Amosando publicacións coa etiqueta Valencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Valencia. Amosar todas as publicacións

18 novembro 2024

Partido Popular, poltronas e "superglú"

 

         Que ninguén se leve a engado. Cando falo de "superglú" non me estou a referir a esa banda musical ferrolana de nome "Super-Glú", senón ao nome con o cal se coñece de forma popular a ese pegamento instantáneo, de múltiples marcas, cuxo composto básico é o Cianocrilato que ten fama de actuar rápido e con forza.

 


        E que ten que ver iso co Partido Popular e coas poltronas? Pois moi doado; e logo o entenderedes, porque diso se trata, de engancharse ás poltronas coma se en elo fórase a vida.

        As persoas que lemos a prensa ou escoitamos as novas sabemos que, desde hai moitos anos cara aquí, desde o Partido Popular levan pedindo dimisións a destro e sinistro, "a tutiplén", como parte da súa "política de Estado" (vaiase señor González, Zapatero, Mónica Oltra, Sánchez, Fiscal do Estado, Presidente do Tribunal Constitucional, Irene Montero, Alberto Garzón, ministros e ministras dos diferentes ramos,etc.).

        Eu coido que todo isto ten que ver coa súa incapacidade para acadar unha maioría que lle permita acadar o Goberno do Estado e facer as falcatruadas e destrución dos servizos públicos que está a facer alí onde goberna; ou incorrer en neglixencias como as que protagonizou neste mes de novembro na Comunidade Valenciana, as que cometeu en Madrid nas residencias de maiores durante a pandemia do COVID ou as que protagonizaron na Galiza durante a crise do Prestige ou coa progresiva aniquilación do idioma galego desde que Alberto Núñez Feijóo acadou a Presidencia da Xunta de Galiza. Unhas con numerosas vítimas mortais e outras, afortunadamente, sen consecuencias mortais directas.

        En ningunha das cuestións delituosas que afectaron a cargos públicos do Partido Popular ou en cuestións de nefasta xestión e neglixencia houbo dimisións, destitucións ou expulsións do partido ata que non se demostraron xudicialmente as cuestións delitivas. E, por suposto, no caso de claras xestións nefastas e/ou neglixentes, incluso as que determinaron numerosos casos de falecementos derivados desas xestións, non houbo nin un só cargo do Partido Popular que dimitira, fora destituído ou expulsado. Como exemplo a xestión das residencias de maiores de Madrid durante a pandemia, con 7291 falecidos derivados da neglixente xestión; ou os mortos da recente DINA de Valencia que se poderían evitar (polo menos en gran parte) se a Generalitat Valenciana fixera o seu traballo. Pero non, aí seguen repartindo culpas e tentando de sacar toda a caspa levan enriba Isabel D. Ayuso, os seus consejeros, e Mazón e os seus consellers. Engánchanse ás poltronas como leóns ás súas presas, tal cal parece que cando se lle move a banqueta séntanse, enchen o asento da poltrona de superglú e pousan o cu nela para evitar que ninguén os remova, por moi mal que o teñan feito.

        Ista forma de actuar contrasta coas súas maneiras públicas de actuar e dicir cara a outras persoas. Porque cando a alguén que non é do seu gusto algún xuíz ou xuíza (que non practica o "lawfare", por suposto) ábrelle dilixencias penais, aínda que estas sexan abertas en base a recortes de xornais presentados por organizacións fascistas ou ultrarrelixiosas, pronto están a esixir a súa dimisión.

        Hoxe seguen igual

        Ocorridos os efectos negativos da Depresión Illada en Niveis Altos da Atmosfera (DINA), con un alto nivel de destrución en bens materiais e, o que é peor, un altísimo número de falecidos que se podían ter evitado se o Presidente da Generalitat Valenciana e o seu Consell actuaran de forma dilixente diante dos avisos de AEMET e da Confederación Hidrográfica, coma fixeron outras institucións (Universidade de Valencia, concellos e outros organismos que decidiron suspender toda actividade pública). Pero non; optaron por ser neglixentes como se ten demostrado nos días posteriores. E por máis que se esforzan Mazón e os seus conselleiros, así coma Feijóo e o resto da cúpula do Partido Popular en desviar a responsabilidade do desastre, a secuencia dos feitos, das neglixencias e do desinterese nin sequera o negan os medios máis afíns á dereita populera.         

        E, unha vez que falla o tema AEMET e o tema Confederación Hidrográfica, pola inconsistencia das desculpas e novelas televisadas do señor Mazón e os seus protectores instalados en Madrid, dirixen os tiros cara á ministra Teresa Rivera, titular de Transición Ecolóxica e candidata a Comisaria de Transición Limpa, Xusta e Competitiva na Comisión Europea.

        Eu teño que confesar que esa señora, Teresa Rivera, non é santa da miña devoción. Non podo máis que pensar que unha señora que apoia a construción de grandes parques eólicos mariños nos caladoiros onde a flota de pesca artesanal e de media altura máis importante de Europa realiza o seu traballo, con todas as consecuencias negativas que vai ter tanto para os pescadores, os mariñeiros e os consumidores e consumidoras (com xa teñen avisado os pescadores portugueses vítimas dun parque dese tipo), non está realmente a defender intereses medioambientais, senón outros que nada teñen que ver coa ecoloxía.

        En todo caso, non ten moito sentido o balbordo que na Unión Europea está a montar a ultradereita do Partido Popular, arrastrando consigo, da man do ultradereitista alemán Manfred Weber, presidente do Partido Popular Europeo, ao resto do grupo popular no parlamento da Unión Europea. Un balbordo que o único que pretende é enturbar o debate e desviar as claras responsabilidades políticas (e posiblemente penais) do desastre valenciano.

        E menos sentido algún ten a proposta feita polo señor Weber de non impedir o acceso de Teresa Ribera ao posto de Comisaria da UE se hai un compromiso pola súa parte de dimitir do cargo no caso de ser imputada xudicialmente polo desastre valenciano. Acaso Manfred Weber non está informado de que no Estado Español un xuíz ou xuíza pode imputar a calquera por unha denuncia baseada en novas non contrastadas de xornais aínda que despois resulten ser falsas? (caso da esposa de Pedro Sánchez) Ou que pode ser imputada porque unha persoa fai acusacións non contrastables e que resultan ser falsas? (caso da "niñera" de Pablo Iglesias e Irene Montero, por exemplo) Non sabe, ese señor, que hai organizacións de corte fascista que están cada dous por tres nos xulgados presentando querelas criminais contra persoas e organizacións democráticas e de esquerda con resultado de imputacións que despois de longo tempo son sobresidas?

        Como para aceptar tal cousa. Habería cola de fascistas diante dos xulgados a presentar denuncias; e, posiblemente, cos resultados que todos presupoñemos.

        En fin, o que ten que ocorrer é que a Generalitat Valenciana dimita en bloque, co seu President Mazón á cabeza como máximo responsable e corresponsables do desastre. E que a cidadanía valenciana se aproveite no que poida do rego de millóns de euros que van sementar os peperos (non todos mais si os de sempre), pero que non deixen que recollan os votos. Que sigan a esixir as dimisións e a pedir responsabilidade. Que non fagan o que moitos e moitas galegas fixeron, de forma vergoñenta, despois do desastre do Prestige (e o sinto se a alguén lle doe e molesta que se diga, pero foi así; a min, galego, dóeme o que fixeron e o digo). Que non se deixen comprar.

05 novembro 2024

Destrución, impotencia, indignación, incompetencia... (e, tamén, fascistas)

                  Xa van varios días desde que a Depresión Illada en Niveis Altos da Atmosfera (DINA) arrasou unha parte importante do Pais Valençiá, Castela-A Mancha e algunha localidade andaluza. Días no que a destrución, a impotencia cidadá, e a incompetencia ou neglixencia das autoridades xuntáronse coa xustificada indignación, coa explosión rabiosa, de parte da poboación.

        Tamén os bulos sobre a orixe da catástrofe e sobre as súas consecuencias fixeron a súa aparición e foron distribuídos desde os espazos de coñecidos "xornalistas", "influencers" e "políticos" de clara tendencia nazi-fascista asentados en Youtube, programas de algunha canle convencional de TV, canles de Telegram e xornais dixitais de clara tendencia ultradereitista coma Libertad Digital ou Ok-Diario, coa participación, nalgún caso, de xeneralotes retirados e coñecidos pola súa adscrición fascista e a súa adoración polo criminal Franco. 

      E non só son os bulos, senón a presencia de fascistas organizados nas zonas do desastre para tentar de capitalizar a razoable indignación dos residentes e achegalos a asumir as súas mentiras. Isto púidose ver con claridade o pasado domingo no que eses criminais sociais que son os fascistas tentaron dirixir a ira da cidadanía indignada cara aos gobernantes civís. Incluso unha sobriña do rei Borbón, esa tal Victoria Federica, apuntouse o domingo a esta última modalidade de ataque fascista aos gobernantes civís desde a súa conta nunha rede social.

        A min non me cabe dúbida de que moitos dos efectos xerados pola potencia inusitada da DINA puideran ser evitados se as persoas responsables de administrar as alertas e dar ordes de actuación á cidadanía e aos órganos e institucións de seguridade pública pola situación de emerxencia que estaba anunciada con días de antelación cumpriran coa súa obriga. Quizás non se houberan evitado moitos dos danos materiais que se produciron, pero si estou convencido que o desastre de vidas humanas houbera sido moitísimo menor que o que esa incompetencia atroz demostrada xerou.

As responsabilidades

         Esa falta de cordura dos responsables de protexer á poboación civil valenciana, despois dos múltiples avisos por parte da AEMET da que íalles caer por riba foi un dos principais causantes dos numerosos mortos e de numerosas perdas materiais que, de actuar de forma responsable, se puideran haber evitado.

        Os gobernantes da Generalitat valenciana sabía o que estaba por vir máis, non se sabe por que motivo (ou si podemos imaxinalos), trocaron dilixencia por mortos. A Universidade de Valencia, facendo gala da súa autonomía e da racionalidade do seu goberno, suspendeu todas as actividades decretando o peche, facendo caso das repetidas advertencias de meteorólogos e das confederacións hidráulicas. Por que o Goberno de Mazón non fixo o propio?

  • Por que, sendo consciente da existencia dunha alerta vermella, non tomou as medidas axeitadas e só deu a voz de alarma xeral cando o desastre xa estaba comezado e xa nin tempo había para parar as augas e os torrentes? 
  • Por que se negou a decretar o nivel máis alto de alerta e a solicitar axudas do goberno central cando a situación xa era do máis catastrófica que se recorda neste Estado? Porque saber sabía que o goberno central non pode enviar e efectivos humanos e materiais de forma unilateral no grao de alerta que tiña determinado. 
  • Por que cando calquera persoa minimamente desperta (excluímos aquí ás persoas lelas que se deixan guiar pola merda mediática de Alvise, Quiles, youtubers imbéciles e outros do estilo) ten claro de quen é a principal responsabilidade o Sr. Mazón troca o seu discurso e se dedica a tentar que a responsabilidade rebote cara ao goberno central? 
        Evidentemente a responsabilidade é do Presidente da Generalitat valenciana e do seu goberno de toureiros. E falo da responsabilidade política, que neste caso está máis que clara; pero non podemos descartar que, amais da política, puidera haber outro tipo de responsabilidades penais, debido a que a neglixencia do goberno valenciano foi, sen dúbida algunha, a que posibilitou que houbera tan alto número de persoas falecidas.

 Bulos, agresións e interpretacións fascistas

        O fascismo e o nazismo (se é que hai diferencias) non paran. Desde distintos medios dos xa coñecidos Vito Quiles, Alvise, o de Desokupa, blogueros e youtubers varios, presentadores de espazos televisivos en canles convencionais, redes sociais de diferentes grupos nazis (algún deles recen legalizado, por certo) ou xornais dixitais como Libertad Digital ou Ok-Diario os bulos sobre os diferentes temas arredor do desastre se desataron xa desde que o público tivo coñecemento da dimensión da traxedia.

        Uns creadores de bulos, os outros como transmisores dos mesmos sen contrastar as informacións; pero todos a tratar de contribuír a aumentar a crispación e a tentar de desprestixiar a gobernabilidade civil do Estado e das institucións. Poñemos ligazóns a dous medios de orientación totalmente contrapostos nos que se describen os bulos lanzados pola extrema dereita durante estes duros días. No xornal La Razón e no xornal dixital eldiario.es. Hoxe escoitei na radio outro bulo do que non ouvira falar: que as inundacións eran parte dun plan para desfacerse da actual poboación e substituíla por migrantes. Ridículo, non? E tamén escoitei algún aínda máis incrible: que Abascal colleu a pa e que estivera levantando lama nunha das vilas afectadas.

        Quedou patente toda esta trama organizada e incitadora da violencia no acoso ás autoridades civís ocorrida no pasado domingo na localidade de Paiporta da que segundo medios serios de información estaban os infantes de Vox (Revuelta), Desokupa, Democracia Nacional, España 2000 e outros grupellos nazi-fascistas polo estilo. A min chamoume a atención aquel "niñato" cun tupe repeinadiño e limpo coma unha patena que saiu na TV dirixíndose ao rei Felipe para criticar á autoridade civil; e resulta que o elemento ía cunha roupa propia dun grupo nazi.

"Só o pobo salva ao pobo"

     Aqueles que tentaron de que Antonio Machado fora silenciado, os que teñen antepasados que o perseguiron ata no exilio e que se alegraron da súa morte, os partidarios e apoloxistas dos que o silenciaron queren apropiarse da súa frase de que "so o pobo salva ao pobo", coma se eles representaran ao pobo! Porque eles representan todo aquilo que Machado condenaba e non quería, eles son os defensores dos privilexios, os defensores da explotación, os señoritos,  os defensores dos grandes terratenentes e das ditaduras. E Antonio Machado sobre o pobo dicía:

"En España lo mejor es el pueblo. Siempre ha sido lo mismo. En los trances duros, los señoritos invocan la patria y la venden; el pueblo no la nombra siquiera, pero la compra con su sangre y la salva"

    E si, é certo. Miles de voluntarios se achegaron ás zonas afectadas pola DINA, sen invocar a patrias que salvar; simplemente a tentar de axudar de xuntar as súas mans coas dos veciños. De contribuír a mellorar a situación, sen máis interese que a de colaborar.

        O mesmo que aconteceu na nosa Galiza cando os incompetentes que negaban a catástrofe tamén se negaron a afrontar de forma eficaz a crise do Prestige que tinguiu de negro as nosas costas. Pois si, chegaron miles de voluntarios de todas as procedencias, co único propósito de axudar a facer o que os incompetentes negaban. Curiosamente incompetentes da mesma familia política que os incompetentes valencianos que se negaron a recoñecer a evidencia ata as oito da tarde do maldito día.

        Se Machado vivira hoxe, serían estes voluntarios aos que se referiría coma pobo. E condenaría a aqueles salvapatrias que tratan de xerar desconfianza, desconcerto, violentos e partidarios dunha ditadura que a maior parte deles non sufriron nin coñeceron.

Para rematar

    É máis que evidente que hai que determinar todas as responsabilidades políticas e destituír ás persoas responsables. Igualmente, determinar se hai responsabilidades penais e perseguir aos presuntos delincuentes.

        Se a Generalitat valenciana non afronta as súas obrigas, o Estado debe facer valer a súa autoridade e utilizar as leis que lle permitan intervir en favor do auxilio á poboación civil.

        E cando hai unha alerta dese tipo, o que hai que facer é suspender automaticamente todo tipo de actividade, forzar a suspensión por medios coactivos se é necesario, e dicirlle aos patróns recalcitrantes que se vaian tomar vento fresco. E, por suposto, mobilizar todos os equipos de emerxencias que se considere necesario, sen esperar a que o pimpín de quenda teña a ben pedir permiso aos señoritos para actuar.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...