No
céu cinzento sob o astro mudo
Batendo as asas pela noite calada
Vêm em bandos com pés veludo
Chupar o sangue fresco da manada
Eles
comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
(Jose Afonso – Vampiros, 1958)
Os caraveis e os fusís
Hoxe cúmprense medio século da “Revoluçao dos Cravos” (Revolución dos Caraveis), 50 anos desque os militares demócratas portugueses, agrupados no Movimento das Forças Armadas (MFA), puxéronse do lado da maioría da poboación, formando un movemento cívico-militar, e decidiron rematar coa ditadura de Marcelo Caetano, sucesor de Antonio de Oliveira Salazar, impulsor da citada ditadura baixo o apelativo de Estado Novo. A diferenza dos clásicos golpes de Estado militares, o alzamento antiditatorial da MFA non foi cruento, nin dirixido a un simple troco de persoas no poder. Foi un golpe dirixido a establecer as liberdades democráticas en Portugal e a procurar que o poder real residira na cidadanía, así como a depurar o aparato do Estado portugués (policía, xudicatura, exército, administración, etc.) de todos aqueles elementos cómplices activos ou pasivos da ditadura salazarista.
Non cabe dúbida de que nos seus primeiros momentos, o salazarismo opuxo resistencia a ser despoxado dos seus privilexios; non foi unha oposición violenta, pero si unha forte resistencia que foi anulada pola forza que dentro do exército (que fora, xunto coa policía política, PIDE, o principal sostén da ditadura) do MFA. Agora mesmo lémbrome dun xeneral que a última hora e cando o triunfo do movemento cívico-militar xa estaba máis que cantado, un tal Antonio de Spinola, oposto a iniciar unha depuración do aparello do Estado, partidario de trocar todo para que nada trocara, foi apartado e destituído das súas responsabilidades.
Avances sociais traizoados.
Certo que desde aquel feliz 25 de abril Portugal deu moitas voltas; e que moitas das conquistas acadadas nos primeiros anos da revolución foron esmorecendo ou fóronse perdendo por mor da alianza entre o dereitista Partido Socialdemocrata (PSD) e o Partido Socialista (PS) portugués; que as medidas tendentes a acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria presente nos primeiros pasos da revolución dos cravos foron esmorecendo ou foron soterradas polos distintos gobernos da dereita e pseudo-socialistas que encamiñaron Portugal cara a unha sociedade gobernada polas leis do mercado e da especulación, xerando as bolsas de pobreza e desigualdade inmensas que caracterizan a sociedade portuguesa ao día de hoxe. O camiño cara á sociedade igualitaria, no que nos anos iniciais do triunfo cívico-militar se deron con relativo éxito pese á pobreza e á desigualdade na que o réxime salazarista tiña sumido á sociedade portuguesa, foron desandados xa na segunda lexislatura de Mario Soares (que coincidencia; a segunda lexislatura, igual que o acelerón neoliberal do segundo goberno de Felipe González co PSOE).
Un aparello de Estado libre de fascistas.
Iso si, a persistencia e a forza do movemento popular portugués nacido do 25 de abril tivo como un gran logro que todas as instancias da administración e os órganos do Estado foran depurados de case todos os elementos que dalgún xeito estaban identificados polo seu apoio ao ditadores ou pola súa participación en procesos ou actividades de persecución daqueles cidadáns, de múltiples condicións e profesións, que se opoñían á ditadura e reclamaban o seu dereito a vivir en liberdade. O aparello xudicial quedou libre de xuíces fascistas, así como a milicia e a policía. Os membros da PIDE, policía política salazarista, foron perseguidos e xulgados polos seus crimes contra a humanidade; igualmente os empregados públicos significados por abusos contra a poboación foron expulsados e suspendidos das súas funcións. Academias militares e de policía foron rexidas por profesorado e direccións que impartiron a cultura da democracia e o respecto ás liberdades. O mesmo pasou nas universidades, nos centros de ensino básico e nos liceus onde non se ocultaron as barbaridades e crimes cometidos durante a ditadura salazarista, ensinando a historia real de Portugal e non a que a ditadura de Salazar criou a peto para xustificarse a si mesma. E nos xulgados se procedía en base a probas contrastadas e non en base a rumores de prensa, falsas novas e ideoloxía dos xuíces; e os casos de lawfare son case inexistentes.
Envexa (san) pola depuración do aparello de Estado.
Que envexa! Quen nos dera a nós!. Porque daqueles pos amasados e sementados entre o lixo procedente do franquismo, o PSOE de Felipe González e o PCE de Santiago Carrillo, que permitiron a persistencia de elementos criminais e fascistas en todos os eidos do aparato do Estado, temos estes lodos fascistas que hoxe invaden ao conxunto da poboación do Estado Español. O caso máis recente relacionado coa falta de depuración do estado franquista saltou no día de hoxe á opinión pública e afecta, nada máis e nada menos, que ao Presidente do Goberno do Estado.
À
toda a parte chegam os vampiros
Poisam nos prédios poisam nas calçadas
Trazem no ventre despojos antigos
Mas nada os prende às vidas acabadas
Eles
comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
