Amosando publicacións coa etiqueta Negocios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Negocios. Amosar todas as publicacións

05 febreiro 2018

Na Galiza, privatizando o sistema público de saúde.



Onte estiven en Santiago de Compostela e puiden admirar unha vez máis a preciosa catedral, unha construción que debería ser un ben de titularidade pública pero que explota economicamente unha determinada confesión relixiosa mais é mantida con orzamentos públicos. Mais e meu paso pola beira da catedral non foi debido a motivos da miña inclinación e aprecio pola arte; e, aínda menos, polas miñas inclinacións relixiosas ou pseudo-cristiáns-lucrativas que esa catedral representa na actualidade.
 A miña presencia na cidade compostelá foi determinada pola celebración nela dunha manifestación na defensa da sanidade pública e contra a nova lei da saúde coa que a Xunta de Núñez Feijóo pretende privatizar e empobrecer aínda máis o sistema público de saúde, favorecendo ás empresas privadas que fan da mala saúde dos cidadáns o motivo do lucro (o principal da súa existencia) e non un servizo coa finalidade de prestar un servizo á poboación. O que trae como consecuencia que (á diferenza do que comezaba a acontecer hai uns anos co noso sistema sanitario e que o Partido Popular parou alí onde goberna e ten competencias sobre a saúde) no canto de establecer unha medicina preventiva de calidade baseada nunha ampla rede centros de atención primaria, dotada en medios técnicos e persoal, tenta de basear o sistema de saúde na mediciña curadora que é a que deixa máis cartos ás empresas farmacéuticas e, no caso dos concertos, ás empresas médicas asistenciais. E amais é a que máis custa ao erario público pero que van deixar pingües  beneficios que van ir, fundamentalmente, ás contas de resultados de empresas privadas. Como xa están a ir na actualidade ao hospital POVISA, do cal o actual Conselleiro de Sanidade foi xerente e que xestiona unha parte importante da rede de mediciña curadora de Vigo e comarca.
Que método está a seguir o Partido Popular para coar a súa privatización ao público?
O primeiro que fixo foi baleirar de persoal os hospitais públicos, tanto no referente á atención directa aos pacientes como no referente ao persoal dos servizos complementarios. Así, o número de persoal auxiliar, de enfermería e médico descendeu progresivamente; e, nalgún lugar, coma en Vigo, tiveron a indecencia de pechar hospitais públicos para privatizar a explotación dun só hospital que ten menos camas que as que tiñan no seu conxunto os hospitais pechados. Tamén se privatizaron os servizos de cociña, limpeza e mantemento dos hospitais e centros de saúde públicos. As queixas derivadas das privatizacións das cociñas son unha constante nos hospitais do SERGAS. De igual forma, os recortes de persoal médico, de enfermería e auxiliar clínico provocaron que as urxencias hospitalarias estean convertidas nun caos. Todo isto, loxicamente, provoca o enfado do paciente que se sinte mal atendido e que carga contra o máis inmediato: o persoal do que depende a súa atención e que está desbordado por insuficiencia de medios e persoal nos servizos. Isto salta á prensa e esta (maiormente controlada ideoloxicamente ou económicamente dalgún modo polo goberno) cóntao. Do mesmo xeito, nos medios xornalísticos nunca nos contan se hai pacientes rexeitados nos servizos de urxencia das clínicas privadas por falta de medios, ou dos pacientes que sendo intervidos cirurxicamente en establecementos privados teñan que ser evacuados de urxencia a hospitais públicos por falta de medios naqueles para unha axeitada atención médica. Como tampouco nos falan dos pacientes que están sendo atendidos nas dependencias privatizadas das áreas hospitalarias públicas e que levan a falecer ás dependencias estritamente públicas para que iso non conste nas súas estatísticas.
O segundo e actual paso seguido pola Xunta de Galicia presidida por Núñez Feijóo (aínda que podería ser outra persoa calquera do Partido Popular) para xerar un sentemento de desprestixio da sanidade é a de xerar unha asistencia primaría de mala calidade; e non porque os profesionais que exercen o seu labor na asistencia sanitaria primaria sexan malos, senón porque non dota de profesionais suficientes nin de medios suficientes para a cantidade de persoas que eses centros de atención primaria deben de atender. Tampouco cubren as baixas médicas ou de enfermaría como debera ser, acumulando os pacientes aos profesionais que fican en actividade. Quizas o caso máis penoso sexa o que está a acontecer cos profesionais de pediatría, que están desbordados e non dan abasto; por unha parte hai poucos, debido á falla de previsión e aos deficientes sistemas de formación de profesionais (e non só ocorre nesta especialidade, aínda que destaque). Supresión de prazas en atención primaria, supresión de PAC’s, distribución arbitraria (e en función de maximizar os beneficios das empresas contratadas) das ambulancias naquelas vilas que non contan con servizos hospitalarios. É dicir, están creando un verdadeiro caos no sistema sanitario público coa finalidade de desprestixialo e darlle a puntilla en favor dos negocios da saúde.
O que pretenden (“non é un goberno, é unha mafia”, berraba onte en Santiago un colectivo dos participantes na manifestación en referencia á Xunta de Feijóo; haberá que pensar nesa posibilidade) para o futuro é aprobar unha lei sanitaria que, entre outras moitas agresións á sanidade pública e baixo a aparencia que querer rematar coas listas de espera da sanidade pública, establece a obriga para o doente de aceptar ser intervido ou atendido nun negocio sanitario. Supoño que iso será para aquelas especialidades que aos establecementos privados que negocian coa saúde non lle supoñan altos custes.
Unha das mostras que nos indican o proceso que se está a seguir desde os gobernos do Partido Popular para privatizar a atención e a xestión sanitaria, e a conivencia deste partido coas aseguradoras e negocios privados de saúde, é o alto índice de crecemento e propaganda dos seguros médicos privados e a proliferación de consultorios privados de saúde (xa acontecera o mesmo cando se privatizou a saúde laboral ao traveso das mutuas).
Como dicía o encabezamento do manifesto lido onte ao remate da manifestación en defensa da sanidade pública: “Desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo a Xunta de Galiza, recortáronse dramaticamente os recursos do Sistema Sanitario Público Galego, tanto en orzamento, como en camas hospitalarias ou en prazas de persoal. O abandono do Plan de Mellora da Atención Primaria deixou sen construír máis de 60 Centros de Saúde e reduciu o seu orzamento ao 11% do gasto sanitario (moi lonxe do 25% acordado cos traballadores do sistema)” 

Dicir, tamén, que a manifestación foi tan exitosa en participación (e iso a pesares dos anuncios meteorolóxicos) que hasta os medios de información(?) máis próximos e protexidos polo goberno de Núñez Feijóo víronse na obriga reseñar nas súa páxinas a importancia do evento. Coas súas reviravoltas e con rechinar de dentes; en moitos casos poñendo ese importante acontecemento social ao mesmo nivel que outros sen significación social algunha. Hasta La Voz de Galicia! (iso si, poñendo na mesma páxina dixital as declaracións xustificativas de sempre dun Conselleiro de Sanidade que ten ao seu dispor, un día si e outro tamén, as páxinas dese xornal).
Hai que seguir na brecha. Ata conseguir botalos ou metelos na cadea.

NOTA:  As fotos están tomadas de http://www.cig.gal

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...