Un día coma hoxe, o 14 de abril de 1931, unhas eleccións
municipais celebradas no Estado Español deron lugar ao nacemento da IIª
República Española. Unhas eleccións que reflexaron os resultados no que os votantes amosaron o seu cansazo e a súa
fartura da corrupta monarquía borbónica e das miserias ás que os gobernos por
ela amparados inflixiron ás clases populares coa finalidade de favorecer as
insaciables arcas da burguesía, dos membros da familia real borbónica e da
Iglesia Católica. Borbons que desde os tempos do rei felón, Fernando VII de Borbón, pasando por todos os demais membros da súa
dinastía, non fixeron máis que roubar ás arcas públicas no seu favor propio e
os dos seus amiguetes e protexidos (sónavos algo disto conectando coa
actualidade?), aínda que iso supuxera para á maioría da cidadanía unha
acumulación galopante de miseria, explotación, fame e falta de instrución educativa; e en moitos casos,
a morte física por fame ou por non poder curar unha enfermidade.
Foron moitísimos os avances sociais que a II República trouxo ás
clases populares.
Pese a non ser a esquerda política a que tiña a maioría do goberno, e pese a
ter episodios condenables (como os asasinatos de Casas Viejas, protagonizados
por unhas forzas da orde ao servizo da dereita republicana, baixo un goberno de
Manuel Azaña), o curto período que as
dereitas fascistas da Falange Española de las JONS e as ultradereitas da CEDA permitiron respirar á FrontePopular, o sistema político nacido o 14 de abril de 1931 foi moi produtivo e
canto a actividades, logros e avances nos eidos laborais, educativos,
feministas, etc.
Na Segunda República acadouse a
educación pública xeneralizada ao traveso tanto da extensión da instrución
educativa aos recunchos máis apartados da poboación como das numerosas
iniciativas educativas puntuais levadas a cabo por universitarios voluntarios
durante os períodos de feiras (quizá o máis coñecido é o grupo teatral LaBarraca, dirixido por García Lorca), acadouse o dereito ao voto das mulleres e o dereito ao divorcio,
se estableceron leis que minimizaran a explotación dos traballadores e
traballadoras nas empresas e no medio agrario do Estado Español (tanto no eido da
xornada coma no eido dos salarios e dos dereitos dos traballadores). E moitos
outros logros contribuíntes a diminuír as diferencias sociais entre as persoas
e entre os pobos que conforman o Estado Español. Non temos máis que lembrar que
foi neste período no que se aprobaron os estatutos de autonomía de Catalunya,
Euzkadi e Galiza; e que recoñecidos nacionalistas das diferentes partes do
Estado (entre eles Castelao) apoiaron de forma crítica pero decidida o mantemento da República e
formaron parte da Fronte Popular, coalición preferida por ampla maioría da
poboación nas eleccións de febreiro de 1936.
Non imos describir aquí todas e cada
unha das medidas da Segunda República que significaron avances sociais,
económicos e culturais; non é o obxecto deste espazo. Hai outros traballos
escritos por prestixiosos historiadores e historiadoras tanto da Península
Ibérica como de fora dela que teñen magnificas obras nas que se poden consultar
a evolución e historia da Segunda República de xeito detallado (non falo dos
revisionistas pseudo-franquistas, nin dos conversos que teñen publicado
verdadeiras falsificacións da historia, superando incluso ao coñecido e nada
prestixioso (a pesares de que pretenderon cualificalo coma tal) historiador
franquista Ricardo de la Cierva.
A revolución dos mineiros asturianos en 1934.
Era máis que evidente que a burguesía
e as forzas reaccionarias da dereita e da extrema dereita fascista, defensoras
dos privilexios dos máis podentes economicamente e da corrupción do Estado non
ían deixar que a Fronte Popular seguira a converter ao Estado Español nun
espazo de liberdade, laico e cun sistema político dirixido por e ao servizo da
maioría social.
Había un precedente que non podían
asumir: durante o goberno da CEDA, no ano 1934, os mineiros asturianos tentaron
impedir que ese goberno da dereita devolvera aos patróns mineiros os
privilexios que estes tiñan antes da proclamación da República e que as
condicións de traballo, os salarios de miseria e os abusos constantes contra a
clase obreira volveran á situación precedente. Para elo, non atoparon outra
solución que a de iniciar unha revolución social que rematara dunha vez por
todas coa explotación e os abusos dos patróns. Pero o resto do país non era
Asturias, nin a conciencia dos mineiros era comparable á dos campesiños ou do
traballadores doutras industrias e do comercio. Pese ao apoio “moral” que as
clases populares prestaron ao levantamento mineiro asturiano, a mobilización do
exército polas forzas da dereita, con consignas de rematar de forma salvaxe e
sen miramentos coa revolución, deron ao traste co levantamento mineiro. E para
asegurar a bestialidade, o sadismo criminal, e a falta de escrúpulos dos
militares, a CEDA de Gil Robles puxo ao mando das tropas a un coñecido criminal
de guerra polas súas accións en Marrocos e nas guerras do Rif: ao xeneral
Franco Bahamonde.
O golpe de Estado e a
Guerra Civil.
Despois da intervención militar na
Asturias de 1934 e despois das eleccións de febreiro de 1936, gañadas nas urnas pola Fronte Popular, sucedéronse
varios intentos de golpes militares por parte da burguesía utilizando ao
exército como arma contra a democracia e as conquistas sociais da República.
E no mes de xullo de 1936, civís, gardas civís e militares ao mando de
Francisco Franco Bahamonde levantáronse en armas contra a República, asasinando
a toda aquela persoas que non comungara coas súas ideas ou puxera en dúbida as
súas intencións. As famosas brigadas do amencer (formadas por membros da Garda Civil, falanxistas e militares) que sacaban aos presos das
cárceres para torturalos, asasinalos impunemente e tiralos en calquera cuneta
ou enterralos en lugares nos que aínda hoxe non se sabe onde están; os
bombardeos de columnas de civís que fuxían dos seus fogares, escapando da
represión dos criminais, a incautación e roubo dos bens daquelas persoas que non
pensaban coma eles; encarceramento,
asasinato ou escarnio público dos familiares de perseguidos por pensar de forma diferente ou de estar da parte da legalidade institucional, sen distinguir rango de
idades. É dicir, as accións que caracterizan a calquera asasino e
xenocida.
Coidaron que o levantamento ía ser un paseo militar. Mais o pobo
organizouse e defendeuse, o que provocou unha guerra de tres anos con máis dun
millón de mortos segundo algunhas estimacións (José
María Gironella escribiu unha novela titulada “Un millón de muertos”, dentro da súa triloxía da Guerra Civil, en
referencia aos mortos nela; os historiadores din que se quedou
curto). Mortos sen xustificación, do que
son responsábeis aqueles que se levantaron en armas contra a legalidade republicana
que a vontade popular, expresada nas
urnas, dotou ao Estado Español.
O golpe franquista foi unha quebra da lei premeditada, con armas e con resultado de mortos; é
dicir, o que en termos xurídicos se denomina asasinato. E se a esa ansia
premeditada de matar engadímoslle que estaba dirixida aos colectivos de persoas
que pensaban de forma diferentes, podemos falar de asasinos xenocidas.
Aquí residiu, no tema militar, un dos
principais fallos da República, non tanto por acción coma por inacción: o non
ter depurado aos elementos fascistas dun exército inzado de criminais con
postos de alta responsabilidade entre a oficialidade, como máis adiante se
demostraría polas súas cobardes e xenocidas accións contra a poboación civil
(Francisco Franco, Queipo de Llano, Millán Astray, Mola, Cabanelas, Fanjul, Capitan Carreró, etc.).
Esta dinámica de eliminación física
do distinto emprendida polos fascistas nos territorios por eles controlados a
partir de xullo de 1936 (no que Galiza ocupa un lugar destacado dentro do
número de asasinados a mans dos facinorosos), seguiu durante as décadas que
durou o réxime franquista, ata o ano 1977, ano ata o que o Estado Español estivo
dirixido por ditadores que se dedicaron a asasinar ou encarcerar a todo aquel
que denunciaba a represión e demandaba liberdades democráticas (primeiro Francisco
Franco e, á morte deste no ano 1975, Juan Carlos de Borbón).
O renacer dos fascistas na actualidade.
Todas estas barbaridades acontecidas durante o golpe de estado e o réxime
franquista, inicialmente dirixido por Franco e, nos seus dous últimos anos, por
Juan Carlos de Borbón, pretenden ser ocultadas polo movemento fascista do
Partido Popular e de Vox, impulsando naqueles lugares onde gobernan leis que equiparen un réxime
nacido da vontade popular expresada nas urnas cun réxime nacido do crime, o
roubo, e o asasinato; un réxime, o franquista, no que a corrupción e o uso do público para
favorecer aos amigos ou para enriquecerse de forma irregular era moeda de cambio cotiá.
Non é estraño, xa que quen está detrás desas medidas son os membros do Partido Popular (fundado, entre outros ex altos cargos da ditadura franquista, polo máximo responsable dos asasinatos de seis obreiros en Vitoria no ano
1976, da voadura do diario Madrid no ano 1973, da Lei de Prensa que amordazaba
a información real, secuestraba publicacións e pechaba xornais e doutras moitas
barbaridades realizadas do réxime franquista, entre elas o apoio ás penas de morte
ditadas polos criminais militares e civis contra demócratas e bendicidas polo
ditador criminal) e os membros de VOX. Tamén están os que non teñen o mínimo pudor e defenden
publicamente aos asasinos franquistas e ao seu réxime de terror, sexan dun ou doutro partido.
Supoño que todos eles, ou a súa
maioría, terían persoas achegadas antepasadas que participaron coma militares,
policías, gardas civís ou coma civís falanxistas na represión e nos asasinatos do
franquismo. E que, a diferenza de outros moitos (e eu coñezo a algún) que saben
recoñecer a participación dos seus antepasados nas accións criminais do réxime de
Franco, estes que aproban estas disposicións pseudo-históricas e contrarias ás
leis de memoria ben están desexando outra situación similar á acontecida no
pasado ou bewn están a lavar a súa conciencia familiar falsificando a historia. Tamén
estarán algúns dos que pensan que Carrapuchiña Vermella existiu ou os que aínda
cren nos Reis Magos. E, tamén, aqueles que teñen instintos criminais.
En fin, persoas valencianas, castelan-leonesas e aragonesas cobardes, miserables,
mentireiras e indesexables; que non merecen nin a auga que beben nin a
ostentación de ningún cargo público.