Amosando publicacións coa etiqueta PP. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PP. Amosar todas as publicacións

03 xuño 2018

Rajoy, kaput. ...E a dereita está que morde

Que entendo eu por “dereita política”?
Antes de seguir para adiante véxome na obriga de clarexar a que me refiro con “dereita”. Na miña acepción, “dereita política” non só é aquilo que está clasificado como tal polos “bibliotecarios da política”; é dicir, xornalistas e tertulian@s, sexan dos convencionais, dos bota por fora ou dos que poidan escibir ou falar a sueldo dunha determinada vontade política ou económica. Tampouco me refiro ás persoas que están encadradas nunha ou outra forza política polo mero feito de estar aí. 

Resumindo: para min, a “dereita política” non só está formada polas persoas encadradas no Partido Popular, en Ciudadanos ou á súa dereita partidaria (supoñendo que poida haber algo máis extremo na dereita política). 

Para min tamén son dereita política moitas das persoas que militan no PSOE, bastantes delas con relevancia, das que estou máis que seguro que non están nada contentas con que Sánchez, por moi morniño e moi integrado no sistema que estea, teña presentado e sacado para adiante esa moción de censura. Falo da vella xerontocracia do PSOE (Felipe González, Guerra, Mr “Patada na Porta”, Solana, ...), moitos dos cales representan na actualidade os intereses da dereita máis podre das multinacionais e dos bancos españois.

Pero tamén son “dereita política” algúns dos membros do aparato pesoero que se consideran derrotados polos partidarios de Sánchez no derradeiro congreso do seu partido, é dicir, os Lamban, a Susana Díaz, os García Page,... A estes últimos podemos xuntarlle aqueles que cando hai conflito no PSOE están caladiños e, para pronunciarse publicamente, están á espera de quen consideran que se posiciona mellor na loita interna; e que finalmente acaban facendo loas ao vencedor, aínda este non sexa a persoa á quen estiveron lambéndolle o cu publicamente; aquí podemos situar os extremos, tanto no Levante coma no Poñente da península; é dicir, os clásicos vira-chaquetas.

Buf! Mira que me costou definir “dereita política” segundo a miña persoa.

E que vai facer Pedro Sánchez?

Pois, sinceramente, non son quen de adiviñar que é o que o novo presidente vai facer. Coido que é moi difícil sabelo; sobre todo se temos en conta que ata o de agora, na súa vida política pública, andou “as veletadas”. A grosso modo podemos dar uns trazos da súa traxectoria. Primeiro que se coalición preferente coas forzas da súa esquerda; despois, baixo a presión da xerontocracia pesoera e dos aliados e aliadas destes, mellor con Ciudadanos. Posteriormente decátase de que iso non lle vale de nada diante da organizada dereita interna e ten que presentar a súa renuncia á secretaría do PSOE; e, tamén, da súa acta de deputado. Posteriormente gaña o pulso interno e volve á secretaría do PSOE. Despois unha época gris ata o conflito catalán. 

No conflito catalán, despois de resistirse brevemente e de forma moi feble á aplicación do 155, pasou a situarse de facto na banda da extrema dereita, a dos do “a por ellos”, aceptando incluso que puidera haber xente encarcerada por manterse nas súas ideas, e non criticando con dureza a desmadrada actuación das policías no 1º de outubro; estando moitos dos seus dirixentes en Catalunya aliados cos movementos da extrema dereita de Arrimadas, García Albiol, Arcadi Espada e cos esperpentos creadores desa cousa virtual á que denominan “Tabarnia” contra o dereito a decidir e o respecto ás decisións maioritarias da cidadanía de Catalunya. Cando falo de esperpentos non pretendo darlle a categoría creadora de Valle-Inclán senón comparalos cos representativos personaxes sociais que don Ramón María describía na súa obra.

A moción de censura e o futuro.
Pero, ao que iamos: que vai facer P. Sánchez? Eu non espero moito, pero tendo en conta que é un goberno de transición tampouco voulle pedir imposibles. El dixo na sesión de censura que ía respectar as leis e mandamentos da maioría parlamentaria, tanto as bloqueadas polo goberno de Rajoy, como as aprobadas coa conivencia do Partido Popular e Ciudadanos, incluso as que contaron co seu voto en contra. Non me parece mal. Foi un proceso de acumulación de forzas; había que atraer ao PNV para as filas do “si”. Outra cousa é que quen votou afirmativamente a citada moción teña que tragar e calarse, por exemplo, diante duns orzamentos do Estado para o ano 2018 tan antisociais como os acordados por Partido Popular, Ciudadanos e PNV.

Sánchez sabía que a esquerda, aínda que non conforme coas súas posicións, ía valorar máis botar á extrema dereita do Goberno do Estado que o estar de acordo totalmente con quen presentaba a moción de censura (cuestión de ética política e principios). A dúbida estaba na dereita, PDeCat e PNV. A extrema dereita, C’s e PP estaba claramente na contra. E hai que admitir que realizou unha doada xogada falando de que ía tirar para adiante cos orzamentos previamente aprobados polo Congreso, a falta do trámite do Senado e de volta á cámara baixa (que é máis alta, de maior categoría e representativa da cidadanía do que é ese resíduo juancarlista[1] á que tamén chaman cámara alta).

Que vai a acontecer? Por parte de PSOE xa quedou claro que vai utilizar o goberno para levar adiante algunhas medidas xa anunciadas na sesión da censura: levar adiante as proposicións de lei aprobadas pola maioría do Congreso e vetada polo goberno pepero e, tamén, os orzamentos aprobados pola maioría de dereitas. Algunhas delas son, dependendo de como se enfoquen, moi importantes para a sociedade do Estado: derrogación da lei mordaza, paralización da LOMCE, derrogación do imposto ao sol, derrogación da lei de pensións do ano 2013, derrogación da reforma laboral do PP e da reforma do Código Penal. O que non parece tan claro e que os Orzamentos que propiciaron o voto afirmativo do PNV teñan que manterse tal e como foron acordados polos representantes da grande burguesía vasca e os dous partidos de extrema dereita con representación no Congreso.

E que van facer os demais grupos do Congreso?
Imaxino que desde Podemos, á vista da intervención dos seus lideres estatais despois de aprobada a moción de censura, vai demandar que se informe e consensúen os proxectos a aprobar, e unhas cousas poderán ir para adiante con consenso e outras (coma a lei de orzamentos para 2018) imaxinamos que non; aínda que do partido de Iglesias e Errejón calquera cousa é esperable. O que si parece certo é que as decisións deste colectivo vanse tomar de forma centralizada. Porque o das confluencias da toda a impresión de que é para disimular unha suposta soberanía dos deputados de En Comú e de En Marea respecto ao centralista partido que da nome ao grupo parlamentario, polo cal non parece que vaian ter unha política diferente da que lle marque o grupo central (cousa que aínda parece máis clara desde o recente pacto entre EU, Podemos e Equo de cara ás eleccións municipais e desde a intervención de Pablo Iglesias no plenario da censura na que ninguneou claramente, ao falar como únicas nacións conformantes do Estado a Catalunya e a Euzkadi, a política que unha parte dos membros galegos do seu grupo confluinte teñen sobre a cuestión territorial na Galiza: considerala coma nación).

Desde Compromís imaxino que terán unha actitude moi parecida a dos anteriores; mais esta actitude estará mediatizada polo pacto que manteñen no País Valençiá co PSV-PSOE, polo que serán máis proclives a chegar a acordos con Sánchez. O que si xa teñen anunciado son emendas aos orzamentos no Senado. Polo cal aquí tampouco todo vai ser Jauja.

Aos grupos de Catalunya, Esquerra Republicana e PDeCat, o que máis lles pesará nas súas decisións será a actitude do goberno do PSOE sobre as cuestións que agora lles preocupan: o tema dos presos políticos, o tema dos fuxidos e exiliados e o resto das cuestións relacionadas co autogoberno do seu país. No resto, ER actuará coma o grupo de esquerda errática que é. E PDeCat farao como grupo de dereita que aspira a representar os intereses da burguesía catalá, que é o que realmente é como xa demostrou na votación para a composición dos cargos do Congreso e grazas ao que O Partido Popular ostenta a presidencia da cámara.

Os grupos da extrema dereita (Partido Popular e Ciudadanos) e os seus apéndices territoriais (Foro Asturias e UPN) buscarán un ambiente de enfrontamento permanente co goberno de Sánchez, recorrendo ás políticas máis porcas e oportunistas que poidan. Por parte do PP xa teñen anunciado que non descartan poñer en solfa, incluso, os orzamentos por eles negociados e consensuados co PNV e C’s. Non fai falta moita imaxinación para pensar que unha das súas áreas de batalla vai ser o tema territorial, tentando de polarizar os enfrontamentos entre os diferentes pobos do Estado como xa ten feito no pasado o Partido Popular e recentemente Ciudadanos co tema catalán. Son capaces, tamén, de reactivar o tema dun terrorismo inexistente; xa o intentaron. ao través das súas camarillas mediáticas e asociativas afíns, de facelo co tema da pelexa de bar de Alsásua, polo cal non é dificil pensar que pode ser un arma a utilizar. Mentres utilicen só a palabra e non pasen a facer simulacións, aínda que indesexable e artero,  a cousa non pasa de ser simplemente grave. 

Pero a este chasco levado polo Partido Popular na moción de censura temos que lle engadir a posición dun partido, Ciudadanos, para comerlle terreo electoral a aquel. O que vai contribuír aínda máis a que tanto partidos da extrema dereita coma o seu lixo mediático subvencionado ou ideolóxico polaricen máis e máis a situación. E no ámbito da información teñen maioría abundante. Sen esquecer os movementos internos do PP, tanto para a sucesión ou golpe de partido a Rajoy como para emigrar a terras ciudadanas e coller alí unha boa colocación.

Por unha parte está o partido de extrema dereita que representa a falanxe do noso tempo, dirixido tamén por un Rivera, que representa aos grandes capitais, pero que troca a cor azúl pola laranxa. Un partido, no fondo, tan perigoso coma o foi a Falange Española de las JONS nos anos da pre e da post guerra. Un partido cuxo lider adoita frases e pensamentos casi literais aos expresados por Mussolini e José Antonio Primo de Rivera nunha época histórica anterior; un partido, como se ten demostrado no conflito catalán, que arrastra coas súas proclamas a grupiños e subgrupiños da extrema dereita violenta, os do “a por ellos”. Un partido que empezou indo de “dereita civilizada” pero ao que agora se lle están empezando a ver cales son as súas verdadeiras intencións. Amais, parece que conta con financiamento sobrado (e non falo do que lle corresponde polos seus resultados electorais) xa desde a primeira vez que se presentou a unhas eleccións xerais cuxos resultados non foron os que pensaban en ningún dos dous procesos consecutivos se nota que manexa fondos. E despois o campañón de Catalunya. Non é dificil imaxinar, aínda que non con certeza, de onde poden quitar os cartos; sobre todo se consideramos o pasado laboral do riverita e o éxito do seu primeiro experimento político catalán.

Da outra parte está a extrema dereita franquista, representada principalmente polo Partido Popular, que non quer deixar que os da laranxa lle quiten e disputen os seus dominios. Polo que tentarán de polarizar ao máximo as súas políticas de dereitas coa finalidade de manter a súa influencia sobre o electorado de pensamento fascista (violentos e non violentos); tentaran, amais, de manter á caverna mediática da súa parte coma ata o de agora así como os favores do empresariado que poida estar pensando en cambiar de bando. Así como manter a presión caciquil no medio rural e socialmente atrasado de cara a manter resultados electorais (aquí vai ter a dificultade dos caciques que estimen mellor posicionados aos de Ciudadanos). E tamén de manter o favor dos que “non queren saber nada de política” e rematan sempre por votar a opción da extrema dereita pepera.

É dicir, Sánchez non o vai ter doado. Mais a min no me da pena algunha.

E eu, e moit@s coma min, que quero para esta etapa de transición ata as próximas eleccións xerais?
Nós, os que non pasamos da política porque sabemos que a política non pasa de nós, pero que non estamos encadrados en ningún partido político ou coalición electoral, tampouco imos telo fácil. Realmente moitos de nós conformámonos con pouco para este tempo que falla para as próximas xerais: 

  •  Que se respecte a liberdade de expresión, e polo tanto se derrogue a Lei Mordaza e a reforma pepero-fascista do código penal; que deixen en paz e en liberdade a aqueles perseguidos e condenados polas leis fascistas;
  • Que derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, que non haxa pensións inferiores ao salario mínimo e que se garanta o poder adquisitivo d@s pensionistas;
  • Que os nosos fillos, fillas e net@s poidan ter un traballo en condicións estábeis de contratación, con salarios dignos e con dereitos laborais conforme á Declaración Universal dos Dereitos Humanos;
  •  Que se depure a Administración de Xustiza de forma que non sexa unha extensión da política. E que se separe dela a aqueles xuíces e xuízas que poidan ditar sentencias, agravalas ou minimizalas, en función da súa ideoloxía e non dunha aplicación mesurada da lei acorde coas circunstancias sociais dos procesados e da sociedade;
  •  Que se derrogue a LOMCE e se volva a situación precedente mentres non se lexisle unha nova lei na que a relixión fique fora da escola e na que non se subvencione ao ensino privado máis alá do que sirva transitoriamente para garantir unha educación universal;
  •  Que se estableza unha política de bolsas suficientes para o estudantado que non teña posibles;
  • Que se inicie a reversión ao público da totalidade do sistema sanitario e se garanta a sanidade universal como dereito para todo o mundo;
  •  Que se respecten os dereitos humanos para as persoas inmigrantes;
  •  Que se traslade a competencia sobre a AP-9 a Galiza e que se obrigue á empresa a levantar a barreira das peaxes cando non haxa fluidez no tráfico;

Como se pode ver, aínda que posiblemente me esqueza de algo urxente, non é moito o que se desexa para un ano ou dous, máximo se temos en conta que moitas desas medidas xa foron aprobadas por unha maioría parlamentaria e bloqueadas polo goberno saínte do Partido Popular.

Pero do partido dos bandazos, o PSOE, non se pode esperar moito.


[1] Eu son da opinión de que esa Cámara foi constituída nas primeiras eleccións postfranquistas coa finalidade facer fronte (xunto coa sobrerepresentación no Congreso das provincias socialmente máis atrasadas) ao través dos “senadores por designación real” á posibilidade de que a esquerda puidera obter maioría nas Cortes Constituíntes. E despois mantivérona para colocar nela aos dinosauros de cada partido. De aí o de “resíduo juancarlista”, con todo o que iso significa en relación á ligazón do réxime co franquismo e a negación da democracia co réxime político actual do Estado.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...