Amosando publicacións coa etiqueta Doazóns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Doazóns. Amosar todas as publicacións

04 abril 2020

Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19 (empresarios “peseteros” e individualistas, desalmados e elusores de tributos “benfeitores do público” ) (3)

O que se ensina dos empresarios nos institutos.
Nestes días de confinamento e coronavirus, nos que están saíndo a relucir a natureza real das persoas e dos colectivos, véñenme á cabeza os meus tempos aínda recentes de ensinante da materia de Economía da Empresa no segundo curso do Bacharelato; cando nos libros de texto da materia e nun dos seus primeiros temas enunciábanse as “funcións da empresa”. En xeral, todos os manuais da materia coincidían, á parte doutras funcións máis prosaicas, en dúas das funcións: a de “asignar rendas aos factores de produción (entre as que se incluían os salarios pagados aos seus empregados)” e a función social, entre as que se encontraba a de “crear riqueza para a sociedade” ao través dos impostos e do reparto das rendas entre os seus traballadores e traballadoras entre outras barbaridades que os autores lle asignaban á empresa. Estaba claro que todos eses libros de texto bebían de fontes máis gordas, creadas por economistas hoolingans da empresa e, desde logo, propagandistas das posicións ideolóxicas e propagandistas da economía ultraliberal. Amais, estes autores cando estaba claro para calquera observador, incluso non moi agudo, da realidade que iso era unha sarta de falsidades inventáronse aquilo da ética empresarial e da responsabilidade social da empresa (RSE), cortinas para tratar de tapar todo o lixo e a miseria social que a maior parte das empresas distribúen e un conxunto de contos integrables nas memorias anuais das grandes empresas nos que calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Por desgraza, e aínda non crendo e facendo constar o meu desacordo con o contido desas premisas propagandísticas (e, en xeral, de todo o contido relacionado coa empresa e a sociedade que se debía impartir nesa materia), non me quedaba outra que dicirlle ao alumnado que deberían aprender esa barbaridade e recitalo cal se foran loros porque esa cuestión era un clásico nas proba de acceso á universidade; e xa se sabe que o segundo curso de bacharelato, por desgraza para a sociedade, máis que un curso de formación é un curso de preparación para un exame onde se debe repetir certas cousas coma se de facer o loro se tratara e non vale iso de ser orixinal (non aparece nas “plantillas” de corrección). Como di un amigo meu: unha puta academia.
O empresariado real.
A realidade é outra. O empresariado usa aos traballadores e ás traballadoras ata onde lle son útiles para maximizar o seu beneficio (nisto de maximizar o beneficio si tiñan razón os manuais de economía) e cando as cousas non pintan ben desfanse deles coma se foran un pano de usar e tirar. Iso ocorre, incluso, aínda que saiban que ese baixón de actividade vai ser ou pode ser transitorio. Se quedaran co factor traballo (iso: factor traballo; coma se foran cousas e non persoas, que queda ben e moi técnico) e asumiran os seus custos o seu beneficio aínda que o houbera sería menor, polo tanto “mellor aparcalo e que sexa o Estado quen lle dea unha paga de mantemento; e cando se lle remate o subsidio de desemprego pois alá el ou ela, que busque traballo onde non o hai ou senón que roube (pero non a min, claro)”. Se puideran, moito empresariado tería sempre aos seus asalariados contratados só de luns a venres e despedidos para a fin de semana; xa o fan cos contratados por substitucións, tanto empresas como administracións públicas xestionadas polo Partido Popular. Porque xa se sabe que os asalariados e as súas familias só xantan cinco días á semana. Son así, chámanse empresarios.
En relación á función social pola súa contribución tributaria xa sabemos que neste país os únicos que declaran a totalidade dos seus ingresos son aqueles cuxa totalidade dos seus ingresos están suxeitos a nómina; que hai moitos patriotas empresarios traballan “en negro”, que tributan o menos que poden ben directamente, ao través do fraude ou utilizando a elusión fiscal. E que as máis das fortunas localizadas en paraísos fiscais son propiedade de empresarios, moitos deles recoñecidos empresarios patriotas españois.
E sabemos, tamén, que son moitos os bancos españois que traballan en paraísos fiscais, ben directamente ou ben ao través doutros establecementos do grupo situados en países estranxeiros (BBVA, Banco de Santander, Banco Sabadell,...); e loxicamente non o fan por deporte, senón porque os seus clientes máis importantes o demandan (e quizás tamén os seus propietarios ou directivos), clientes como a familia Borbón que vai polo mundo alardeando de patriotas españois pero que esquilman ao seu país todo o que poden. En fin, o Estado é coñecedor destes historias pero non as para, nin castiga aos seus autores, e tampouco pon os medios para que iso non ocorra, co cal convértese en cómplice. E o Estado non é un ente abstracto; son as persoas que forman parte dos gobernos, os secretarios de Estado, os altos cargos das administracións,... que están informados non só dos defraudadores que saen publicamente nos xornais e que tamén quedan impunes senón tamén doutros moitos que non saen nos “papeis”.
Empresariado e COVID-19.
Cando a explosión da expansión do coronavirus foise instalando no Estado Español, o goberno de Pedro Sánchez decretou o estado de alarma con efectos dos día 14 de marzo e por quince días. Este supuxo, por unha parte o confinamento domiciliario da cidadanía (agás aquela que debía cumprir coa súa actividade produtiva), e pola outra o peche dunha serie de actividades non consideradas básicas para o funcionamento económico, social e produtivo do país; evidentemente, entre estas actividades se encontraban aquelas que se presupoñía que eran focos de concentración de persoas e, polo tanto, de transmisión do COVID-19; pecharon restaurantes (agás os que proporcionan servizo a domicilio) e bares, pecharon comercios de roupa, establecementos de espectáculos, comercios de trebellos domésticos, etc, etc.
Pero permitíronse que abriran empresas nas que se concentran multitude de traballadores e traballadoras; onde as distancias que teñen que manter entre esas persoas dentro da cadea produtiva en numerosas ocasións é inferior ao metro e, polo tanto, focos de expansión da enfermidade tanto dentro como fora da empresa. Sábese que amais do desacordo dos sindicatos e da satisfacción do empresariado con esa limitación de actividades a paralizar, o que demostra a escasa conciencia social dos patróns neste país (e supoño que nos outros, coa diferencia de que noutros están máis controlados e menos mimados polo Estado). Tamén dentro do equipo gobernamental parece ser que había desacordo entre as tendencias máis liberaloides (representadas fundamentalmente pola Ministra de Economía e a Ministra de Facenda) e as máis sociais do mesmo.
Isto dábase nunha situación de escaseza no mercado de elementos de protección debido a unha escaseza de oferta e un alza tan importante e instantánea da súa demanda, por unha banda; e a falta de estrutura industrial para producilos e a dependencia das importacións para a súa obtención, pola outra; todo elo nun contexto internacional de competencia entre empresas por xunto e entre estados para facerse con eles no único mercado, o chinés, onde parecía haber capacidade de produción deses elementos. E iso sen contar cos empresarios españois desaprehensivos e delincuentes sociais que ocultaron as súas existencias deses equipamentos coa clara finalidade de poder especular con elas nun mercado preocupado pola seguridade persoal.
Máis esas medidas iniciais do goberno do Estado, aínda que necesarias, foron incompletas; sobre todo no ámbito da protección dos traballadores e traballadoras. Moitos empresarios que a vían vir xa procederan a despedir masivamente (ao través de EREs ou finalización de contratos) aos seus asalariados. Catro días maís tarde da declaración do Estado de alarma, o 17 de marzo, foi cando o goberno regulou a figura dos Expedientes de Regulamentación Temporal de Emprego (ERTE) e a obriga de adaptación da xornada para as familias no que ambos membros da parella exerceran a súa actividade nalgunha das que se mantiñan. Nese tempo, os empresarios xa fixeran estragos cos seus cadros de persoal; moitos deles prevendo o que ía pasar e sabendo que a súa actividade no sector servizos dependería do turismo e da presenza nas rúas da cidadanía. A lexislación de protección dos traballadores chegou tarde. Non así a de protección dos empresarios que tiñan que cesar na súa actividade, por moi mornas que esta foran.
Existen numerosas denuncias sindicais advirten de múltiples irregularidades cometidas polas empresas no despedimento dos seus traballadores e traballadoras coa escusa do COVID-19. É evidente que ese patente desinterese pola saúde dos traballadores e traballadoras, así como de que estes por mor de ter que ir á fábrica poidan manter a cadea de contaxio fora dela, nos indioca que o empresariado deste país, na súa maior parte, está composto por persoas socialmente indesexables ás que só lle importa a súa conta de resultados e os beneficios que poida ter; outras consideracións como a saúde dos seus asalariados ou a miseria que coas súas medidas poida xerar nas familias daqueles tráenos ao pairo. O que quer é acumular; incluso nas épocas nas que debería compartir.
Porque non estou a falar do pequeno empresariado ou do traballo autónomo (a estes últimos dedicarémos un apartado especial, porque a este colectivo hai que botarlle de comer á parte). Estou a falar do gran empresariado, do que fala pola boca do Presidente da CEOE ou da CEPYME, que para nada son pequenos empresarios por moito que algunha sigla ou as leis fiscais de clasificación das empresas o signifiquen.
Coa ampliación do Estado de alarma e a subseguinte suspensión de todas as actividades realmente non esenciais, esta vez si coa promulgación de medidas de defensa dos traballadores e traballadoras á par, deu unha mostra máis fiel do que é o empresariado español e do que son os seus aliados mediáticos (ABC, El País, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Español, Cadena SER,...) e supostos equipos de estudos económicos que pululan polo país (equipos de estudos bancarios, equipos de estudos de universidades privadas, FEDEA,...).
A primeira reacción do empresariado, anunciada polos voceiros de CEOE e CEPYME, foi opoñerse ás de ampliación das actividades suspendidas, pese a que esa ampliación só ía ata o mércores da chamada semana santa, o que mostra a natureza rancia e insolidaria da maioría do empresariado deste país.
Podemos resumir a actitude do gran empresariado e dos seus voceiros mediáticos coma un grande cabreo, moitas veces disfrazado de estudo concienciudo, por ser forzado a parar a actividade e a manter aos seus empregados, empregadas e persoas coas que estes se relacionan fora da empresa a salvo de contaxios; e, por riba, salvando os postos de traballo e sen perda de dereitos laborais. E iso pese a que as horas perdidas deben recuperalas ao longo do ano. Iso da obriga de manter vixentes os contratos laborais, de non poder desfacerse polo tempo que quixeran dos seus traballadores e traballadoras, sobre todo daqueles e daquelas con máis antigüidade na empresa aos que non van poder substituír por outras persoas contratadas en precariedade e con baixos salarios... Iso non vai con eles. Amais, iso das “vacas fracas” só é para os outros, non para eles.
Empresariado “benefactor”.
Outra das “lindezas” desta situación “coronavírica” é o rexurdir do “empresariado benefactor e altruista”.
Curiosamente son as grandes empresas. Son das que maiormente teñen aos seus traballadores e traballadoras con unha situación laboral máis precaria; as que teñen deslocalizada a súa produción en terceiros países con man de obra escrava podendo ter creado tecido produtivo no seu país; aqueles empresarios aos que non lles tremeu a man para deixar na ruína e colgadas por créditos e préstamos a multitude de traballadoras agrupadas en cooperativas porque xa non lles servían para acrecentar aínda máis a súa riqueza; aquelas empresas ás que non lle treme a man para cortarlle a luz ou o gas a persoas e familias con escasos recursos económicos; ou aqueloutras que promoven e promoveron o desafiuzamento de familias enteiras dos seus fogares. Queren, estas empresas e este empresariado, mostrarse agora á sociedade como grandes benfeitoras da sociedade diante da situación de pandemia que estamos a vivir. Coa posta ao dispor dos gobernos (sobre todo dos que están de man) do sistema loxístico por parte dalgún importante empresario que ten deslocalizada parte da produción en china, ou coa doazón de máscaras de protección e respiradores e outras cousas necesarias nestes duros momentos. Empresas téxtiles, compañías eléctricas, comercializadoras ou produtoras de gas e petróleo, bancos..., e non sei cantas máis.
Igualmente, as empresas que amosan o seu dispor a ser xenerosas atrasando cobros ou non cortando subministracións por falta de pagamento (coa lei na man, remedio lles queda se quen non paga son familias ou pequenos empresarios abafados por esta crise sanitaria e económica aos que antes cortábanlle as subministracións sen ningunha contemplación). Iso si, aos pequenos empresarios que quixeren darse de baixa temporalmente e sen custos por falta de actividade néganlle esa posibilidade, segundo teñen denunciado algunha das persoas afectadas (polo menos algunha das máis importantes subministradoras na Galiza). A cota de potencia é a cota de potencia, aínda que veña con atraso; e nun negocio aberto de atención ao público como restaurante, cafetería, bar, comercio,... O importe desa cota pode ser cuantioso aínda que teña que manter as súas portas pechadas por unha situación de emerxencia sanitaria.
E non é que eu estea en contra de que empresas poidan dar facilidades a clientes ou que poidan doar materiais ao sector público. O que si sei é que non o fan por altruísmo; que, como mínimo, esas operacións forman parte das políticas de promoción ao través das relacións públicas desas empresas. E, de paso e se cadra, obter bonificacións fiscais. O que si me parece é que o sector público non debe depender na vida corrente desas doazóns para poder ter uns servizos públicos en condicións; pero iso non vai coas políticas económicas de carácter liberal. Os políticos neoliberais e liberais prefiren dotar ao exército de xoguetiños cos que enredar a dotar aos hospitais ou aos centros de ensino público de elementos inmobiliarios e orzamentos de funcionamento ou de máis prazas coas que atender á poboación.
Posiblemente fora máis enriquecedor das arcas públicas, e polo tanto para o conxunto da poboación, que todas esas empresas non utilizaran mecanismos de elusión fiscal ou outros menos nombrables como mecanismo para obter vantaxes fiscais. Sería moito mellor que non facturaran desde Holanda ou desde Irlanda. Ou que non utilizaran a contabilidade creativa para simular un beneficio menor do real. Sería, igualmente, moito mellor para todo o país e para os seus cidadáns que non funcionaran en réxime de oligopolio e non pactaran prezos dos seus produtos (como xa ten demostrado e sancionado un organismo nada sospeitoso de estar a prol dos consumidores como é a Comisión Nacional del Mercado y la Competencia -CNMC- coas empresas eléctricas e con determinadas entidades bancarias). Igualmente, sería socialmente máis necesario e mellor que mantiveran as plantas de produción no país, polo menos as necesarias para afrontar a demanda interna. Pero non optan por esas vías; son insaciables.
Se queremos ver un intereante video de propina sobre deslocalización na industria téxtil que ten por título Fios fora e está producido por Illa Bufarda, podemos facelo pulsando a seguinte ligazón: https://vimeo.com/193701763
 O empresariado autónomo.
Xa o dicía o meu pai, que era comerciante e autónomo: “o empresariado autónomo é unha figura que non está ben contemplada na lexislación; se nos trata como se fóramos empresarios grandes ou medianos e non como traballadores, que é o que realmente somos”. E seguía: “o que eu non acabo de comprender é como toda esa caterva de mamarrachos que son traballadores coma min -a maior parte dos autónomos- vota á dereita, que é quen nos abrasa coas súas medidas que só favorecen aos grandes”. De feito, e mentres non se xubilou, o meu pai tiña, cada dous por tres, desacordos co resto dos comerciantes autónomos da súa vila: que si el pechaba os sábados pola tarde e o resto non quería, que si el collía “vacacións de tarde” durante un mes de verán ao ano e os demais non querían facelo,... Nin que o meu pai quixera obrigalos; facía o que coidaba conveniente e punto; collía o touro polos cornos, e aínda cun empregado asalariado tíñase por traballador non por empresario; e o que era peor, nas eleccións votaba pola esquerda. Intolerable para a maioría do “empresariado” autónomo da súa vila.
E ese é o problema, que andan aos ditados da gran patronal, da dereita franquista liberal ou da demagoxia da extrema dereita do partido nazi-fascista. Non acaban de aprender que é esa dereita a que abusa deles e a que os aboca aos apuros económicos polos que pasan. Non se decatan que durante a crise de 2008 as medidas, os recortes e as facilidades para as grandes empresas de distribución e intermediarias promulgadas polos gobernos de Mariano Rajoy foron as causantes do peche de numerosas pequenas empresas e pequenos comercios; que foron moreas oos que non puideron subsistir contra os embates das grandes empresas, que moitos tiveron que pechar as portas ou quedar na ruína, que tiveron que ver como eran desafiuzados das súas vivendas ou como a banca, beneficiada polo Partido Popular, lles expropiaba todo o expropiable. E tampouco se decataron que as confederacións de grandes empresarios, CEOE e CEPYME, non moveron un dedo por eles; que a eses os traballadores autónomos non lles preocupan e que só os utilizan cando eles se senten prexudicados.
E se queixan. Eu entendo que moitos dos pequenos negocios van telo cru para subsistir e que foron moitas as horas de traballo e sacrificios que os seus propietarios puxeron en tirar cara adiante; entendo que as axudas previstas nos distintos decretos e leis xurdidos durante o estado de alarma non van cubrir o nivel que previamente tiñan os seus negocios. E menos aqueles con inicio de actividades recente, que posiblemente non poderán nin subsistir; da mesma forma que moitos postos de traballo tampouco poderán subsistir, sobre todo se non hai un control intensivo por parte da administración van ser vítimas do fraude empresarial. Sen embargo, polo menos e aínda que non sexa desexable que cheguen a esa situación, os traballadores e traballadoras autónomas van ter algo que durante os anos de gobernos da dereita e do pesoerismo liberaloide non tiveron: un seguro de desemprego. Limitado, pero un seguro.
Quéixanse estes días de que teñen que facer as declaracións de marzo. Normal que as teñan que facer. Non foi ata finais de marzo cando se viron obrigados a pechar os seus negocios. Por que van ter que ser eximidos de contribuír ata esa data das súas obrigas fiscais? De todas formas estableceuse unha moratoria bastante longa para que cumpran con esa obriga. Que se queixan das cotas de autónomos, que cotizan máis que un traballador asalariado? Normal; cotizan pola empresa e por se mesmos como traballadores. Igual que antes, con Felipe González, Aznar, Zapatero e Mariano Rajoy; pero agora cubertos con seguro de desemprego. Que deberían tributar polos resultados reais do seu negocio e non por indicios? Certo, non é o mesmo un bar que factura 150 euros diarios que un que factura 2.300, aínda que teñan a mesma superficie e o mesmo número de mesas. E iso debería estar arranxado. Por que non falan co seu asesor fiscal e, en lugar de acollerse a unha estimación obxectiva, non empezan a tributar por estimación directa? Claro que ao asesor élle máis cómodo facer os mesmos papeis todos os meses, pero pode haber casos nos que ao empresario poida saírlle mellor trocar a modalidade de tributación aínda que para elo teña que ter máis coidado dos papeis; pero para iso paga a un asesor.
En fin, aos autónomos (polo menos á meirande parte) que lles dean. Que seguen votando á dereita e querendo ser empresarios cando na realidade son traballadores?. Pois que lles dean a eses descastados.
E se a alguén parécelle mal, dicir que so expresei o que penso. E que me baseo en informacións xornalísticas, radiofónicas, sindicais, na miña formación e na miña experiencia da vida. Se molesta, pois iso.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...