Amosando publicacións coa etiqueta Portugal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Portugal. Amosar todas as publicacións

09 maio 2024

O REVES DAS RATAS E OUTRAS HISTORIAS

 

Tempos movidiños desde a última vez que escribín algo neste espazo de libre expresión (polo menos de momento) que teño ao meu dispor. Movidas compostas por feitos de distinta natureza: desde celebracións agarimosas como as do 25 de abril, no 50 aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal ata a continuación do xenocidio cometido por Israel na Palestina cos ataques sobre Rafah, onde se concentraba cantidade de poboación civil palestina expulsada doutras zonas da faixa polo exército sionista de Israel, para perfeccionar o exterminio iniciado o 7 de outubro pasado na faixa de Gaza. E pasando polas mobilizacións contra o xenocidio dos estudantes das universidades estadounidenses, reprimidas polas policías dun país que pretender amosarse coma berce e defensor das liberdades. E, como non, o período de “reflexión” collido na Moncloa polo Presidente do Goberno español e secretario xeral do PSOE.

A “REFLEXIÓN” DO PRESIDENTE E O REVÉS DAS “RATAS”.

Pero vistos os diferentes acontecementos desde a óptica da política interna do Estado Español, podemos afirmar que o maior acontecemento foi político: o anuncio que un determinado día fixo o Presidente do Goberno español indicando que se tomaría uns días, ata o luns que seguía, para “reflexionar” cal ía ser o seu futuro. Unha reflexión que ía realizar nas dependencias da Moncloa, en compañía da súa familia e sen outros contactos persoais. A motivación última desta actitude: a presentación dunha denuncia por corrupción contra a esposa do Presidente pola organización fascista Manos Limpias; denuncia baseada unicamente en informacións non contrastadas na súa veracidade, aparecidas en diversos medios de prensa afectos á dereita e á extrema dereita que teñen por costume espallar falsidades e dar novas nesgadas en apoio ás posicións da extrema dereita que volveu aos seus orixes da Alianza Popular de Fraga e todos os demais cómplices dos crimes franquistas que a crearon; denuncia sen indicio algún de realidade que foi admitida a trámite e cursada por un xuíz exercinte en Madrid, xuíz vello en idade e de recoñecida traxectoria e ideoloxía de dereita extrema, con aspiracións de ascenso segundo contan os xornais de inspiración democrática. Pese á oposición do ministerio fiscal en base á escasa veracidade dos fundamentos da denuncia esta seguiu adiante. En fin, non é que exista lawfare, non si?

As reaccións iniciais.

Menudo balbordo! As persoas correlixionarias de Sánchez e os seus fans descolocados; tentando de buscar explicacións e temerosos de que aquel decidira dimitir das súas responsabilidades coma presidente e convocar eleccións, ou someterse a unha moción de confianza nas Cortes, ou dimitir e deixar que o Congreso dos Deputados escollera unha nova persoa que dirixira o cotarro... Horror! Calquera das tres era mala para elas, ben pola inseguridade de non poder montar outro goberno ou pola falta de recambio interno como cabeza visible do PSOE. Amais de, en plena campaña electoral catalá, preguntarse cal sería o posicionamento último dos membros do grupo de Junts per Catalunya (do que calquera observador da política sabe que son pouco serios e moi volátiles) en calquera dos dous casos distintos da convocatoria de eleccións.

Na dereita nacionalista española (o partido nazi-fascista e a nova extrema dereita, nomeadamente Vox e Partido Popular) a campaña de bulos e insultos dirixidos ao “reflexivo” presidente intensificouse dun xeito moi acusado. Igualmente a campaña, sobre todo do partido frijoliano, sobre unha convocatoria de eleccións xerais arreciou. Non acaban de asumir a democracia parlamentaria, nin o cambio da lei electoral para que se faga realidade a igualdade de valor dos votos de todos e cada un dos votantes; non sei, quizás o que non acaban de sumir é a democracia (por moi burguesa que esta sexa) se non son eles os que teñen o goberno do Estado, se non poden facer gúrteles, campeóns, púnicas, kichenes, eriales, arenas, andraches, brugales, bárcenas, cidades de xustiza,... ou practicar o nepotismo galopante.

As reaccións finais e o discurso “fin de reflexión”

Resultado final: que alegría para uns e que decepción para outros. Pedro Sánchez decide seguir na Presidencia e comunica que vai facer non se sabe moi ben o que nin cando para rematar coas informacións falsas, coa utilización do sistema xudicial para influír na política (o que se chama lawfare pero que Sánchez non quere chamar polo seu nome (non vaia a ser que haxa xuíces e xuízas que se dean por aludidos e aludidas); igual se cabrean e volven saír coas batas -perdón, túnicas- e os manguitos a concentrarse diante das audiencias para non facer política pero con carteis e pancartas para negar as leis que se fagan no ámbito correspondente, o poder lexislativo (non o poder xudicial).

O gozo das ratas nun pozo.

Eu persoalmente estou convencido de que as ratas que aniñan en diversos lugares e institucións políticas e non políticas deste país estaban máis que convencidos de que Sánchez ía dar un paso atrás e dimitir. Non o expresaban, pero coido que estaban convencidas. Menudo pau que se levaron.

E que balbordo que volveron a montar despois do discurso no que Pedro Sánchez anunciou a súa reentré!. Comunicados de organizacións corporativistas (dos que pretenden ser lexisladores), editoriais e artigos de opinión nos medios controlados ideoloxicamente pola dereita nazi-fascista e pola outra extrema dereita da dereita e da ultradereita,... Panfletos e información totalmente nesgada difundida por ratas de diversa procedencia: as que pretenden ser voz dos galegos pero que o que realmente fan é darlle couces ao país; ratas obxectivas, ratas confidenciais, ratas vox populi, oki ratas, ratas de abecedario, ratas de bandeira nacionalista española, ratas dixitais, ratas inmundas, ou ratas que pretenden ser crónicas ou faros de non se sabe moi ben que pero que sementan sombras e fake news, ratas rexionais... E xa non digamos nada das saídas de ton e insultos varios e diversos dos membros e voceiros do Partido Popular. Ou dos de Vox; pero estes xa nos teñen acostumados.

Quen me coñeza, ou quen me siga desde estas páxinas, sabe que o Pedro Sánchez non é santo da miña devoción; e tampouco o PSOE. E tampouco concordo coa actitude adoitada por un presidente de goberno durante cinco días (e non porque o Estado estivera paralizado, como dicía un editorial do máis importante xornal editado na Galiza, que iso non se sostén nun Estado moderno como o español). Pero a campaña que as “ratas”  agachadas nos diversos entornos institucionais e non institucionais están levando contra el (e, no fondo, contra a democracia e as liberdades democráticas) é totalmente inadmisible. Un comportamento propio da ratas infames, famélicas e rabiosas, de aí o tratamento despectivo co que desde aquí lles obsequio; porque considero que non merecen nada do que teñen e pretenden representar. Por iso me alegro moito de que Sánchez decidira seguir exercendo de presidente do goberno. E chegados ata aquí, simplemente expresar os meus desexos de que esas ratas, que pretenden gobernar o Estado á marxe e por outros mecanismos diferentes dos desexos expresados pola cidadanía nas urnas, sexan expulsadas de todas as institucións do Estado nas que poidan estar aniñando. E que ás publicacións que distribúen novas falsas e novas nesgadas, que pretenden confundir aos seus lectores ou ouvintes presentando a súa opinión coma se foran feitos deberían ser multados severamente polas autoridades; que expresen os seus pensamentos, e que opinen sobre as novidades, pero que a noticia sexa a noticia e non a palla mental do editor, do columnista ou do xornalista.

50 ANOS DA REVOLUCIÓN DOS CRAVOS.

Este ano se cumpre o 50 aniversario da Revoluçao dos Cravos. Foi o 25 de abril de 1974 o día no que os capitáns do exército portugués rebeláronse contra réxime salazarista. No que eses valentes capitáns iniciaron o movemento que rematou coa ditadura máis longa do mundo e que devolveu o exercicio do poder á cidadanía portuguesa.

Como cada ano, ese día foi celebrado polas forzas democráticas en Portugal, coa excepción do partido Chega. Estes discípulos de Salazar, Caetano, Hitler e Mussolini para amosar o seu desprezo pola liberdade e a súa ansia de rematar coas liberdades democráticas chegaron a sairse dos seus escanos na  Assemblea Nacional Portuguesa mentres o restos dos deputados e deputadas cantaban o Grándola de Jose Afonso, a canción que serviu de sinal de saída dos cuarteis para os militares demócratas aquel 25 de abril.

Pero non só celebrouse o aniversario en Portugal. Tamén na Galiza e en outros moitos puntos do Estado Español, como cada ano desde aquel día de 1974, rendeuse tributo aos capitaes de abril e cantouse o Grandola. Non podemos esquecer os que daquela tiñamos idade de entender que a fin da ditadura portuguesa tivo como consecuencia a descomposición e división dos partidarios da ditadura franquista e a aceleración do seu fin; e que estes apresuráronse a tentar de cambiar o réxime antes de que acontecera algo similar ao acontecido en Portugal.

Desde aquel 25 de abril de 1974 aconteceron moitas cousas en Portugal. E podemos dicir que o único que permanece é o texto constitucional saído daquela revolución. O que foron avances conquistados a pasos axigantados polo pobo portugués, tamén foron desaparecendo a pasos axigantados dados polos sucesivos gobernantes dese país. Incluso encarcerando a persoas moi comprometidas coas clases populares portuguesas coma o militar, participante no 25 de abril, Otelo Saraiva de Carvalho eoutros moitos que foron destituídos ou apartados por desexar un goberno máis apegado ao pobo. En todo caso, Viva o 25 de Abril, Sempre!

PALESTINA, O XENOCIDIO E A REBELIÓN DO ESTUDANTADO

As accións xenocidas levadas a cabo polo exército e os servizos de intelixencia de Israel en Palestina, sobre todo na faixa de Gaza pero tamén en Cisxordania e Xerusalén Leste, tiveron resposta inesperada. As accións ordenadas e refrendadas polo goberno nazi-sionista israelí e polos gobernantes civís e militares dos Estados Unidos de América (EUA) e co silencio cómplice dos organismos da Unión Europea e da maioría dos países que a conforman, foron rexeitadas polo estudantado universitario dos EUA en numerosas universidades dese país, igualmente por estudantes de Alemania, Francia, Holanda, España, etc.

Non gustou nada aos diferentes gobernos deses países que os seus estudantes universitarios se ergueran para denunciar o xenocidio do pobo palestino. Pero aos que menos gustou esta actitude estudiantil foi ao goberno dos EUA, goberno cómplice do xenocidio, que está a fornecer a Israel das bombas e outras armas coas que o xenocidio se leva a termo. Servizos secretos ianquis e prensa afín ao sionismo (a maior parte nos USA) tentan de presentar ao movemento estudantil coma un movemento de apoio a Hamas e non como o que realmente é, un movemento contrario ao xeocidio e contrario á complicidade dos seus gobernantes civís e militares. Pero xa sabemos, por experiencia, que as fake news e as informacións nesgadas son armas utilizadas a cotío polo poder económico para acadar fins ilexítimos.

Tampouco en Francia, Holanda e Alemania (aliadas incondicionais do sionismo xenocida, aínda que coa boca pequena digan o contrario) gustou nada que o estudantado se erguera contra o xenocidio practicado polo Estado de Israel contra Palestina. 

Estes países, supostamente gobernados por demócratas e onde se supón que impera a liberdade de expresión, non dubidaron en mandar ás súas forzas policiais para que reprimiran con violencia as pacíficas protestas do estudantado acampado nos distintos campus universitarios; e, como nos EUA, utilizar á prensa afín para desprestixiar ao estudantado, presentándoo coma partidarios da violencia antisionista e non coma o que realmente significa este movemento de rexeitamento do xenocidio.

E iso sen mencionar ás ratas que campan polos reitorados das universidades norteamericanas, que chaman á policía a desaloxar con violencia a uns estudantes que están pacificamente acampados en protesta dun xenocidio. Por medo a que o sionismo ricachón lles retire as subvencións para a  privatización das súas investigacións. Pero o malo é que as autoridades políticas permiten que as súas policías repriman a liberdade de expresión exercida por medios pacíficos.

Seguiremos. Sobre todo sabendo que do río ata o mar, Palestina vencerá.

25 abril 2024

25 DE ABRIL: SEMPRE!!

 

No céu cinzento sob o astro mudo
Batendo as asas pela noite calada
Vêm em bandos com pés veludo
Chupar o sangue fresco da manada

Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada

                   (Jose Afonso – Vampiros, 1958)

Os caraveis e os fusís

        Hoxe cúmprense medio século da “Revoluçao dos Cravos” (Revolución dos Caraveis), 50 anos desque os militares demócratas portugueses, agrupados no Movimento das Forças Armadas (MFA), puxéronse do lado da maioría da poboación, formando un movemento cívico-militar, e decidiron rematar coa ditadura de Marcelo Caetano, sucesor de Antonio de Oliveira Salazar, impulsor da citada ditadura baixo o apelativo de Estado Novo. A diferenza dos clásicos golpes de Estado militares, o alzamento antiditatorial da MFA non foi cruento, nin dirixido a un simple troco de persoas no poder. Foi un golpe dirixido a establecer as liberdades democráticas en Portugal e a procurar que o poder real residira na cidadanía, así como a depurar o aparato do Estado portugués (policía, xudicatura, exército, administración, etc.) de todos aqueles elementos cómplices activos ou pasivos da ditadura salazarista.

Non cabe dúbida de que nos seus primeiros momentos, o salazarismo opuxo resistencia a ser despoxado dos seus privilexios; non foi unha oposición violenta, pero si unha forte resistencia que foi anulada pola forza que dentro do exército (que fora, xunto coa policía política, PIDE, o principal sostén da ditadura) do MFA. Agora mesmo lémbrome dun xeneral que a última hora e cando o triunfo do movemento cívico-militar xa estaba máis que cantado, un tal Antonio de Spinola, oposto a iniciar unha depuración do aparello do Estado, partidario de trocar todo para que nada trocara, foi apartado e destituído das súas responsabilidades.

Avances sociais traizoados

Certo que desde aquel feliz 25 de abril Portugal deu moitas voltas; e que moitas das conquistas acadadas nos primeiros anos da revolución foron esmorecendo ou fóronse perdendo por mor da alianza entre o dereitista Partido Socialdemocrata (PSD) e o Partido Socialista (PS) portugués; que as medidas tendentes a acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria presente nos primeiros pasos da revolución dos cravos foron esmorecendo ou foron soterradas polos distintos gobernos da dereita e pseudo-socialistas que encamiñaron Portugal cara a unha sociedade gobernada polas leis do mercado e da especulación, xerando as bolsas de pobreza e desigualdade inmensas que caracterizan a sociedade portuguesa ao día de hoxe. O camiño cara á sociedade igualitaria, no que nos anos iniciais do triunfo cívico-militar se deron con relativo éxito pese á pobreza e á desigualdade na que o réxime salazarista tiña sumido á sociedade portuguesa, foron desandados xa na segunda lexislatura de Mario Soares (que coincidencia; a segunda lexislatura, igual que o acelerón neoliberal do segundo goberno de Felipe González co PSOE).

Un aparello de Estado libre de fascistas.

Iso si, a persistencia e a forza do movemento popular portugués nacido do 25 de abril tivo como un gran logro que todas as instancias da administración e os órganos do Estado foran depurados de case todos os elementos que dalgún xeito estaban identificados polo seu apoio ao ditadores ou pola súa participación en procesos ou actividades de persecución daqueles cidadáns, de múltiples condicións e profesións, que se opoñían á ditadura e reclamaban o seu dereito a vivir en liberdade. O aparello xudicial quedou libre de xuíces fascistas, así como a milicia e a policía. Os membros da PIDE, policía política salazarista, foron perseguidos e xulgados polos seus crimes contra a humanidade; igualmente os empregados públicos significados por abusos contra a poboación foron expulsados e suspendidos das súas funcións. Academias militares e de policía foron rexidas por profesorado e direccións que impartiron a cultura da democracia e o respecto ás liberdades. O mesmo pasou nas universidades, nos centros de ensino básico e nos liceus onde non se ocultaron as barbaridades e crimes cometidos durante a ditadura salazarista, ensinando a historia real de Portugal e non a que a ditadura de Salazar criou a peto para xustificarse a si mesma. E nos xulgados se procedía en base a probas contrastadas e non en base a rumores de prensa, falsas novas e ideoloxía dos xuíces; e os casos de lawfare son case inexistentes.

Envexa (san) pola depuración do aparello de Estado.

Que envexa! Quen nos dera a nós!. Porque daqueles pos amasados  e sementados entre o lixo procedente do franquismo, o PSOE de Felipe González e o PCE de Santiago Carrillo, que permitiron a persistencia de elementos criminais e fascistas en todos os eidos do aparato do Estado,  temos estes lodos fascistas que hoxe invaden ao conxunto da poboación do Estado Español. O caso máis recente relacionado coa falta de depuración do estado franquista saltou no día de hoxe á opinión pública e afecta, nada máis e nada menos, que ao Presidente do Goberno do Estado.

À toda a parte chegam os vampiros
Poisam nos prédios poisam nas calçadas
Trazem no ventre despojos antigos
Mas nada os prende às vidas acabadas

Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada

                                                 (José Afonso-Vampiros, 1958)

 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...