Amosando publicacións coa etiqueta Patriarcado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Patriarcado. Amosar todas as publicacións

04 marzo 2019

Vivan as mulleres!



Por que “vivan”? Vexamos: a) Vivan: terceira persoa do plural presente de subxuntivo do verbo vivir; b) Vivan: Exaltación de alegría, de entusiasmo, referido a máis dun suxeito ou obxecto.
Podería interpretarse que, dada a situación pola que nos últimos tempos están a pasar as mulleres por mor da violencia machista, como a primeira acepción das sinaladas. Non é que eu non desexe a vida para as mulleres, que non é así (como tampouco lle desexo a morte a ningún ser humano); pero, neste caso, non é así; senón que é unha expresión de alegría dirixida ao colectivo de mulleres polo seu firme propósito de liberarse das cadeas coa que a ideoloxía patriarcal pretende mantelas escravizadas e amordazadas.

Unhas cadeas patriarcais que, despois do éxito mundial da folga de mulleres do oito de marzo do pasado ano, os ideólogos do patriarcado e as súas expresións políticas están a tratar de manter firmes e ben firmes. Se ben o ano pasado partidos coma o Partido Popular ou Ciudadanos, defensores a morte dos principios básicos da sociedade patriarcal, non se puxeron frontalmente en contra a mobilización feminista, incluso falando do tema coma se fora unha “ocorrencia simpática”, este ano o seu discurso xa ten trocado de lugar e ten un denominador común: a condena da folga en si mesma, como corresponde ás expresións políticas dos intereses dos grandes empresarios e dos banqueiros, e unha defensa do papel que tradicionalmente as sociedades machistas atribúen ás mulleres, de subordinadas aos intereses e aos desexos dos varóns e, por ende e sobre todo, do mercado. 

Pero non son unicamente o Partido Popular e Ciudadanos os que están a amosar as súas facianas máis machistas e patriarcais. A estes temos que lles xuntar os partidos nazi-fascistas coma Vox cuxa concepción da muller vai moito máis alá das funcións que lles atribúen as distintas relixións monoteístas (que, dito sexa de paso e sen pararme máis, queren que as mulleres permanezan ancoradas na súa situación de escravas domésticas e de reprodutoras de nenos e nenas, sen dereito a decidir sobre a súa vida e o seu corpo). Estes nazi-fascistas, de forma indirecta, sen especificar claramente (por se as leis) e coas súas retro-reivindicacións explícitas, inclúen entre o papel que atribúen ás mulleres o de vítimas dos malos tratos machistas, o papel de obxecto de desfrute sexual en beneficio exclusivo dos varóns e a negación do dereito a manifestar as propias orientacións sexuais. Ben, na realidade, temos que aseverar que estes neonazis non só son machistas empedernidos contra a muller en todos os seus peores aspectos, senón que son homófobos declarados (aínda que moitos deles e delas na súa privacidade manteñan hábitos incompatíbeis con aquelo que predican, como corresponde ao fascismo dito sexa de paso) e inimigos de todo aquilo que poida suxerir LGTBI, incluíndo a posibilidade de que persoas do mesmo sexo poidan, se así o queren, institucionalizar legalmente a súa situación de parella mediante o matrimonio ou a súa inclusión nos rexistros civís coma parella de feito; e non falemos xa da posibilidade de adoitar ...porque aí si que saltarían chispas.
 

Onte, tres de marzo, mentres milleiros de mulleres e homes so botaban á rúa convocadas polas organizacións feministas (na Galiza por Galegas8M, en Lugo, baixo o lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista”) para rebelarse contra a súa opresión, coma un primeiro paso para a esperemos exitosa folga do próximo 8 de marzo, os tres partidos da dereita extrema en diferentes graos (Partido Popular, Ciudadanos e Vox) participaban en diferentes actos amosando un compoñente declaradamente machista.

Os voceiros de Vox nunha manifestación promovida por asociacións de cazadores e organizacións diversas para protestar polas limitacións á caza impulsadas desde a Xunta de Castela e León (curiosamente do PP). Alí estaban os de Vox baixo a escusa da defensa da “cultura española” de torturar animais en prazas de touros e en cacerías diversas, coma a do zorro na Galiza apoiada pola Xunta de Feijóo, sen control e sen obxectivos que vaian máis alá do pracer a costa do sufrimento dos animais. Nese acto participaban os defensores do gran negocio de armas e disfraces vinculados á caza, así como cidadáns pertencentes a vilas e pobos cun nivel cultural achegado ao terceiromundismo, cidadáns vítimas entre outras cousas da falta de interese dos gobernantes pola potenciación dun ensino de calidade, crítico, ecolóxico, non machista e ligado á cultura e non á incultura do asasinato de animais indefensos.

Noutro lado, coido que na Coruña e para os de La Coru, estaba Pablo Casado y de las JONS cun discurso netamente machista e patriarcal ao referirse á problemática da muller e ao seu papel e funcións na sociedade. Un discurso na liña do máis obtuso dos últimos anos da Sección Femenina da Falange e que parecía sacada daqueles libros deformadores do bacharelato do franquismo correspondentes á materia fascista e obrigatoria para os varóns (as mulleres cursaban a materia de Fogar) que rulaba baixo a nome de Formación del Espíritu Nacional dirixida a ensinar como manter, entre outras moitas cousas nefastas, á muller nunha situación de inferioridade, subordinación, obediencia cega e obxecto de desfrute en favor dos varóns. Iso si, Pablo Casado (y de las JONS) ía convenientemente arroupado pola candidata do PP á alcaldía da Coruña e polo actual presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, que por suposto aplaudiron as súas intervencións.

En relación a Ciudadanos unha “inspirada” Inés Arrimadas glosando un novo termo para referirse ao mantemento da situación de subordinación da muller: o do “feminismo liberal”. Parece que isto consiste en regular a prostitución e en legalizar os ventres de alugueiro. É dicir, falando en prata, legalizar os malos tratos ás mulleres vítimas do comercio sexual, o tráfico e os traficantes de persoas e o labor dos seus proxenetas. Por outra parte, legalizar o comercio do corpo da muller como criadora de fillos alleos no seu ventre, sen responsabilidade para os compradores e a potenciación das mafias que se dedican a montar nos países terceiromundistas granxas onde en lugar de pitas poñedoras, teñen mulleres criadoras de bebés alleos. É dicir, estes elementos do “feminismo liberal” predican manter a situación das mulleres coma obxectos, sobre todo das mulleres con menos recursos que son, como amosan diferentes estudos de ONGs, as principais vítimas do tráfico de persoas e da utilización mercantil das mulleres coma obxecto.

Así que si. Que vivan as mulleres e que a folga do 8M sexa masiva

          (E que os explotadores e os seus cómplices de calquera caste rematen na cadea).

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...