Amosando publicacións coa etiqueta Podemos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Podemos. Amosar todas as publicacións

18 agosto 2020

Scrache ou acoso?

          Polo que puidemos e podemos ler ou escoitar case día a día en diferentes medios de comunicación, desde hai moito tempo e de forma continuada, Irene Montero e Pablo Iglesias, dirixentes de Podemos, están a sufrir insultos e concentracións de persoas diante de calquera lugar onde se atopen coa súa familia. Primeiro foi na súa residencia en Galapagar, onde nazis e fascistas se concentran e berran día si e outro tamén contra a parella e os seus fillos, impedindo de forma continuada a tranquilidade á que, por regra xeral, calquera cidadán ten dereito cando está no seu domicilio.

          "Pero é que esas persoas son cargos públicos e, polo tanto, deben estar expostos á crítica pública", din quen xustifica as citadas accións; outros utilizan a comparanza: "eles tamén fixeron ou animaron scraches a cargos públicos do goberno Partido Popular cando era este partido o que tiña o goberno do Estado". Verdades a medias. Efectivamente, os cargos políticos públicos de calquera nivel deben estar suxeitos a crítica pública, incluso apupos e manifestacións diante dos edificios públicos que ocupan. E tamén, e puntualmente, diante dos seus domiciliuos particulares; e deben asumilo. En relación aos que se excusan nos scraches sufridos pola Vicepresidenta do Goberno filo-franquista de Mariano Rajoy dicirlle que, polo que eu sei ao través dos medios, estes scraches organizados polos defensores dos desafiuzados por hipotecas tiveron lugar un día ou ao sumo dous días, non de forma continuada como o que está a ocorrir actualmente coas actuación dos nazis, dos fascistas e dos filo-franquistas cara á parella Montero-Iglesias e a súa descendencia. E amais eses energúmenos persisten nas súas actividades acosadoras incluso estando os acosados de vacacións fora do seu domicilio cotiá.

          Non é que a citada parella nin a organización política á que representan sexan santo da miña devoción política. Nunca o foron; incluso cando durante o 15-M non había organización política. Pero coido que este tipo de accións non teñen xustificación e, como acoso continuado que é, debe ser perseguido de oficio pola fiscalía e a xudicatura, instancias que noutros casos menos graves ou produto do "díxome, díxome" parecen non dubidar en abrir investigacións ou instruír casos de oficio. Non é comprensible (ou ao menos au así o creo) que neste caso non sexa así, e máis sendo os dous adultos afectados persoas que ostentan cargos públicos de alto rango, un vicepresidente e unha ministra de Estado.

          Outra cousa, ao meu ver, tamén impresentábel é que unha parte importante da fauna mediática, que cando o scrache á vicepresidenta marianista poñían a pan pedir aos da PAH e a quen os apoiaba, parece disfrutar e incluso animar este tipo de acosos. Pero claro, hai "xornalistas" e directores de "xornais" dos que, disfrazados de demócratas, o único que se pode esperar son desinformación e posicionamento a prol das ideoloxías máis dereitistas que pululan polo solar ibérico. Os mesmos que criticaban á parella por mercar cos seus cartos e hipotecándose a súa actual vivenda; como se unha persoa da esquerad non poidera facer cos seus cartos o que lle petara (o malo sería que o fixeran con cartos públicos ou produto de comisións irregulares coma outros aos que estes mesmos medios enaltecen). "Unha familia numerosa de esquerdas non debe vivir en algo máis grande de 60 ou 70 metros cadrados", parecen dicir. Porque o curioso é que por esa mesma época, Rivera, un dirixente de Ciudadanos, mercou cos seus cartos un chalet moito máis custoso que o dos dirixentes de Podemosee a ningún destes imbéciles que se fan pasar por xornalistas parecéulles mal, nada dixeron. En fin, ...país!

          Hasta onde eu teño coñecemento, o scrache ten a súa orixe nun método que con posterioridade á II Guerra Mundial, creo que nos anos 60 do século XX, utilizaron nun país europeo grupos demócratas e antifascistas para denunciar publicamente a criminais nazis que estaban convivindo ocultos en diversas cidades dese país; moitos deles coa connivencia das autoridades dese país, que coñecían perfectamente o seu pasado criminal e nada facían por poñelos ao dispor da xustiza. A técnica era manifestarse puntualmente diante dos domicilios ou dos traballos dos criminales para poñer en evidencia a pasividade e a permisividade das autoridades diante da presencia de criminais de guerra contra dos que había probas inequívocas das súas actividades. Diante da información aparecida nos medios de comunicación (que eran realmente de información, non como os que coñecemos aquí na actualidade) ás autoridades non lle cabía outra que actuar contra os nazis.

         É curioso que este método de denuncia criminais nazis sexa utilizado por xentes de ideoloxía fascista, nazi ou filofranquista para acosar a persoas que poñen en cuestión as costumes, institucións, persoas e métodos que manteñen dinámicas de actuación e comportamento franquistas e frontamente contrarias ao principio básico de que "todos os cidadáns teñen os mesmos dereitos e son iguais diante da lei", tal e como se manifesta na Constitución vixente nun dos artigos que parece máis para vestir que para cumprir; costumes, institucións, persoas e métodos que perviven dentro dun país cun sistema político que se gaba de ser un sistema democrático homologable a calquera outro.

          Logo, podemos concluír que a que lles está a ocorrer a Pablo Iglesias, Irene Montero e os seus fillos na súa residencia cotiá e nos lugares aos que van non é scrache, é acoso puro e duro. E, ao ser esta figura unha actitude perseguida polas leis (e máis si as vítimas son cargos públicos) podemos concluír tamen que, como nos países de ocultación de nazis con coñecemento das autoridades, aquí tamén hai vista gorda por quen debera perseguir de oficio estas actitudes dos intolerantes fascistas, nazis e filo-franquistas.

03 setembro 2019

De que vas Pedro Sánchez? Non serves. Deixao!

Hoxe escoitei nos noticiarios radiofónicos cousas que me reafirman na miña opinión de que Pedro Sánchez (e por extensión o PSOE) non merece a Presidencia do Goberno do Estado. Outra cousa é que a consiga; que unha parte dos deputados dos que depende a súa investidura vote afirmativamente e co naríz tapado para evitar que dunhas hipotéticas eleccións poida saír un goberno de dereita impulsado polo partido franquista (Partido Popular), o partido riverista e cos apoios dos nazi-fascistas, que posiblemente aínda sería peor para a convivencia democrática e para a corrupción que os dous gobernos de Mariano Rajoy xuntos.

A dicir dos xornalistas, parece que o PSOE ten preparado un proxecto de programa para presentar a Unidas Podemos con non sei cantas medidas, algunhas delas moi sociais e moi demandadas pola esquerda e as organizacións de carácter social do conxunto do Estado. Pero para nada pensa o partido felipista de Sánchez nun goberno con presencia de persoas non escollidas por ese partido. Nada de goberno de coalición ou compartido, como demanda a coalición de Pablo Iglesias (o de “coalición de” non é gratuíto). Esta posición de goberno de un, defendida publicamente por todos os xerifaltes pesoistas, xa mostra unha disposición pouco negociadora e de preferir unhas novas eleccións a compartir un goberno no que poidan ter que lexislar medidas de socialdemocracia avanzada. 

Nada novo sobre a mesa. O PSOE, desde Felipe González ata hoxe, sempre foi un fiel servidor dos intereses da oligarquía financeira española e internacional, maquillando as súas políticas antisociais con algunhas de carácter social e avanzado (LOXSE, aborto, lei de matrimonio entre persoas do mesmo sexo, lei de dependencia ou lei de memoria histórica, por mencionar algunhas) pero leis que sempre adoecían da falta de garantías para o seu cumprimento, normalmente por falla de memoria económica que as acompañara, ou ben que simplemente non necesitaban achegamentos de fondos, como os cambios lexislativos que permiten casarse a persoas do mesmo sexo. Ou sexa, que nada do outro mundo; os intereses da oligarquía financeira ficaron sempre ben a cuberto (rescate bancario, desmantelamento dos asteleiros españois en beneficio dos holandeses para a entrada na CEE, cambio do 135 da Constitución, indulto para un banqueiro do Banco de Santander condenado por delincuente, entrada na OTAN...).

O novo no día de hoxe é que introducen, segundo informa a SER, como unha das medidas a presentar a Unidas Podemos o de negar a posibilidade da realización dun referendo en Cataluña sobre o futuro desa nación. Isto xa non é só un pau na roda da bicicleta da coalición socialdemócrata, senón un obstáculo para que forzas inclinadas de entrada a votar favorablemente unha investidura de Sánchez, como ERC, poidan votarse para atrás. É como asinar unha convocatoria dunhas novas eleccións xerais.

En fin, a aqueles que desexaban poder votar favorablemente á investidura de Sánchez pero non lles convence un goberno do PSOE en solitario teñen tres posíbeis opcións:
a) Votar en conciencia e impedir que Sánchez sexa presidente do goberno;
b) Votar afirmativamente co nariz tapado tentando disimular o fedor que as políticas antisociais do PSOE desprenden. E mais a sabendas de que vai haber unha pinza PSOE-PP para “reconducir” o Estado e afianzar un bipartidismo dócil diante dos poderes económicos, financeiros e dos traficantes de armas -perdón, fabricantes-; e, tamén, a sabendas de que as medidas socialdemócratas do seu programa -coma sempre- non son máis que decoración a incumprir;
c) Absterse e que sexa a dereita quen derrote a Sánchez no Congreso.

Ocorra o que ocorra, penso que un goberno de dereitas do PSOE en solitario non é desexable; e menos unha fronte fascista (España Suma). Igualmente sigo convencido de que Sánchez non merece ser Presidente. E  espero que o PSOE siga o camiño que colleron involuntariamente o resto dos partidos autodenominados socialistas da Unión Europea. Porque xa está ben de que teñamos que soportarlle esa máscara de “socialista” que non se axusta á realidade (e aquí, por riba, teñen a ousadía de auto-impoñerse o cualificativo de “obrero”).

26 xullo 2019

Sánchez Castejón: non mereces ser Presidente (polo menos, de momento)

Frenéticas 24 horas antes da segunda votación da investidura. Propostas, contrapropostas, negociacións, mediacións, filtracións reais ou trucadas, mentidos e desmentidos... En fin, toda unha serie de feitos destinados a tentar de que Pedro Sánchez fora investido Presidente do Goberno do Estado (que non da nación, como din algúns).

A verdade é que as versións duns e dos outros varían; xa sabemos que "cada quen fala da feita segundo lle vai nela", mais neste caso parece que hai unhas versións que parecen ter máis fundamento que outras. Sobre todo se temos en conta os precedentes destes últimos días.

E unha das cousas que parece que fica máis clara é a de que baixo ningún concepto o PSOE estaba disposto a que o Ministerio de Traballo, con todas as súas competencias, quedara baixo a responsabilidade de Unidas-Podemos (U-P); "á CEOE non lle gusta nada esa idea" dicían. E claro, un partido coma o PSOE que leva servindo aos intereses do gran capital español desde a metade da primeira presidencia de Felipe González non vai consentir que veñan uns "iniciados" a tombar unha reforma laboral de Mariano Rajoy coa que tan contentos están os empresarios, que teñen carta branca para todo, e tan explotados e espremidos están o conxunto dos traballadores e traballadoras. Claro, todo é poñerse a reformar e seguir para tombar a reforma laboral de Zapatero tamén lesiva para o conxunto dos asalariados, pese a que U-P retirou esa proposta.

Non digamos xa ese sacrilexio de facerlle pagar máis impostos aos que máis teñen e máis se aproveitan dos bens públicos. Igualmente coas multinacionais que eluden impostos en cantidades industriais; os Inditex, Google, Amazon, Microsoft, ...que eluden pagamentos ao fisco por miles de millóns utilizando todas as artimañas legais que a normativa española, europea e internacional lles permite. E claro, se atallamos iso que será do potencial futuro da nosa flamante Ministra de Economía como Presidenta do Fondo Monetario Internacional (FMI)? Coma presidenta dun dos tres organismos económicos internacionais que se dedican a explotar e a espremer aínda máis aos países menos desenvolvidos? Os outros dous son o Banco Mundial (BM) e a Organización Mundial do Comercio (OMC).

"Como unha organización primeiriza, con tan pouca experiencia, vai ter unha responsabilidade tan grande no desenvolvemento dos orzamentos do Estado!?". Esta, mais ou menos así exposta, foi outra das ideas expostas polo aspirante Pedro Sánchez. Non se lembra Pedro Sánchez daqueles compañeiros seus de partido que sen ningunha experiencia de xestión do Estado accederon ao goberno no ano 1982, cunha maioría absoluta. Certo é que non tardaron nin dous anos en poñerse ao dispor dos desexos da gran banca, dos grandes empresarios e da estrutura militar dos USA; nin tampouco en gañarse a primeira gran folga xeral do réxime postfranquista; pero iniciaron a súa andadura de forma firme e precisa e, teoricamente, sen experiencia. Para ser ministro non hai que ser técnico, simplemente hai que ter claro cara a onde se quer ir e dicirlle aos técnicos que elaboren os plans e as leis de forma que se propicie o acadar uns determinados fins. E aí está o problema do PSOE, nos plans que permitan acadar unha sociedade máis igualitaria e con dereitos.

Parece que para poder facilitar a investidura Unidas-Podemos decidiu, a última hora, renunciar a case todas as súas esixencias quedándose só na de poder dirixir as políticas activas de emprego. "Que se iso é competencia das comunidades autónomas, non saben o que piden", dicían algúns no hemiciclo e moitos dos comentaristas que non saben realmente do que falan. Efectivamente, a execución orzamentaria das políticas activas de emprego corresponde ás comunidades autónomas na súa maior parte, pero baixo as normas que anualmente se fixan nos orzamentos xerais do Estado ou noutra lei de carácter estatal; outra parte dos orzamentos, normalmente, parte dun acordo entre organizacións sindicais, empresarios e goberno dos Estado no que se fixan orzamentos e modalidades para a formación continuada de traballadores e traballadoras; e so unha pequena parte deses fondos fica á discrecionalidade das comunidades autónomas. É dicir, claramente o PSOE estaba a pasar a papeleta; o que quería era un goberno de seu, que lle permitira acadar pactos co partido da dereita franquista, o Partido Popular, para dirixir o Estado; goberno que lle permitiría suavizar algo a situación actual de traballadores e traballadoras, pero que, ao mesmo tempo, permitiría seguir os niveis de explotación e inseguridade laboral que non desgustaría á os empresarios e oligarquía financeira, que poderían seguir sacando abundante tallada a conta do esforzo dos demais. Sen esquecer que, ao remate do chollo, sempre pode haber un posto nun consello de administración, ou un chollo "para todo o que resta de vida", nunca depreciábel e que conecta coa sempiterna tradición deste país.

Igual que o tema da "confianza",  ou o dos "dous gobernos nun". A min gustaríame saber cal das dúas forzas, U-P ou PSOE, empezou dicindo que Defensa, Exteriores, Interior e non sei que outras cosas máis non podía ser para U-P porque non eran de fiar. Ou sexa, ou imbéciles superlativos ou escusas de mal pagador. Eu inclínome polo segundo.
 
"Por segunda vez, Podemos frustra que España poida ter un goberno progresista", din. Pois non; o primeiro goberno proposto polo PSOE e Ciudadanos a raíz das eleccións xerais de decembro de 2015 non era un goberno baseado nun programa progresista, senón nun programa ultraliberal e ultracentralista ao uso de Ciudadanos. Quen realmente frustrou un goberno progresista foi o propio PSOE; se este escollera a Podemos, Esquerda Unida, Esquerra Republicana, Compromiss, etc. posiblemente o resultado non sería o que foi; e habería un goberno, senón de esquerdas, si progresista que permitiría erradicar todo o lixo lexislativo fascista do primeiro goberno de Mariano Rajoy. Pero non, a catividade ideolóxica e a dependencia da dirección do PSOE respecto súa xerontocracia e dos sectores felipistas do partido, servidores fieles do gran capital, impediu que Pedro Sánchez daquela tomara un camiño diferente.

Este último vai ser o "mantra" que van seguir os do aparato do PSOE. E, tamén, o “mantra” que están (xa desde onte pola mediodía) utilizando os comentaristas afíns ao partido de Sánchez e servidores dos medios que en todo momento apoiaron a opción do goberno PSOE en solitario, de non pacto con U-P. Empezouse a escoitar xa onte nos informativos e nos colaboradores da Cadena SER e, tamén, nos informativos de La Sexta. Supoño que tamén noutras emisoras do ramo.


       Como xa dixen nas dúas anteriores entradas, eu xa tería hai tempo mandado aos do PSOE ao carallo. Pero claro, que eu non teño responsabilidades políticas e non me teño que someter a ningún voto. Tamén dicir que moito me fodería ter un goberno de dereitas; pero son consciente de que iso non ten porque vir, necesariamente, do Partido Popular (PP); pode vir tamén do PSOE. Lembremos ese artigo constitucional que tantas amarguras trouxo a este país que por acordo trocaron entre PSOE e PP, o 135, que priorizaba o benestar bancario sobre o benestar das persoas.

         E así unha e outra cousa; se unha non eran quen de facela creible, pois a poñer outra e a deixar que a "familia" mediática se puxera a desbardallar contra quen non tragaba. Impresentable.

         Por todo isto, e polo menos de momento, Pedro Sánchez non se merece ser presidente.

        Por último unha última pregunta: que se pode esperar dun PSOE que, despois de catro anos de laicidade na ofrenda ao Santiago Apóstolo, volve na cidade de Santiago de Compostela e ao través do seu alcalde Sánchez Bugallo, a render pleitesía á Igrexa Católica, supeditando os intereses xerais do Estado aos dunha confesión relixiosa?

23 xullo 2019

Despois da Primeira Sesión da Investidura

Nota inicial.- 
                  Esta entrada estaba prevista para ser dividida en dúas partes, a primeira e a segunda sesión do primeiro intento de investidura de Pedro Sánchez como Presidente do Goberno, nos sucesivos día 22 e 23 de xullo de 2019. Houbo un troco na periodificación (decidido hoxe 23 de xullo) polo cal fica nun só artigo; a razón é que non houbo cambios significativos que puideran botar por terra o relatado no primeiro día. Por iso vai ir datada cada unha das partes das entradas.

Luns, 22 de xullo de 2019.

    A falta de que remate a intervención do voceiro do partido nazi-fascista no Congreso dos Deputados, coido que xa podemos tirar algunhas conclusións en vista do acontecido na sesión de hoxe, primeira das dúas que dan lugar a votación das que vai constar o proceso para investir, ou non, a Pedro Sánchez como Presidente do Goberno do Estado (levántome e apago a radio porque xa me está cargando esa verborrea fascista que se está a gastar Abascal). Seguimos.

     A primeira, aínda que non a máis importante, das conclusión que persoalmente tiro da sesión de hoxe fai referencia a Alberto Rivera, o “Riverita” como lle chamo eu no meu foro interno. Confeso que sentín desazado na súa intervención, un desazo que foi incrementándose progresivamente a medida que avanzaba. Un desazo que viña marcado pola lembranza. Eu xa case non me acordaba del, pero esas construcións verbais, os cualificativos, as formas de expoñer as ideas,... fixeron que me lembrara das intervencións de Blas Piñar, xefe da organización fascista Fuerza Nueva, defensora do franquismo, no Congreso dos Deputados nas primeiras lexislaturas do pos-franquismo. Mirade que xa nin sequera me lembraba de semellante suxeito impresentable, do famoso notario fascista, pois ben conseguiu o Riverita traermo á memoria. Fica máis que claro que Ciudadanos tírase ao monte e, que mentres siga a existir, apúntase á extrema dereita; que aquel “Podemos de derecha” do que falaba o banqueiro do Banco de Sabadell xa non é tal; como tamén supoño que aos que o impulsaron e financiaron xa non lles sirve; o Partido Popular volveu ao rego, o PSOE sigue a ser “felipista” e, para caso de apuro, xa teñen ao partido nazi-fascista Vox co que facerlle chantaxe ao partido de Pablo Casado pola dereita.

        Outra das cousas que quedou máis que medianamente clara é que o aspirante Pedro Sánchez non quere gobernar en coalición con Unidas-Podemos. Fartouse de pedir a Partido Popular e a Ciudadanos que se abstiveran e o deixaran gobernar sen ter que adquirir compromisos coa coalición dos partidos de Pablo Iglesias e Garzón e de ter que traballar pola abstención ou o voto positivo de nacionalistas vascos e cataláns (os únicos nacionalistas representados na cámara baixa). Amosouse que o acordo entre PSOE e Unidas-Podemos está máis que verde, réplicas e contrarréplicas entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias deixaron moi claro que aquel non quer saber nada do segundo e o que representa. Posiblemente as presións exercidas desde distintos ámbitos económicos, institucionais e mediáticos cara a Pedro Sánchez están a condicionar que non se poida chegar a un acordo entre os grupos progresistas, como ten sucedido hai uns anos cando o PSOE asinou un acordo de dereitas e ultraliberal con Ciudadanos, segundo recoñeceu a Jordi Évole o secretario xeral do PSOE. O partido de Felipe González ten claro os intereses que quere representar con preferencia, os que leva representando desde a metade da primeira presidencia de Felipe González, os da oligarquía financeira e o das portas xiratorias. Xa no pasado, na etapa de Rodríguez Zapatero ao fronte do PSOE e o Goberno, tiveron o agradecemento do banqueiro don Pantuflo e agora, posiblemente, terán o de dona Chinela como mostra de recoñecemento ás súas políticas ...e o que poida caer se a cousa non lle sae; quizá por iso Pedro Sánchez amosou tanta altanería e prepotencia diante das xustas reclamacións de lealdade demandadas polo líder de Unidas-Podemos.

         Outra cousa clara: o Partido Popular sigue a ser quen representa a dereita; é a el a quen se dirixiu Sánchez na súa intervención para pactar trocos constitucionais que poidan afianzar o lixo do bipartidismo coa finalidade de evitar que os partidos maioritarios véxanse obrigados a pactar gobernos e programas con outras forzas representativas da cidadanía. Casado o tivo claro; largou unha colección de tópicos da dereita que non chegan a nada; iso si, reafirmouse en que o seu voto á investidura será negativo.

         Tal e como van as cousas, parece moi plausible, agás que as presións dos intereses económicos e institucionais acaben por dobregar a Ciudadanos ou/e ao Partido Popular, que Pedro Sánchez teña que convocar novas eleccións, que renuncie a un goberno con tinguiduras progresistas (non digo de esquerdas porque o PSOE non é iso, e Podemos tampouco). Agás que Unidas-Podemos decida pese a todo apoiar a investidura sen compromisos de goberno. Sinceramente, eu na tesitura de U-P mandaría ao PSOE ao carallo, aínda a costa de que a dereita puidera saír triunfante nunhas novas eleccións; total o que vai facer o PSOE se goberna en solitario é aplicar políticas de dereita apoiándose en Partido Popular e nos restos de Ciudadanos.

        Por último, para non alongar e pese a que me vai custar dicilo, recoñecer que o mellor político que pasou hoxe pola tribuna do Congreso dos Deputados foi Pablo Iglesias. Mil voltas deulle a todos e cada un dos oradores dos demais grupos. Mil voltas a Pedro Sánchez, e dez mil voltas a todos os demais.

Martes, 23 de xullo de 2019.

         Confeso que hoxe non puiden escoitar en directo todas as intervencións, réplicas e contrarréplicas que se fixeron no Congreso dos Deputados, na segunda sesión para a investidura do Presidente do Goberno ao que aspira o secretario xeral do PSOE e actual presidente en funcións Sr. Sánchez Castejón. Isto significa que as referencias están recollidas do publicado en diferentes xornais dixitais relatores do acontecido no día de hoxe na cámara dos deputados.

              Polo que din os xornais referidos o máis salientable da sesión de hoxe foron as intervencións dos voceiros do Partido Nacionalista Vasco (PNV) e de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). O do resto das opcións políticas, integradas todas elas no grupo mixto, parece que non se ten saído do esperado.

            Tanto ERC como PNV coincidiron en poñer de manifesto a pouca vontade amosada polo candidato a adquirir compromisos para poder presentar un goberno con visos de estabilidade; ambos esixiron a Sánchez que se deixe das prepotencias e arrogancias, que a correlación de forzas que o PSOE ten non da para iso nin para moito menos. Coinciden ambos en pedirlle, esixirlle, ao candidato do PSOE que pacte dunha vez con Podemos un goberno, que para recibir hai que estar disposto a dar. Concretamente, un partido de dereita como é o PNV urxiu a Sánchez a acadar un pacto con Podemos e que se deixe de ser cautivo do IBEX-35. Do mesmo modo, ERC mostrouse disposta a cambiar o seu voto previsto de abstención por un voto positivo no caso de que PSOE e Podemos chegaran a un acordo de goberno. De feito optaron por absterse nesta primeira votación.

             Pero para iso, para que haxa un goberno equilibrado PSOE-UPodemos os primeiros teñen que deixar de render pleitesía e vasalaxe á oligarquía financeira; polo menos en moitas das áreas nas que hoxe parecen plegarse plenamente aos seus desexos (por poñer uns cantos exemplos: relacións laborais, pensións, ensino, privatización da saúde e dos recursos de dependencia, política de vivenda,...).

             Como dixen onte, nalgun caso a "chulería política" está de máis. E, tamén, está de máis tomar por tontos e totas a unhas persoas que pese á súa xuventude e pouco tempo de experiencia política están a demostrar ser moito mellores persoas e políticos que os soberbios e as soberbias que van "sobrados/as" ensinando a súa veteranía no arte de ocupar poltronas. Non se pode pretender que unha forza política entre nun goberno en calidade de "florero", sen competencias reais para xestionar áreas de forma eficaz. E da a impresión, polo que se puido escoitar nos debate de onte e nas declaracións realizadas nos días de onte e hoxe, que esa é a función que PSOE pretendía reservar a Unidas-Podemos no potencial goberno "de coalición". Sánchez, Calvo, Lastra, etc: baixade da burra e aclararvos se pactades ou seguides fieles ao felipismo servidor da oligarquía.

            Unidas-Podemos está a ter moita paciencia. Incluso no día de hoxe trocou o seu voto negativo por unha abstención como mostra de boa disposición a negociar e vontade. Vos, pesoeros, pensades que porque tiveran renunciado a que Iglesias estivera no goberno van renunciar a todo o demais? Eu xa vos tería mandado ao carallo, como dixen onte. E votaría non; porque (como tamén indiquei onte) non estaría disposto a que acadarades acordos venenosos con Partido Popular e o que quede de Ciudadanos sobre aspectos tan serios como o dereito dos traballadores e traballadoras a ter unha vida e un traballo decentes, remunerados en conformidade cos tempos, con dereito a percibir pensións públicas decentes, a que quen máis se beneficia do sistema contribúa máis a el, a que se doten fondos e medios contra a violencia de xénero, a que a educación sexa realmente pública e quen queira ir á privada que a pague,... e outras moitas cousas que fagan máis doada a vida das clases menos pudintes. E sabendo que sodes como sodes, que non sodes de fiar como xa tendes demostrado en numerosas ocasións, ou pasades polo aro ou votaría en contra da investidura de Sánchez.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...