![]() |
| O meu avó, José Fernández Miniño |
O 16 de agosto do presente ano
2017 cumprirase o 81 aniversario da que figura como data do pasamento do meu
avó José, de apelidos Fernández Miniño, zoqueiro-zapateiro e almacenista de
curtidos no Porriño, marido de Consolación Pereiro Trelles (avoa Son) e pai de catro fillos e unha filla dun abano
de idade comprendido entre os tres e os dezasete anos. Eu, que daquela nin en proxecto estaba
(miña nai e o meu pai tiñan, respectivamente, dez e nove anos), non puiden
coñecelo, aínda que si gustaríame telo feito porque pese ao pouco que del falábase na miña casa
debía ser, o avó, unha persoa sen estudos pero moi formada, culta e interesante.
Oficialmente o meu avó José
morreu en enfrontamento co exército franquista. “En un encuentro con las tropas
del Ejército”, di o seu certificado de defunción. Un eufemismo frecuentemente
utilizado polos asasinos franquistas e os xuíces do réxime dos asasinos para
enmascarar as súas atrocidades coa poboación civil na retagarda, moito máis
salvaxes que as realizadas polos seus xenerais e, sobre todo, polas tropas
mouras nas frontes da guerra.
Como dixen previamente, na miña
casa pouco ou nada se falaba dos temas do golpe de Estado franquista, da
represión do réxime dos asasinos e, tampouco, das vicisitudes familiares
acontecidas naquel verán de 1936. Esta era unha forma que moitas familias dos
represaliados e asasinados por pensar de forma diferente tiñan de protexer aos
seus seres queridos, sobre todo aos máis novos, da represión do réxime de
Franco. Se non coñecían a historia era difícil que involuntariamente se foran
da boca e sufriran as represalias do réxime ditatorial.
Mais co paso dos anos, con máis
de trece, foron chegando a min as
versións do que daquela pasara e de cal foi a triste realidade do asasinato do
meu avó. Pese a que o meu pai era unha persoa interesada nos procesos sociais e
firme opositor ao réxime dos asasinos, non foi por quen me informei do
realmente acontecido. Nunca quixo papá falarme claro das circunstancias que con
nove anos deixárono orfo de pai, nin sequera unha vez chegada e aparentemente
consolidada a democracia da denominada transición. Aínda que si faloume de quen
o meu avó era politicamente, das súas inquedanzas e do seu espírito pacífico e
pacifista. Foi, curiosamente, por boca de
mamá por quen souben parcialmente o que realmente acontecera co meu avó Xosé. Non os detalles de fondo, mais si o esencial.
A ela contárallo a miña avoa Son nunha desas conversas vespertinas mantidas na
cociña da súa casa. E iso é o que vou transmitir aquí.
A súa detención polos fascistas.
Tiña José Fernández Miniño 43
anos cando tres membros do exército dos asasinos encadrados no partido
nazi-fascista Falange Española de las JONS foron buscalo á súa casa nun día
-non sei precisar cal- do mes de agosto de 1936. Eses tres personaxes foron un
tal Nicanor Miranda, cuxa profesión nunca souben, un zoqueiro chamado Alejandro e outro de nome
Antero cuxa profesión tampouco coñezo pero do cal a miña nai dicía que era un “matachín”.
El sabía que ía ser así porque alguén dixérallo no día ou días anteriores. A
súa dona pedíalle que se escondera, que marchara na casa porque os insurrectos
contra a legalidade constituída pola IIª República (que no concello de O
Porriño estaban dirixidos por un tal José Carrera, farmacéutico e, se non
entendín mal, aparentemente amigo do meu avó -aínda que de pensamento
totalmente contraposto- que era o que determinaba a por quen os fascistas tiñan
que ir e o que con eles debían facer, como se demostrou máis adiante) eran moi perigosos, como xa se tiña demostrado
cos asasinatos e barbaridades practicadas por eles nos días seguintes ao 18 de
xullo e unha vez que os militares golpistas tiñan controlada a case totalidade
da Galicia. Non só se contentaban con asasinar sistematicamente a homes e
mulleres que se sabía non eran da súa corda ou afiliados a sociedades culturais
e sindicatos obreiros e agrarios, senón que eran sometidos a atroces malos
tratos, torturas e vexacións públicas os seus achegados e socialmente menos
significados.
A pesar dos rogos da avoa Son, incluso
no intre no que os asasinos foron á súa casa a buscalo, o avó José dicía que el
non fixera nada malo, polo que nada tiña que esconder, que nada malo era pensar
como pensaba e apoiar a un goberno do Frente Popular ou ser membro activo de
sociedades de pensamento, que xa se aclararía todo e que seguro non pasaba nada.
O que non remato por entender é a razón que, tendo grandes coñecementos da
historia e unha capacidade de raciocinio moi elevada precisamente debido aos
continuados debates de carácter ideolóxico moi frecuentes nos círculos
culturais que frecuentaba. Eu especulo que quizá pensaba que, como cando se
proclamou a IIª República os incidentes contra os monárquicos non foron nin moi
numerosos nin de entidade, a xente era máis civilizada do que realmente era; ou
que o ilustre farmacéutico non era tan animal como posteriormente resultou ser.
Realmente é algo que non entendo e ao que ninguén soubo darme unha explicación
que me resultara satisfactoria. Porque os fascistas levan o asasinato e a
mentira marcados na súa ideoloxía; e iso era, xa daquela, de dominio público.
O seu asasinato.
En fin, despois de pasar non se
sabe cantas, do Porriño foi trasladado á cárcere de Tui, onde permaneceu ata o
día anterior ao do seu xuízo. A véspera deste, un grupo de asasinos cuxa composición
nominal descoñezo (aínda que, polos costumes da época, seguramente serían grupos
nazi-fascistas de carácter mixto formados por falanxistas do Porriño e doutras
vilas, gardas civís e militares)
sacárono da cadea, trasladárono á “Curva da Moure” e alí os criminais
asasinárono.
Teño que dicir que a miña avoa
Son, no tempo que foi desde que os falanxistas levárono ata que soubo da seu pasamento, moveu Roma
con Santiago para evitar o que posteriormente confirmouse. Consolación, muller
de forte carácter, con contactos en numerosas altas instancias da xudicatura (e
segundo contoume a miña nai) estaba convencida de que, se ben non ía librar de
penas de cadea, o meu avó José libraría de ser vilmente asasinado polos
sublevados. Por desgraza equivocouse, as ordes do xefe local dos asasinos
circularon máis rápido que a maquinaria xudicial e adiantáronse nun día a que
esta puidera pronunciarse.
Como soubo, no cemiterio de Tui, a
miña avoa Son de que o seu home fora paseado non me quedou moi claro cando a
miña nai relatoume o feito, polo cal non vou transcribilo. Pero o que si teño
que dicir é que me quedou a impresión de que foi unha muller moi rexa e forte,
con moita determinación e coraxe, como así o demostra o que fora quen de sacar
adiante catro fillos (o quinto foise para a Arxentina exiliado a pouco de
morrer o seu pai), un negocio que non se deixou arrebatar polos ladróns do
réxime fascista, e facer fronte ás
constantes afrontas da Fiscalía de Tasas e da
Guardia Civil.
Epílogo.
Algún día transcribirei algunha
outra historia das que a miña nai contoume, referente á odisea da marcha para a
Arxentina do meu tío Antonio, fillo maior de Xosé, e doutras persoas integradas
en profesións civís defensoras da legalidade republicana ou no corpo dos
carabineiros, que a diferenza do acontecido coa Guardia Civil, mantivéronse maioritariamente
respectuosos coa lei.
Vaia isto na memoria do meu avó
José, “paseado” polos fascistas e, tamén, da miña avoa Son. Porque ambos o
merecen.
