Este artigo é un complemento (ou actualización) do publicado neste espazo o pasado día 11 baixo o título de “Venezuela: (?) ou (!)” .
O Congreso aproba unha resolución favorable ao recoñecemento de Edmundo González.
O pasado 11 de setembro, o Congreso dos Deputados debateu e aprobou unha resolución proposta polo Partido Popular pola que se instaba ao goberno do Estado a recoñecer a Edmundo González coma vencedor nas pasadas eleccións venezolanas. Foi aprobada cos votos da extrema dereita e dos partidos de dereitas Coalición Canaria e Partido Nacionalista Vasco (PNV).
Os votos deste último non se sabe moi ben a que viñeron, sendo este partido un dos que compoñen -polo menos ata este intre- o entorno de apoio ao goberno, aínda que sexa non tanto polo cariño cara aos partidos que conforma o goberno como por non ter que apoiar un goberno participado polo partido fascista Vox. Desde logo as explicacións achegadas polos voceiros do PNV non son nada claras ao respecto; non explican nada.
Máis se votamos unha vista ao pasado do partido nacionalista vasco igual podemos aproximar unha explicación. Lémbranse vostedes de JonJosu Imaz? Pois ben, este señor, importante membro da casta empresarial vasca, foi unha persoa con cargos de relevancia moi importante dentro do PNV e no Goberno Vasco; tan relevante que chegou a ser presidente do Euzkadi Buru Batzar (comité Executivo do PNV), é dicir, o máximo cargo político persoal do partido con carácter executivo. Na actualidade é Conselleiro Delegado de REPSOL, unha das máis importantes petroleiras mundiais e con intereses nos xacementos petrolíferos de Venezuela nacionalizados na época de Chávez; e, polo tanto, cargo executivo dunha empresa á que as políticas dun goberno que pensa no seu país e non nos beneficios que lle poidan achegar persoalmente as petroleiras de países foráneos, a diferenza dos monicreques que compoñen as oposicións lideradas publicamente por Edmundo González e María Corina Machado. Vese que, aínda non exercendo cargos políticos no PNV, Jon Josu Imaz segue a mandar moito nese partido. Os motivos? Vaia vostede a saber.
O goberno español segue nas súas trece: non recoñece a vitoria de Maduro mentres non faga públicas as actas que así o amosen, en concordancia coa posición maioritaria dos países integrantes da Unión Europea, pese á decisión do lexislativo. Xa fixeron bastante o ridículo, goberno español e Unión Europea, co do "presidente encargado" Guaidó. Pero a señora Ministra de Defensa Margarita Robles (o Margarita "la guerrera") tivo a pouca vergonza de cualificar publicamente a Venezuela coma unha ditadura (cousa que non fixo con Netanyahu nin sequera para condenar expresamente o xenocidio palestino) e tratar a todos os venezolanos acollidos no barrio de Salamanca madrileño como refuxiados políticos, cando moitos deles serían cualificados no noso país coma conspiradores golpistas. E, como se di popularmente, "armouse o belén".
A reacción de Venezuela á decisión do Congreso.
Podemos cualificar as verbas do presidente da Asamblea Nacional venezolana de rachar todo tipo de relacións co Estado Español como totalmente fora de lugar, tanto polo fondo coma pola forma das súas palabras. E non o digo por defensa nacional, nin orgullo patrio nin zarangalladas dese estilo, que a min tráenma frouxa e pendular (como diría un antigo e bo amigo meu). A min as verbas incontroladas deste home lémbranme a aqueles lambecús franquistas que aínda ían máis alá coa súa verborrea que o propio xefe da criminalidade, aqueles aos que toda a forza íaselles pola boca pero que andaban ao que máis lles conviña en cada intre; incluso pasándose de recios franquistas de pro a "demócratas de toda a vida". Non quero dicir con isto que Maduro sexa un criminal, pero si que dese presidente de asemblea eu non me fiaría moito, paréceme un deses tipos que vai coa árbore que máis sombra proporciona (estilo Feijóo, para entendernos). A esta situación temos que lle engadir as mencionadas declaracións de Margarita Robles.
A seguir das verbas do personaxe mencionado anteriormente e das declaracións incendiarias da nosa "flamante" Ministra de Defensa, o Goberno venezolano no día de onte chamou a consultas á súa embaixadora no Estado Español e citou ao embaixador español en Caracas. Isto non é máis, en principio, que unha chamada de atención de duración indeterminada ao goberno español.
Este
seguidismo do goberno de Maduro a respecto do presidente da asemblea
venezolana pode ser contraproducente incluso para a súa causa e a
súa reafirmación de soberanía. Pode xerar reaccións nada
convenientes para Venezuela por parte doutros países, contribuír a
un recruamento
do bloqueo dos criminais e xerar unha situación de desesperación
nas bases populares que hoxe apoian a Maduro. Coido que Venezuela ten
que fiar moi fino, que non pode caer nas provocacións que o
imperialismo e os seus aliados internos e exteriores van realizar. Igualmente de prexudiciais son as desmedidas declaracións (e o digo polo ton, non polos feitos que poden ser ou non ser) do equivalente ao noso ministro do interior.
E logo, con que (ou con quen) nos quedamos?
De momento todo indica que Venezuela é unha democracia onde a oposición política pode agruparse, facer propaganda, presentarse aos procesos electorais e presentar alternativas contrarias ao réxime gobernamental. Que ao mellor é necesario afondar nos procesos democráticos e unha meirande transparencia nos resultados electorais? Non o sei. Como tampouco sei se os resultados electorais das presuntas actas mostradas polos partidarios de María Corina Machado e Edmundo González son verdadeiras ou fabricadas. Unha cousa si é certa: que a dereita, cando os resultados electorais son moi axustados e non lle favorecen, sempre pon en dúbida a limpeza dos recontos. Pasou en Venezuela nos distintos procesos electorais, pasou nos Estados Unidos de América (EUA) cando Trump perdeu as eleccións contra Biden, pasou no Estado Español as veces que o Partido Popular andou moi axustado (que si INDRA, que si...). A eterna cantarela daqueles políticos que teñen aos países coma fincas da súa propiedade.
Por outra parte, debemos preguntarnos se todo o acoso, bloqueo e as tentativas de trocar as relacións no poder político venezolano impulsadas desde os Estados Unidos de América están forzando ao goberno de Maduro a extremar o seu control de tal forma que na práctica se limitan unhas liberdades que de non ser así permanecerían.
O Departamento de Estado dos EUA di que non, que eles non están montando golpes ou outros intentos contra o goberno venezolano. Pero xa é de coñecemento histórico común que a fiabilidade e credibilidade que teñen os contos dese Departamento de Estado dos EUA é nula; como tamén é nula a credibilidade dos distintos servizos secretos (de calquera país) que negan ter participado en actividades encubertas en terceiros países, sós ou en colaboración con outros servizos secretos.
