(Esta é a segunda parte deste artigo, que me vin obrigado a partir en dous por mor de que a súa letura poiderase facer demasiado longa).
O suposto “dereito a defenderse” do estado de Israel.
Hamas realizou unha incursión armada no territorio israelí o pasado 7 de outubro; nesta acción numerosos civís foron asasinados e mortos numerosos soldados do exército sionista, así como outras numerosas persoas (entre elas crianzas) foron secuestradas pola organización islámica confesional e integrista.
Como sabemos, esta incursión tivo como consecuencia toda unha xeira de bombardeos indiscriminados da Faixa de Gaza por parte de Israel, con centos de civís mortos e numerosos feridos naquela primeira xeira de bombardeos realizada despois do 7 de outubro, así como un elevado número de edificios destruídos (moitos deles educativos, de culto, hospitais e campos de refuxiados). Estes bombardeos sobre a poboación palestina de Gaza seguen a darse a día de hoxe; e, se cadra, con máis saña e crueldade que os dos primeiros días. Hai que sinalar aquí que os palestinos civís vítimas dos bombardeos sionistas sobre Gaza xa sumaban moitos miles de persoas (sen discriminación de idade, sexo ou condición profesional) e centos os edificios destruídos. Mortos e edificacións destruídas que hai que sumar aos milleiros xa xerados polos bombardeos efectuados en Gaza antes desa data. Outra cousa que hai que dicir é que non todos os palestinos son membros de Hamas (de igual forma que non todos os israelís ou crentes xudeos son sionistas e criminais). Toda esta labor destrutiva, da que foron vítimas tamén voluntarios non palestinos que prestaban os seus labores en organizacións de carácter humanitario, era engalanada coas máis peregrinas escusas e as máis evidentes mentiras xeradas polas autoridades civís e militares israelís.
Diante das críticas e das fortes mobilizacións cidadáns que se deron en distintos países de todo o planeta en solidariedade con Palestina, numerosos responsables políticos de distintos estados de Europa e América invocaron o suposto “dereito de Israel a defenderse”, descargando así de calquera responsabilidade na continuidade do xenocidio palestino ao goberno de Israel e ao exercito sionista (incluso
nos EUA houbo manifestacións públicas de membros do máis ortodoxo da
confesión xudaica contra a agresión de Israel contra Gaza). Diante destas xentes hipócritas e desvergonzadas cabe facerse unha serie de preguntas e algunha consideración:
- Como é iso posible cando o país que invade as terras palestinas é Israel? Quen ten dereito a defenderse, o invadido ou o invasor?
- Como é posible que sexa Israel quen ten dereito a defenderse se é este quen bombardea á unha poboación civil que está noutro país?
- Se non é a poboación civil palestina quen invade, senón que é esa a poboación que está a ser invadida invadida, como é posible que toda esa tropa de xerifaltes de diversos países e diversos organismos internacionais afirmen que quen ten dereito a agredir ("defenderse" din eles) á poboación civil palestina é Israel?
- Como é posible que a estas alturas aínda non se teña emitido unha orde de detención contra do goberno e dos membros do exército israelí por parte do Tribunal Penal Internacional (TPI)?
- Por non remitirme máis atrás no tempo e considerar só ao máis próximo recordar un feito: cando empezaron os bombardeos de Rusia sobre a poboación civil ucraína e a invasión de parte do territorio desta última, ben que se apuraron os mesmos que agora fan a vista gorda diante dos crimes de Israel a aducir o xusto dereito de Ucraína a defenderse; e a tardanza do TPI en ditar orde de detención contra Putin foi mínima.
- A que ven ese troco na valoración de feitos similares cando a vítima dos crimes de guerra e contra a humanidade é un pobo que nin sequera ten un exército regular que o defenda?
Suponse que o dereito á defensa de calquera país dáse cando algún outro país ou colectivo armado invade o seu territorio e o invadido se defende cos medios dos que dispon; sempre sen invadir as fronteiras doutro país soberano, agás declare a guerra ao país invasor conforme á lexislación internacional. Neste caso non hai país invasor de Israel por Palestina; Hamas é unha organización armada integrista islámica de carácter relixioso que non forma parte do Estado Palestino, un estado laico e que non pode invadir militarmente ningún outro país simplemente porque non ten exército. E, por riba, cando Hamas foi conformada co financiamento do Estado de Israel.
Os defensores do xenocidio impulsado por Netanyahu e os gobernantes de Israel.
Hai que mencionar como defensores do xenocidio palestino en primeiro lugar aos principais impulsores de crimes contra a humanidade, realizados ben directamente ou ben ao través de axencias e organizacións gobernamentais ou paramilitares controladas por eles: os Estados Unidos de América (EUA). Joe Biden foi o primeiro mandatario xa non en invocar ese suposto dereito a defenderse de Israel atacando obxectivos e poboación civil en Palestina, senón apoiando o que Israel estaba a facer: accións xenocidas contra o pobo palestino e a apropiación ilegal do territorio de Palestina como parte dese proceso xenocida. Non expresado desta forma tan crúa, pero si no fondo das súas verbas. Incluíndo a petición ao seu Congreso e Senado de máis armas para o exército sionista (non
esquezamos que Palestina non é só a Faixa de Gaza, senón que tamén
Xerusalén Este e Cisxordania forman parte dese país; e que eses
territorios están sendo saqueados, usurpados e os seus habitantes
expulsados das súas terras e fogares polo sionismo israelí, amais de bombardeados polo
exército sionista).

Outra das persoas que se significaron e puxeron a súa persistencia en apoiar as agresións de Israel a Palestina foi a señora Ursula Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, usurpando funcións que non lle corresponden (xa que lle pertencen a Josep Borrel); esta señora sobrepasouse nas súas competencias cunhas súas declaracións de apoio ao sionismo -con fotografía incluída- que chocaban de fronte coa posición da Unión Europea. Foi o primeiro cargo internacional, se mal non me lembro, en desprazarse a Israel para apoiar e fotografarse co criminal de guerra Netanyahu.
Tendo en conta as súas posicións pretéritas, propias dun monicreque manexado desde os EUA, ao longo da guerra ruso-ucraniana nada estraño ten a súa decidida aposta por impulsar a política norteamericana para Palestina. Impresentable.
Despois están os que eu denominaría coma violadores das liberdades democráticas. Refírome a aqueles que nos seus países prohibiron as manifestacións de solidariedade co pobo de Palestina. Falo do canciller alemán Olaf Scholz, do presidente francés Enmanuel Macron e o primeiro ministro do Reino Unido Rishi Sunak. (Afortunadamente, o Consello de Estado francés reprendeu ao goberno de Macron pola súa violación das liberdades democráticas).
Baixo diferentes escusas, ou mesmo sen ningunha, estes tres personaxes cercearon nos seus países un dos principios básicos da democracia, violaron o dereito á libre expresión, que inclúe o dereito a expresarse publicamente, individualmente ou en grupo, e de forma pacífica sobre calquera aspecto que a cidadanía considere pertinente.
Incluso houbo un, Rishi Sunak, que penalizou a exhibición de bandeiras palestinas e induciu aos informativos da cadea estatal a confundir á poboación para que manipularan as informacións e presentaran as manifestacións de apoio a Palestina como actos de apoio a Hamas. Claro que esa persoa, pese a ser de orixe migrante hindú, ten unha vea fascista e xenófoba que cada vez que fala de certos temas sáelle a relucir. É unha persoa que pretende crear campos de concentración flotantes para as persoas migrantes que buscan no Reino Unido unha vida mellor, incluso negándolle o dereito de solicitar asilo; é un racista xenófobo que decreta a deportación automática dos migrantes que entren no Reino Unido sen papeis, meténdoos en avións e levándoos forzosamente a países onde a vida non ten valor algún, coma Ruanda co que Sunak chegou a un acordo para tal fin. Afortunadamente os tribunais paráronlle os pes.

Os antes nomeados quizá sexan os máis destacados defensores do Estado de Israel na Europa e América, mais por desgraza non son os únicos xerifaltes políticos de Europa e América que, por omisión da condena do xenocidio, aproban na práctica o xenocidio que Israel está a acometer contra o pobo de Palestina, e este comportamento xa non é de agora. Tamén no Estado Español -coma noutros países- hai xentes que non merecen os cargos e as posicións que ostentan en distintas institucións e que non reproban os labores de exterminio que o Estado de Israel están a levar a cabo contra o pobo palestino; son aqueles que, desde hai moitos anos ou recentemente, non son máis que ecos da voz do seu amo, os EUA. Maioritariamente pero non exclusivamente, tamén hai que dicilo, ligados ao partido da dereita fascio-franquista ou ao da dereita nazi-fascista.
Moi ben por António Guterres.
Aparte dalgún país árabe ou Iran que, fundamentalmente por interese, se pronunciaron contra os bombardeos a Gaza o único político a nivel internacional ata hai uns días que falou claramente da necesidade de cesar os bombardeos contra a poboación civil e contra instalacións humanitarias, relixiosas e civís foi Antonio Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas (ONU). Tamén sinalou a violación constante por parte de Israel do dereito internacional e da necesidade de que se recoñeza o Estado Palestino en base ás resolucións da Organización das Nacións Unidas. Tamén criticou Guterres os ataques de Hamas que trouxeron consigo numerosas vítimas civís israelís. E, igualmente, significou que "eses horribles ataques de Hamas non surxiron da nada", e as atribúe a que "o pobo palestino leva sometido a 56 anos de asfixiante ocupación".

Como xa estamos acostumados, pola dinámica política do Estado de Israel cando é criticado pola súa política e actividades xenófobas e contrarias ao dereito internacional contra o pobo de Palestina, a reacción dos gobernantes sionistas foi o de condenar esas declaracións, pedir a dimisión de Guterres polas súas xustas palabras e retirar visados a representantes da ONU que teñen alí o seu destino ou que utilizan ese país como paso cara á Faixa de Gaza e á Cisxordania (e nada me estrañaría que os bombardeos posteriores sobre as instalacións humanitarias de UNRWA -Axencia da ONU para os refuxiados palestinos- en Gaza foran premeditados).
Tampouco me estrañaría que esa banda de criminais sionistas me puxera a min (un simple cidadán crítico, partidario do respecto aos dereitos humanos, das liberdades democráticas e dunhas sociedades igualitarias) no seu punto de vista no caso de que leran as miñas opinións en favor da liberdade e contra toda clase de xenofobia e de xenocidio.
Por se hai quen me toma o número cambiado.
Teño que aclarar aquí que non son "antisemita", termo que con frecuencia se toma como anti-israelí. Se temos que falar de antisemitas, temos que falar tamén dos sionistas dado que o pobo palestino é un dos moitos pobos semitas, xunto cos árabes, asirios, fenicios, arameos e os hebreos.
Tampouco condeno as accións que leva a cabo Hamas. Iso si, teño que confesar que non me gusta nada, como nada me gustan os integristas relixiosos que pretenden crear estados confesionais ou que utilizan as instancias estatais (como os creacionistas alí onde gobernan) para negar a liberdade de culto opoñerse ao coñecemento e negar os avances científicos. O que si fago é criticar aquelas accións dese grupo integrista relixioso cando teñen coma consecuencia directa a morte ou calquera desgraza que aconteza sobre a poboación civil (por exemplo, a do 7 de novembro pasado). Pero que faga isto non quer dicir que condene incondicionalmente a Hamas, como non condenei no seu momento aos guerrilleiros do Frente Sandinista que combatían a ditadura sanguinaria de Somoza en Nicaragua ou aos guerrilleiros do Vietcong que combatían a invasión do seu país polo exército imperialista e criminal dos EUA.
Si que me declaro en contra do expansionismo sionista. Porque o sionismo consiste niso: instalarse nunha terra que non é da súa propiedade e expulsar dela con violencia aos que alí residen desde hai séculos simplemente polo mero feito de que a súa relixión expansionista atribúelles dereitos que para nada teñen; e fano sen respectar as liberdades, as propiedades, os dereitos doutros pobos semitas a estar asentados na terra que tamén é deles. Por iso me declaro antisionista, non antisemita nin antihebreo.
E iso, a instauración dun estado relixioso integrista e excluínte, é algo que teñen en común Hamas e o sionismo expansionista que neste intre practica o actual Estado de Israel. Pretenden establecer estados confesionais, de pensamento único onde toda aquela persoa que non comparta os seus pensamentos sexa considerada coma inimiga. Unha aspiración de todas, sen exclusións, as organizacións integristas relixiosas monoteístas: crear estados confesionais de pensamento único relixiosos (sexa a Tora, o Islam ou o Cristianismo). E xa sabemos o que isto trae consigo: opresión da muller, incultura, negación da ciencia, falta de liberdades democráticas, violación continuada dos dereitos humanos, defensa dos máis ricos (incluíndo aos popes relixiosos), creación de pobreza e represión contra a cidadanía que se rebele contra esa situación, etc. Xa ocorreu con Hipatia de Alexandría e segue a ocorrir na actualidade (e se temos que facer caso desa novela chamada Biblia, xa desde os tempos do xoven Xesucristo). Exemplos deste tipo de réximes integristas relixiosos témolos na actualidade e nun pasado non moi lexano: o Irán dos ayatolás, Omán, Emiratos Árabes, Arabia Saudita, Qatar, o Estado Nacional-Católico franquista e outros moitos que para desgraza da humanidade aínda pululan polo mundo.
E os cidadáns hebreos de Israel?
Estou
convencido (e espero non equivocarme) de que no Estado de Israel a
maioría da súa poboación está en desacordo coas agresións que o seu
goberno, o seu exército, os seus servizos secretos e os colonos
integristas sionistas levan a cabo contra a poboación civil palestina;
convencido de que a maioría da poboación israelí está en desacordo cos
bombardeos indiscriminados que o exército sionista realiza contra a
Faixa de Gaza, contra os campamentos de refuxiados e contra as poboacións de
Cisxordania; e que a esa maioría de israelís non lles gusta nada ver como os integristas sionistas e os seus soldados maltratan e/ou expulsan aos palestinos das súas propiedades en Xerusalén e disparan fogo mortífero contra as crianzas ou civís indefensos. Tamén coido que esa poboación que hoxe parece que non se
deixa ver (ou da que as axencias internacionais de noticias non informan, que é outra posibilidade) debe unirse e mobilizarse contra o goberno sionista da
extrema dereita que preside Netanyahu e esixir a destitución e a
expulsión dos mandos militares que planifican e executan as accións de
xenocidio contra o pobo de palestina; e igualmente a depuración no seu exército de todos os elementos indesexables que nel están integrados. Así como esixir o recoñecemento do
Estado Palestino, a devolución as terras ocupadas ilegalmente polos seus
colonos e militares e resarcir á poboación palestina que foi expulsada ilegalmente
dos seus fogares e da súa terra desde a creación do Estado de Israel. Tamén, por suposto, converter ao seu
exército nun exército ao servizo da democracia. Porque nelo vailles, tamén, as súas liberdades. Un pouco iluso, non?
Quizá, pero esperanzado.
...E seguen asasinando. E os seus cómplices americanos e europeos aplaudindo.
No intre de dar fin a este artigo a barbarie sionista segue a caer sobre a poboación civil da Faixa de Gaza, sobre a poboación civil da Cisxordania e tamén persisten as agresións aos cidadáns palestinos residentes en Xerusalén e no territorio israelí. Non respectan nada; nin hospitais, nin campamentos de refuxiados, nin organizacións humanitarias e sanitarias. Violan unha e outra vez as resolucións ONU e a Convención de Xenebra. E, de momento, o TPI segue a calar e os Estados Unidos e os seus ecos da vella e agora triste Europa tentar acalar a súa complicidade no xenocidio palestino pedindo "unha pausa humanitaria" nos bombardeos contra a poboación civil. Como di unha viñeta da tira de Bernardo Vergara (da que máis arriba se reproduce un fragmento) será "para que morran sans e co estómago cheo". Porque eses sen-vergoñas cómplices do sionismo non piden o alto ao fogo total; hai que concluír, logo, en que están de acordo con que se bombardee á poboación de Palestina e que os que queden se vaian ao exilio como xa fixeron moitos no pasado; e que, por fin, o sionismo organizado usurpe para si en exclusiva o territorio palestino.

Probablemente, e por desgraza, teremos que seguir falando deste tema moito tempo, así como saír á rúa a mostrar a nosa solidariedade co pobo palestino. E imaxino que cada día que pase a manipulación informativa por parte das axencias de noticias e o lixo mediático que non se opón firmemente ao xenocidio que está a acometer o Estado de Israel contra o pobo palestino será maior; e que tentarán que comunguemos coas rodas de muíño que os poderes fácticos dos EUA e o sionismo lles sirvan ás axencias de noticias e ao lixo mediático en doses diarias.