. Así o caso do cantante de Def con Dos ou do rapeiro Valtonic, fuxido en Bélxica, e cuxa extradición foi solicitada pola xustiza española e negada pola xustiza belga por considerar que os xuíces españois estaban perseguindo a alguén por expresar as súas opinións. Ou os dos sindicalistas Carlos e Serafín, de Vigo, condenados inxustamente a penas de cadea por exercer de piquetes informativos coa soa proba duns atestados policiais desmentidos por testemuñas que si eran fiables. E así moitos outros casos ocorridos en distintos lugares da xeografía estatal. E o señor Sánchez “non sabe, non contesta”; nin na súa breve estancia na Presidencia, nin durante a campaña electoral empeñóuse no tema. Está claro de parte de quen está o PSOE felipista e de parte de quen non está, é dicir, fundamentalmente está da parte daqueles cuxos intereses primaron para promulgar a lei  e que deron lugar a que os seus mandados políticos a lexislaran (os da emisión das preferentes, os dos desafiuzamentos, os defensores dos banqueiros desde outras instancias, os corruptos e corruptas, etc.)

3.    Derrogación das reformas laborais más regresivas dos últimos tempos: a última de Rodríguez Zapatero e a de Mariano Rajoy.  

    Estas foron determinantes para que o mercado de traballo se convertera nun expendedor de contratos lixo, xerador de temporalidade e inseguridade no traballo, de invalidación dos acordos acadados previamente entre empresarios e traballadores nos convenios colectivos... En definitiva, reformas que converteron ao mercado laboral nun campo aboado para a ultraexplotación dos traballadores e traballadoras por parte de empresas e administracións públicas xestionadas por explotadores senvergonzas. Reformas que están a provocar situacións de total desamparo dos asalariados por parte dunhas leis laborais que potencian e permiten os abusos da patronal

     Pero non só na vida activa dos asalariados, senón que o sistema de cotizacións derivado das reformas de Rajoy e Zapatero  inflúe negativamente no sistema público de pensións e nas reservas da Seguridade Social para acometer o pagamento das mesmas (non é a demografía como tentan de facernos crer) ao rebaixar á mínima expresión a recadación da Seguridade Social; por unha banda, debido aos salarios de miseria que os empresarios están a pagar amparándose nesa reforma laboral e, por outra, utilizando a prexubilación ou o despedimento dos traballadores con maior antigüidade e substituílos por outros máis novos e con salarios de miseria; isto último unha dobre carga para a seguridade social: baixa recadación por cotizacións sociais e desembolsos aos prexubilados ou despedidos; pola outra banda, as escandalosas rebaixas introducidas nas cotizacións empresariais polo Partido Popular, os baixísimos salarios, os contratos por horas e de luns a venres (os sábados e domingos parece que non se come), tan estendidos en moitas empresas e en moitas administracións públicas xestionadas por imbéciles sen vergonza e sen escrúpulos; a isto hai que xuntar a falta de declaración das horas extras por parte de moitísimas empresas, bolsa de fraude por recadación de cotizacións á Seguridade Social.  
     
     E que di o señor Sánchez? Pois antes das últimas eleccións, desde a presidencia do Goberno e antes da moción de censura, dicía que non tiña maioría suficiente para derrogar a reforma laboral de Rajoy (comprendo que non queira derrogar a velenosa reforma laboral de Zapatero). Agora di que o que hai que facer é esperar a facer “un estatuto dos traballadores do século XXI. E mentres tanto? A miseria, a explotación, a inseguridade laboral, a falta de cotizacións, etc. vai seguir igual? 

     Imaxino que o PSOE non quer poñerse a mal cos grandes empresarios e coa banca, que prefire estar mal visto polos traballadores e aplicar a Lei Mordaza e o Código Penal reformado en sentido fascista polo goberno de Mariano Rajoy. En fin, máis escusas e demoras por non enfrontarse a grandes empresarios e banqueiros ou, simplemente, ánimo de servir a quen pon as portas xiratorias, paga e da créditos.
Non cabe dúbida de que a supresión das reformas laborais, xunto coa elevación do salario mínimo interprofesional (SMI) daría lugar a unhas mellores condicións de vida dos traballadores, a un aumento do consumo e a unha reactivación da economía; e posibilitaría que moitos e moitas dos e das traballadoras que tiveron que migrar para buscarse a vida volveran. Certo é que estas medidas para ser máis efectivas deberían ir acompañadas doutras adoitadas pola Unión Europea (UE), como a de non permitir espazos de explotación da man de obra dentro das súas fronteiras que permitan a empresas deslocalizarse sen penalización (Bulgaria, Chequia, Eslovenia, países da antiga Albania ou Iugoslavia, etc.), unificar as políticas sociais e salariais para que non houbera diferencias entre Estados, establecer aranceis que impidan que empresas deslocalizadas ou instaladas en países con man de obra escrava poidan despois comercializar os seus produtos dentro da UE como se nada, erradicar os paraísos fiscais das fronteiras da UE (Luxemburgo, Irlanda, as illas do canal,...), etc. 

Craro que todo isto choca de fronte contra os intereses da gran patronal e dos banqueiros; polo cal, aínda que contribuiría a diminuir as desigualdades inter-territorias e a mellorar a cualidade de vida das persoas asalariadas, coido que o PSOE non estará polo labor.

4.    Derrogación das reformas das pensións dos anos 2011 e 2013 (de Zapatero e Rajoy)
     
     Este é un clamor maioritario nos movementos de xubilados (agás as direccións de CC.OO. e UGT, que apoiaron a reforma de 2011). A escusa para empobrecer ás persoas xubiladas foi en ambos casos a suposta influencia negativa da evolución demográfica na recadación da caixa das pensións, escusa demostrada falsa por numerosos autores especializados en temas relacionados coas pensións e a natalidade (Vicenç Navarro e Miren Etxezarreta, entre outros); iso si, estes autores son sistematicamente silenciados pola trama mediática do sistema, casi a totalidade dos xornais e revistas en papel, radio e toda a televisión e unha gran parte dos medios dixitais aliñados co sistema (incluso os que aparentemente son críticos). O motivo real tanto de gobernos como de medios non é máis que procurar beneficios á oligarquía financeira á que serven, potenciando os plans privados de pensións (non accesibles á xeneralidade das persoas e, polo tanto, un elemento que xenera un aumento das desigualdades) e as continuadas rebaixas das ingresos por cotizacións sociais derivadas das rebaixas na cotas empresariais e dos baixos salarios propiciados polas reformas laborais.
  
As xoias na que se asentou a reforma Zapatero de 2011 foron o retraso na idade de xubilación ata os 67 anos, a regulamentación da necesidade de establecer un factor de sustentabilidade do sistema de pensións, e diminuír os anos a computar para o cálculo das pensións de xubilación dependentes da Seguridade Social, sabedores de que moitos e moitas asalariadas estaban a quedar na rúa por mor dos EREs e de despedimentos derivados da crise económica o por movementos deslocalizadores e fraudulentos de moitas empresas e que polo tanto ían a xerar anos de paro sen cotización ata acadar a idade de xubilación. 
A reforma das pensións de Mariano Rajoy no 2013 foi moito máis regresiva e antisocial: trocou o IPC como índice para a suba das pensións por a suba fixa dun 0,25% anual, estableceu un factor de sustentabilidade (baseándose no mandato da reforma Zapatero do ano 2011) baseado en factores demográficos e nos últimos anos de cotización que suporía, desde o inicio previsto para a súa aplicación, dunha rebaixa moi importante na contía da pensión inicial e unha perda constante de poder adquisitivo ano tras ano, condenando ás persoas pensionistas á miseria.
E hai dúas cousas que nos poden indicar por onde o PSOE quer que vaian os tiros: 1ª) que o primeiro ministro dun goberno español que se atreveu a falar da “necesidade” de subscribir plans de pensións privados foi un membro dun goberno de Felipe González, alá polos primeiros anos da década de 1990; e 2ª) que tendo en conta que o denominado Pacto de Toledo (no que calquera observador sabe que nunca se van poñer de acordo) en lugar dun foro destinado a resolver os problemas do sistema público de pensións parece un circo cheo de pallasos que teñen por finalidade entreter ao gran público coa xeneración de desencanto e incerteza sobre o futuro das pensións públicas. 

Coñecendo o antedito, e sabendo que as pensións públicas están no punto de mira do PSOE desde hai moito tempo, como imos confiar que ese partido faga unha política sequera progresista ou simplemente keynesiana (xa non digo de esquerdas ou socialdemócrata) en torno ao mantemento do sistema público de pensións?

5.    Derrogación da LOMCE

     Esta chamada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, máis coñecida como LOMCE (ou Lei Wert, na honra do Ministro incompetente baixo cuxo mandato se promulgou) ten numerosas lacras insalvables con reformas, polo que o mellor sería derrogala inicialmente e volver á lei anterior e, posteriormente, lexislar unha nova lei que defenda o ensino público, laico, non sexista ao servizo das comunidades educativas e non centralista. 

     A democracia participativa empezou a desaparecer dos centros de ensino público coa lei promulgada polo primeiro goberno de Aznar, ao quitarlle competencias de todo tipo á comunidade educativa como tal e aos tres sectores básicos que a constituía: pais e nais de alumnado, alumnado e profesorado. A súa substituta, promulgada polo goberno Zapatero, non restituíu a capacidade desas comunidades para gobernar os centros educativos públicos, restándolle competencias aos Consellos Escolares, aos claustros de profesores, ao alumnado e á participación dos tres sectores (en tanto que comunidade educativa) no goberno dos centros, chegando a ser a administración educativa quen tivera a última palabra para o nomeamento da persoa que dirixira o centro educativa (aínda que o 100% do Consello Escolar tivera escollido a outra persoa). 

     A LOMCE non fixo máis que afondar os aspectos máis negativos das dúas leis anteriores ao reforzar a presenza nos programas e na estruturación do sistema educativo de ferramentas para segregación do alumnado en base a múltiples características de partida (orixe social, país de orixe, relixión, bagaxe intelectual inicial, minusvalías físicas ou psíquicas de calquera grao,...) e facer desaparecer, case por completo, dos centros educativos as instancias de orientación e atención ao alumnado con necesidades educativas especiais (foran de tipo físico, intelectual ou, simplemente, por deficiencias xeradas polo seu orixe social); a isto hai que sumar a segregación do propio alumnado ao establecer dúas vías na segunda etapa da educación secundaria obrigatoria: falando en prata, a vía dos “listos” e a vía dos “burros”, segregación máis propia de sistemas educativos baseados no franquismo, nazismo e no fascismo que en sistemas abertos e democráticos. 

     Instalouse coa LOMCE un ensino ideoloxizado; Un aspecto característico da LOMCE é o deseño totalmente intoxicador e dirixista dos programas educativos correspondentes ás materias nas diferentes etapas, facendo desaparecer horas de docencia ou suprimindo na súa totalidade materias tan importantes na formación das persoas como a música, a filosofía, a educación para a cidadanía, ou as linguas e cultura clásicas. Estes procesos educativos de orientación totalitaria agudizáronse aínda máis naquelas comunidades autónomas (CC.AA.), como a de Galicia, con gobernos maioritarios da familia política franquista ou similares, que chegan  a establecer medidas tendentes a eliminar ou minusvalorar na práctica as linguas propias dentro do sistema educativo; e poñendo, en moitos casos totalmente demostrados, a verdadeiros incompetentes á fronte dos departamentos da alta dirección educativa. A isto hai que lle xuntar a sempiterna presencia con privilexio da relixión católica nas aulas, á que incluso o Estado custéalle o profesorado da ideoloxía e as indemnizacións por despidos improcedentes realizados pola xerarquía eclesiástica; uns privilexios que chegan ata o punto de que nalgunhas CC.AA. as notas da materia ideolóxica católica -casualmente moi altas case todas-  fan parte á hora das matriculas de honra ou do expediente académico.

Eu faríame algunhas preguntas sobre a ensinanza se o PSOE volve ao goberno do Estado: Vaise democratizar a ensinanza en favor das comunidades educativas? Vai ser quen o PSOE de erradicar a relixión como materia dos centros educativos públicos ou de aqueles que se sosteñen con fondos públicos? Vai ser que Pedro Sánchez de establecer por lei un plan (con lei de financiamento incluído) de desenvolvemento e creación de centros e/ou prazas públicas que posibiliten que todas as persoas que desexen cursar estudos non universitarios poidan facelo en centros públicos? Vai ser quen o PSOE de lexislar a obrigatoriedade de suprimir prazas concertadas a medida que vai aumentando o número de prazas públicas? Vai ser quen Pedro Sánchez e o PSOE de denunciar o concordato asinado antes do referendo constitucional polos gobernos franquistas co Vaticano para acadar un ensino público separado de calquera credo relixioso? Porque eses trazos, aparte dos contidos, rateos e servizos complementarios son os mínimos polos que pode pasar unha ensinanza pública progresista. Eu, coñecéndoos coma os coñezo, escéptico.

A formación profesional precisa dun cambio moi profundo. Por unha parte é preciso un maior investimento público nos equipamentos e infraestruturas educativas, sendo as administracións con competencias na FP as que xestionen directamente e con persoal público as distintas modalidades de formación profesional (regulamentada, ocupacional e continuada); iso non pode quedar ao albur dos beneficios empresariais nin exposta a bolsas de fraude, como se ten detectado en máis dunha ocasión. Tampouco pode ser que a totalidade do alumnado que cursa un ciclo formativo estea esposto a ser utilizado como man de obra barata durante as horas de duración dos módulos de Formación en Centros de Traballo, cousa que está a ocurrir e que moitos institutos non denuncian porque ficarían sen lugares nos que os seus alumnos poidan rematar na súa totalidade os cursos; nin que dicir ten que, afortunadamente, non son todas as empresas as que se aproveitan do alumnado que debería ser formado no ámbito do traballo, máis eu, pola miña experiencia como docente de FP, non poño a man no lume por ningún empresario deste país. E o mesmo conto pódese aplicar á tan cacarexada "formación profesional dual", que tan bos resultados está a dar en países como Alemaña; pero craro, o empresariado alemán ten outra natureza que o de por aquí descoñece ou non practica; alí o alumnado si que ten horas de dedicación da empresa para a súa formación; e se non se dera o caso, as inspeccións educativas e da equivalente alemá da nosa Seguridade Social (que alí funcionan) expulsarían ás empresas infractoras do sistema de educación, con todo o desprestixio e menosprezo que tanto no ámbito empresarial como no social suporía; aquí incluso aplaudirían.

Na universidade pública a verdade que, agás o cambio de réxime político do Estado e de instancias de goberno nas propias universidades, non parece que teña habido moitos trocos no modo de actuar das xerarquías docentes desde que eu estudei nela. Polo que me contan quen traballa ou traballou nela (e non teño motivos para dubidalo) o enchufismo e o amiguismo departamental segue perdurando. Igualmente, parece que o persoal en xeral non anda moi contento pola sobrecarga de traballo derivada da escasa dotación orzamentaria para a docencia e a contratación e, tamén, pola explotación salvaxe á que están a ser sometidos becarios e o abuso da figura de "profesorado asociado". Paréceme que a universidade, con minúsculo, necesita que lle dean moitas voltas para poder referirse a ela en caracteres maiúsculos. E da universidadiña privada, mellor non pararse a chorar... perdón, falar.

6.    Vivenda

     A ninguén se lle escapa que unha das necesidades básicas de calquera persoa é a de ter un lugar estable onde ter as súas pertenzas, vivir, gardar a súa intimidade, estar cos seus achegados e organizar a súa vida; cousa que non está garantida na sociedade española actual. Alugueiros escandalosos que non están ao alcance de calquera, desafiuzamentos por falla de pagamento ou por non poder pagar novos alugueiros, xentrificación dos núcleos céntricos das cidades, falta políticas de vivenda pública que faciliten a adquisición ou o alugueiro de vivendas a prezos razoables, persoas ou familias que non atopan moradas en aluguer para todo o ano porque nos meses de verán son reservadas polos seus propietarios para “turistas” que estean dispostos a pagar prezos exorbitados, bancos públicos con vivendas clausuradas mentres hai familias enteiras vivindo na rúa con todas as súas pertenzas, fondos de investimento voitres que mercan mazas enteiras ou bloques de pisos enteiros e que botan aos antigos inquilinos para despois especular con eles, xestores públicos imbéciles e/ou corruptos que venden a eses fondos-voitre vivendas que foron financiadas con fondos públicos coa finalidade de procurar vivenda social en propiedade ou alugueiro para as persoas con baixos recursos económicos. E así poderiamos seguir ata o infinito.

É máis que evidente unha necesaria política de construción de vivenda pública, tanto para a súa adquisición como para o seu alugueiro por toda a cidadanía que teña necesidade; e sobre todo por aquela que ten baixos recursos económicos. Por suposto, tendo en conta as experiencias, habería que blindar este tipo de vivendas para que ningún xestor público sen-vergoña poida vender ese tipo de vivenda residencial a negocios especulativos, como fixo a señora Ana Botella en Madrid (co visto e prace do Partido Popular) ao vender vivenda protexida a fondos-voitre.  E mentres non haxa oferta pública suficiente é necesario proceder a unha limitación do prezo dos alugueiros e á proliferación de vivendas turísticas, así como penalizar a existencia de vivenda baleira con fins especulativos, como xa teñen feito numerosas cidades de Europa. É necesario, tamén, reformar a lei de arrendamentos urbanos para imposibilitar abusos dos arrendadores (os máis comúns e frecuentes) e dos arrendatarios, e establecer mecanismos áxiles para resolver as denuncias e desavenencias. Igualmente, hai que afrontar a forma de evitar ou resolver con eficacia e rapidez a ocupación irregular de vivendas en uso (por estar destinadas ao uso propio como primeira ou segunda vivenda ou ao alugueiro) por persoas ou grupos que recorren a estes métodos, con finalidades “escuras” ou mafiosas, para restituír con rapidez os dereitos dos seus propietarios. Procesos de restitución de dereitos que na actualidade esixen longos procesos e paciencia para non inchar a hostias a máis de un (e non me refiro só aos ocupantes).

E, por suposto, regulamentar os espazos mínimos construtivos que deben ter as vivendas e as súas medidas, así como os espazos comúns en vivendas de propiedade horizontal; medidas destinadas á salvagardar calidade construtiva, a que non haxa ascensores ou corredores onde non caiba unha cadeira de rodas ou unha cadeira de crianzas, a que non haxa estancias sen ventilación ou onde só cabe unha cama se é colocada de canto, a que non haxa prazas de garaxe onde non se poida estacionar un coche (ben porque non cabe ou porque a maniobrabilidade para acceder a ela é imposíbel; ou porque é tan estreita que se hai autos aparcados aos lados non se poidan abrir as portas). Unha lei semellante á que pretendía establecer a Conselleira de Vivenda Teresa Táboas, do BNG, integrada na Xunta de Galicia que presidiu Pérez Touriño, e que non puido levar a cabo porque antes de ser aprobada as eleccións autonómicas foron gañadas polo partido franquista de Núñez Feijóo, favorable aos intereses dos construtores e promotores inmobiliarios.

É evidente que neste campo son necesarias moitas outras medidas, moitas delas ligadas á planificación urbanística racional, pero sería excesivo a súa mención neste artigo (que xa de por si está a saírme excesivo).

7.    Redistribución das rendas en aras dunha maior igualdade social

   O sistema fiscal do Reino de España é claramente regresivo. É un sistema onde progresivamente van gañando terreo dentro da conta de ingresos do estado a tributación indirecta, sobre todo aqueles que gravan o consumo; mentres que a recadación por tributos que gravan os beneficios das grandes empresas, a riqueza persoal, os grandes salarios e os beneficios do capital son proporcionalmente moi baixos. Un cambio na política fiscal é necesario se queremos ir cara a unha sociedade máis xusta e sen desigualdades sociais escandalosas como as que estamos a sufrir; esas diferencias, que se incrementaron progresivamente desde a segunda etapa do goberno de Zapatero ata a actualidade, teñen  moito que ver cos cambios introducidos por este, polo anterior goberno de Aznar e polo posterior de Rajoy no sistema fiscal do Estado. Cambios fiscais que tiveron como consecuencias un maior empobrecemento da clase obreira, unha progresiva desaparición da pequena burguesía e unha concentración da riqueza en menos mans, facendo cada vez maiores as diferenzas entre a calidade de vida das persoas e xerando inmensas bolsas de pobreza ao longo de toda a xeografía do estado.
    
     Pero tamén ese maior aumento das desigualdades ten que ver co menor investimento do Estado en gasto e renda social, así como coa reforma do artigo 135 da constitución pactado polo goberno de Zapatero-PSOE e o Partido Popular, que priorizaba o pagamento da débeda externa e bancaria ao mantemento dunha vida decente da poboación ao través do gasto social. Igualmente, tivo a súa influencia no empobrecemento xeneralizado da clase obreira e da pequena burguesía a prioridade establecida polo goberno español de rescatar aos bancos sobre o rescate da pequena e mediana empresa, sobre o mantemento do gasto social, ou sobre o mantemento do poder adquisitivo das pensións e dos salarios dos empregados públicos; un rescate amparado baixo unha serie de escusas do máis peregrino e indecente que calquera poida imaxinar (a proba está en que posteriormente a moitos deses bancos protexidos deixáronnos caer para que foran mercados polos máis grandes a prezos de saldo, concentrándose aínda máis a riqueza e dando lugar a múltiples despedimentos e regulamentacións de emprego nos seus cadros de persoal e, como consecuencia, xerando máis miseria para o conxunto da clase traballadora).

Faise preciso acometer unha reforma na fiscalidade deste país que tenda a fundamentar os ingresos do Estado nos impostos directos, facendo trocos no imposto de sociedades que procure que os beneficios das grandes empresas tributen pola súa totalidade e impedir que poidan poñer en práctica modalidades de elusión fiscal tan de moda nos últimos tempos (como por exemplo, empresas españolas que facturan desde Irlanda ou Holanda -ás que o Estado debería trincar polo san e sen contemplacións, como fan coas PEMES e as persoas físicas cando se trabucan sen mala fe ou defraudan- ou as empresas tecnolóxicas que utilizan múltiples e intricados métodos para non tributar polos seus beneficios reais). E, por suposto, regularizar o escándalo das SICAV, sobre todo daquelas onde un "director" copa máis do 70% das accións e o resto son "mariachis" sen poder nin vontade.

Outro imposto a reformar debería ser o IRPF, facéndoo máis progresivo; establecendo máis niveis nas escalas de tributación de forma que non sexan as rendas medias e as medio-baixas as que paguen o pato da recadación do Estado por este concepto; igualmente, nada de reducir os tipos marxinais para as rendas moi altas, como se está a facer na actualidade e que pode dar lugar a que unha persoa con ingresos baixos ou medios teña que tributar polo 21% da súa renda, mentres persoas con altísimos ingresos sáelle a conta por menos dun 3%. Outro asunto a resolver é o dos dous pagadores, que está dando lugar a situacións comparativamente inxustas en ingresos moi baixos, incluso por baixo da obriga de declarar se só existira un pagador. Pero claro, hai moito técnico inútil parindo leis. 

Outro dos impostos a modificar é o IVE; neste caso hai que aumentar as exencións ou baixar o tipo tributario a numerosos artigos de primeira necesidade que, en sucesivas modificacións da lei, foron retirados polos gobernos indecentes ou que na non estaban contemplados na lei; rebaixar o tipo a moitos dos artigos que na actualidade tributan ao 10% e que, aínda que non de primeira necesidade, son de consumo necesario; e establecer un novo tipo “de luxo”, maior do 21%, para os artigos que se poidan encadrar nesa cualidade (coches de alta cilindrada, iates e embarcacións de recreo, chalés de luxo para segunda vivenda, abrigos feitos con restos de cadáveres animais mentres estes non se prohiban, etc.)

8.    Sanidade.  

     O sistema sanitario deste país debe ser público e universal, que teña carácter preventivo e non un carácter só sanador que unicamente satisfaga os intereses das multinacionais farmacéuticas e das grandes empresas de mediciña privada (como está acontecendo na actualidade). Acadar esta meta correspóndelle a un Estado cuxa lei fundamental acredita no chamado “estado do benestar” (social, democrático e de dereito). Non se pode permitir o que está pasar actualmente naqueles territorios onde goberna o Partido Popular, onde a sanidade se convirte nun negocio en mans de empresarios cuxos beneficios dependen de que a mala saúde da poboación teñas altas cotas ou de que sexa a administración quen lle pague un canon por beneficiario sen exixirlle unha atención de calidade aos doentes; unha sanidade privatizada onde o persoal sanitario e auxiliar escasea e onde os poucos servizos públicos de carácter sanitario que subsisten teñen cada vez unha peor calidade pola falla de recursos aos que esa administración os somete para desprestixialos. 

     Non se pode, tampouco, admitir que certas administracións con competencias sobre a sanidade pública dilapiden  a calidade dos sistemas de atención primaria e de atención hospitalaria, como teñen feito na Valencia, Madrid, Castela e León ou Galicia para entregar o sistema sanitario ás mans de empresas que só buscan o beneficio privado, convertindo hospitais de nova construción en centros comerciais nos que prima o negocio dos concesionarios dos distintos servizos sobre a saúde da poboación; neste senso hai poñer os medios para que ningún gobernante poida descapitalizar en persoal e estruturas un sistema sanitario que ía en vías de ser un dos mellores do mundo, para poñelo en menos de oito anos nun sistema dirixido á obtención non de beneficio social, un sistema que non reverte na poboación, nin coa mellora da atención nin coa creación de emprego, senón que empobrece o sistema sanitario público (o caso curioso é o de Vigo, onde coa creación dun novo hospital para atender a unha poboación crecente se destrúen máis prazas hospitalarias das que se crean; paralelamente, e despois dunha subliminar e intensa campaña de desprestixio da sanidade pública se concerta cunha empresa que vive da mala saúde dos cidadáns a atención para unha parte da poboación da área sanitaria viguesa, dando facilidade para que a poboación poida solicitar o cambio desde o SERGAS público a esa empresa). Outra cousa necesaria é a eliminación dos copagamentos sanitarios por parte das persoas xubiladas, pensionistas e con baixos niveis de renda. Tamén sería necesario revisar as incompatibilidades médicas coa finalidade de evitar de raíz as interferencias entre consultas privadas e sistema sanitario público, así como non primar o transporte sanitario privatizado e recuperar o carácter público dese servizo.

Final.

Faltan por mencionar moitas cousas que habería que trocar para poñernos ao mesmo nivel que calquera dos países do noso entorno e capacidade, pero as hipotecas derivadas do chamado “pacto constitucional” de 1978 están a condicionar a modernidade do Estado Español en todas as súas vertentes. E parece que non hai vontade facelo; dende logo que non dende dereita franquista, que foi a grande beneficiada do asunto e que mantén ao traveso dos seus representantes políticos do Partido Popular unha firme oposición á modernidade. Pero tampouco polo PSOE, que vai de partido de esquerda pola vida cando realmente non se diferencia, agás nas formas, dos representantes franquistas.

Respecto dos chamados “novos partidos”, nada novo no horizonte. Ciudadanos non é máis que unha nova dereita de substitución do PP que non achega nada novo. A Podemos e a Esquerda Unida podemos definilos como partidos socialdemócratas ao uso sueco de Olof Palme, que si podemos calificar como de esquerda

Os partidos nacionalistas de esquerda, que poderían contribuír a trocar o estado da cuestión, non teñen unha teñen forza definitoria nos seus territorios (agás Esquerra Republicana de Catalunya, que nin eles saben moi ben o que son).  

E Vox nin sequera é novo, xa que é un partido que representa as esencias de todo o vello, do rancio, do fascista e do nazi; e cuxo persoal podería estar (como moitos xa estiveron) dentro do Partido Popular sen que a súa presencia fora disfuncional para ese partido; un partido financiado polo mesmo lixo ou parte do mesmo que financia ao PP e a C's para que poida ser utilizado como palanca de presión ou como recambio se ven os seus intereses en apuros. 

Ao PSOE, desde logo que non podemos definilo como un partido de esquerda; nin  sequera coma socialdemócrata; asume aspectos económicos do capitalismo keynesiano pero, ao que as cabras tiran ao monte, tira cada vez máis cara ao liberalismo económico, de aí o  interese preferente de Pedro Sánchez en establecer un goberno con ou facilitado por Ciudadanos e as súas cautelas a  integrar no seu goberno a membros de ou próximos a Unidas-Podemos, que non estaría ben visto polos intereses da oligarquía financeira aos que o PSOE pretende non enfrontarse. En fin, veremos que sae de todo este balbordo.



O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...