Amosando publicacións coa etiqueta Golpes de Estado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Golpes de Estado. Amosar todas as publicacións

18 novembro 2019

Queren unha Bolivia escravizada


 
Unha das malas novas da semana que remata foi a do golpe de Estado en Bolivia contra o Goberno de Evo Morales (escollido nas urnas). Volveron a utilizar, do mesmo xeito que en Venezuela, a escusa dunhas eleccións co reconto de votos presuntamente amañado para atacar a un goberno e a un presidente que desde o seu primeiro mandato ata o momento actual foi acadando que os recursos nacionais reverteran a súa riqueza no país e que a xustiza social volvera a estar presente en Bolivia.
Pese á intención do Presidente lexítimo de Bolivia de volver convocar eleccións para que non houbera dúbida algunha dos resultados, os golpistas deixaron claro coas súas sucesivas actuacións que o problema real non era o reconto electoral, senón as políticas sociais e económicas emprendidas por Evo Morales e os seus sucesivos gobernos desde o seu primeiro ano de mandato. Podemos velo no artigo de Álvaro García Liñera publicado na páxina web do Centro Estratégico Latinoamericano de Geopolítica (CELAG)  baixo o título de El odio al indio.
Un resume dos logros sociais e económicos acadados polos sucesivos gobernos de Evo Morales pode velo PULSANDO AQUÍ. (É un material que circula pola rede)

Os indutores do golpe son xentalla ligada ao goberno dos Estados Unidos (fálase de Bruce Willamson, encargado de negocios da embaixada USA en Bolivia como organizador do golpe, posiblemente co apoio dos asasinos da CIA e da NSA ianquis); estes contaron desde o primeiro momento coa participación activa da porcallada uniformada (eses que van alardeando ser homes de honra pero que de seguido, e cando hai cartos fáciles por medio, como demostra a historia en cada proceso involucionista social sexa no país que sexa, sempre van asasinando en favor dos máis poderosos, contra a maioría das poboacións, e para o seu propio peto, sen escrúpulos). Recibiron, segundo contan xornalistas, cada un dos xefes militares, un millón de dólares da embaixada ianqui por venderse para asestar un golpe á democracia de Bolivia. Foi o xeneral Williams Kaliman quen obedecendo as ordes dos asasinos do goberno dos EEUU dirixiu o golpe desde o exército e a policía. Suxeito indecente que ás 72 horas do golpe foise a vivir a non se sabe que sitio dos EE.UU. co seu millón de dólares.
Parece que os recursos naturais de Bolivia, sobre todo a máis grande reserva de litio do mundo, que o presidente democrático do país estaba disposto a facer que revertera en beneficio da maioría dos bolivianos e bolivianas, fixeron que as multinacionais e o goberno dos USA (non só o pallaso fascista que os preside, senón que tamén o restos dos seus políticos, militares e directores das axencias de asasinos) puxeran a Evo Morales no seu punto de mira por negarse a servir aos seus intereses.
O resultado foi o nomeamento irregular e ilegal dunha presidenta monicreque que reponde ao nome de Jeanine Áñez, cuxa procedencia política e ideolóxica descoñezo, pero que polas súas declaracións e maneiras é claramente unha persoa disposta a enriquecerse coa corrupción e a servir aos intereses do mellor ofertante estranxeiro, posiblemente, e seguindo a tradición das ditaduras latinoamericanas, a do país indutor do golpe; unha perfecta individua que representa os intereses das grandes "familias" do país vendidas ao capital estranxeiro. Unha presidenta que unha das primeiras medidas que fixo foi violar a constitución e as leis, establecendo disposicións tendentes ao control do país entre elas a de dar carta branca ao exército e á policía para asasinar impunemente aos opositores ao golpe, sen estar sometidos a responsabilidades nin investigación; outra foi poñer como xefe do exército boliviano a un xeneral da súa corda, supoño que tamén beneficiado co famoso millón de dólares. Unha presidenta que vai ser quen teña que responder diante do mundo se a situación boliviana dexenera nunha guerra civil ou nunha represión indiscriminada contra que non comulgue con ela e os seus golpistas (de momento xa están a ser detidos ilegalmente os deputados lexítimos escollidos polas forzas que apoiaron a Morales). E, coma sempre, coma ocorreu en Honduras, Chile de Allende, Arxentina, Brasil, etc. o resto dos países do mundo, agás aqueles gobernados por xente decente, non van dicir nin pío contra os delincuentes internacionales indutores do golpe de todos coñecidos.
Como non podía ser doutra maneira, o golpe de Estado e a presidenta golpista foron recoñecidas con celeridade por los suxeitos máis fascistas que rexentan cargos presidenciais no continente americano: o presidente dos Estado Unidos, Donald Trump, e o presidente do Brasil, Bolsonaro; dous pallasos fascistas ao servizo das grandes multinacionais. Amais destes individuos mencionados, tamén Guaidó, o pretendente fallido a ser presidente de Venezuela ao través dun golpe de estado deu por bo o asalto á presidencia de Bolivia por elementos golpistas, sediciosos e fascistas. Tampouco o presidente saliente da Arxentina, liberal como Rivera ou Casado e recentemente derrotado nas urnas, tardou en mostrarse disposto a recoñecer aos golpistas.
Pero unha das cousas máis graves acontecidas a nivel internacional e fora de Bolivia, na miña opinión e plo que nos toca, foi a calada por resposta e a asunción dos feitos pola Comisión Europea, que non condenou o golpe de Estado; simplemente limitouse a invocar unhas novas eleccións a curto prazo (lembremos que Evo Morales xa as estaba a convocar) santificando así o golpe de Estado. Xa acontecera algo similar co intento de golpe de estado contra Maduro e o recoñecemento de Guaidó, e volve a pasar con Bolivia. Non cabe dúbida de que os intereses que defenden os sen-vergoña que conforman a Comisión Europea non son os da maioría da poboación europea nin os dos procesos democráticos; desde Europa defenden os intereses , xunto co Banco Central Europeo, da oligarquía financeira internacional

Eu espero do goberno de Pedro Sánchez, aínda que non teño moita confianza nelo, que non faga o mesmo que fixo con Guaidó, que non se deixe empuxar polo amiguete de Carlos Andrés Pérez, que non recoñeza un goberno nacido dun golpe de Estado contra un presidente escollido democraticamente nas urnas e en disposición a convocar novas eleccións, como lle pediu a Organización de Estados Americanos (OEA) polas dúbidas que esta, sen argumentos nin probas, puxo ao reconto electoral das recentes eleccións bolivianas. Hai que sinalar que nos últimos tempos, a OEA parece máis unha axencia dos Estados Unidos destinada a volver facer de América Latina o seu patio traseiro que para defender os intereses dos países en se mesmos e do conxunto da rexión contra os abusos exteriores.
En fin, outro máis dos moitos feitos criminais que adornan a recente historia dos gobernos dos Estados Unidos de América e da historia mundial dos exércitos cheos de fascistas, nazis e corruptos.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...