Amosando publicacións coa etiqueta Río Sil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Río Sil. Amosar todas as publicacións

07 agosto 2020

Gobernados por incomPPetentes (catro anos máis)

 As labores levadas a cabo por ADIF na conca do río Sil para despexar a vía con posterioridade ao descarrilamento dun tren de mercadorías nos termos do Concello de Carballeda de Valdeorras poñen de manifesto, non só a incompetencia dos directores do despexo da vía e do escaso control que ADIF exerce sobre o seu persoal técnico (agás que -cousa que nada me extrañaría- o realizado contara coa complecencia dos xerifaltes da empresa responsable das infraestruturas ferroviarias, senón que tamén o das instancias da Xunta de Galicia encargadas de preservar ao país de danos contra a súa natureza.

A min chegáronme vía WhatsApp varios videos das fazañas dos despexadores da vía e nalgún deles (dos gravados desde a beira na que está o descarrilamento) parece intuirse con claridade que a intención dos participantes no despexo era botar ao río polo menos un dos vagóns. Vese claramente nel como o operador da excavadora recibe instruccións para emborcar o vagón cara ao río Sil. Xa non gardo eses videos, pois ocupan moita memoria dentro do teléfono móbil, pero seguro que todos eles andan a circular por aí.

Achego un dos moitos videos circulan pola rede, xa depurado e montado por RTVE con cachos doutros. Por desgraza non atopei o que mencionei no parágrafo anterior.

Parece que ADIF comunicou á Xunta de Galicia a operación de retirada dos obstáculos da vía. Hai quen di que comunicaron que ían invadir o cauce do río e a Xunta di que non; din desde o organismo do goberno galego encargado de velar pola saúde ecolóxica do país (si, existe; eu pensaba que non porque os atentados ecolóxicos sen resposta da Xunta son continuados ao longo do tempo pero si existe; polo menos nominalmente) que eles o úneco que fixeron foi poñer en contacto a ADIF coa Confederación Hidrolóxica Miño-Sil. E estes din que non accederon á petición de ADIF. Cada quen que lle crea a quen lle pete. Eu, por sistema, teño unha máxima: "ningún gobernante diante de problemas di a verdade mentres non se demostre o contrario, agás a Xunta de Galicia gobernada polo PP que nunca a di aínda que se demostre o contrario" (non é orixinal, senón unha transformación dun dito que recorría a Universidade de Compostela na segunda mitade dos anos 70 do pasado século). Ergo, non lle creo a ningún.

O que si parece claro é que, diante das perspectivas, a Consellería encargada de velar pola saúde do río (ejem...) e a Confederación Hidrográfica deberían ter enviado a alguén a vixilar e que parara in situ o atentado ecolóxico. Pero claro, os primeiros teñen amosado de sobra a súa incompetencia coa permisión de numerosos salvaxes atentados á saúde natural da Galiza (minas de ouro, balsas de refugallos contaminantes abandoadas, vertedoiros, atentados paisaxísticos e arqueolóxicos por canteiras, falta de limpeza de montes, conversión do bosque galego nun inmeso eucaliptal e piñeiral,...). Está claro que non o fixeron. Iso sí, o Cuarteto Peperito (conselleiras de infraestruturas e de medio ambiente, senador do PP de Ourense, e alcaldesa pepera de Carballeda) púxose ghuapo e foi facerse a foto ao día seguinte para facer que lamentaban o incidente. (A foto é tomada de Praza Pública do xoves 6 de agosto de 2020)
 
En todo caso din as malas linguas que a multa, de 35.000 euros, que lle vai caer a ADIF pola desfeita vaille compensar o ter tirado os vagóns ao cauce do río Sil. É a máxima de "quen contamina paga"; iso si, por regla xeral menos do que custa rexenerar o que estropea; é dicir, compénsalle pagar. E neste caso, tamén. ADIF di que vai investigar o ocorrido e sancionar ás persoas culpábeis. Eu cabréome e ríome por non chorar ou facer algo peor.
 
A Xunta de Feijóo contenta; ADIF parece que tampouco está descontenta; as persoas defensoras do medio ambiente e as usuarias do río indignadas.
 
A incompetencia segue a campar por Galiza; por desgraza, catro anos máis se as cousas seguen na súa normalidade. Seguramente, conselleiros e presidente da Xunta de Galicia delegarán responsabilidades en alcaldes e veciños como adoitan facer nos últimos tempos a costa do coronavirus ("os concellos deben tomar medidas para conter o bicho"), cos incendios forestais ("malfeitores incendiarios: que malos sodes; veciños: hai que denuncialos. Nós escoitamos, esperamos e contratamos helicopteros que hai que reactivar a economía", parecen dicir), e co ensino ("alumnos, pais e profesores a limpar co que vos merque o centro -iso si, a un metro, nada de metro e medio-, comedores a masificar, que os pais digan quen come e quen non"). Ai! Que será de nós con estes elementos a rebosar de incompetencia gobernando! 
 
E o malo é que se queremos consultar cun doutor da pública que nos poida liberar desta ansiedade vai ter que ser telefónica e adiada no tempo (daranos tempo, incluso, a morrer); ou senón á privada, a que si? Porque o estado de alarma xa pasou, mais os recortes no público seguen. E nós alarmados e criando ansiedade.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...