Amosando publicacións coa etiqueta Eléctricas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eléctricas. Amosar todas as publicacións

10 outubro 2021

Roubos Consentidos (I): O Roubo Eléctrico

 

Este artigo empezou a parirse o martes 10 de agosto de 2021e hoxe (xa choveu dende aquela) xa é un día de mediados do mes de novembro. Nun principio ía tomar a forma de “carta aberta” ao Presidente Sánchez, mais as cousas torcéronse e un artigo que ía ser feito para o curto prazo (por motivos que non ven ao caso explicitar) alongouse no tempo da súa confección. Xa que logo, reiniciamos a mesmo e imos dividilo en varias partes que irán publicándose a medida que o meu maxín e a miña impericia redactora o determinen. Imos aló.

Que entendo por “roubos consentidos”?

Durante os últimos tempos estamos asistindo a unha onda de roubos sen precedentes perpetrados contra a maioría da cidadanía do Estado Español. E cando falo de roubos non estou a falar dos contemplados coma tales no Código Penal español; da mesma forma que cando fale de ladróns non me referirei ao modelo de tal figura descrito no citado código, senón aos coñecidos popularmente como ladróns “de luva branca”, ou “de colo branco” cuxas actividades non son obxecto de tratamento, nin de asignación de procesamentos ou penas polos diferentes códigos lexislativos nin por parte de xuíces ou xuízas, pero cuxas actividades non delitivas si son altamente antisociais e teñen uns efectos altamente destrutores sobre o conxunto da sociedade, sobre todo sobre aquelas persoas que teñen unha menor capacidade económica e de resistencia diante deste tipo de roubos masivos.

Tampouco voume referir a outro tipo de agresións á poboación perpetrado polos mesmos suxeitos e coas mesmas condicións legais, como poden ser os atentados contra a natureza por diferentes vías e que condicionan os futuro da humanidade e dos humanos descendentes dos que hoxe poboamos a Terra e tamén, polo tanto, dos da Península Ibérica. Vou, simplemente, a referirme a aqueles roubos perpetrados pola vía dos prezos e que teñen consecuencias negativas inmediatas na vida da cidadanía.

Sabemos, polas teorías da mercadotecnia, que tanto lles gustan aos perpetradores destes roubos legalizados, que unha variación no prezo ten un efecto case inmediato no consumo dun produto). E que cando ese produto é de primeira necesidade o que descende é o consumo doutros que forman parte da cesta da compra; ou, no caso de que a cesta da compra se limite a produtos imprescindibles, se prescinde do seu pagamento ou consumo. Isto é o que está a pasar nun territorio, España, no que a meirande parte dos fogares non dan chegado a fin de mes, incluso aqueles cuxos membros gozan dun traballo remunerado.

Unha característica destes “roubos” ou “malos tratos” non perseguidos nin penados polas leis é que todos eles contan coa complicidade pasiva, cando non activa , das diferentes administracións públicas, que en lugar de defender á cidadanía ben miran para outro lado ou ben apoian decidida e lexislativamente tales desmáns (como, por exemplo, as desfeitas provocadas no sistema natural galego, incluso na Rede Natura, pola prevista invasión das eólicas).

De seguido imos ir paso a paso polos principais focos de roubo de luva branca aos que nos vemos sometidos os e as cidadáns; roubos contra os que, para evitalos, sentímonos impotentes debido a quen quen pode e debera evitar esa situación non actúa nin coa contundencia necesaria nin coa contundencia medio pensionista. Máis ben bota balóns fora e amosa unha mal disimulada e indignante compracencia coa situación. 


 

As eléctricas, sobre todo, e as enerxéticas en xeral.

Róubannos as eléctricas; e nos últimos tempos cunha agresividade prolongada e intensidade aumentada por días; a factura da luz é cada mes máis cara. Parece ser que debido ao sistema de fixación de prezos, onde as empresas produtoras de luz se amañan para facer que na puxa diaria o prezo da enerxía que venden ás empresas comercializadoras (a maior parte delas son empresas participadas maioritariamente ou totalmente pola propias produtoras) estea fixado polo proceso de obtención máis custoso, aínda que este teña unha mínima participación na produción total acadada. Un verdadeiro despropósito e un verdadeiro roubo ás persoas consumidoras. Igualmente, segundo denunciaban días atrás en varios lugares de Zamora, Extremadura e,tamérn, na Galiza, baleiran embalses para cobrar enerxía de baixo custo de produción a custo de enerxía de coxeración con gas natural. Un funcionamento indecente e que parece concertado entre todas as produtoras, nun réxime de total e impune oligopolio. E a CNMC ? Acaso mirando a ver se pasa algún burro voando? E a Unión Europea “dos cidadáns”? Pois a UE ao servizo dos monopolios e a gran burguesía, que é a súa vocación desde o Tratado de Lisboa para aquí.

E a ministra do ramo, o 12 de agosto na Cadena SER, botando pelotas fora coma si a cousa non fora con ela; que se Europa, que se as produtoras, que se o sistema de fixación dos prezos, que se Putin, que se cando caduquen as concesións empresa pública de hidráulica (cando xa nos teñan espremidas as eléctricas, acaso?), botando pola boca para fora: bla, bla, bla, bla... Ah! E os consellos de administración das eléctricas acollen no seu seo a ex-membros de distintos gobernos desta democracia (post-franquista ?) xunto cos procedentes das familias franquistas de toda a vida. É o que teñen as portas xiratorias que non se dan tapiado dunha vez por todas. Eu non sei si a ministra ou alguén que manda máis que ela no Consello de Ministros aspira a formar parte da colección amosada por Cristina Fallarás no seu excelente artigo “Aquí va su triste leyenda, vicepresidenta Ribera”, editado por Público pasado 14 de agosto. O certo que a defensa dos consumidores que está a facer este autodenominado “goberno progresista” é moi pobre, por non dicir nulo. Neste aspecto do prezo electricidade máis parece un goberno ao servizo do oligopolio eléctrico que ao servizo da maioría da poboación; non podo evitalo e cada vez máis venme á cabeza ese lema amplamente difundido de “PSOE, PP, a mesma m_ _ _ _ _ é”. Pero claro, iso xa o sabía eu desde o segundo goberno de Felipe González.

E o mesmo pasa cos prezos dos combustibles de automoción, que curiosamente soben cando se intúen mobilizacións masivas de automóbiles. Quizás será que o prezo internacional do petróleo sube en función das vacacións dos españois. Os recursos argumentais “económicos” cos que se escusan enerxéticos e politiquiños de tres ao carto non é nada críbel.

Outro tanto pasa co gas natural ou o butano, uns elementos de primeira necesidade para multitude de familias, cuxo prezo aumenta sen parar día tras día. E que o goberno non me conte “macanas” como as da súa ministra na entrevista radiofónica mencionada, que dicía que eles non dirixían a Putin para que puidera baixar o prezo do gas natural.

Supoño que no resto da Europa teñen os mesmos custos máis os prezos son inferiores (agás en Portugal); posiblemente os empresarios son menos piratas e menos ladróns que os da Península Ibérica. En fin aos do oligopolio eléctrico non lles chega con foder o medio ambiente con presas, mini-centrais, eólicas e outras barbaridades non sustentables, que ademais esquilman os petos da cidadanía con total impunidade.

Teño que lembrar que recentemente o Goberno do Estado accedeu a que un fondo voitre fixera unha OPA sobre Naturgy, con todo o que iso pode implicar non só para o futuro enerxético e a sobrevivencia e mantemento técnico da empresa e as súas instalacións físicas de cuxo correcto mantemento depende a supervivencia física de numerosas poboacións. Estou a pensar, por exemplo, nos núcleos poboacionais das concas do Sil e do Miño onde o bo mantemento dos encoros é esencial para evitar desastres. E supoño que como estes haberá moitos outros.

Porque non unha empresa pública de enerxía que actúe no mercado como modo de regular a competencia e moderar as salvaxes fames de beneficio dos actuais actuantes nel? E que ninguén me diga que Europa non o permite, porque iso sería unha falsidade coma un piano de grande.

O próximo “roubo consentido” do que falarei (non sei cando) será o practicado polas entidades bancarias.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...