Alguén
debería de se facer a pregunta de que é o que realmente quere a
dereita do Estado Español, tanto a nacionalista española como a
nacionalista catalá. A resposta é sinxela: posuír o goberno aínda
que non o teña acadado nas urnas, sexa cal sexa o seu ámbito
territorial de actuación. O método: calquera lles vale; non teñen
principios democráticos. E cando falo da dereita non estou a falar
soamente das súas expresións políticas senón, o sobre todo, dos
que están detrás das mesmas e de quen contribúe á sua formación e
mantemento. Dos que teñen o poder, non dos que gobernan ou queren
gobernar.
O
principio clásico e histórico de todas as dereitas políticas é
único: defender os privilexios da clase á que defenden a toda
costa, sexa cal sexa o método que utilicen para acadalo. Usan
métodos diferentes, pero todos eles tórnanse violentos para
controlar e esmagar aos máis débiles. Unhas veces válense dos
aparatos xudiciais (cuxos membros maiormente teñen a súa orixe nas
clases máis podentes e maiormente están aliñados ideoloxicamente coa
dereita extrema) para tratar de evitar que as urnas non lle dean a
vitoria a quen promete medidas para evitar os abusos (dos bancos, da patronal ou das multinacionais) contra o país e a súa poboación;
así o fixeron os mentores de Bolsonaro no Brasil e tamén parece que
pretenden facer os mentores do franquista Partido Popular, de
Ciudadanos e dos nazi-fascistas de Vox na actualidade e no Estado
Español.
Se
os mentores e organizadores da dereita política consideran que os seus intereses corren serio perigo e que non lles
resultan os seus artificios ao través das leis e do aparello
xudicial, non teñen ningún recato para recorrer a salvapatrias
uniformados para dar golpes de Estado ou forzar cambios nas orientacións políticas dos gobernantes non afectos; por poñer algúns exemplos,
así pasou na España da República, na Grecia do coroneis, no Chile
de Allende, na Arxentina de Videla...; ou máis recentemente o 23-F no Estado Español, os golpes
contra Manuel Celaya en Honduras, contra a Venezuela de Chávez
(aquí con probado apoio do goberno aznarista do Partido Popular) ou
na Bolivia de Evo Morales; casi todos eles con consecuencias sanguentas
(agás o golpe contra Chávez, que foi neutralizado polo groso do
exército venezolano, e o 23-F onde se di que se solaparon tres golpes distintos e dous deles fallaron) para as súas respectivas poboacións e que se
traduciron nunha falla de liberdades democráticas e falla de
respecto aos dereitos humanos por parte da podremia militar corrupta
e fascista. O que hai que sinalar é que cada vez que estes salvapatrias
uniformados accederon ao poder mediante a violencia sucedéronse
asasinatos masivos da poboación ou asasinatos selectivos de
opositores, desaparicións de cidadáns demócratas, torturas, fame e
miseria,... Outros dos resultados habidos nestes procesos golpistas
azuzados pola oligarquía financeira cando nos lles resultan os seus
servidores políticos, tal e como como demostra a historia, é que
eses salvapatrias uniformados que se autodenominan “homes de honra”
mostran que a súa honra estaba máis ligada á capacidade de
enriquecerse persoalmente e converterse -os que xa non o eran- en
corruptos que beneficiar ao conxunto da poboación; feitos que van desde apropiarse de doazóns realizadas para mitigar os sufrimentos da
poboación, pasando pola participación en negocios de dubidosa
moralidade, de aprobar proxectos de obras e comunicacións só se a
mordida era consistente, de vender os subministracións destinados
aos comedores dos cuarteis a outros negociantes sen escrúpulos, ...
e outras menos graves como as de utilizar a membros da soldadería
como man de obra para servir de camareiros, arranxar os seus
domicilios particulares ou ir a cargar coas bolsas da compra
doméstica. O que desminte o seu presunto “patriotismo”. É
dicir, xentalla sen ética nin moral que se autopublicitan como
“salvadores da patria e homes de honra” pero que no fondo non son máis que
gansters con medallas e galóns. E diso sabemos moito neste Estado
Español.
E que pasa aquí e hoxe coa dereita?
E que pasa aquí e hoxe coa dereita?
Na
actualidade e aquí, a dereita segue a non crer na democracia; como
antes, nunca creron nela; simplemente usárona para acadar e defender
os seus intereses exclusivos. Porque, cre alguén que Fraga era un
demócrata? Ou que o era Aznar ou Mariano Rajoy? Ou que o é Pablo
Casado, Abascal, Feijóo ou Arrimadas o son?. Todos eles son peóns situados polos que realmente mandan
en instrumentos (os seus partidos políticos) que están para servir
aos intereses da oligarquía e o gran empresariado. Calquera que aprecie e
sinta as liberdades democráticas e os dereitos humanos debería
saber, aínda que só sexa polo que din e predican, que non eran nin
son demócratas; xa non digamos se nos fixamos no que fan
directamente eles ou os seus correlixionarios.
Fica
claro que non son demócratas nas actuacións acometidas por eles
cando tiveron poder gobernamental:
- Defensa, a través de leis laborais e fiscais, dos intereses dos grandes empresarios e banqueiros españois que medraron ao amparo da represión e da corrupción do réxime de Franco ou dos intereses das grandes multinacionais, dirixidas en España polos descendentes das camadas empresariais franquistas (ás que incluso chegan a facilitarlle que se fagan con vivendas que na súa orixe estiveron financiadas polo Estado para ser dedicadas a alugueiro social para as clases máis desfavorecidas e que coa súa funesta intervención pasan a deixar na rúa a centos de familias por non poder facer fronte a subas salvaxes dos prezos do alugueiro).
- Represión policial contra aquelas persoas que defenden os intereses dos traballadores, das persoas desafiuzadas das súas vivendas ou que se opoñen publicamente aos abusos das entidades bancarias. Represión policial directa contra toda aquela persoas que “osa” defender os seus dereitos amosándose desconforme co algunha ou algunhas actuacións policiais e o manifesta de forma correcta e directamente a quen as realiza.
- Mantemento ou creación de privilexios a sectores sociais xa de por si privilexiados ao través da educación e do sistema fiscal.
- Leis que limitan ou condicionan os dereitos máis básicos do ser humano enunciados na carta dos dereitos humanos, que enuncian lexislacións laborais que permiten que innumerables (por non dicir a inmensa maioría) empresarios sen vergoña e mentalmente apodrecidos exploten dunha maneira inmisericorde aos seus traballadores e traballadoras chegando incluso a despedilos por estaren doentes. Sinalar especificamente os ataques á liberdade de expresión utilizando vericuetos xudiciais para atacar aos seus adversarios políticos que teñen consecuencias como o inxusto encarceramento de tres tiririteiros en Madrid, a condena e procesamento de Valtonic, o vocalista de Def con Dos ou o procesamento de tuiteros ou blogueiros por criticar ou ridiculizar (que é unha forma de crítica) a institucións para eles sagradas tanto da dictadura franquista como do réxime monárquico post-franquista actual.
- Empresarios que obrigan aos seus traballadores e ás súas traballadores a disfrazarse de empresarios e empresarias autónomas para aforrarse as cotas da seguridade social e non contraer obrigas laborais con eles, e que incluso lles obrigan a mercar as súas ferramentas de traballo.
- Políticos que permiten que certos empresarios teñan convertidos os centros de ensino en vehículos transmisores de ideoloxías machistas, ultradereitistas, xenófobas, reaccionarias e focos de proselitismo relixioso; que subvencionan a un ensino privado que, aparte da baixa calidade e dirixismo ideolóxico das súas prácticas educativas, poñen o acento en segregar ao alumnado segundo o seu sexo e imparten unha doutrina de dominación e abuso das mulleres por parte dos homes.
- Limitacións dos importes e dos dereitos a recibir unha pensión de xubilación digna, favorecendo aos banqueiros no impulso de plans de pensións privados que, debido aos baixos salarios que permitiron e a inseguridade e baixa calidade dos traballos, só poden ser subscritos por persoas con capacidade adquisitiva.
- Xentalla baixo cuxos gobernos miles de xoves (moitos deles con altos niveis de formación) tiveron que emigrar para poder atopar un traballo remunerado que lles permitira vivir pola súa conta e organizar un futuro vital.
Todo
o anteriormente mencionado e moito máis ocorreu durante os mandatos
de gobernos apoiados ou dirixidos polos anteriormente mencionados. E iso que xa non entramos nos dereitos colectivos das distintas nacións que conforman o Estado Español, ás que se lles nega o seu dereito a decidir e cuxos políticos son encarcerados e despoxados dos seus dereitos máis básicos por defender posicións políticas perfectamente legales, incluso saltándose os seus dereitos de inmunidade que as leis da Unión Europea lles confire. O mesmo pasa cos ataques constantes dos representantes políticos da oligarquía financeira e dos grandes empresarios contra as distintas linguas e culturas do Estado, ás que pretenden soimeter a unha visión centralizadora e uniformizante das mesmas (ao mellor é que son tan burros, tan burros, tan burros que non o entenden; algúns non dubido de que si o son).
Esa
é a sociedade española creada pola dereita e os seus representantes políticos. Coa colaboración
inestimable de xentes e presidentes do goberno procedentes do PSOE,
coma Felipe González, e os seus ministros de economía, facenda,
xustiza e interior ultraliberais ou partidarios da patada na porta e
da formación de cloacas policiais que aínda hoxe perviven; desde Solchaga e Boyer ou
Barrionuevo e Corcuera ata a última responsable de economía do goberno Zapatero e
pasando por Solbes. Ministros e gobernos do PSOE que respondían
fielmente ás expectativas postos neles polos empresarios e
banqueiros españois, ministros e gobernos que moitas veces tamén
foron apoiados, inexplicablemente, nas súas políticas por
importantes membros do Partido Comunista de España da transición.
Sinalar que a maioría destes últimos remataron por pasar a formar
parte das filas pesoeiras, sustentando en moitos casos importantes
cargos en fundacións e outras verbenas dependentes do partido
felipista.
É
necesario trocar con todo isto. Vai ser posible facelo por vía
electoral? O acordo asinado por Unidas Podemos e o PSOE é unha
declaración de intencións coa que poñerse a camiñar. Unha
declaración de intencións que non sei se algún dos asinantes vai
tentar de traducir en feitos e medidas lexislativas (do PSOE permítaseme que o dubide). Certo, tamén,
que é moi limitado o proxecto; máis tamén é certo que se trata dun proxecto socialdemócrata de baixa intensidade que contribuiría
a poñer ao Estado Español nun nivel social (e quizá sexa isto o
máis importante e unha das cousas que menos interesa á clase dominante) semellante ao de Francia, Alemania ou Italia; e a
mellorar notablemente o nivel de vida do conxunto dos traballadores, así como
frenar os abusos empresariais realizados e institucionalizados ao
amparo das leis promulgadas pola maioría franquista do parlamento
español baixo o goberno de Mariano Rajoy, e iso é o que realmente preocupa aos grandes empresarios e aos membros da oligarquía financeira española e internacional. Ese tímido programna de goberno tamén sería bo para o pequeno e mediano empresario, tanto na fiscalidade como na súa contribución a polo menos aminorar os abusos aos que a gran empresa somete ás PEMES, sobre todo na subcontratación de obra pública, no comercio de alimentación en fresco e na obtención de fondos para o financiamento dos seus proxectos.
A
alta burguesía e a oligarquía financeira non van estar contentas e van facer
todo o posible porque non haxa unha volta atrás nos seus abusos, e
como xa teñen anunciado os seus representantes políticos van facer
todo o posible porque iso non ocorra. Xa o fixeron desde as súas
organizacións profesionais e confesionais; tamén fixérono voceiros
do partido nazi-fascista desde Mallorca e fixérono os voceiros
parlamentarios dos mesmo na sesión de investidura de Sánchez. Tamén
o fixeron os voceiros do franquista Partido Popular e os seus ecos e
acólitos de Navarra e Asturias nesa mesma sesión. Sen esquecernos de toda a súa caverna mediática cos seus ataquen continuados ao potencial novo goberno e desde onde algun dos seus destacados xornalistas de orientación fascista ten chamado a unha asonada dos salvapatrias uniformados.
Pero
non só fica a palabra pronunciada, senón tamén os apupos, emitidos
desde as bancadas dos deputados nazi-fascistas e dos deputados do
partido franquista, recibidos no Parlamento nesa mesma sesión por
persoas pertencentes a forzas políticas con representación
parlamentaria cando condenaban con dureza a represión policial
selectiva e defendían posicións para as que foron escollidos polos
seus votantes. Que se pode ou non estar de acordo coas súas
intervencións, pero merecen un respecto como representantes de
amplos sectores sociais que son. Amais as súas protestas fixeron base, como se poderá ler no diario de sesións do Congreso, en mentiras grandes coma templos; simplemente unha excusa máis para facer máis dificil a gobernabilidade do Estado. Os nazi-fascistas e os franquistas
permítense insultar, mentir,... desde os seus escanos ou desde a
tribuna do Congreso, pero non admiten que ninguén lles leve a
contraria e que poña en dúbida ou denuncie as súas inexactitudes.
Puro fascismo.
