Estamos a coñecer nestes últimos días
que as residencias de maiores están a sofrir unha incidencia moi
elevada dos contaxios por coronavirus, que afecta tanto ás persoas
residentes como ás traballadoras; aínda que con maior incidencia e
gravidade entre as primeiras. Non sei o que pasa no resto do Estado,
pero si o que se le que está a pasar nas residencias de Madrid e nas
residencias de Galiza; todas elas con graves problemas para os seus
residentes e para o persoal que está ao seu coidado. E todas elas
responsabilidade de consellerías baixo gobernos do Partido Popular.
O problema non é o
territorio, o problema é o Partido Popular.
A “chispa” saltou cando familiares de
residentes en distintos establecementos da Comunidade de Madrid
denunciaron aos medios o escurantismo das direccións de moitas desas
residencias, que non só non informaban do estado dos seus parentes
residentes, senón que (nalgúns casos) non deixaban que foran
visitados. A cousa quedou, momentaneamente, aí: nas crónicas
aparecidas en escasos medios de información; nin as autoridades
policiais ou xudiciais, nin as autoridades políticas da Comunidade
de Madrid tomaron cartas no asunto a pesares de ter a información
pública todos oos visos de veracidade (eran informacións
proporcionadas por medios que, pola conta que lles ten, contrastan
todo este tipo de novas). Aclarar que, como non podía ser doutra
forma a CC.AA. de Madrid está presidida por unha muller de claro
impronta franquista, pertencente ao Partido Popular, e o seu goberno
procede dun acordo entre ese partido e Ciudadanos, co apoio do
partido nazi-fascista Vox. Sinalar, tamén, que aínda non declarado
o estado de alarma si había indicacións das autoridades sanitarias
estatais e autonómicas para adoitar todas as precaucións e coidados
posibles diante do avance dos contaxios polo Coronavirus COVID-19,
detectado xa nos últimos días da semana que vai desde o 9 ata o 15
de marzo e con especial incidencia na Comunidade de Madrid.
Cousas similares están a suceder na
Galiza, onde máis do 77% das prazas residencias están
xestionadas por empresas privadas mimadas polas administracións da
Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijóo. Non se sabe
de denuncias de anciás aparecidos mortos nas súas habitacións das
residencias, pero si do escurantismo das empresas xa denunciado desde
hai moito tempo polos familiares de persoas residentes nas mesmas.
Como xa veremos, o alicerce dos graves
problemas que asolan aos residentes dos centros de maiores de Galiza
e Madrid e ás súas familias non é O COVID-19 en si mesmo; quizás
si sexa o problema máis grave dos moitos que sofren. Os problemas
están a ser denunciados, polo menos na Galiza (e supoño que outro
tanto en Madrid e no resto das comunidades onde eses indesexables
gobernan), desde que o Partido Popular decidiu que as residencias
eran un bo nicho de negocio xerador de múltiples beneficios e que,
por tanto, habería que privatizar as súas instalacións: se os
edificios eran públicos, poñelos ao dispor das empresas; se eran
acometidas novas construcións residenciais pola administración,
cedérllelos en xestión aos voitres; e, en ambos casos, concertar un
número escaso de prazas. Regalámosche as instalacións e
mercámosche parte delas. Iso si, manter un mínimo de prazas en
centros de titularidade pública ou concertadas para disimular; sobre
todo aquelas que puideran supoñer un maior nivel de gasto para esas
empresas, que para iso están os amigos.
É dicir, a alicerce do problema, aquí
e en Madrid é o Partido Popular. Como rezaba o título dun
excelente artigo publicado na revista electrónica CTXT-Contexto
y Acción o pasado día 29 de marzo, que levaba por título
“Aparcamiento
de Ancianos, S.A.”, neso se convirten as residencias de
maiores dos territorios xestionados polo partido de Núñez Feijóo,
Isabel Díaz Ayuso e Pablo Casado.
Mortos e presos nas
habitacións. Desprezo ás familias.
A pasada semana, a cousa nas residencias
de maiores madrileñas empezou a sobrepasar o límite do
tolerable cando o exército deu conta da aparición nun
establecemento residencial de mortos non declarados nas habitacións
e de persoas residentes pechadas e illadas nas súas habitacións
pouco menos que “ a la vaiche boa”. Ou doutra na que, agás unhas
poucas monxas que ficaron alí, o resto fuxira abandonando aos
residentes “a la buena de Dios” (quizá iso de deixalos na man do
seu xefe virtual veu determinado pola súa profesión e dependencia
xerárquica). Este non foi o único problema, foi nesa semana na que
se empezaron a coñecer multitude de casos de contaxiados polo
coronavirus no conxunto das residencias de Madrid, mortes de anciáns
incluídas, e os grandes problemas dos seus familiares para coñecer
o que acontecía cos seus parentes, chagando a saber que estaban
mortos sen ter con antelación novas de que estaban a padecer a
enfermidade por negalo o centro residencial ou por simple desleixo de
non comunicalo ás familias. Outros episodios narran o intento, antes
de ser coñecida a propagación do virus, de moitos deses centros
residenciais de tentar que as familias sacaran ao seus familiares e
os levaran para as súas casas baixo a súa responsabilidade.
Aquí, na Galiza, a lebre saltou a
finais da semana pasada, cando traballadores e traballadoras
deses centros residenciais denunciaron publicamente a existencia de
casos de infectadas polo COVID-19 nunha residencia de Compostela
xestionada por DomusVi; seguiron, posteriormente, numerosos casos
nunha residencia en Celanova e, mais tarde, na de Barreiro en Vigo e
na de Aldán en Cangas. Estas dúas últimas tamén xestionadas por
DomusVi, empresa multinacional cuxos maiores accionistas son un
adiñeirado francés e un fondo de investimento cuxos únicos
intereses radican en acadar o maior beneficio posible. Esta semana
xa se anunciaron un alto número de mortes entre os infectados. E
apareceron “novos” casos (ou xa existentes pero sen declarar,
non se sabe) en residencias da Fundación San Rosendo, emporio do
cura ladrón Benigno Moure na provincia de Ourense.
Tamén na Galiza os familiares das
persoas residentes quéixanse desde hai moito tempo tanto da falla de
transparencia das direccións dos centros como da falta de coidados e
persoal existentes nos mesmos.
Estes problemas, sobre todo o dos mortos
ocultos, provocaron que o conselleiro madrileño responsable do ramo
criticara ás direccións dos centros residenciais (maiormente
privados) pola irresponsabilidade e falla de profesionalidade. A
resposta da señora Ayuso, presidenta da CC.AA. de Madrid, foi
destituílo da súa responsabilidade e poñer a competencia
residencia nas mans do conselleiro pepeiro de sanidade. Hai que
sinalar que a barbaridade dos centros residenciais madrileños ten
unha responsabilidade clara: primeiro o Partido Popular, que foi quen
estivo dirixindo a políticas sobre as residencias de maiores desde
hai moitos anos que goberna en Madrid e que foi quen puxo eses
establecementos (de propiedade pública ou privada) xestionadas por
empresas pertencentes a fondos de investimento ás que o único que
parecía importarlle era a súa conta de resultados; despois, a
responsabilidade do conselleiro cesado desas función, de Ciudadanos,
por seguir coa política dos seus predecesores. Por suposto que a
decisión de Ayuso tivo consecuencias: o acrecentamento do
escurantismo sobre o alcance do COVID-19 neses centros e que a día
de hoxe a Comunidade de Madrid non especifique, dos infectados ou
mortos a consecuencia do coronavirus, proceden ou están en
establecementos residenciais de maiores.
Aquí na Galiza, non dimite ninguén
nin hai destitucións, pese á incompetencia sobradamente
demostrada pola responsable da Consellería de Política Social,
encargada do ramo. E é que tal parece que a connivencia,
permisividade e complicidade do Partido Popular coas empresas que
xestionan as prazas dos centros residenciais de maiores é total.
E certamente, eu estou convencido de que esa é a súa política.
Certo é que en Madrid a retirada de competencias sobre residencias
de maiores ao señor de Ciudadanos non foi debida á súa
incompetencia, senón que ese home puxera en cuestión a política
que sobre o tema estaba a seguir o Partido Popular. E as
mortes de residentes maiores supoñen case o 25% dos falecementos por
coronavirus na Galiza.
Persoal escaso e mal
pagado.
Esta é unha das constantes das
residencias de maiores na Galiza; tanto das públicas como, e sobre
todo, das privadas. Evidentemente entre estas últimas hai
diferencias, pero curiosamente son as que máis casos de coronavirus
presentan neste momento aquelas nas que os ratios residentes/persoal
son máis escasos. Eses sen-vergoñas que teñen uns cadros de
persoal ínfimos, que non dan para atender e coidar con dignidade aos
residentes; persoal ultra-explotado, con salarios de miseria e
contratos precarios; un inmenso continxente de traballadores e
traballadoras que, pese á súa entrega e boa vontade, por falta de
suficientes mans non son quen de dar a basto para atender aos maiores
como as súas familias desexarían. Traballadores e traballadoras
sometidas á chantaxe de ficar sen traballo no caso de denunciaren a
situación dos internos. E non só persoal xerocultor o que escasea
neses establecementos de propiedade ou xestión privada, senón que
tamén é escaso o persoal médico e de enfermería. Ten saído á
luz nestes tristes días, que nos centros de DomusVi non hai médico
nocturno, e nalgún nin enfermería nocturna, e do persoal xerocultos
fican dúas persoas para atender a centos de residentes pola noite.
Non se lle oculta a ninguén que, tanto
na Galiza como en Madrid, o número de traballadores e traballadoras
contaxiados de coronavirus nas residencias de maiores é moi elevado.
A falta de equipamentos de protección, tanto do persoal como dos
doentes sans, é practicamente inexistente. As empresas no teñen
dotado ao seu persoal nin aos seus residentes de medios de protección
pese a presencia dun alto número de casos habidos nos
establecementos e pese a estar residindo neles a poboación que ten
maior risco de contaxio e de mortalidade por causa de COVD-19. Pero
ese usureiros, negociantes sen escrúpulos, quéixanse de que o
Goberno, non a Xunta dos seus protectores, no lles facilita medios de
protección. Que fan con todos os cartos que sacan de cobrar as
prazas residenciais a un importe de entre 1.800 e 2500 euros? Acaso
non lles da para protexer aos seus residentes e ao seu persoal?
Evidentemente, este persoal desprotexido ten
as súas demandas e nos últimos tempos os seus representantessindicais teñen denunciado a súa situación, as carenciase a deficiente política da Xunta de Galicia diante da pandemia.
A falta de inspeccións
e a connivencia das Administracións.
Esas residencias de maiores, pese ás
continuas
denuncias dos familiares das persoas residentes, rara vez
reciben a visita dunha inspección en condicións por parte das
administracións públicas responsábeis de velar por que eses
establecementos cumpran os mínimos de persoal, instalacións e
actividades que a lei esixe que teñan. Ou polo menos non o parece. E
o digo eu con coñecemento de causa pois a miña nai estivo residindo
nun deses establecementos hai anos; e iso que non eran os tempos
duros que asolan aos residentes desde hai uns cinco anos para aquí,
cando se empezou a concentrar o negocio residencial en poucas mans; e
cando eses centros pasaron de ser fundamentalmente un caladoiro de
votos para o Partido Popular a ser un pingüe negocio privado
protexido polos gobernos autonómicos dese partido.
Residencias
xestionadas por xentalla sen escrúpulos, que o único no que pensan
é na ampliación dos seus beneficios económicos baseados,
fundamentalmente, nos cartos recibidos das administracións públicas,
administracións que coas súas ansias privatizadoras e
cunha perfecta complicidade cos obxectivos deses mata-vellos deixaron
o coidado dos maiores nas mans desa banda de senvergonzas que só
pensan en acumular riqueza persoal, aínda a costa de maltratar a un
colectivo que merece o mellor e o máis grande dos respectos.
Respecto que non recibe nin de moitas desas empresas xestionadas por
xentalla rastreira nin das administracións que teñen a obriga de
velar polo benestar dos e das residentes. Administracións que agora
tratan de agochar o alto índice de doentes con coronavirus e que
seguen priorizando a súa complicidade e connivencia con esas
empresas de almacenamento de vellos. E a Xunta de Galicia é
claramente cómplice e connivente coa patronal das residencias de
maiores, como denuncian traballadores e traballadoras de xeriátricos
e como se pode ler nun amplo artigo publicado no xornal Nós
Diario no día de onte;
artigo titulado así “A
connivencia da Xunta coa patronal das residencias”.