“Arriba,
abajo, mandaremos al rey al carajo. Abajo, arriba, no queremos a la monarquía”.
Parece que foron estas, segundo
contan diversos xornais electrónicos, as frases dunha canción que propiciaron
que un sarxento da Garda Civil procedera a identificar aos membros do grupo
Adebán polo que el (o sarxento) estimaba que “atentaba contra a democracia”,
rectificando de seguido trocando a verba democracia pola verba “monarquía”.
(Pódese escoitar unha versión da citada canción de Adebán, no que non faltan as
frases motivo de represión, na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=Tvl45z-L-oQ).
Supoño que aquelas persoas que temos
unha certa idade ficamos sorprendidos pola nova; sobre todo porque frases coma
esa forman parte dunha tradición moi estendida nas cancións formantes da loita
antifranquista, cancións que perduraron e cantáronse publicamente sen problemas
ata ben entrada a década dos noventa, na que foron esvaecéndose co tempo e que
só adoitan cantarse polos seus intérpretes a petición do público. De feito
aínda perdura na miña memoria a letra dunha canción (non me lembro de quen era)
que nunha das súas estrofas dicía así: “Arriba, abajo, que Juan Carlos se
vaya al carajo”, estrofa da que me culpo publicamente de tela cantado en
numerosas ocasións nos meus tempos mozos. Pero chegou a maioría absoluta do
partido franquista baixo a presidencia de Mariano Rajoy ao Congreso dos
Deputados, e con ela dúas leis que supoñen un torpedo na liña de flotación das
liberdades democráticas: a chamada Lei Mordaza e a reforma realizada no Código
Penal. Pero claro, se unha persoa foi xulgada penalmente non hai moito tempo por dicir un chiste
sobre Carrero Blanco... por que ímonos asombrar?
Desde logo que é preocupante, é toda
unha agresión á liberdade de expresión por parte do sarxento implicado no
feito; pero o máis preocupante é que non se trata dun caso illado senón que é
un dos moitos abusos policiais amparados pola Lei Mordaza (ou pola reforma,
tamén franqui-fascista, do Código Penal realizada polo goberno de Mariano
Rajoy) sen que ninguén do Goberno de Pedro Sánchez fixera nin sequera un
intento de poñer fin á semellantes arbitrariedades e abusos.
Pero supoño que non será só a
existencia das citadas leis ás que propician semellantes comportamentos
agresivos coas liberdades por parte das forzas que deberan ter entre as súas
misións principais velar polas liberdades democráticas, entre elas a de
expresión. O que si parece que teño claro é que, agás casos moi illados, non
son iniciativas propias e persoais dos axentes que “poñen a cara”, senón que
responden a instrucións recibidas “desde arriba”. A través de circulares? A
través de boletíns periódicos? Pero, son realmente oficiais todas as comunicacións
que chegan aos diferentes acuartelamentos, ou hai unha parte deles que teñen
carácter “extraoficial” ou “oficioso” (e que, polo tanto, “non existen” oficialmente)
Que se di neses papeis?
As persoas que onte estivemos preocupadas por acadar as
liberdades democráticas e que hoxe seguimos preocupadas por preservalas do seu
continuado retroceso, observamos con preocupación que cando en distintas partes
da xeografía do Estado se producen feitos
que implican a civís e a membros das forzas de seguridade do Estado e
hai contradicións entre versións, as xustificacións e os contidos dos partes aducidos e das versións proporcionadas polos mandos sempre, ou case sempre,
teñen os mesmos contidos verbais, coma se foran de clixé, fáganse no Ferrol, en
Badaxoz ou en Almería. Isto pode observarse cunha certa claridade sobre todo en
conflitos sociais, nos que adoita haber máis persoas que coñecen e relatan os
sucesos que posteriormente aparecen na prensa. Aí están os feitos acontecidos cos
afectados polas preferentes no Baixo Miño e outros lugares de Galicia onde os
partes de denuncia emitidos pola Garda Civil, que significaron multas ao abeiro
da Lei Mordaza, diante dun recurso xudicial amosáronse como falsos os feitos
denunciados (eivados saltando valados, persoas que insultaron ou se resistiron
aos axentes sen estar presentes,...) e anuladas por un xuíz as sancións
impostas por un Subdelegado do Goberno de claro talante fascista. O que non se
sabe é o que pasou cos axentes denunciantes de falsos comportamentos.
Diante deste tipo de comportamentos, alguén
nos gobernos debería preocuparse por educar aos axentes das forzas de
seguridade do Estado no significado e na práctica do que é un Estado
democrático, do que é a liberdade de expresión e do que significa, así como do
resto das liberdades democráticas básicas: a de manifestación, a de dereito a
dispoñer do propio corpo, a de folga, a da presunción de inocencia, a de ser
xulgado polos xuíces naturais, a de levarlle a contraria aos poderosos
publicamente, a discutir de forma correcta e educada decisións e actuacións dos
policías, etc. etc.; que aquilo de “una cosa es la libertad y otra el
libertinaje” era un conto fascista inventado precisamente para rematar coa
liberdade. Conto que, por desgraza, moitos monos con certo poder seguen a
utilizar.
E, por suposto, vixiar a “filosofía”
que se poida dispensar nas comunicacións e circulares internas dirixidas ao
conxunto dos membros dos corpos de seguridade, non vaia a ser que esteamos a
procurar unhas policías políticas ou unhas “policías patrióticas”.