Criados da oligarquía.
A fronte occidental dos políticos servidores dos
maiores depredadores mundiais, procedentes de Francia, Alemaña, Reino
Unido, Estados Unidos, Canadá e Xapón, reúnense esta fin de semana en Biarritz.
Á súa vez, estes políticos son os maiores exponentes da clase política dos seus
respectivos países. Só faltan representantes de China e de Rusia para que a
colección dos principais políticos que representan os intereses dos anti-sistema
ecolóxico e humano estiveran case ao completo. Pero nesta ocasión aparentemente
só está representada a oligarquía económica e financeira que domina todos os
ámbitos da sociedade occidental.
Eles, a oligarquía, son os que marcan o paso e as
directrices do que os políticos alí reunidos deben facer para protexer o seu
exclusivo micro-sistema de intereses económicos, aínda a costa do sufrimento
dos millóns de seres humanos que residen nos países aos que din representar e
aos pobos (sobre todo os dos países do terceiro mundo) aos que someten a todo
tipo de vexacións e guerras con tal de espoliar as materias primas e as terras
de cultivo cuxo produto debería favorecer principalmente aos países dos que se
extraen. Unhas veces fano directamente
ao traveso dos seus chiringuitos
militares, como fixo a OTAN en Libia; outras veces directamente como fixeron os
EE.UU. en Irak; e outras veces creando tramas militares gobernamentais
corruptas que en lugar de favorecer os intereses e satisfacer as necesidades
dos seus paisanos póñense aos servizos de gobernos ou multinacionais
estranxeiras[1].
Imaxino que o que están a facer en
Biarritz é coordinar os intereses das oligarquías nacionais e internacionais e distribuír
entre os asistentes o quen, o como, o onde e o cando se vai realizar o traballo sucio por conta
da clase financeira internacional e das grandes multinacionais en contra dos
intereses dos traballadores e, en xeral, da humanidade. Cicais entre o como e o
onde (como e que tipo de goberno lle interesa á oligarquia mundial que se forme no Estado Español) se explique a invitación recibida por Pedro Sánchez para asistir ao cumio, e
non a súa colaboración coa impermeabilización da fronteira galo-española.
Alí están personaxes tan esperpénticos e, á súa
vez, fascistas perigosos como Donald Trump ou Boris Johnson. Ou políticos tan
pouco fiables como Enmanuel Macron ou o canciller canadiano, que coa boca din
unha cousa e coa man de asinar leis, ordes e decretos fan a contraria. Tamén
está chanceler alemá, a preferida da alta burguesía europea e mundial, e o
representante nipón do que por estes lares pouco se sabe pero que fica claro
cales son os intereses prioritarios aos que sirve.
“Anti-Sistema”
ou defensores da racionalidade e da humanidade?
Pero nos medios de comunicación convencional e
sistémicos (a inmensa maioría dos mundiais e, tamén, dos españois), controlados
polo capital, os anti-sistema son os demais non a oligarquía mundial, son os
que pretenden defender á maioría da poboación mundial dos abusos da oligarquía
e dos seus representantes políticos que buscan converter o mundo nun sistema
plutocrático.
Este lixo mediático válese dos escasos e infrecuentes
elementos indesexables, que dicindo pelexar pola defensa do planeta ou das
poboacións, utilizan a violencia individual, inconsecuente, e obxectivamente
reaccionaria para xustificar “que loitan”. Ás veces queiman un ou dous colectores
do lixo ou algún automóbil aparcado, rachan algún escaparate ou esnaquizan
algún caixeiro automático. Sen esquecer que moitos destes provocadores máis
activos adoitan ser elementos a soldo ou mesmo membros dos distintos servizos
de anacletos ou policiais do propio país ou de países estranxeiros interesados
no desprestixio dos movementos que reivindican un mundo máis xusto e ao servizo
das humanidade.
Estas actuacións individualistas e sen sentido
crean malestar na poboación que observa como moitas veces bens particulares,
adquiridos con moito esforzo, de persoas nada cómplices das barrabasadas da
oligarquía e os seus servidores políticos son destruídos por eses elementos
incontrolados. Estes sucesos, magnificados convenientemente polas axencias
de noticias e polos mass-media sistémicos cualificando de anti-sistema e
violentos, sen distinción, aos defensores das persoas, levan ao conxunto da
poboación a xustificar accións policiais violentas contra o conxunto do
movemento alternativo.
Se a miña memoria non me engana (cousa que pola
idade pode empezar a pasar) nunca ningún ferido grave ou morto, pese ao que probablemente
desexarían os anacletos e os seus empregados infiltrados, teñen provocado as actuacións dos que
colectivamente ou organizan contra-cumios en defensa da humanidade nas marchas
contra a oligarquía e os seus representantes. Non así as actuacións das forzas
policiais ao servizo dos estados (e en consecuencia dos intereses das
oligarquías) que teñen provocado, amais de feridos de diferente consideración
e, que eu me lembre, algún morto nun contra-cumio realizada nalgunha cidade de
Italia cuxo nome non me lembra.
Non podemos
nin debemos permitir estes abusos. Outro mundo é posible.
En fin, este tipo de actuacións, as dos criados da
oligarquía e as dos anacletos do mundo, non se poden permitir. Van en contra
dos dereitos naturais das persoas, incluso daqueles enunciados na Declaración
Universal dos Dereitos Humanos por organismos internacionais e referendados
por moitos dos países que a día de hoxe atentan gravemente contra deles. Tanto
na práctica das intervencións policiais e dos propios servizos de anacletos que
ordenan realizar eses criados da oligarquía, como nas leis que moitos deses criados
da oligarquía financeira promulgan e aproban nos seus respectivos países. Para
exemplo o Estado Español, no que aínda están vixentes leis que atentan
directamente contra principios contidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos; en concreto a chamada Lei Mordaza, a
última reforma do Código Penal e a última reforma laboral, todas elas aprobadas
durante os gobernos de Mariano Rajoy (Partido Popular) e que despois de todo o
tempo que leva gobernando Pedro Sánchez (PSOE) aínda seguen vixentes. E este
último xa ten manifestado que non pretende derrogalas, senón simplemente
reformalas (supoño que só nos aspectos que máis cantan).
Por iso, estes representantes (non só os españois) dos
intereses da oligarquía mundial non serven, hai que botalos. Como ? Polas boas
e politicamente? Non o sei; non sei se é posible. O que si sei é que outro
mundo é posible, e que eles e os seus amos non teñen cabida nel.
[1] E cando eses sátrapas corruptos non cumpren co esixido, cámbianos por
outros, xa sexa creando unha trama corrupta alternativa que dea un golpe de
Estado ou directamente como fixeron en Libia para desfacerse do sátrapa Gadafi ;
outra forma que teñen de facer as cousas, se non son quen de conseguilo de
forma inmediata, é crear e proveer de armas a un bando contrario para que se maten
entre si; aínda que sexa a costa de secuestrar e criar nenos-soldado, violar e
matar nenas e mulleres ou asasinar a colectividades enteiras. O que lles
importa a esa xentuza da oligarquía mundial son o coltan, o petróleo, as producións
de soia e outros cereais e as demais materias primas susceptibles de
proporcionar beneficios; e, amais, manter nas rexións unha reserva de man de
obra escrava da que botar man en caso de necesidade.