Menudo balbordo o
de onte, 21 de novembro de 2018, no Congreso dos Deputados. Foi nova
de portada en todos os medios de “información”; emisoras de
radio, televisión, xornais dixitais e, hoxe, xornais impresos
fixéronse eco do acontecido cando o deputado de Esquerra Republicana
de Catalunya (ERC), Gabriel Rufián, contestou con ton despectivo a
unha intervención insultante (chamoulle, entre outras lindezas,
“golpistas” aos nacionalistas cataláns) do
“Riverita”, aplicándolle a este o cualificativo, tamén entre outras
lindezas, de “fascista” (permítaseme que denomine
así ao presidente e voceiro de Ciudadanos Albert Rivera, ao cal non
sei se lle gustará; pero a min dáme o mesmo).
E
nisto falou Borrel.
Sen saber por onde
andaba, pois parece tal que oíu campás sen saber a que tocaban,
saíu o Borrel a pedirlle á Presidenta do Congreso que fixera
retirar a verba “racista”, verba que ninguén tiña
pronunciado. Parece que Borrel ou ben necesita un sonotone, ou ben
estaba alí por estar sen atender moito ao que no hemiciclo se falaba.
Rufián, que non cala, e ás veces as súas boas intencións fan que
se convirta nun bocas, alporizouse contra o Borrel
aplicándolle a el tamén o cualificativo de hooligan, e non
sei se tamén o de fascista, por estar moi implicado nesa
organización civil de tendencia ultranacionalista española chamada
Sociedad Civil Catalana, xunto con toda a caterva fascista, os
extremo- dereitistas de C's e do Partido Popular, por unha man chea de
xenófobos e por todos aqueles dirixentes sociais ou políticos (incluso
peruanos ou franceses de acollida, como Vargas Llosa -fracasado
aspirante á presidencia de Perú- ou Manuel Valls -fracasado
aspirante á presidencia francesa) que se distinguen por negar o
dereito dos pobos a decidir o seu destino e a utilizar e poñer en
valor aqueles elementos propios da súa cultura que os fai
efectivamente diferentes daqueles outros territorios cos que conxuntamente
forman un Estado; e algúns outros personaxes, tamén integrantes e primeiras
figuras desa Sociedade Civil Catalana, como o Riverita, a Arrimadas
ou o do PP de Cataluña, que se empeñan en negar o acceso a ese Estado
de persoas que proveñen doutros continentes ou doutros países e que
veñen á España en busca de medios para poder sobrevivir das
guerras ou das miserias aos que os someten os chamados países
desenvolvidos, entre eles os da Unión Europea que lles rouban as
súas materias primas a cambio de nada ou lle venden armas a outros
países para que os masacren. Quizás fora iso o que acendeu as
alarmas de Borrel cando coidou escoitar a non expresada verba
“racista”; non o sei.
E,
por malos, ficades censurados (vos e quen pretenda coñecervos no
futuro).
Á fin dos
rifi-rafes cruzados, dona Ana Pastor, despois de advertir tres
veces ao deputado de ERC, expulsouno da sala de sesións e mandou
retirar do diario de sesións as verbas “fascista”
e “golpista” previa filípica ao conxunto dos
deputados aos que ameazou con retirar dos diarios das sesións toda
esa caste de verbas; no sei se só as dúas mencionadas ou todas as
que estean considerados como de mala educación; nin tampouco se vai
ser da agora en diante ou vai ter efectos retroactivos (se é así,
vai a haber algún que interviña moito e que vai desaparecer das
actas. Ou non, Rafa?).
Vaia desde aquí o
meu desacordo coa decisión de Ana Pastor; iso falsifica o ambiente
real que se vive en cada momento socio-político no ámbito
parlamentario e no conxunto do país; e aínda que os que hoxe
vivimos non esperemos nada bo de moitos dos políticos que teñen un
escano no Congreso dos Deputados ou do Senado, as futuras xeracións
deben poder adiviñar e facerse unha idea o máis obxectiva posible
tanto das actitudes coma dos discursos e intervencións varias
habidas nas cámaras parlamentarias; así como do ambiente no que se
desenvolveron os debates. Imaxinen vostedes que estiveran censuradas
as intervencións de Felipe González antes do 1982, de Fernando
Sagaseta, de Aznar, ou de Labordeta; imaxinen igualmente que
desapareceran todos os insultos (moitos deles gravísimos) recibidos
desde as bancadas do Partido Popular por deputados como Labordeta,
Alfonso Guerra, Sagaseta, Julio Anguita ou outros moitos. Como
permitir que a historia se esqueza daquel “que se jodan”
pronunciado por unha deputada do Partido Popular valenciano dirixido
a un colectivo social desfavorecido como son os parados? Permitilo
sería un secuestro e unha falsificación da información e da historia. Ao mellor, tendo
en conta da procedencia da maioría dos insultos que se pronuncian
nesa cámara dos deputados (polo menos desde que se constituíron as
cortes post-franquistas) proceden das bancadas da extrema dereita,
podemos entender a decisión da Presidenta do Congreso pertencente ao
Grupo Popular coma un intento de salvar a impresentabilidade daqueles
deputados e deputadas dese grupo cuxo único nivel de argumentación
e intervención parlamentaria baséase nos insultos, apupos, aplausos
e asubiamentos.
Fascistas
e golpistas.
“Fascistas”
e “golpistas” foron as dúas motas de po que logo
convertéronse en lodo. Que teñen esas verbas que non teñan outras
tanto o máis inapropiadas e insultantes pronunciadas no mesmo foro
noutras ocasións?
Sen meterme en
connotacións de clase, fascistas é un cualificativo
ideolóxico que ten que ver con aquelas persoas ou colectivos que
admiran e demandan rexímes políticos de carácter autoritario,
liderados por unha persoa que actúa coma ditador, onde os
representantes políticos non son escollidos polos cidadáns (que
pasan a converterse en súbditos), onde os distintos cargos técnicos e políticos do Estado
non teñen nada que ver co mérito e capacidade das persoas, senón
co poder económico, social ou coas amizades que poidan ter as
persoas que os desenvolvan. Rexímes baseados na corrupción
xeneralizada en favor dos máis podentes, onde os que teñen a tixola
polo mango rouban obxectos e propiedades valiosas a quen non comunga
con eles ou non ten modo ou azos para facerlle fronte, ás veces
incluso roban a aqueles que comungan con eles. Rexímes onde a forza e a
existencia de persecucións policiais ás persoas que discrepan co
réxime político son pan de todos os días, incluso pasando pola
eliminación física ou encarceramento dos que pensan de forma
diferente.
Ás veces eses
rexímes están tinguidos dunha especie de verniz que pretende darlle
un carácter social (como o franquismo, o fascismo musoliniano ou o
nazismo alemán) pero no fondo o único que lles importa a quen os impulsa é enriquecerse e, dende o seu servizo aos grandes capitais
oligárquicos, aproveitarse do seu poder de coacción policial e
económica. Outras veces, hai rexímes fascistas aos que de todo o exposto só lles fallan os
transfondos ideolóxicos; nin sequera tratan de disimular o que son e o que queren;
serían os casos das múltiples ditaduras latinoamericanas (Pinochet,
Videla, Somoza, etc.).
Maiormente, esas
ditaduras fascistas instáuranse ao través de golpes de Estado, ben
desde movementos militares contrarios aos gobernos existentes (o
fascismo franquista ou o de Pinochet, por poñer dous exemplos), ben
desde as propias institucións recortando de forma consecutiva as
liberdades democráticas, como por exemplo o réxime nazi de Adolfo
Hitler.
O cualificativo de
“golpista” está referido a aqueles que desexan
trocar un réxime político de forma brusca e apoiándose na
violencia. A historia demostra, ata o momento, que a violencia deses
golpes é unha violencia apoiada nas armas seguidos de múltiples asasinatos e xuízos-farsa; e, normalmente, coa
participación dos exércitos regulares dos propios países nos que
se teñen dado golpes de Estado. Así ocorreu en todos os ata agora
mencionados, onde a participación activa dos exércitos liderados
por altos oficias faltantes á súa honra e aos seus xuramentos de
lealdade ás leis, deu lugar a réximes fascistas con todas as
características sinaladas nos parágrafos anteriores. O Chile de
Pinochet, a España de Franco, a Arxentina de Videla, a Nicaragua de
Somoza, a Italia de Musolini, a Francia de Petain,...; golpes todos
co obxectivo de rematar coas liberdades democráticas e que tiveron
coma consecuencia o asasinato de milleiros de persoas e de milleiros
de desaparecidos entre aquelas persoas significadas pola defensa das
liberdades ou simplemente en desacordo co réxime resultante.
Igualmente, foron golpistas os que en febreiro de 1981 alzáronse en armas, tomando o Congreso dos Deputados, as rúas de Valencia con tanques; e non se sabe cantas barbaridades máis e cantos personaxes máis houbo implicados, ocultos baixo aquel famoso "pacto do capó" que privou á sociedade dun obxectivo coñecemento do que pasara. É evidente que iso foi rebelión, sedición e golpismo; e que Pardo Zancada, Tejero, Muñecas e Milans del Bosch, os seus protagonistas máis coñecidos, son sediciosos, rebeldes e golpistas.
Igualmente, foron golpistas os que en febreiro de 1981 alzáronse en armas, tomando o Congreso dos Deputados, as rúas de Valencia con tanques; e non se sabe cantas barbaridades máis e cantos personaxes máis houbo implicados, ocultos baixo aquel famoso "pacto do capó" que privou á sociedade dun obxectivo coñecemento do que pasara. É evidente que iso foi rebelión, sedición e golpismo; e que Pardo Zancada, Tejero, Muñecas e Milans del Bosch, os seus protagonistas máis coñecidos, son sediciosos, rebeldes e golpistas.
Golpe de Estado
foi, tamén, o movemento dos militares portugueses do 25 de abril de
1974. Pero a diferencia dos golpes militares antes referidos,
liderados pola extrema dereita e apoiados polos partidos da dereita,
o golpe portugués foi un golpe incruento e destinado a restituír as
liberdades democráticas no veciño país. Os únicos perseguidos
como consecuencia dese movemento das forzas armadas de Portugal foron
aqueles policías políticos da PIDE que tiñan no seu haber crimes
perpetrados contra cidadáns polo simple feito de disentir do réxime
salazarista.
Evidentemente,
toda a comedia xerada arredor do denominado “proçés” catalá
pola dereita e a esquerda nacionalistas lexitimamente partidarias da
independencia de Cataluña non foi un golpe de Estado. Non houbo
violencia, non houbo armas, non houbo corpos armados que a apoiaran.
En suma, non houbo nada que suxira a existencia nin dun golpe de
Estado nin dun conato de tal. O único que houbo foi un desexo,
expresado de forma institucional, de que ese país se independizara
dos Estado Español; todo elo á vista de que quen dirixe o Estado
non permite que o pobo catalá poida expresar libremente e nas urnas
a súa opinión sobre o particular. Nin golpe de Estado, nin
rebelión, nin sedición por moito que o digan maxistrados do
tribunal supremo español, fiscais do Estado, avogados do Estado,
avogados de Vox, Riberita e Arrimadas de C's ou o Pablo Casado e o campeón de lanzamento de sos de aceitunas do
Partido Popular.
Máis arriba telo falado dos golpes militares cruentos que trouxeran
consigo a corrupción e os milleiros de asasinatos de opositores; todos eles tiveron o apoio das organizacións políticas dereitistas, agás poucas excepcións, dos respectivos Estados. A historia
nolo conta así; os partidos democrata-cristianos ou liberais
maioritariamente apoiaron os golpes de Estado da Italia de Musolini,
do Chile de Pinochet ou da Arxentina de Videla, por poñer os máis
coñecidos; a CEDA de Gil Robles apoiou o golpe de Estado de Franco
contra a Segunda República, ao igual que a Falange Española que
amais prestou a súa ideoloxía para o réxime franquista nos
primeiros anos da súa existencia.
Non cabe dúbida
de que aqueles, persoas ou organizacións, que son partidarios ou
non condenan eses golpes de Estado que rematan en rexímes autoritarios
poden ser tildados sen lugar a equívocos como fascistas. E isto é
curioso, porque os que se negan a condenar publicamente as
atrocidades e o golpismo de Franco son os mesmos que cualifican de
golpistas aos membros de ERC e do partido da dereita nacionalista de
Cataluña. Igualmente, moitos dos que hoxe tachan de "golpistas" aos independentistas cataláns, son os mesmos que tratan con reverencia aos golpistas do 23-F, cualificándoos de "teniente coronel", "general", "coronel", ... minusvalorando a gravidade da súa actuación pasada, devolvéndolle un rango militar que xa non teñen e tratándoos cun respecto que non merecen. Logo, realmente, no panorama político actual do Estado Español quen son os
golpistas ou que alentan aos golpistas?
O
galapo contra Borrel.
Outro dos
escándalos acontecidos no pleno do Congreso que deu lugar a esta
entrada no blogue foi o suposto esgarro propinado por un deputado de
ERC contra Borrel.
Conta Borrel que,
cando os deputados e deputadas de ERC abandonaron o hemiciclo en
protesta pola expulsión do seu compañeiro Gabriel Rufián, un deles
ao pasar pola súa fronte esgarrou contra el. O acusado e os seus
compañeiros négano.
Onte pola tarde,
no programa de debate da Sexta Mais Vale Tarde, puxeron de
forma repetida, a distintas velocidades e con imaxes tomadas desde
distintos ángulos do momento no que se deu a suposta agresión. E a
verdade que non se aprecia que tivera lugar o feito relatado polo
Ministro de Asuntos Exteriores; todo indica que Borrel mentiu, que
neste caso se comportou coma un perfecto mentireiro, que contou un conto.
Pero é máis.
Cales pensades que serían as reaccións dunha persoa no momento de
recibir un esgarrazo no propio corpo? Eu lémbrome de cando era
pequeno, de cando algún compañeiro xogando ou no recreo das escola
me galapaba; lembro que o primeiro que facía era poñer cara de asco
e levarme a manga do que tivera posto ao sitio onde me impactara a guarrada para
limparme; e, se non tiña manga, un pano. E o mesmo outros
compañeiros. Eran reaccións instintivas. Reaccións que a Borrel
non se lle viron en ningún momento.
Pero non só é
apreciación miña, senón xeneralizada segundo o escoitado hoxe en
diferentes emisoras de radio.